IIª Xornada de Outono na horta comunal de Arxemil (2014)



Este sábado, 12 de decembro, verémonos na horta de Arxemil ás catro e media da tarde (ás seis xa é de noite) para:

* confeccionar as rotacións na horta, aprendendo que plantas se amigan, e facer a planilla dos cultivos da horta para a tempada que vén.

* plantar fabas e tirabeques.

* plantar framboeseiras (cun enraizante feito con lentellas).

* precísanse persoas voluntarias para coidar das sementes e planificar os días para visionado de documentais sobre o método Fukuoka e a Permacultura.


Un percorrido outonizo polo couto do mosteiro de San Paio da Abeleda co “Sorriso de Daniel”


Para a xente de aquén Sil, a Abeleda é lugar de paso e parada no camiño no Castro (de Caldelas), unha estación onde comer e beber ben para continuar a ruta. E dicir Abeleda é dicir viño, que madura de xeito excelente neste val do río Edo, zona onde enseñoraba o mosteiro de San Paio da Abeleda ata que a cobiza da Casa de Alba fixo decaer o seu poder.

As nosas guías foron Carmen, do Sorriso de Daniel, e outras amigas do Sorriso e da parroquia de Abeleda, que nos descubriron á vintena de camiñantes os segredos deste val da Abeleda un 23 de novembro de 2014.


Comezamos o percorrido no campo de San Paio, onde antano se celebrou a festa de Santa Lucía por parte dunha comunidade parroquial viva, a de San Paio de Abeleda, hoxe parroquia anexionada a Santa Tegra de Abeleda. Aquí, fronte ao vello cárcere onde penaban os encarcelados pola xustiza do mosteiro, tomamos camiño cara as adegas pertencentes a San Paio, ata onde chegaban, de entre os viños do val do Edo, os de Idrás, que seica eran os mellores, porque, como di a copla:

“Os viños de Idrás
fan andar aos homes
de diante pa'atrás.”

Xa na igrexa de San Paio, admiramos o inxente traballo de limpeza que fixeron as boas xentes do Sorriso de Daniel e da parroquia de San Paio da Abeleda, recuperando un espazo da nosa historia.

 
A igrexa, románica, conserva capiteis e canzorros ben interesantes e a súa boa factura fixo que permaneza en pé, malia que precise con urxencia unha teitume – polo menos! - para que os elementos non sigan a estragar San Paio. Tanto custa a dignidade para que non se invirtan uns poucos miles de euros nun dos edificios máis deteriorados destas comarcas ribeirás?

Tamén poidemos ver a capela dos señores do Couto, renacentista, na parte norte, e a parte sur da igrexa, dende a sancristía, onde se utiliza pedra de “ollo de sapo”, unha rareza.
O que non puidemos ver foi a portada gótica co pantrocrátor con San Pedro e San Paulo, pois esta parte está en mans privadas e permanece pechada, malia ser un dos fitos máis interesantes do noso patrimonio ribeirao.


Logo das adegas e da visita á igrexa, collemos camiño a carón do río Edo, que figura nos mapas como río da Abeleda porque, din, seica un mestre non lle sabía o nome propio deste afluente do Sil. Chegando ao río, coñecemos os muíños foran do mosteiro, que un deles o aforaran a un veciño de Soutelo e que a Ponte Cabalar, sobre o Edo, unía as parroquias de Santa María da Abeleda (hoxe da Teixeira) e San Paio da Abeleda (de Castro Caldelas). Tamén contan que esta distribución parroquial entre dous concellos das tres parroquias da Abeleda (Santa María, San Paio e Santa Tegra) se xogou nunha timba de cartas.

No lugar de Soutelo paramos na capeliña de Santo Antón, onde se garda a antiga pía bautismal de San Paio da Abeleda, onde se bautizaron as xentes de San Paio ata inicios dos anos 70 (a parroquia foi clausurada en 1972).


Subimos de Soutelo cara O Couto, pasando polo seu curioso Pazo. Foron estes señores quen construíron para se enterrar a capela renacentista da igrexa de San Paio.

Do Couto pasamos por Santiurxo e dalí a Santa Tegra de Abeleda, parroquia á que foi anexionada a desaparecida de San Paio. 

A pequena igrexa parroquial de Santa Tegra garda unha pía medieval e magníficos retábulos barrocos, que se cren relacionados coa inxente herdanza que deixou na zona o que fora na súa mocedade abade de San Paio e logo arcebispo de Sevilla , Rodrigo de Castro Osorio, da Casa de Lemos.

As xentes de Santa Tegra recuperaron a festa da Luz, que fora prohibída en 1936, que se celebra en torno ao 5 de agosto (se cadra a domingo, se non o domingo seguinte) e na que se baila con arquiños de cores e co Coco e a Coca, dous xigantes. Por esta labor recibiron un premio que lles entregarán en decembro deste ano. Parabéns!

Para rematar a andaina, camiñamos ata as fervenzas do Cachón, a ponte medieval de Lumeares – pola que pasou o padre Sarmiento durante a súa viaxe a Galicia, na que pernectou dúas noites en San Paio - e voltamos a San Paio polo camiño do Romeu, quizais antigo paso de romeiros cara este mosteiro da Abeleda, que precisa de todas e todos nós para recuperalo do abandono.

Visitade ao Sorriso de Daniel aquí.

Presentación do proxecto "Atlas do Viño"

 
O 28 de novembro imos presentar o noso traballo sobre a recollida de testemuños do cultivo tradicional do viñedo na D. O. Ribeira Sacra.
Aquel traballo formaba parte do proxecto "Atlas del Vino", que en Galicia coordinou Isabel Aguirre e que na Ribeira Sacra colaboramos O Colado do Vento.

Aquela experiencia serviu para coñecer moito máis sobre as nosas formas de cultivo tradicional do viño e queremos compartilas con toda a sociedade.

É por iso que vos convocamos o venres, día 28 de novembro, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra, ás 8 da tarde.

- http://coladodovento.blogspot.com.es/2011/12/o-proxecto-do-atlas-do-vino.html

Pastel de berenxena e porro


Ingredientes:

Salsa de tomate (feita con tomates maduros, un allo e albahaca).
Berenxenas (4 ou 5 pequenas).
Porros (2).
Cebola (media).
Allo (2 dentes).
Ovos (4 ou 5).
Xamón ou touciño ao gusto.
Queixo para gratinar.

Póchase media cebola cos porros e engádense as berenxenas ata que estén listas.
Por outra parte, tense preparada salsa de tomate.
Póñense os allos nunha sartén e dóranse.
Engádese xamón en cachiños, engádeselle as berenxenas, o porro e faise moi despacio, para coller o gusto do allo e o xamón.
Bátense 4 ou 5 ovos e mixtúranse coas verduras e engádeselle unhas culleradas de tomate.
A esta mixtura engádese pementa, albahaca e pirixil, ao gusto.
Métese todo no forno e ponse unha xenerosa capa de queixo por riba.

Tarta de crema de marmelo


Esta tarta é apta para celíacos e, de paso, para todas aquelas persoas que prefiran non sobrecargar nin o seu peso nin o seu estómago sen perder o placer do gusto. Ademais, é moi sinxela de facer.
INGREDIENTES
- Un paquete de galletas sen gluten.
- Leite de avelá ou améndoa ou de soia.
- Azucre moreno.
- Canela.
- Sésamo.
- Avelas ou noces para adornar.
- Comporta de marmelo.
Nun molde de forno póñense as galletas (mellor dúas capas).
Quéntase medio vaso de leite e engádenselle dúas culleradas de azucre e espolvoréase xenerosamente con canela. Revólvese e vértese sobre as galletas, empapándoas ben, e esmágase un pouco.
Sobre esta base, exténdese a compota ou marmelada de marmelos, que se fai con catro marmelos limpios de pel, cortados en cachos pequenos e deixándoos cocer con dúas culleradas de azucre morena revolvendo forte (uns 20 minutos, segundo a madurez da froita).
Sobre a compota espolvoréase o sésamo e o azucre e adórnase con noces e vaelás.
Métese todo no forno gratinando un cuarto de hora a 250 graos.

Ensalada de remolacha e rúcula


Cócense unha ou dúas remolachas unha ou dúas horas, coa metade das súas raíces e rabos de follas para que non perdan cor.
Cando arrefría, trocéase e engádeselle rúcula, unha presada de noces, queixo fresco e tomates cherry. 
Engádeselle, un pouco batido, aceite de oliva virxe mixturado con sal e vinagre de Módena.
No momento de servir, engádense pétalos de caléndula e flores enteiras de capuchina, de sabor suave e lixeiramente picante coma a pementa e con importantes propiedades para a saúde.



Outras receitas da xornada gastronómica de outono na horta


Tortilla de berenxenas con tomate.


Garabanzos con chourizo.


Puding de porros e berenxenas.


Arroz con verduras da horta


O arroz elixido foi un arroz integral (facultativo).
Cócese o arroz en abundante auga o tempo que precise o tipo de arroz. Neste caso, corenta minutos a lume lento, tapado e con sal. 
Cólase o arroz e resérvase.
Pícanse as verduras e vanse incorporando nunha sartén ampla, por esta orde: cebola, allo, porro, pimento verde e vermello. Déixanse pochar un chisco e despois incorpóranse: cenouras, berenxena, acelgas coas súas pencas cortadas miúdo e abundante pirixil. Déixase dun cuarto de hora a vinte minutos dándolles voltas de cando en vez.
Pásase a incorporar o arroz, que se saltea coas verduras.
Engádeselle un pouco de paprika ao gusto e tamén se lle pode engadir un pouco de comino. Corríxese de sal. 
As verduras poden variar segundo gustos e tempada.

Entrantes de "insectos"


Trátase de poñer un chisco de imaxinación e preparar unhas visuais bandexas de canapás de bichos.

Sobre unha base de pan torrado, exténdese queixo de untar; sobre este, pode agregarse unha loncha de salmón afumado e logo, para facer os diferentes insectos: tomates cherry, aceitunas...

Para os caracois pode usarse salmón e unha loncha de queixo.

Os ovos están recheos da súa propia xema e con maionesa e paus de caragexo. Para preparar a forma de arañas, úsanse olivas negras.



Tarta de marmelada de "chayota"

INGREDIENTES
- Masa de hoxaldre.
- Crema pasteleira.
- Marmelada de chayota (mazá ou outra froita)

PREPARACIÓN
Untar un molde con manteiga, colocar nel a masa de hoxaldre e sobre ela a crema pasteleira. Para rematar, superpoñer a marmelada e cocer a tarta.

Ruta "As cores do outono"



Ruta O Arroxó - Rega de Ardán - O Arroxó (ruta circular).

O domingo, 2 de novembro de 2014, realizaremos unha ruta circular que parte do Arroxó, pasando polos Chancís, cotarro do Castro, os muíños do Xabrega, A Boca, Rega de Ardán e volta ao Arroxó.
Unha parte sigue o trazado da ruta PR-G 86, entre Rosende e Os Chancís.




Desfrutaremos das cores do outono na ribeira.



Saída: 11 h no Arroxó, Anllo Santo Estevo.
[Ás 10:40 h de Sober, para quen non saiba ir ao Arroxó].

Aproximadamente: 6 km.
Duración: dúas horas e media.






Traballos na horta en outono


A xornada gastronómica na horta será o 18 de outubro.

Pero, primeiro, este sábado 11, cómpre facer:

- apañar os últimos restos da colleita.
- recoller a horta: plantas que remataron a súa vida vexetativa, canas, cintas de atar, ir preparando a hibernación coa palla...
- botar unha capa de compost, engadirlle cal e consolda.
- preparar dous camiños para plantar trebo, que fixará nitróxeno.

Ruta polo río Antiga (O Incio) en wikiloc


Deixámosvos o percorrido desta ruta de apenas 2 km polo río Antiga, a principal fonte do Cabe. Trátase do percorrido polo tramo onde fica seco o cauce do río; "desaparece" nos meses de verán baixo a terra, nunha zona calcárea, e volve aflorar na fonte do Arnada. Trátase do fenómeno da "resurxencia cárstica".
Pódese acceder aquí.

Paseo polo río Antiga, no Incio

Foto: Carlos Rueda.
Na tarde do domingo, 31 de agosto, imos facer unha visita de gran interese natural ao Incio.

Veremos como o río Antiga, unha das fontes principais do Cabe, "desaparece" nos meses de verán baixo a terra, nunha zona calcárea, e volve aflorar na fonte do Arnada. Trátase do fenómeno da "resurxencia cárstica".

Iremos ata o Incio en coches particulares e alí faremos un paseo corto e de dificultade baixa para coñecer este fenómeno natural. Ademais, pasaremos por muíños e outros elementos etnográficos.

Saída: 17 horas - "Casiñas" da Compañía, Monforte de Lemos.
Domingo, 31 de agosto.
Percorrido: aproximadamente 1 km, de dificultade baixa.
Non é preciso anotarse.

VIII encontro á luz da lúa: no miradoiro de Santiorxo


Un ano máis, no Colado do Vento queremos volver atoparnos nunha noite de luar para deixar que flúa a música, a poesía e a imaxinación.
O encontro deste ano 2014 será no miradoiro de Santiorxo ás dez da noite do 9 de agosto.

Este ano, probaremos a cervexa caseira que fixemos no curso de cervexa.

Traede chaqueta por se sopra o aire e ganas de contar-cantar-desfrutar.



Coma sempre, cada quen pode aportar a súa arte, en forma de conto, canción, poema...

Para participar, só hai que aparecer no miradoiro de Santiorxo. Comezaremos pouco despois das 22 h do sábado, 9 de agosto.

O tórculo de Soto Freire


De como veu parar o tórculo de Soto Freire ao Cima do Lugar e de como marchou para Pesqueiras no Saviñao ou da relación post mortem entre un dos máis importantes impresores e editores galegos e Castelao, hoxe un icono na nosa terra, é do que tratan estas poucas liñas.

* Por Alfonso Campos Pérez.

Falamos dun tórculo, logo, é dicir, neste caso, dunha pequena prensa que se basea no principio do parafuso sen fin. En fino: unha máquina garimétrica helicoidal. Atribuída a súa invención a Arquito de Tarento (430-360 a.c), o artiluxio ficou asociado á xenialidade de Arquímedes, quen o utilizaba para subir líquidos. O desenvolvemento posterior lévanos ao tórculo romano e á invención da imprenta por Gutemberg, adaptación daquel e das prensas das uvas empregadas nas ribeiras do Rin.

Con este uso é como o xunguimos ao afamado editor Manuel Soto Freire, nado en Lugo un 26 de xaneiro de 1826, unido a senlleiras figuras do pensamento e da literatura galegas como Rosalía de Castro ou Manuel Murguía. Foi un dos grandes editores galegos, adicándose á tarefa da impresión de periódicos, boletíns, almanaques e libros, entre eles os dous primeiros tomos da Historia de Galicia de Murguía (1865-1866) e a Gramática galega (1868) de Juan Antonio Saco y Arce. El mesmo foi autor de artigos periodísticos e literarios e dun ensaio bibliográfico titulado La Imprenta en Galicia, publicado en 1982 polo Círculo de las Artes de Lugo.

Segundo o profesor Xosé Ramón Barreiro a intransixencia ideolóxica e reaccionaria, moi relacionada co carlismo, levouno a que a súa empresa entrara nunha grave crise a partir do ano de 1869, co cal Soto Freire decidira cambiar de vida radicalmente comprándolle no 1872 a Casa Grande de Goián a Melchor Bermúdez de Castro, no concello de Pantón. Alí desenvolveu unha recoñecida e premiada explotación gandeira e alí morreu un 27 de marzo de 1897. En Goián parece que non abandonou de todo o oficio, conservando un modesto pero suficiente equipo de impresión.

Cando me chamou a Emilia Vila, a miña querida e sempre lembrada Mucha - que o Deus no que cría fervorosamente a teña na gloria - para darme o tórculo, non sabiamos a quen pertencera. Explicoume que o trouxera para a súa casa da rúa de Ourense desde a Casa Grande de Goián, da que o seu home fora un dos seus donos. Lembraba oír dicir que as vellas criadas da casa dicían que viñera en varias ocasións "un señor moi pequeniño que estivera casado con Rosalía de Castro" a reclamar uns libros. A Mucha lembraba outros elementos da imprenta que non sobreviviron.

Dous dos gravados realizados co tórculo, de Santi Covelo e Pepe Barxa.
Despois dunha breve estancia no Cima do Lugar deixeille o tórculo a uns amigos que están a facer uso del no taller de restauración de Pesqueiras. Polo que sei, xa serviu para restaurar o manuscrito orixinal de Os vellos non deben namorarse de Castelao así como outros traballos de impresión. Soto Freire, dalgún xeito nas antípodas do pensamento político de Castelao -e aínda do propio Murguía, co que colaborou en vida- sentiríase, sen dúbida, orgulloso da utilización do Tórculo no oficio no que el tanto sobresaíu. Posiblemente a Galiza que se resiste a morrer fora o nexo común.
 

[crónica] Unha visita ao patrimonio megalítico do Saviñao


Dolmen da Leira Rapada.
O domingo 27 de xullo de 2014 tivemos cita co patrimonio megalítico do Saviñao.

Nas parroquias deste municipio consérvanse evidencias de numerosos elementos megalíticos, por iso o escollimos como localización para achegarnos a este fenómeno construtivo, que se desenvolveu en Galicia dende os inicios da agricultura ata a primeiro milenio antes da nosa era.

Mámoa de Mosiños.
Guiados polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo e coa hospitalidade da Asociación Veciñal do Saviñao, acudimos a tres puntos con elementos arqueolóxicos megalíticos.

Visitamos en primeiro lugar a mámoa de Mosiños, de gran envergadura e con evidencias de ter sido saqueada. 
Aquí Iván Álvarez falounos do fenómeno megalítico - que non cultura, pois é un xeito de construír monumentos funerarios que pervive no tempo ao longo de distintas culturas -, facendo fincapé en que o monumento funerario colectivo é un elemento integrado no entorno, delimitándose o espazo sagrado cun círculo, dentro do cal se chantan idoliños, coma o atopado hai moitos anos no Saviñao por un dos membros da Asociación Veciñal, que gustosamente nos ensinou.

A mámoa de Mosiños é un exemplo de túmulo cuberto de terra, que recoñecemos polo notable abultamento do terreo e polo círculo central que evidencia que foi obxecto de excavacións antigas non profesionais.

Acudimos en segundo lugar ao dólmen de Abuíme, exemplo de estructura pétrea megalítica descuberta, composta na actualidade por cinco ortostatos chantados no terreo, correspondéntes á parte da cámara funeraria. Na zona colindante hai mámoas.
Dolmen de Abuíme.
Finalmente, utilizando un sendeiro circular á sombra das carballeiras - en parte acondicionado por membros da asociación - acudimos ao dólmen de Leira Rapada, estrutura tumular que na súa tapa conserva petróglifos con motivos de círculos concéntricos de gran tamaño. O entorno do camiño, presidido por un castro, é prolífico en toponimia que se pode relacionar con fenómenos megalíticos: O Chantado, Pena Escrita, etc.

Agradecemos moito a Iván Álvarez Merayo as explicacións e á Asociación Veciñal do Saviñao a hospitalidade.



[crónica] Boa música na horta de boas prácticas


Onte, 26 de xullo, pasamos unha estupenda xornada musical que serviu de presentación en sociedade da nosa horta de boas prácticas.

Iria Estévez e Gonzo Piña, na voz e na guitarra, ofrecéronnos un excepcional recital de fado e outras músicas namentras o sol se poñía perto dos Chancís, en Arxemil.

 
Houbo tempo tamén para que Mar Sabater nos explicase a filosofía da nosa horta comunal, que debe saber "que é unha horta", na que usamos sementes tradicionais, non usamos pesticidas artificiais, botando man de remedios naturais contra as pragas, e na que dispoñemos a terra en bancais profundos, para que non se desgaste. O resultado é unha horta na que os froitos medran vizosos (e saborosos). Ademais, Rosa García Machado leunos un poema adicado á horta.

 
Foi máis dunha hora de música nun entorno natural marabilloso.

Grazas inmensas a Tere e José María pola hospitalidade e loxística.

 






Ruta megalítica polo Saviñao


O vindeiro domingo 27 de xullo de 2014 imos de ruta polos conxuntos megalíticos do Saviñao.

Visitaremos:

- dolmen de Abuíme.

- mámoas de Os Pedrouzos.

- ruta circular por Vilatán (2,35 km), para ver o dolmen da Leira da Rapada. [Pódese ver o perfil e percorrido da ruta en Wiki-Loc aquí].

Saídas (en coches particulares):

- 9:30 h: praza do concello de Sober.
- 9:45 h: praza do concello do Saviñao; dende onde iremos ata os puntos; a ruta farémola en terceiro lugar; é un camiño sinxela e sombiza, sobre todo na última parte.





Música na horta: Iria Estévez e Gonzo Piña o 26 de xullo nos Nabás.


O 26 de xullo, para presentarvos a horta comunal de boas prácticas do Colado do Vento, temos un concerto de luxo: Iria Estévez e Gonzo Piña, de En Clave de Fado, ofrecerannos un concerto.

Ás 8 da tarde na horta dos Nabás o vindeiro 26 de xullo. Ide reservando a data.


Xornada horta 5 de xullo e merenda nos Chancís


Este sábado, día 5 de xullo, estaremos de novo na horta do Colado do Vento a partir das seis da tarde. 

É día de  raíz, polo que plantaremos unhas sementes de cenoura que aínda temos pendentes.

Faremos tamén un control dos bancais: pragas, limpeza, e, como non, recolleremos as leitugas, acelgas e fresas que xa estén maduras.

Este día hai unha romaría nos Chancís, polo que temos pensado achegarnos á hora da merenda para tomar alí unhas tapiñas. Xa están comprometidas para levar: unha empanada, unha tortilla e algún dáce; quen queira pode aportar outras viandas ou bebidas que tomaremos alí nos muíños a partir das oito da tarde. 


Queixo fresco caseiro

* Manola da Venta, de Neiras, explicounos paso a paso como facer queixo na casa. Fixémolo durante a xornada "Pan e Queixo" que organizamos en febreiro de 2013. Deixámosvos a explicación de como se fai paso a paso.

Precísase entre un litro e dous litros de leite cortado (déixase cortar por si mesmo ou, para acelerar o proceso, pode botárselle un iogur natural).
A parte, férvese entre 5 e 6 litros de leite. Cando comeza a ferver, cando comeza a espumar, sácase do lume e bótaselle o leite cortado. 
Déixase arrefriar un pouco todo.


Logo, escórrese, para separar o soro da mixtura, á que se lle bota unha culleriña de sal. Esta mixtura bátese (coa man ou coa batidora).
Esta mixtura ponse a escorrer, dispoñendo un trapo sobre unha escorredeira (por exemplo, a típica de escorrer os macarróns). Déixase escorrer tapado durante 2 días e a partir de aí consérvase no frigorífico ou lugar fresco, pois non leva conservante algún.
O resultado é un queixo fresco moi cremoso e saboroso.

XIª xornada da horta comunal: 28 de xuño de 2014

 
Este sábado é día de flor.
Imos plantar flores.
Faremos unha capa con compost de ovella (10-15 cm) e cubrirémola con fentos.
Limparemos os bancais e vixiaremos as pragas.
Se é preciso, regaremos, e botaremos neem.