a sobreira do couso



Alfonso Campos Pérez


Hai moitos exemplares de sobreiras en Sober; algunhas delas de porte maxestuoso enseñoreándose nas ribeiras do Sil e do Cabe. Medran pola Barca de Santo Estevo, en Bolmente, ou, por irmos ao outro cabo, na Lampaza, por riba do Inchadoiro dos Mouros. Xunto coas enciñeiras e os érbedos, é unha árbore gostosa de cavorcos e pendentes. Neste país do viño, entre outros usos, arrincábase a súa pel para taparlle as cubas, cubetes, pipotes, garrafóns e botellas; tamén a algunha cabaza desas que se cocian co viño. Na cortiza facían a casiña as abellas, para enchela, previsoras elas, de mel, que logo pagan como tributo aos humanos, e, aínda, noutros tempos, ao oso, cando os potentes muros das albarizas non o resgardaban. A espilas viñeron os comerciantes de corcho, na súa maioría portugueses. A súa presenza magnífica traspasou idades gardando nos seus ocos centenarios secretos de tempos difíciles, cando os perdedores de todas as guerras andaban agochados: porque elas miran de lonxe e dende lonxe. É nese tépedo país de ríos fendendo o mundo, onde achan a súa patria natural. Por iso nos preocupamos cando a Sobreira do Couso en San Martiño de Arroxo, xusto onde a pendente cara a depresión de Lemos se fai máis pronunciada, corría perigo de desaparecer por mor dunha obra de extracción de terra que está vaciando o chan do que se nutre. No verao vímola sufrir, e con ela ao Diego de San Martiño, que a tén por amiga e veciña; as follas viráronlle de cor amarela e esmoreceron, como se as poderosas raiceiras que as alimentan quedaran danadas polas excavadoras. Máis iste inverno chuvioso volveulle dar o aspecto de moza rexoubeira que antes lle viamos.
Agardamos que iste fermoso exemplar, raro para o lugar onde se atopa, resista na súa, agora, illa de terra, axexando dende esa atalaia xemelga do Castro de Arroxo. A súa resistencia é a nosa.

Fotos dos petroglifos de Sober (Xulio Gil)

O amigo Xulio Gil agasallounos cunhas fotos dalgúns dos petroglifos de Sober, feitas cunha técnica que permite percibir todos os detalles da pedra. Agradecementos dende aquí.

O XESTAL (I)




O XESTAL (II)


TAPADA DO MONTE