Recollida solidaria en Sober o 28 de decembro na feira



Dende O Colado do Vento decidimos colaborar este Nadal coa recollida solidaria que organizar a Asociación Náufragos do Paradiso para as persoas sen recursos da comarca de Lemos.

Así, o luns día 28, na feira de Sober, haberá un posto de recollida solidaria de 11 a 14 horas, onde a xente que o desexe pode depositar alimentos non perecedeiros, produtos de hixiene persoal, xoguetes, material escolar ou roupa.

A recollida está organizada en colaboración con Náufragos do Paradiso, que colabora con Cáritas, coa Cruz Vermella e coa Fundación Banco de Alimentos.
Todo o recollido polo Colado do Vento trasladarase a Asociación Náufragos do Paradiso, que o doará ás entidades solidarias para o seu reparto.

Ademais do día 28 de decembro na feira de Sober, de 11 a 14 h, as persoas que o desexen poden facer as súas doazóns en Sober antes do 31 de decembro, contactando no correo coladodovento@gmail.com ou no teléfono 674473695.

Neste Nadal, con este pequeno xesto de solidariedade, pedimos xustiza para que ninguén pase fame nin penurias.

O COLADO DO VENTO
Decembro, 2015

Un bifaz en Lobios e unha lasca en Proendos? Novos achádegos paleolíticos en Sober

Bifaz do Monte de Lobios.
Este ano 2015, atopáronse en Sober dous novos achádegos que, moi probablemente, pertencen ao Paleolítico: un bifaz e unha lasca, útiles de cuarcita.

Ambos obxectos estarían datados no Paleolítico Inferior, pertencendo ao conxunto de industrias achelenses do Pleistoceno Medio, ou Modo 2, (620.000 - 300.000 anos antes do presente), elaboradas polas comunidades de Homo Heidelberguensis.

Bifaz do Monte de Lobios.

O bifaz apareceu en novembro no Monte de Lobios, atopado por Paula Vázquez Verao nun camiño. 

Bifaz do Monte de Lobios.

A lasca foi atopada en Froxán, Proendos, polo Manolo do Cápito de Sante.

Lasca de Froxán.

Lasca de Froxán.
Estas pezas, que temos O Colado do Vento, poñémolas a disposición das persoas investigadoras para que as poidan estudar, pero lamentamos non poder doalas a un museo inexistente que debería haber en Monforte. Dende o ano 2006, o val de Lemos é un lugar privilexiado para o estudo sistemático do Paleolítico galego, mais non se conta cun espazo en Monforte onde poder amosar os múltiples achádegos nin explicar a súa interpretación.


* A nova no xornal La Voz de Galicia, con palabras de Arturo de Lombera: aquí.

* Outros achádegos paleolíticos en Sober: aquí.