VIAXE POLO PATRIMONIO DE PARADA DE SIL [3 - OUTUBRO]

Que imos ver en Parada de Sil?

- Necrópole de San Víctor de San Lourenzo.

Foto: http://sanvitordebarxacova.wordpress.com
 - Fábrica de luz de Barxacova.

- Mosteiro de Santa Cristina.

Foto: aquí.
- Balcóns dos Mouros ou de Madrid.


- Chandrexa.

- Ruta de sendeirismo entorno ao río Mao (aprox. 3,5 km).

Foto: http://www.turismoenxebre.com
 Cando?
  
4 de setembro - domingo -. 2 de outubro - domingo -. Quedou aprazada pola choiva.

Como?

Saimos en bus ás 10:00 horas da Praza do Concello de Sober. É necesario anotarse previamente (antes do 30 de setembro) no teléfono 659323833 ou en coladodovento@gmail.com

Prezo: 5 € (socios/as) - 10 € (resto.

Recoméndase que cada camiñante leve a súa comida para o xantar.

Agradecemos a colaboración de Alberto Fraga na organización da visita.


SOLPOR MUSICAL EN SANTIAGO DE CANGAS


Concerto de corda pola agrupación musical "Campo de Estrellas".

- Violín primeiro - Francisco Javier Fernández Places
- Viola - María Santos Fernández
- Contrabaixo - Alberto Rodríguez Arrojo

Convídavos a asociación O Colado do Vento, coa xenerosidade de Alfonso e de Paco e Mar.

Casa Reitoral de Santiago de Cangas.
21 de agosto de 2011.
20:00 horas.

Estades convidadas tamén á merenda!

fotos da actuación de Palimoco Teatro - MUÍÑOS DA XABREGA


Veu Palimoco Teatro a Sober co espectáculo de contos tradicionais galegos Queres que cho conte? e deixou cun sorriso nos beizos a nenos e nenas de todas as idades que se achegaron aos muíños da Xabrega. 


Foi unha actividade organizada polo Colado do Vento e patrocinada pola Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.


Se algunha nena ou neno quedou sen o seu agasallo ao remate da actuación podedes pedírnolo. Tamén vos podemos enviar fotos do acto.
coladodovento@gmail.com


Moitas grazas a Palimoco Teatro e ao público.



Palimoco Teatro o 9 de agosto nos muíños do Xabrega.

O martes, 9 de agosto, Palimoco Teatro actuará en Sober co espectáculo "Queres que cho conte?", escolma de contos populares.

Será ás 11:30 horas no entorno dos muíños da Xabrega (muíño habilitado como "fábrica de luz").
 
Actividade organizada polo Colado do Vento e patrocinada pola Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, dentro da actividade "Cultura sobre Rodas".

http://www.palimoco.com/

FOTOS DO ROTEIRO Á LUZ DA LÚA - 2011


Este ano saiu a lúa e fíxose a maxia no monte de Cadeiras.
Dende o miradoiro sobre o Sil ata o entorno do santuario, pasando pola Pena da Virxe, a música soou en Cadeiras da man de Mini e Mero, que nos brindaron un feixe de cancións míticas, do fagot de Gonzalo Lemos, a guitarra bluseira de Joel Salgado Buján e as intervencións do grupo O Trícole, de Óscar "Veliños", de Suso Verao ou de Sergio, descendente de músicos.




Os contos púxoos a magnífica contacontos Teresa Grau e a poesía as distintas persoas asistentes, entre elas, a rapsoda Carmeliña.



Déronnos as tres da mañá e aínda andabamos por aí, compartindo a noite e unhas bicas e roscóns que trouxo a Irene.

Grazas por acompañarnos! Deixámosvos as fotos de José María Lago.





SOBER E A MÚSICA

Paula Vázquez Verao (vid Bibliografía e Referencias abaixo)


Festas do Carme de Sober, ano 2002.
“Sober, terra de músicos” é un dito popular que reflicte a realidade destas terras da beira do Sil. 

Igual que para o resto de Galicia faltan datos para o estudo da música antes do século XI, tendo que limitármonos a imaxinar que polas terras que hoxe se enmarcan administrativamente no Concello de Sober as xentes habitantes dos seus máis de vinte castros danzasen en círculo, mentras bebían, ao son da “frauta e corneta”, como refire Estabón, e que houbese mozas que cantasen “na súa lingua” acompañadas “dalgún instrumento de percusión” á vez que danzaban e batían cos pés no chan, como a galaica da que fala Silio Itálico, danzas que perviviron, seica, máis alá da Idade do Ferro e da época romana, pois foron prohibidas no concilio bracarense do ano 512. Quen sabe, tamén, se era certa a acusación verquida contra os priscilianistas de realizaren prácticas supersticiosas con abundante presenza de música e se estas se celebraron aquí, na nosa ribeira?

A banda a inicios do s. XXI, dirixe Luis F. Guitián.
Podemos supoñer que a finais do século XI chegaría aos mosteiros de Sober – o masculino de Amandi, o feminino de Lobios – o canto litúrxico coñecido como gregoriano e que cara 1200 comezaría a facer acto de presenza a polifonía. Todo é suposición, que faltan datos, pero, como non imaxinar no Pazo dos López de Lemos unha representación trobadoresca durante os séculos XIII e XIV, época de auxe desta lírica?


Pinturas murais do s. XVI, Proendos.
Podemos rememorar, tamén, as cantigas populares acompañadas de múltiples intrumentos, entre os que destacarían a zanfona e a gaita, esta con gran aceptación no século XVI, coa que se interpretaban danzas profanas e litúrxicas. Quizais o gaiteiro e o seu acompañante representados nun dos murais do presbiterio da igrexa de Proendos, datado cara 1550, sexan personaxes reais, tan loiros os dous e birollo un deles, en contraste co resto das figuras.


Se pechamos os ollos, mesmo podemos escoitar aos cegos acompañados da zanfona a cantar romances nas feiras da Verea, dende o século XVII en diante, e quizais as xentes de Sober daquelas oíran algún vilancico interpretado nalgunha igrexa. E, tamén por aquel tempo, non podemos saber qué influencia puido ter nas terras de Sober o esplendor musical do Monforte do VII conde de Lemos.


Rebasada a metade do século XIX apareceu en Canaval a primeira banda da que se teña constancia nas Terras de Lemos* e a inventiva popular deixounos coplas e cantos, coma os que discurría pola mesma época o chamado “Tío Sabina”, que ensinaba a doutrina cunha peculiar cantiga en latín macarrónico. 

Banda de Sober en 1933. Dirixe: Antonio P. García, o "Rei".
 No primeiro terzo do século XX apareceron outras dúas bandas en Sober e soou a música nas festas e romarías dos distintos lugares, nos salóns do Café Galicia ou nos bailes e representacións teatrais do entroido de Proendos, que se financiaba coa venda de coplas nas feiras de Sober, que a propia veciñanza da parroquia musicaba. Imaxinemos así mesmo o papel que a música tería na romaría de Cadeiras, da que Ramón Castro López informa sobre a presenza de “Amazonas” e “Danzantes”. Ben seguro, tamén, que soarían polos camiños as coplas que “O Trícole”, personaxe singular, inventaba sobre a xente da zona ao irlles cantar os Reis.


Pasado o tempo da morte e da fame, unha formación de gaiteiros coñecida coma “A Tamborrada dos Carrazúas”, naturais da parroquia de Amandi, acudían a festas da contorna gañando o suficiente como para poder pagar o xornal dun home que lles atendese os eidos mentras eles vivían, folgadamente, da música. E apareceron tamén as orquestras para amenizar os bailes nos anos 50 e 60.
Punteiros da "Tamborrada dos Carrazúas".


Tiñan as xentes de Sober boas aptitudes para a música, sabendo cantar espontaneamente a dúas voces, especialmente en Proendos, onde os mozotes da parroquia chegaban a facer tres ou catro voces ben harmonizadas, cun aquel de competición por ver quen resaltaba máis, o que sorprendeu a Xosé Luis Rivas, “Mini”, cando impartiu clases no colexo “Virxe do Carme” a finais dos 70.  Así, enténdese a proliferación de agrupacións corais en Sober polos anos 60 e 70, con coros en Telleiros e Vilamaior, dirixidos polos irmáns Rodríguez Guitián, o Orfeón de Proendos, creado polo párroco Don Anxel, o Coro da Sección Femenina e logo a Coral e a Escolanía de Sober, premiada varias veces, ambas as dúas últimas creadas e dirixidas por Ramiro Ares Devesa, párroco de Sober dende finais dos 50 ata o 2009, que foi, sobor de todo, sensibilísimo músico e compositor. Hoxe, a tradición de canto coral pervive no grupo músico-vocal “O Trícole”, creado a finais dos 90, e no grupo de coro da Escola Municipal de Música.

Orquestra "La Soberana".
 A finais do século XX tamén xurdiu en Sober un grupo de rock, composto por rapaces da vila, e asentáronse por aquí músicos doutros lares, como Gary Kupa, e hoxe son moitas as persoas que non lle perdoan unha “arrincada” nas interminábeis sobremesas das festas “do patrón”.


Visto o fermento musical destas terras, non é extraño que nelas sobreviva unha das bandas máis antigas de Galicia, que é, sen dúbida, o estandarte máis senlleiro da cultura musical de Sober.

Primeira promoción da Escola de Música de Sober de 1975.

* Para coñecer a historia da Banda de Música de Sober, pódese adquirir xa, por só 10 €, o libro Banda de Música de Sober, Un século e medio de historia, editado pola nosa banda cunha axuda da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e coa colaboración de distintas empresas e asociacións de Sober. Pódese adquirir na oficina da Casa da Cultura ou nas actuacións da banda (a vindeira, o 15 de agosto nas festas patronais de Monforte, na praza de España ás 23:00 horas).

BIBLIOGRAFÍA E REFERENCIAS

- Informacións de Luis Fernández Guitián e Alfonso Campos Pérez.

- ALÉN, Mª PILAR. Historia da música galega. Ed. A Nosa Terra. Vigo, 1997.

- CASTRO LÓPEZ, RAMÓN. Reseña histórico descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su comarca. Deputación Provincial de Lugo, 1929. [Edición facsimile, ano 2000].

- FERNÁNDEZ GUITIÁN, LUIS. "As bandas de música nas Terras de Lemos". En: Coral Renfe. 1960-2000. Monforte de Lemos, 2000.

- FERNÁNDEZ LLANO, ENRIQUE. “Rasgos geográficos, económicos y humanos de Sober” (p. 19 – 30). En: FERNÁNDEZ LLANO, ENRIQUE. Descripción del término municipal de Sober. Monforte de Lemos, 1977.


- RIVERA ARMERO, RICHARD; REYES FERRÓN, FERNANDO e FERNÁNDEZ GUITIÁN, LUIS. Itinerarios histórico-musicais. Monforte de Lemos. 2008.


- VVAA. “Banda de Música de Sober. Dos siglos de tradición musical viva” (p. 108 – 111). En: VVAA. Sober. Servizo de Publicacións da Deputación Provincial. Lugo, 1998. 


- http://fgbmp.net – Web da Federación Galega de Bandas de Música Populares.