FOTOS VISITA Ó ROMÁNICO




O domingo 26 de outubro a Asociación Cultural O COLADO DO VENTO, de Sober, organizou unha visita ás cinco igrexas románicas, ou que conservan elementos románicos, de Sober: Canaval, Proendos e Bolmente, pola mañá, e Pinol e Lobios pola tarde.
A actividade, á que asistiron cincuenta persoas, tivo como leit motiv a Arte Románica mais, a partir desta, intentamos comprender como foi a vida nos séculos XII e XIII en Galicia.
Así, en Canaval, rexeitamos os tópicos que se lle achacan inxustamente á Idade Media (incultura, fanatismo relixioso, fame…) e contextualizamos a época politicamente, falando do Reino de Galicia, das peregrinacións, das ordes relixiosas, aproveitando que Canaval foi bailía templaria, etc.
En Proendos, aproveitamos o ábside románico da igrexa para explicar a linguaxe constructiva románica.
Xa en Bolmente, centrámonos na vida cotiá: as festas, os traballos, as vodas, a situación da muller…
Despois de xantar na Casa da Parroquia de Bolmente fomos a Pinol, onde falamos sobre a arquitectura e pintura románica, aproveitando os fermosos elementos escultóricos desta igrexa: un canzorro cun monstro, unha estrela de Salomón, un capitel ca representación do Pecado Orixinal…
Contra ás seis da tarde chegamos a Lobios, á interesante igrexa do antigo mosteiro, onde disfrutamos dunha actuación musical de pezas de aire medieval por parte do Grupo “O Trícole”, aínda que a música nos acompañou en cada un dos templos, pois interpretáronse cantigas de amigo e outras de Santa María, de Afonso X O Sabio, rememorando a etapa dourada da literatura galega: a lírica galego-portuguesa con esplendor no s. XIII.
O COLADO DO VENTO quere dar as gracias a todas as persoas participantes na actividade pola súa asistencia, en particular a todos os que se vestiron de época e ás que nos abriton as igrexas, e polas interesantes aportacións que foron xurdindo ó longo do camiño.


* Ós participantes foilles entregado un folleto sobre o Románico de Sober, elaborado para a ocasión, que proximamente "colgaremos" neste Blog.

VISITA Ó ROMÁNICO DE SOBER

Visita ás cinco igrexas de Sober con Románico.
Domingo, 26 de outubro de 2008.
· Mañá - Románico de Canaval, Proendos e Bolmente.
· Tarde - Románico de Pinol e Lobios.
· Xantar e bus - 8 €.
· Saída: 10:45 de Monforte (Casitas da Compañía); 11:00 de Sober (Praza do Concello).
* Necesaria inscripción (antes do venres 24) en: paulaverao@hotmail.com / 637502035.
Unha visita ó ROMÁNICO de SOBER e un achegamento á época.
ORGANIZA - O COLADO DO VENTO
- Esta actividade recibe unha axuda da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.

VÍAS DE COMUNICACIÓN

Estación de tren de Canaval.

As vías actuais de comunicación co exterior son, por estrada, a N-120, que enlaza Ponferrada e Ourense-Vigo, e as estradas comarcais que enlazan con Monforte, Pantón e Castro Caldelas; por ferrocarril, Sober é atravesado polo norte pola vía férrea entre Monforte e Ourense, contando cunha estación en Canaval e un apeadeiro en Areas, Rosende. 

Tradicionalmente, as vías de comunicación eran os camiños reais e as barcas e pontes: os ríos non separaban, como o fan agora por mor dos encoros, senón que as terras ribeirás eran unha unidade.

As escarpadas pendentes do Sil non foron impedimento para un intenso aproveitamento agrícola grazas aos socalcos que, dende época medieval, permitiron crear solo apto para o cultivo, orixinando unha característica paisaxe moi humanizada: a ribeira era un lugar onde os recursos existentes se aproveitaban ao máximo. 

FOTOS DA LÚA '08

CRÓNICAS DA LÚA '08

No marco do que dimos en chamar IIº Roteiro Músico-Poético á luz da lúa, o pasado sábado, 19 de xullo, visitamos a Pena do Castelo, en Doade, o Souto do Tellada, gran conxunto de castiñeiros centenarios na parroquia de Lobios) e o miradoiro de Cadeiras, Pinol.
En cada paraxe, os asistentes, perto de 40 persoas, recitaron poemas e houbo actuacións musicais de membros do Grupo O Trícole, de membros da Banda de Música de Sober e de Xesús Verao, acompañado de guitarra, así como interpretación de cantigas populares entre todos.
O día estivo centrado, espontaneamente, no centenario de Curros Enríquez, ca lectura de poemas seus e a interpretación das cantigas O Maio, Unha noite na eira do trigo e Nocturnio.
Momentos especiais: o inicio musical con Rosiña na Pena do Castelo, a improvisación de O Maio por parte de Óscar, o Alfonso cantando o Rock da Arrinca do Esterco, o Sandoval reclamando os seus dereitos de autor, o Suso e as súas cantigas portuguesas...
Este ano o ambiente que se creou, máis espontáneo, foi diferente do ano pasado, moi íntimo e ben planificado. Ambos os dous se complementan, e ambos foron inesquecibles.
Agardámosvos o ano que vén!

O COLADO DO VENTO


A Asociación cultural “ O Colado do Vento” naceu oficialmente no 2008 - aínda que xa se facían actividades dende o 2006 - co obxectivo principal de dar a coñecer o inmenso Patrimonio, material e inmaterial, da Comarca de Lemos, comezando polas nosas terras de Sober.
Coñecer, valorar e preservar o noso coma un elemento imprescindible para o futuro desta Terra.


Se desexas participar en
calquera das nosas
actividades, ponte en
contacto connosco en:
659 323 833
coladodovento@gmail.com

Francos de Proendos
nº 34 (SOBER)

II ROTEIRO Á LUZ DA LÚA

Sábado, 19 de xullo - 2008
Visitaremos varios lugares máxicos das terras de Sober que adquiren, se cabe, un maior encanto bañados pola tenue luz da lúa (chea, por suposto) destas noites de verán.
En cada paraxe acompañaranos a Música e os poemas ou relatos cos que queirades agasallarnos cada un dos que nos acompañedes nesta aventura nocturna; o tema, a extensión e a cantidade de lecturas son libres, como libre é a luz de cada plenilunio que acariña a paisaxe ribeirá.
E, para facer todo isto aínda máis misterioso, non che diremos a onde imos, nin o que escoitaremos; só te convidamos a achegarte contra ás dez da noite do sábado 19 de xullo á Praza de Sober e desfrutar do luar.
* Podes ver as fotos do I Roteiro Músico-Poético á luz da lúa aquí.

O ROMÁNICO DE SOBER

* Texto e maquetación: Paula Vázquez Verao.
* Fotos: Alfonso Campos Pérez.
Outubro de 2008.

PUBLICACIÓNS DO COLADO DO VENTO

Monforte y su látigo - Reedición do folleto orixinal de Casimiro López Salgueiro (1840-1922), político liberal de Sober, natural de Moreda, Vilaescura, "autor dun pequeno pero substancioso libro titulado Monforte y su látigo, publicado en Madrid en 1901, dirixido ás Cortes españolas en denuncia das inxustizas e arbitrariedades que ocasionaba na comarca -e na propia persoa do denunciante- o sistema caciquil imperante, personificado naquel momento e nesta comarca no conservador, nado en Madrid, don Guillermo Joaquín Osma y Scull, sempiterno representante en Cortes polo distrito de Monforte".
Con limiar de Pablo-Manuel Losada Losada, ó que pertence o entrecomillado.
* Quedan algúns exemplares á venda nas librarías de Monforte de Lemos.
ISBN - 84-607-4086-2
Nadal - 2001.

Un pouquiño de Tradición Oral do Concello de Sober - (Editado polo Colado do Vento e o Grupo O Trícole) - Lendas, contos, cantigas, sucedidos... Recollidos das xentes de Sober. Maquetación: Manuel González Rodríguez.
Ano 2002.Retallos dun País Ribeirao - (Xesús Verao Pérez e Alfonso Campos Pérez) - Estes retalliños de Sober naceron para ser vertidos ás ondas de radio entre marzo de 2001 e xaneiro de 2002. Son as teimas doce-amargas sobre o noso común reino ribeirao. Porque ribeiraos somos por xenes e oficio, herdeiros dos homes e mulleres que humanizaron precipicios imposibles, facendo caneiros e socalcos por regas penedías como a dos Estiracús, A Pontiña, Loberiras, A Cividade, onde se cría como un milagre o mosto saboroso.
Falamos aquí de nomes case perdidos, de paraísos estragados, de equívocos nunca reparados, de fontelas esquecidas, de pedras milenarias, de sinais de identidade, de mundos esmorecentes, de santos pagáns; falamos desta patria nosa vella coma o tempo, para a que tamén quixéramos imaxinarlle, alomenos, mil primaveras.
Manuel González Rodríguez.
Ano 2003.

Petroglifos de Sober - Ano 2007. Texto e fotos de Alfonso Campos Pérez. Maquetación: Paula Vázquez Verao.

ROTEIRO 25 - MAIO - 08

PROGRAMA DA VISITA

O PRODIXIOSO SALTO DO CABALO DE SANTIAGO


Reproduciremos o salto que o albo cabalo de Santiago deu dende a Pena do Baldeiros, con petroglifos, en Anllo, ata os Penedos do Castro, en Nogueira de Ramuín, segundo din as lendas ribeirás dun e doutro lado do Sil.

25 de maio de 2008
PROGRAMA DA RUTA


· Punto de encontro – Praza do Concello de Sober. 10:00 horas
Dende alí levaremos os coches ata Nogueira.

· Inicio da ruta – Nogueira (Anllo). 10:15 horas
Á beira da Pena do Baldeiros, con petroglifos.

· Camiño – Aproximadamente 7,5 km por un sendeiro de suaves pendentes (dificultade baixa; pequenos tramos de pendente máis pronunciada).
O Sil crúzase pola ponte da Barca.

· Chegada ó entorno de Santo Estevo. Antes das 14:00 horas.

· Xantar ó aire libre e tempo para visitar o mosteiro de Santo Estevo.
De 14:00 a 16:30 horas.

· Subida a pé ós Penedos do Castro, dende onde hai unha magnífica vista da ribeira. Veremos a Pena das Cerdeiriñas e unha inscripción co nome de Leovixildo. 16:30

· Chegada a Pombar, pobo onde nos agarda o autobús. 17:15

· Percorrido en autobús ata San Pedro de Rocas. De 17:15 a 17:45.

· Visita a San Pedro de Rocas.

· Regreso en autobús a Sober por Ourense. 19:00 horas

· Hora de chegada a Sober. 19:45 horas
* As horas son aproximadas.

+ info

PRAZAS LIMITADAS
– Para anotarse: chamar ó 659 32 38 33 (Xabier) ou enviar un correo electrónico a paulaverao@hotmail.com ata o venres, día 23, á noite.
PREZO
5 € - Para facer fronte ós gastos de autobús.
Cada persoa ha de levar a súa propia comida.
ORGANIZA
Asociación Cultural O Colado do Vento

O SIL

O Sil en Amandi.

NOVIDADES

Maio, 2008

- Domingo, 25 de maio de 2008. Roteiro: O PRODIXIOSO SALTO DO CABALO DE SANTIAGO.


- Sábado, 3 de maio de 2008. Actuación do Mago Rafa na Casa da Cultura de Sober. Programa Titirimaxia da Consellería de Cultura e Deporte. Os monicreques de Kukas tamén estarán en Sober. Ver programa FINde'Sober do Concello (aquí).

- Luns, 5 de maio de 2008. Reunión para constituír o GDR da Comarca de Lemos e Quiroga no marco do Programa Leader de Galiza 2007-2013.
- Sábado, 17 de maio de 2008. Día das Letras Galegas. Concerto do arpista José Antonio Domené. Primavera Musical, organizada polas Xuventudes Musicais de Sober.

- Sábado, 24 de maio de 2008. Homenaxe a Tadeo Guitián no centenario do seu nacemento.

Abril, 2008
- Convocados Concellos e Asociacións a unha reunión para iniciar os contactos de cara a poñer en marcha o Grupo de Desenvolvemento Local que integra á Comarca de Lemos, Quiroga e O Courel, financiado polos fondos do programa Leader 2007-2013.
A Asociación Cultural O Colado do Vento participará na reunión, pois é un dos colectivos que se anotou como interesado en formar parte do programa Leader. Tamén están apuntadas as seguintes asociacións de Sober: Xuventudes Musicais de Sober, Asociación de Veciños Proencia e Asociación Micolóxica O Pingadouro.

Venres, 18 de abril de 2008.
- Continúa a Primavera Musical de Sober (programación aquí), organizada por Xuventudes Musicais de Sober.

- A Banda de Música de Sober prepara a primeira saída desta temporada. Actuará no Concello de Leiro, na comarca do Ribeiro, cun concerto na "sesión vermú" durante as festas na parroquia de San Clodio.

O INCHAÍN

O Inchaín é un regato que, segundo a lenda, incha cando os demais empezan a secar.
Coñécese en Neiras como regato do Inchaín (aínda que a toponimia oficial o denomina Regato da Ferreira). Nace en torno ás minas de Freixo e desemboca no río Fervedón, que vai morrer ó Cabe.
Trátase dun regato encaixado nunha fenda natural, que forma, salvando as distancias, un canón coma o do Sil. O feito de ir encaixonado impídelle depositar apenas nas marxes os materiais que arrastra. Como ten que salvar un desnivel de máis de 200 m é considerable a velocidade das augas e conta con algunha pequena fervenza, que na caída, por efecto do arrastre de materiais, excava o leito do río formando pilancóns [Cavidades circulares no fondo rochoso dunha corrente de auga, excavados polo efecto de pulido e trituración dos cantos que xiran en remuíño.], o que aquí chamamos olas, das que temos un importante exemplo na Devesa.
A vexetación da ribeira do Inchaín é predominantemente arbustiva de tipo mediterráneo (lavándula, uz, fento, xesta, etc.), mentras que en torno ó curso de auga se forma un bosque galería, con bídulos e outras especies. Na marxe esquerda, no curso baixo, hai unha pequena carballeira.

NOVOS CONTIDOS

- Arqueoloxía en familia. Descubertos en Sober novos petroglifos non catalogados pola familia formada por Óscar, Carme e Paula, residentes en Veliños. (Aquí).

- Túlulos megalíticos no Concello de Sober. (Aquí)
Engadido en Marzo de 2008.
Apartado: PREHISTORIA.

NOVIDADES

Marzo, 2008- Primavera Musical en Sober, organizada pola Asociación Xuventudes Musicais de Sober.
Véxao aquí.

- "O Trícole" edita un libriño cas coplas creadas polo grupo neste entroido 2008.
- Feira do Viño de Amandi. 15 e 16 de Marzo.

- Concerto da Banda de Música de Sober o Sábado 15 na Feira do Amandi.