Xornada micolóxica en Bolmente e Cadeiras: 7 DE NOVEMBRO


 

Coma en anos anteriores, Carlos, da Praza de Abastos de Monforte, guiaranos o domingo 24 de outubro para coñecer e identificar os cogomelos da zona de Cadeiras. NOVA DATA: domingo, 7 de novembro.

O lugar de encontró será no Local Social de Bolmente ás 10:00h. para realizar a parte teórica, antes de saír ao monte.

Entre as 12 e as 14:00h. teremos a ruta guiada cerca de Cadeiras.

Ás 14 h. comeremos no restaurante de Cadeiras.

Pola tarde faremos unha exposición cos exemplares atopados, despois de limpalos, e prepararemos unha merenda-cea coa fin de saborear este suculento manxar. 

Prezo do curso: 

15€ (incluído o xantar) para persoas socias. 

27 € (incluído o xantar) para non socios/as.

Para participar nesta xornada é preciso anotarse (vía wasap) antes do luns 18 de outubro no teléfono 687 186620. Respectarase a lista de xente anotada para a xornada anterior.




XII Noite á Luz da Lúa

 


 
 
O venres 2️⃣0️⃣ de agosto de 2021 celebramos a nosa XIIª Edición da Noite á Luz da Lúa 🌕 Será no lugar de Proendos, en localizacións por determinar. 🚶🏼🚶🏻‍♀️Quedaremos no aparcadoiro e iremos andando aos lugares das actuacións, todos cerca do núcleo de Proendos. 2️⃣1️⃣:3️⃣0️⃣ 🕘 Quedamos ás 9 e media da noite no aparcadoiro. 🎵 Traede ganas de música e poesía.

Actividade ao aire libre.
Precaución COVID: uso de máscara nas actuacións, respectar distancia.

Presentación libro Unidade Didáctica Coñece o teu Concello

Unha Unidade Didáctica para coñecer o Concello de Sober

O Colado do Vento presenta este traballo o do
mingo día 20 en Sober

14 de xuño de 2021

Dende a Asociación Cultural O Colado do Vento queremos reiniciar a actividade logo destes longos meses pandémicos coa presentación da Unidade Didáctica “Coñece o teu Concello”.

Este traballo editámolo en 2020, unha Unidade Didáctica sobre o Concello de Sober que sirve para que nenos e nenas coñezan a historia das nosas parroquias. Con fotografías, mapas e comentarios sobre Historia, a toda cor.

Trátase dunha reedición dun exercicio de Maxisterio do ano 1995, elaborado e levado a cabo por Alfonso Campos Pérez no centro educativo Virxe do Carme. Un cuarto de século despois, consideramos que o material ten moito valor como recurso docente, que permite a interacción da comunidade educativa co seu entorno e que incide en valores fundamentais para construír unha sociedade cun futuro xusto, como son o ecoloxismo, a identificación co patrimonio cultural e o respecto pola diversidade.

De feito, este material será usado tamén no campamento de verán do Concello de Sober.

O vindeiro domingo 4 de xullo presentarémolo na praza do Toural de Sober ás 12 h, aproveitando para convocar ás persoas socias a este encontro e falarmos das actividades deste ano 2021. Asemade, presentarase tamén en xullo no marco das actividades do campamento municipal “Coñece o teu Concello”.

Cada persoa socia do Colado do Vento terá un destes libros de xeito gratuíto – é o noso xeito de ofrecer un detalle ás persoas socias, logo de non poder levar adiante actividades en 2020 - e, ademais, poderá conseguir outro máis cunha contribución de 5 €. A contribución que se pedirá para persoas non socias polo libro serán 10 €.

Dende o Colado do Vento agradecemos o apoio de todas as persoas sociais, do Concello de Sober e da ANPA e profesorado do CEIP Virxe do Carme de Sober.

XUNTA DIRECTIVA DO COLADO DO VENTO

A Ribeira Sacra. Ula? Desde cando?

Viña da Cividade

 Artigo de opinión de Xesús Verao Pérez.

Os comentarios que a seguir se propoñen débense á lectura da publicación Mosteiro de Montederramo Colección documental e índices de Ramón Lorenzo. E só no relativo á denominación Ribeira Sacra. Manexamos o pdf ao que se ten acceso na web do Consello da Cultura Galega.

Partimos da idea, (non sei se intencionada ou teimuda) evidentemente errónea de que a Ribeira Sacra ten a súa orixe no mosteiro de Montederramo. E de como esa visión se foi trasladando de forma acrítica a toda a literatura que nos últimos anos se elaborou sobre este territorio que, desde 1991, chamamos Ribeira Sacra.

No índice toponímico da citada obra, proponse o nome “Ribeira Sacra, territorio” como o actual dos recollidos nos documentos 3, 87, 133, 189 e 698, que van desde 1124 a 1309. En realidade é un só documento que reproduciron diferentes monarcas confirmando a doazón feita por Dona Tareixa en 1124. As denominacións son: Rovoyra sacrata, no nº 3 (tres ocasións). Revoyra sacrata ( unha vez) mais rovoyra sacrata ( tres) no nº 87; a variante revoyra está na presentación do documento que a seguir se transcribe literal, de aí as tres formas coincidentes coas do documento nº3. Nos documentos 133 e 189, a forma é revoyra sacrata (só unha vez en cada). Finalmente no nº 698 ademais de revoyra sacrata (introdución) incorpóranse as variantes revoeyra sacrata (unha vez) e rovoeyra sacrata (dúas ocasións). A partir de 1309, en ningún documento, dos dous mil que se transcriben, aparece o nome. 

Esa Rovoyra sacrata, non é ningunha Ribeira e menos un territorio. Trátase dunha “carballeira sagrada”, como xa ben veces se demostrou. Senón, como se pode entender que a palabra Ribeira apareza por centos (non sei se miles) de ocasións nos mesmos textos transcritos! Ribeira é a forma do documento nº 50 ( A Rribeira), por pór o primeiro texto no que lemos a palabra. Pero o concepto de “territorio” é igual de discutíbel, pois dise claramente que se trata dun lugar en Montederramo, territorio de Caldelas (“locum qui dicitur Rov oyra Sacrata, qui est in Monte de Ramo, territorio Caldelas”). E en Montederramo non hai demasiada ribeira, polo menos como os ribeiraos a entendemos. Pero, ademais, nos documentos 87 e 698 refírese á “revoyra sacrata” como “ipsa robor” (“ut donatio ipsa robur”). Un arboredo non é un territorio. Para corroborar o anterior, nos documentos 133 e 189 Revoyra sacrata é un de entre un fato de lugares e terras que se confirman como doados ao mosteiro. 

Trátase dun lugar, non dun territorio. Pero non só no tratamento do índice se actúa dando por suposto que, histórica e filoloxicamente falando, a Ribeira Sacra actual é a continuación da Rovoyra sacrata (lembremos “Reboredo sagrado”) do documento nº 3. Tamén na reseña que abre cada documento se dan por válidas as propostas da tese oficial actual que se plasma nos textos da declaración da Ribeira Sacra como territorio Bic. O texto nº 3 ábrese como “lugar que chaman Ribeira Sagrada”. Isto é, dáse por válido que Ribeira Sagrada é a evolución de Rovoyra sacrata. Está claro que a formación filolóxica do autor de tan exhaustivo e enorme libro non o pode levar a esta equivocación. Pola contra, está a trasladar o que si se instaurou como erro actual na xustificación etimolóxica, lonxe de calquera explicación científica, tanto histórica como lingüística. Na reseña dos textos 87 e 1035 suprímese a referencia ao “lugar” e pásase directamente a falar da Ribeira Sagrada, cando o texto que acompaña continúa a falar do “locum qui dicitur Rovoyra sacrata”.

Pero tamén na primeira das presentacións do libro, por desidia cremos, cáese en falar de memoria, pois non se fala da rovoyra sacrata senón da rivoyra sacrata, tal como o leu Yepes, que seguro andaba buscando unha palabra que se parecese a “ribeira” e que levase o modificador de “sagrada”. Cadráballe para a súa historia da Orde Bieita. Parece lóxico concluírmos que non se estaba a falar dos dominios do mosteiro nin dun nome que se usase para referirse a eles, que se trata dun lugar (non de ningún territorio) que está en Montederramo, Terras de Caldelas (“locum qui dicitur Rouoyra Sacrata, qui est in Monte de Ramo, territorio Caldelas”). Nesa época, nin en posteriores, non podemos falar de Ribeira Sagrada, e menos de Ribeira Sacra, nin falándomos de territorio nin como tal nome. 

A Ribeira Sacra data de 1991. Non inventemos cousas. Non imos ser máis nin menos. Imos ser o que somos - que é moito - e o que queiramos ser: un territorio que arredor do viño e da DO Ribeira Sacra se está a configurar como unha realidade universal e nosa.

Xesús Verao Pérez. A Pereira – Barantes, na Ribeira.

O Sil dende a ribeira de Barantes.

 

Unidade Didáctica "Coñece o teu Concello"

 http://xornaldelemos.gal/wp-content/uploads/2021/02/IMG-20210205-WA0002-768x432.jpg

(en actualización)

En breve informaremos dos puntos de venta do libro, así como das posibilidades de adquirilo vía Correos.

- O libro no Xornal de Lemos