PETROGLIFO DA TAPADA DO MONTE

Anllo Santo Estevo
Motivos: círculos, sucos, cruces, cruces inscritas e cadrados, dubidoso motivo semellante a un ídolo-cilindro cunha paleta.
Esta pedra esquistosa dende a que podemos oír as augas do Baldeiros, é un caso singular, polo tipo de soporte pouco habitual, e, ó mesmo tempo, encadrable na tipoloxía xeral das estacións rupestres galegas con gravados xeométricos: discreta na paisaxe, boa exposición ó sol, cercanía da auga, etc. Por aquel ángulo de Sober formado pola confluencia do río Cabe e o Sil, andivemos guiados polos veciños da parroquia de Anllo, sabedores das histórias dos seus maiores. Os círculos concéntricos serían as pisadas do cabalo de Santiago cando a loita contra os mouros históricos, ou, ó mellor, eses míticos habitantes de castros, covas, e pedras debuxadas coma esta. De aí, din algúns, que as cruces esculpidas nesta pedra situada a carón do vello camiño real da Barca de Santo Estevo sexa un intento de cristianización medieval de ritos pagáns ancestrais, o mesmo que fora o cabalo do fillo do trono quen imprimiu estes círculos no seu descumunal salto á pedra das Cerdeiriñas, xa do outro lado do río, perto do mosteiro de Santo Estevo.
Forte é a relación das dúas beiras do río Sil; asentada nun tempo no que o cenobio bieito era unha unidade organizativa, e o río un punto de encontro e non unha barreira.
O que por aquela época de comenzo do desenvolvemento dos útiles metálicos tan traballosamente inscribiu eses símbolos, posuía as claves interpretativas destes deseños, e sería, posiblemente, un individuo de status privilexiado dentro da súa sociedade, pois exercería de intermediario entre o numinoso e a comunidade.
Que perderamos as claves non lle resta valor, ó contrario, sen deixar de pescudar sobre un pobo ó que pouco coñecemos, o misterio e a imaxinación veñen a encher os baleiros da certeza. Probade a achegarvos á pedra de Baldeiros unha noite de luar con esa luz leitosa e imprecisa e con todos eses sons da sinfonía da noite. ¡Xa diredes! Posiblemente atopedes un punto de conexión coa intención orixinal dos seus talladores.
ó redor
A BARCA DE SANTO ESTEVO
Prototípico pobo ribeirao, onde, como o seu nome indica, existiu un paso para cruzar o río.
A confluencia do Cabe no Sil divide a paisaxe en tres (territorialmente Sober, Pantón e Nogueira de Ramuín) sendo posible en poucos minutos de camiñata pasar dunha beira á outra dos ríos cruzando polas pontes alí existentes, e aínda, se queremos, seguir por un sendeiro ata Santo Estevo. O pobo da Barca conserva parte do antigo camiño real e as adegas do mosteiro. Se nos peta podemos baixar pola Zaquiela ó Cabe, río rexoubeiro e falador.
RUTA
Ó lado da Tapada do Monte pasa a ruta que une as casas de turismo rural de Rosende e Anllo e se dirixe cara o embarcadoiro dos Chancís.
AS ROCHEIRAS
Atopar unha boa pedra de afiar non é doado. Cando damos con ela facémoslle un bon pé para irlle dando, co uso, ese xeito curvo tan característico. Auga, pedra e metal frotándose ritmicamente nun doce desgastarse, impelidos por sabias e orgullosas mans: cuarteto percusionista producindo cadenciosos sons con técnicas deslizantes. Así é que, poderemos entender que se a temos, subamos de categoría entre os veciños, un pouquiño amolados por ter que desgastar os seus fíos en burdos e indignos cantazos. Unha boa pedra de afiar e imprecindible para andar polo mundo, un motivo máis para inchar o peito, sen dúbida.
Vén a conto porque andamos nas vertentes abruptas do Cabe, temperador de ferros e aceiros, na parroquia de Anllo Santo Estevo, entre Nogueira, A Barca e o Arroxó, sen esquecernos do desaparecido Carrión; por terras de morotes, azaias esconxuradoras, rocheiras de aguzadoras pedras: A Rocheira da Pena do Conde, A Rocheira do Picón e A Rocheira da Pena Rubia.
Un ángulo máxico de Sober.
O PETROGLIFO DE ANLLO: UNHA RAREZA DENTRO DO GRUPO GALAICO DE ARTE RUPESTRE
Estudados dende fins do século XIX e anterga fonte de inspiración popular, o Grupo Galaico de Arte Rupestre, coñecido comunmente como Petroglifos, son unha das máis fortes sinais de identidade da nosa terra, a manifestación cultural máis significativa de Galicia xunto co megalitismo e o mundo castrexo.
Asentados fundamentalmente sobre rochas graníticas, os máis de mil gravados coñecidos aumentan a súa frecuencia cando nos achegamos ás Rias Baixas, tendo na conca media do Lérez a maior densidade e, concretamente, en Campo Lameiro. Hai moitos menos no interior, aínda que os novos achádegos fan pensar nunha ampliación importante co avance das investigacións.
Así ocorreu en Antas de Ulla e Sober na provincia de Lugo.

Podemos falar, dentro destas insculturas ó ar libre, dunha iconografía abstracta representada polas figuras xeométricas (coviñas, círculos, sucos, espirais, labirintos, etc) e, por outro lado, unhas representacións máis concretas (cabalos, cervos, escenas de caza, armas, etc). Serían esas representacións xeométricas as máis antigas, podendo referirse a un mundo simbólico relixioso onde os iniciados terían as claves para acceder ás portas do outro mundo, visualizado, según as crenzas de moitos pobos, polos chamáns baixo o efecto de drogas alucinóxenas. Sexa o que sexa, estas pedras soen estar en lugares discretos da paisaxe e moi ben orientadas cara o Sol. Os de temática máis realista parecen falarnos do aumento das desigualdades nas sociedades agrarias, símbolos de prestixio e de poder. Constitúe este último grupo a singularidade dos petroglifos galegos fronte a temática compartida con outras zonas do ámbito atlántico europeo (Portugal, a Bretaña francesa, Irlanda, Gran Bretaña, etc), emparellado, para moitos xenetistas, dentro dun mesmo grupo humano. Malia todo, o significado e sentido dos petroglifos continúa a ser un enigma do que non dispoñemos as claves para descifralo.
Dos máis de vinte petroglifos coñecidos en Sober, o de Anllo, situado na Tapada do Monte, a carón do rego de Baldeiros, é moi interesante. Está formado por motivos circulares, sucos, coviñas, cruces independentes e incritas nun cadrado a modo de taboleiro de xogo; tamén parecen verse un ídolo e unha paleta, moi difíles de precisar polas características da pedra: unha laxa esquistosa con moitos sucos naturais, soporte pouco habitual destes gravados da Idade do Bronce, que o fai único dentro dos do Concello e unha rareza dentro destas insculturas en Galicia.
A agresión, hai pouco, por mor dunha obra de traída de auga, que estivo a piques de facelo desaparecer para sempre enterrado como material de recheo, pon de manifesto a preocupante situación do noso patrimonio, moitas veces, ante a indiferencia das nosas institucións.

1 comentário:

Xesús Rodríguez disse...

Parabens por esta mostra extrarodinaria dun traballo de información sobre o patrimonio arqueoloxico dunha comarca