INTRODUCCIÓN

UNHA VISITA A PROENDOS

Queda Proendos nun outeiro mesetario a 480 m. sobre o nivel do mar, a menos de un km. da capital municipal.
Dende o Alto de Penelas a Castrelos, pasando por As Tapias, As Portelas, Pedride, Vilastrille, Pedorade e As Tercias, hai un amplo territorio onde o home, ó longo do tempo, deixou a súa impronta.
E é iso o que imos facer, unha viaxe por un dilatado período de miles de anos onde nos encontraremos con pezas megalíticas reconvertidas en tapa de fonte, petroglifos da Idade do Bronce, abundantísimos vestixios castrexo romanos que sementaron na imaxinación popular a fabulosa Proencia das lendas, o medievo das necrópoles e, sobre todo, dos restos da igrexa románica (S. XII) engalanada cos frescos do S. XVI.
Poderemos ver, tamén, a arquitectura nobiliaria das casas de Vilastrille, de fins do XVII, e a casa dos Ojeas do XVIII, e mesmo o conxunto do pobo de Proendos, adoradores dos deuses pagáns do Entroido, que conserva certo encanto, ás veces estragado, de lugar preladrillo, onde se gardan ciumentamente os tesouros das leiras.
Pero ollo, non imos ver un museo aséptico e ordenado, achegarémonos a unha realidade fragmentada non sempre ben conservada e respectada. A escena, iluminada coa luz intermitente dos vestixios, haberá de ser completada coa nosa intuición e imaxinación á espera de novas claves a durmir nos eidos.
* FOTOS: Roseta da Finca do Barbado (Foto de Manuel Losada Losada) e Petroglifo do Xestal.

OS PETROGLIFOS

Encádranse estes petroglifos no chamado Grupo Galaico de Arte Rupestre, datados entre o IIIº e os primeiros séculos do IIº milenio A. C., abundantes nas zonas costeiras e, sobre todo, arredor das rías de Vigo e Pontevedra; sendo moito máis escasos no interior, á espera de novos achádeos.
Teñen os de Proendos motivos cun alto grao de abstracción dentro destas insculturas ó ar libre: coviñas, círculos concéntricos, sucos: Un destes sucos parece debuxarnos unha figura na chamada Pena do Cabalo.
Motivos, polo demais, non só semellantes ós do ámbito atlántico europeo, onde haberemos de encadralos, senón practicamente universais.
Sería abondoso falar do seu significado non suficientemente desentrañado: desde ritos de fertilidade, altares de sacrificio, representacións celestes e fenómenos cósmicos, marcas de territorio sinalando lugares de caza, e un lonxísimo etc. que pasa por extraterrestres, códigos matemáticos, calendarios lunares, ata as teorías de Anati que lles dá unha antigüidade de 8000 anos, sendo para el a primeira manifestación ideográfica dunha escritura.
Nas cercanías do pobo de Proendos están os do Xestal, O Pombal, A Pena do Cabalo, As Portelas, Os Lagos, As Tapias, As Tercias e na chamada finca de dona Rosario Guitián que sería medieval a dicir dalgúns; ós que haberemos de engadir o de Froxán, Os Cótaros na parroquia de Figueiroá (a pedra debe servir de línde), e tamén, non demasiado lonxe, as coviñas do Monte do Cura en Millán.
Deles, As Portelas e os Lagos están catalogados pero ilocalizados polo abandono dos cultivos; As
Tapias e As Tercias, sen catalogar e ilocalizados, pero dos que hai fiables testemuñas orais da súa existencia.
No caso do das Tapias a pedra foi tapada ó redor dos anos 50 do S. XX polo medo que tiña o dono á expropiación do terreo. No caso do das Tercias, o informante da fe de
ter visto nun penedo (localizado) dun eido seu as ferraduras do Cabalo de Santiago (círculos concéntricos).
Hainos noutros puntos do Concello de Sober como Cadeiras, relacionados coas lendas do nacemento da Virxe, e a carón do regato de Baldeiros en Anllo Santo Estevo.
Teríamos moito que falar do seu estado de abandono, e a absoluta falta de respecto co que algúns deles son tratados: vertedoiros de lixo nas inmediacións, tractores e cultivadoras arrastrándose polas pedras …

CASTREXO-ROMANO

Castro de Proendos
Todas as noticias que temos del son por referencia de varios autores, outorgándolle en xeral unha grande importancia dentro do territorio de Lemos, pero sen a penas descricións nin relacións de achádeos (normalmente, confúndense ou fusionan xacemento castrexo e poboamento romano).
Entre outros, aluden a el, ademáis do propio Vázquez Seijas, Murguía (1901), Amor Meilán (1936) e Arias Sanjurjo (por referencias de outros).
Asentamento romano
Todos os autores que acabamos de citar aluden ós restos atopados en Proendos e á importancia que a denominada por eles Proentia debeu de acadar en época romana. Así, menciónanase restos de mosaicos (Murguía), parte dunha muralla de peche e unha construcción circular (Arias Sanjurjo que a interpreta como xermánica, mentres que Amor Meilán a dá coma romana) e varios achádeos de ladrillos, fustes de columnas, etc. (Castro López, 1929).
Dirección: Juan Carlos López García
Memoria: “Prospección Intensiva
para a delimitación de Proendos”
Nas súas labouras, os paisanos de Proendos tiveron que convivir dende sempre, co que os sachos e, sobre todo, os arados levantaban das terras, chegando, ás veces, a ser un gran impedimento. Eses materiais foron acumulados nos chamados musarellos, muros de ata cinco metros de ancho por varios de alto feitos de cachote e algúns anacos de ladrillo e lousa, no que se mesturaban cachos de muíño de man, pías, fustes, etc. Elevándose polos anos cincuenta maxestuosos nas leiras do Nogueiral e Pedride, foron levados case na totalidade para o firme da estrada Sober- Doade, onde foron parar, tamén, as mámoas de Cadeiras.
Encontráronse os paisanos con pedras labradas, algunhas con molduras ou debuxos (trísceles, rosetas, motivos curvilíneos e xeométricos, epigráficos, etc.), basas, fustes, muíños de man circulares; apareceron tégulas, fusaiolas, ladrillos, lousa, anacos cerámicos, pezas dun posible mosaico, escorras metalúrxicas, utensilios metálicos; en varios puntos ademais das xa catalogadas, hai necrópoles voltas a tapar que podemos situar pola tradición oral e mesmo por fotografías, nalgún caso; os arados sacaron á luz moedas en distinto estado de conservación e as diferentes obras desenterraron os elementos dun hipocausto, muros ás veces reaproveitados (un deles forma parte dunha fosa séptica), canalizacións, pozos de auga cegados, etc.
Si se cava ata certa profundidade a cinsa é un elemento moi abundante.
Dalgunhas leiras téñense levado camións de pedra labrada que se arrincaron ca utilización dos arados mecánicos.
En moitos lugares os indicios están a flor da terra, sendo máis abundantes no Nogueiral, Pedride e nas inmediacións da igrexa.

MEDIEVAL

Necrópole medieval
É de novo Vázquez Seijas quen aporta datos sobre ela, mencionando o seu descubrimento no transcurso duns sondeos realizados por el mesmo e outros colaboradores. Se ben non aporta adscrición cultural, supóñense medievais, cando menos algunhas delas (outras, segundo as descricións facilitadas, ben poderían pertencer aínda á época romana, aínda que xa tardía).
Estes achádeos foron realizados nunha finca contigua á igrexa e á rectoral de Proendos.

Dirección: Juan Carlos López García
Memoria: “Prospección Intensiva
para a delimitación de Proendos”

PRESBITERIO ROMÁNICO DA IGREXA DE PROENDOS


* Románico: A expresión foi proposta en 1818 polo arqueólogo normando D. Gelville intentando resaltar a conexión de dito arte coa tradición romana. Recolle a tradición das culturas coas que está en contacto, substitúe as cubertas de madeiras por bóvedas ó estilo romano, reforza os muros laterais, e utiliza o arco de medio punto, dando lugar a unha renovación cultural e estética.
Angel del Castillo sitúa a súa construcción na primeira metade do S. XII, recordándolle a rusticidade constitutiva a época visigótica.
O período do románico foi a gran época do Reino de Galicia: as cantigas, o poder político dos nosos reis, o Camiño de Santiago como vieiro cultural de Europa, o emprego da nosa lingua en tódolos ámbitos da vida, os monumentos... son o reflexo dun pais normalizado.
O románico tende a encher os espacios baleiros (“horror vacui”) con escenas recollidas do mundo natural (plantas, animais), con paisaxes bíblicos nunha clara intención didáctica e con motivos recollidos das tradicións dos lugares nos que se asenta de resonancia castrexa ou hispano-visigóticas: trenzados, cesterías etc.
* Pinturas ó fresco: Chamadas así porque o artista ten que traballar sobre un revocado húmido, sobre o que non poderá borrar nin corrixir. As cores diluíanse en auga de cal. Son moi fráxiles e sensibles á humidade que as fai saltar.
Apareceron en Proendos en 1977 cando o párroco D. Manuel Montes lles quitou a capa de cal que as recubría.
Dátanse no fin do S. XV ou comezos do XVI. A súa autoría é descoñecida.

RENACEMENTO

Pinturas murais ó fresco do século XVI no ábside da igrexa de Santa María de Proendos.

CASAS GRANDES

A nobreza de liñaxe, señorial ou fidalgo, con poder económico e rendas, edifica estas casas brasonadas no rural compartindo, ás veces, a súa opulencia coas do clero e distinguíndose claramente das do común do pobo, verdadeira mao de obra xeneradora de riqueza.
Foi feita a casa de Vilastrille no ano 1692 por Feijoo Sotomayor, pasando logo a ser a casa dos Méndez por cuestións matrimoniais. Figura como lugar de elaboración de moitos documentos, entre eles o Catastro do Marqués da Ensenada sobre as parroquias de Arroxo, Refoxo e Proendos. Por desgracia a documentación da casa foi queimada para acender o lume.
Foi escola ata mediados dos anos 70 do S. XX. Viven nela varios membros da familia Méndez.
Ó lado está a casa dos Catalinas, unha casa forte rodeada de unha ampla extensión de terreo. Ten documentación dende mediados do S. XVII entre a que figura unha árbore xenealóxica completa, e conserva a estructura e o mobiliario orixinais.
A chamada casa dos Oxeas en Proendos foi feita no ano 1715 pola familia Fernández Salgado Guitián, dona de outros solares como o de Tanquián en Pantón.
Conserva abundante documentación. Dende principios do S. XX pertence, por compra, á familia Sacristán.
En fronte, está a casa dos Vertunías, emparentados con moitas das casas grandes do Concello de Sober.

SOBER - MEDIO FÍSICO

O Sil dende Bolmente.

En canto ás formas de relevo, Sober, coma o resto da comarca, combina as formas horizontais achairadas a distintas alturas cos cortes verticais dos profundos vales encaixados do Cabe e, sobre todo, do Sil. A maior elevación é o Monte do Bidual, en Doade, con 813 metros sobre o nivel do mar; a zona máis baixa de Sober é A Barca, lugar de confluencia de Cabe e Sil, con 148 metros. En canto ao tipo de rochedo, dominan as rochas graníticas, na zona ribeirá, onde tamén hai rochas metamórficas, coma a chamada “Ollo de Sapo”, e depósitos de arxilas na zona do Cabe.
O Sil dende o Castro da Xabrega.
Hai presenza de distintos microclimas, dende a franxa de clima atlántico-mediterráneo en torno ao Sil, con temperaturas suaves en inverno e altas no verán, e o clima máis continentalizado do resto do Concello de Sober. As temperaturas son bastante contrastadas entre o verán (moi elevadas) e o inverno, salvo na zona ribeirá. Durante os meses de verán apenas chove, producíndose unha gran evapotranspiración.
O clima atlántico-mediterráneo orixina unha flora que combina as especies de bosque atlántico – carballo, rebolo, que aparecen, tamén, xunto a freixos, bídulos e piñeiros mansos - con especies mediterráneas – aciñeira, sobreira, érbedo -. Abunda o monte baixo – xesta, toxo – e plantas medicinais – lavanda, ourego, romeo… É importante a presenza de soutos de castiñeiros nas zonas altas e plantacións de piñeiros nos montes comunais de Bolmente e Anllo. En torno aos regatos aparecen o salgueiro, o freixo, o bídulo e outras especies. Abundan tamén as especies micolóxicas.
En canto á rede fluvial, as terras de Sober quedan enmarcadas no ángulo que forman Sil e Cabe en torno á súa desembocadura, e son drenadas por numerosos regatos, coma os de Sante-Fervedón, Pousavedra, das Lamas e Portizó, afluentes do Cabe, e os da Lampaza, San Mateo ou de Camilo, afluentes do Sil.
Acios de mencía en Amandi.
ECOXEOGRAFÍA DA "RIBEIRA SACRA"

A Ribeira Sacra está constituída por parte das concas do Sil e o Miño.

Nas formas do terreo que atopamos, observamos o contraste entre as chairas do centro – a depresión de Monforte, drenada polo Cabe – e os bloques dos canóns de Sil e Miño, onde predomina a verticalidade, con vales encaixados de fondas pendentes.

En canto ao tipo de rocha, dominan as rochas xisto-pizarrosas e cuarcíticas, habendo tamén rochas sedimentarias terciarias e cuaternarias e, na zona oriental, rochas calcáreas. A forma do relevo está en relación ao tipo de rochedo: as zonas máis escarpadas do canón aparecen na zona de rochas graníticas (por exemplo, na zona sul de Sober), mentras que as zonas xistosas son de menor pendente (por exemplo, a zona de Doade).
O relevo da Ribeira Sacra é froito da interacción da tectónica e da dinámica fluvial. Esta zona, igual que o resto de Galicia, foi intensamente fracturada e presenta diferentes orientacións na dirección das fracturas, que condicionaron o curso dunha rede fluvial galega que é moi antiga. O encaixamento do Sil e o Miño produciuse a finais do Terciario e inicios do Cuaternario, cando se ergueron os bloques do que hoxe son os canóns. Antes, o Paleo-Miño pasaba polo que hoxe é a zona sarriana e o Paleo-Sil pola que hoxe é a depresión de Lemos, pero os movementos tectónicos aludidos expulsaron ao Miño cara ao oeste e ao Sil cara o sul (non obstante, o curso do Sil pola ribeira ourensá, polo que hoxe é Parada do Sil, ía máis ao sul que na actualidade).
O retoque final a este produto xeolóxico que é a Ribeira Sacra realizárono as mans de homes e mulleres, que fixeron desta unha paisaxe eminentemente antrópica. Os socalcos, que permiten a fixación da terra necesaria para o cultivo da vide nunha zona de fortes pendentes, son a gran obra humana da Ribeira Sacra, “a obra máis impresionante que ten Galicia” [PÉREZ ALBERTI, AUGUSTO; "Caracterización ecogeográfica del Valle del Sil". En: Xunta de Galicia (2004): La Ribeira Sacra. Esencia de espiritualidad de Galicia.]