PETROGLIFOS DE SOBER

Por Alfonso Campos Pérez

limiar
Cando eramos pequenos, as nosas nais levábannos a ver o sol, a lúa e as estrelas debuxadas naquelas pedras do Xestal, e mirabamos arroubados o sol grandichón, a lúa máis pequeniña e as aínda máis cativas estrelas, repartidas por toda a pedra, como puntiños escavados na rocha.
E criamos ver un pequeno poñendo alí eses garabatos tan parecidos ós nosos. Si, ós adultos habíanlles de parecer algo inxenuos e sen orde, pero nós ben sabiamos que podían representar o universo enteiro.
Oímos, logo, aquelas historias de sacrificios, do branco cabalo de Santiago deixando as súas pegadas e, no 1977, con Enrique Fernández Llano, empezamos a saber dun tal Vázquez Seijas como un dos primeiros divulgadores das nosas insculturas.
Cando xa fomos repoliños acompañamos a algúns curiosos, escoitamos os seus comentarios e fomos, ó longo dos anos, lendo algúns libros, co vicio xa irremediablemente no corpo. Foi entón cando soubemos que había outras pedras semellantes ás nosas, denominadas polos estudosos Grupo Galaico de Arte Rupestre; formadas por un conxunto moi peculiar datado, de xeito amplo, na Idade do Bronce, entre o III e o II milenio antes de Cristo; observándose nel unha serie de factores comúns como o soporte xeralmente granítico, a situación, a temática, o estilo, a omnipresente liña curva, a erosión dos sucos, etc; podendo distinguir dous bloques diferenciados: un, o das figuras xeométricas (círculos, sucos, coviñas, espirais, etc.) cunha forte carga simbólica; e outro, menos numeroso, de carácter naturalista (cervos, cabalos, figuras humanas, armas, ídolos cilindro, etc.) máis propios das áreas costeiras, que individualizan os gravados galaicos fronte ós de outras estacións rupestres europeas.
E así, puidemos situar os de Sober, fundamentalmente dentro dos xeométricos, agás algunhas excepcións duvidosas de temática máis realista coma a da Pena do Cabalo en Proendos e o Petroglifo da Tapada do Monte en Anllo santo Estevo.
Nos últimos tempos o arqueólogo monfortino Iván Álvarez Merayo ampliou considerablemente o repertorio das insculturas ó ar libre soberinas, podendo falar, hoxe, de dezaoito puntos perfectamente ubicados, ós que, máis tarde ou máis cedo, se haberán de engadir outros xa referenciados e non atopados polo de agora.
Duns e doutros fala este traballiño, completado con algúns lugares interesantes do contorno inmediato.
Pouco máis podemos facer ca unha descripción física, de ubicación, establecer coincidencias e paralelismos, estatíscas, referirnos ás diferentes teorías ata o de agora elaboradas, e, sobre todo, deixar voar a imaxinación e soñarmos coa mirada inxel daquel neno que levaron un día a ver as estrelas o sol e a lúa, cunha xente escribindo nas pedras mensaxes que hoxe intentamos ler coma párvulos empezando a dar os primeiros pasos no silabario.
un pouco de historia
Durante séculos, os petroglifos galegos foron vistos polos nosos devanceiros como manifestacións enigmáticas dun mundo mítico que é, ó fin e ó cabo, un intento de explicación moi humana da realidade, un elemento transformador que, como opina o crítico británico George Steiner, se estamos dispostos, invade o noso ser e transfórmanos de xeito definitivo. Porque o mito ten a súa parceliña a carón da chamada ciencia, da racionalidade, do logos grego, desenvolvendo as nosas capacidades e potencialidades; o mito alimenta a imaxinación e responde a preguntas ás que non sempre a razón é capaz de dar cumprido curso: o verdadeiro senso da vida humán. Polo tanto, a explicación lendaria dos petroglifos é un valor engadido que enche de poesía unha das manifestacións máis singulares da arte galaica.
Será Manuel Murguía, reseña do nacionalismo e pai da historiografía galega, o que faga as primeiras referencias “serias” sobre os nosos gravados rupestres, servíndolle para reafirmar o seu celtismo militante e dar unha orixe común a Galicia, Bretaña, Irlanda e Escocia. O prestixio de Murguía fai que o estudo destes gravados experimente un importante despegue, producindo interesantes e controvertidos debates; e así, as insculturas, poden pasar de ser signos astronómicos de rito druídico a ser para os anticeltistas como García de la Riega, unha escritura neolítica producida polos Kimros. Teorías acertadas ou non pero que confirman o crecente interés por unha materia ata de agora descoñecida.
Será durante a época do Seminario de Estudos Galegos, e sobre todo Ramón Sobrino Buhigas cos seus longos anos de búsqueda e catalogación dos complexos rupestres para a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, refrexado no Corpus Petroglyforum Gallaeciae o que dará un importantísimo pulo a estes estudos. Tralo parón da Guerra Incivil será o seu fillo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza quen siga con forza o traballo do pai.
Seguindo a Antonio de la Peña Santos, un dos grandes estudosos desta manifestación artística, despois dun período de estancamento (1980-1985), prodúcese un novo rexurdimento nos anos noventa no que destacan o própio Peña Santos, Vázquez Varela, Costas Goberna, Manuel García Rey, entre outros, así como autores do norte de Portugal. Obrigado é citar a Antonio Álvarez Núñez, arqueólogo do noso ámbito xeográfico, que dende antes deste período tiña feito importantes e referenciados estudos sobre os petroglifos de Campo Lameiro e Fentáns (Cotobade), á márxe doutros moitos traballos arqueolóxicos.
Nese rexurdimento, á parte da laboura feita a mediados dos anos 40 do século XX por Vázquez Seijas (1945-46) que é onde se citan por primeira vez os petroglifos do Concello de Sober e concretamente algúns da parroquia de Proendos, Figueiroá e Millán, foi no ano 2006, por mor dun encargo da área de Patrimonio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, cando se catalogaron dezaoito puntos de insculturas ó ar libre da man do arqueólogo Iván Álvarez Merayo, fillo do citado Antonio Álvarez Núñez, situando o concello como referencia importante nesta arte prehistórica, sobre todo no referido á Galicia do interior, a gran descoñecida, onde se están producindo, nestes últimos anos, novos achádegos.

Sem comentários: