Queixo fresco caseiro

* Manola da Venta, de Neiras, explicounos paso a paso como facer queixo na casa. Fixémolo durante a xornada "Pan e Queixo" que organizamos en febreiro de 2013. Deixámosvos a explicación de como se fai paso a paso.

Precísase entre un litro e dous litros de leite cortado (déixase cortar por si mesmo ou, para acelerar o proceso, pode botárselle un iogur natural).
A parte, férvese entre 5 e 6 litros de leite. Cando comeza a ferver, cando comeza a espumar, sácase do lume e bótaselle o leite cortado. 
Déixase arrefriar un pouco todo.


Logo, escórrese, para separar o soro da mixtura, á que se lle bota unha culleriña de sal. Esta mixtura bátese (coa man ou coa batidora).
Esta mixtura ponse a escorrer, dispoñendo un trapo sobre unha escorredeira (por exemplo, a típica de escorrer os macarróns). Déixase escorrer tapado durante 2 días e a partir de aí consérvase no frigorífico ou lugar fresco, pois non leva conservante algún.
O resultado é un queixo fresco moi cremoso e saboroso.

XIª xornada da horta comunal: 28 de xuño de 2014

 
Este sábado é día de flor.
Imos plantar flores.
Faremos unha capa con compost de ovella (10-15 cm) e cubrirémola con fentos.
Limparemos os bancais e vixiaremos as pragas.
Se é preciso, regaremos, e botaremos neem.

Xª xornada da horta comunal: 21 de xuño de 2014


Este sábado é día de folla: plantaremos sementes de leituga e porros, pirixel, rúcula e cilantro.
Tamén teremos leituga Batavia en plántulas.
Podedes traer calquera cousa de folla da que teñades morteiro.
Posiblemente non haberá que regar.

Tres historias de caiados


Alfonso Campos Pérez

Son tres obxectos cotiás. Simples, case faltos de pretensións os máis; feitos de materiais autóctonos, uns, coa esencia importada o outro. Sábense parentes do caiado de Moisés separador de augas, do caxato de Gándalf loitando contra o mal; sábense irmaos do Tirso de Baco, do Caduceo de Mercurio orlado de ofidios, da vara de Esculapio coa serpe sanadora; comparten saiba cos cetros do poder-poderoso, coa batuta para marcar o ritmo e coa autoridade dun báculo revestido de pompa e circunstancia. Algúns espétanse e agroman ou manan en fontes perennes de líquidos prodixiosos. Mais istes, ánónimos compañeiros da vellez, fálannos de decrepitude, de forzas minguadas, de apoios necesarios para o sostén e a locomoción.

Un deles é a parábola do noso pequeno mundo. O seu dono buscando un lameiro, antes de fartura, perdeuno e perdeuse entre a broza mesta. Dende aquelas refuxiouse para sempre nos pregues da memoria entre camiños transitados e leiras traballadas.

Outro pertenceu ao fillo pródigo que reclamou eidos e casa. Apropiouse do caiado e cortouno a medida para ratificar a posesión. A morte devolveullo ao irmán definitivamente inadaptado.

O terceiro apareceu entre o lixo aínda con restos de casca verde. Olía a novo e a abandono como un canciño sin amo.

Tres historias de caiados e de vida fuxidía.

IX xornada da horta comunitaria: visita a unha horta en Pantón


Ás 18 horas quedamos na gasolineira de Ferreira.
Logo da visita a unha horta de boas práticas da parroquia de Santiago de Cangas, volveremos á horta de Arxemil para regar e ver que cousas precisamos facer en vindeiras xornadas.

Obradoiro de RAKU-olería de Gundivós: 14 de xuño


Obradoiro de RAKU (técnica de olaría xaponesa) seguindo a técnica de cirillotes e outras empregadas en facer as pezas da olaría tradicional de Gundivós, en Corvelle- Proendos.

As persoas interesadas pódense pasar estes días:

* Sabado, 7 de xuño: das 10h deica as 13h e das 16h deica as 20h.

* Domingo, 8 de xuño: das 11h deica as 13h e das 18 deica as 20h.

* Luns, 9 de xuño: das 10h deica as 13h e das 17h deica as 21h.

* Martes, 10 de xuño: das 10h deica as 13h e das 17h deica as 21h.

A queima do RAKU farase o sábado 14 de xuño das 17h en adiante (aproximadamente deica as 22h).

O prezo será segundo o grao de participación, tomando como prezo xeral de 18 € por persoa e peza feita.

Lugar: taller de olería Fígulos, Corvelle (Proendos-Sober). Teléfono: 616706356.
[Saída á dereita sinalizada na estrada de Sober-Doade.] 


VIII xornada da horta 2014


Este sábado, 7 de xuño, é día de raíz, polo que probaremos a plantar cenouras, colombros e brócoli.
Regaremos as plantas e faremos reparto de responsabilidades.
Tamén planificaremos dúas visitas a hortas ecolóxicas.
Vémonos ás 18 h en Arxemil!