Taller e proxección "Galicia Latente" en Sober

O Colado do Vento organiza un obradoiro do proxecto Galicia Latente

Será o venres, 23 de febreiro, na Casa da Cultura de Sober,  ás 19 horas

 


O Colado do Vento organiza un obradoiro do proxecto Galicia Latente, unha iniciativa de Eduardo de Martís.

Galicia Latente é un proxecto para achegar ás persoas o valor social, económico e sustentable que atesoura a etnografía galega no presente

O proxecto ten como base un estudo-libro homónimo de recollida e divulgación fotográfica da cultura galega (seguramente o único do presente) e as súas múltiples realidades que estamos a vivir en Galicia. Está autoeditado polo fotógrafo Eduardo de Martís e componse de 200 páxinas, 218 fotografías feitas entre os anos 2020 e 2023, ao longo de máis de 140 concellos galegos, incluído o de Sober (https://www.galicialatente.com/).

Ademais, Galicia Latente ofrece un obradoiro chamado “construíndo conciencias”, que é o que se vai celebrar en Sober.

Este taller comeza cunha presentación sobre os retos da cultura galega, continuado cunha proxección do documental Galicia Latente e logo un coloquio titulado “canta riqueza cultural hai en min?”, rematando cunha recollida de valores locais.

Agardamos que haxa debate e convidamos a todas as persoas interesadas a asistir e participar.

Este obradoiro organízao a asociación O Colado do Vento enmarcado nunha das liñas de traballo de 2024, que consiste en coñecer e concienciarse sobre o valor da nosa contorna, das súas debilidades – como a contaminación ou a desorganización territorial -  e das súas potencialidades – como a cultura ou o patrimonio -. Neste caso, comezamos cunha reflexión sobre a cultura.

O proxecto Galicia Latente xa estivo presente en Santiago, no Courel, París ou San Cibrao.

Agardamos a todas as persoas interesadas a asistir a Sober, á Casa da Cultura, o venres 23 de febreiro, ás sete da tarde.

XUNTA DIRECTIVA DO COLADO DO VENTO