Mostrar mensagens com a etiqueta HISTORIA(S) daquí e acolá. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta HISTORIA(S) daquí e acolá. Mostrar todas as mensagens

A Ribeira Sacra. Ula? Desde cando?

Viña da Cividade

 Artigo de opinión de Xesús Verao Pérez.

Os comentarios que a seguir se propoñen débense á lectura da publicación Mosteiro de Montederramo Colección documental e índices de Ramón Lorenzo. E só no relativo á denominación Ribeira Sacra. Manexamos o pdf ao que se ten acceso na web do Consello da Cultura Galega.

Partimos da idea, (non sei se intencionada ou teimuda) evidentemente errónea de que a Ribeira Sacra ten a súa orixe no mosteiro de Montederramo. E de como esa visión se foi trasladando de forma acrítica a toda a literatura que nos últimos anos se elaborou sobre este territorio que, desde 1991, chamamos Ribeira Sacra.

No índice toponímico da citada obra, proponse o nome “Ribeira Sacra, territorio” como o actual dos recollidos nos documentos 3, 87, 133, 189 e 698, que van desde 1124 a 1309. En realidade é un só documento que reproduciron diferentes monarcas confirmando a doazón feita por Dona Tareixa en 1124. As denominacións son: Rovoyra sacrata, no nº 3 (tres ocasións). Revoyra sacrata ( unha vez) mais rovoyra sacrata ( tres) no nº 87; a variante revoyra está na presentación do documento que a seguir se transcribe literal, de aí as tres formas coincidentes coas do documento nº3. Nos documentos 133 e 189, a forma é revoyra sacrata (só unha vez en cada). Finalmente no nº 698 ademais de revoyra sacrata (introdución) incorpóranse as variantes revoeyra sacrata (unha vez) e rovoeyra sacrata (dúas ocasións). A partir de 1309, en ningún documento, dos dous mil que se transcriben, aparece o nome. 

Esa Rovoyra sacrata, non é ningunha Ribeira e menos un territorio. Trátase dunha “carballeira sagrada”, como xa ben veces se demostrou. Senón, como se pode entender que a palabra Ribeira apareza por centos (non sei se miles) de ocasións nos mesmos textos transcritos! Ribeira é a forma do documento nº 50 ( A Rribeira), por pór o primeiro texto no que lemos a palabra. Pero o concepto de “territorio” é igual de discutíbel, pois dise claramente que se trata dun lugar en Montederramo, territorio de Caldelas (“locum qui dicitur Rov oyra Sacrata, qui est in Monte de Ramo, territorio Caldelas”). E en Montederramo non hai demasiada ribeira, polo menos como os ribeiraos a entendemos. Pero, ademais, nos documentos 87 e 698 refírese á “revoyra sacrata” como “ipsa robor” (“ut donatio ipsa robur”). Un arboredo non é un territorio. Para corroborar o anterior, nos documentos 133 e 189 Revoyra sacrata é un de entre un fato de lugares e terras que se confirman como doados ao mosteiro. 

Trátase dun lugar, non dun territorio. Pero non só no tratamento do índice se actúa dando por suposto que, histórica e filoloxicamente falando, a Ribeira Sacra actual é a continuación da Rovoyra sacrata (lembremos “Reboredo sagrado”) do documento nº 3. Tamén na reseña que abre cada documento se dan por válidas as propostas da tese oficial actual que se plasma nos textos da declaración da Ribeira Sacra como territorio Bic. O texto nº 3 ábrese como “lugar que chaman Ribeira Sagrada”. Isto é, dáse por válido que Ribeira Sagrada é a evolución de Rovoyra sacrata. Está claro que a formación filolóxica do autor de tan exhaustivo e enorme libro non o pode levar a esta equivocación. Pola contra, está a trasladar o que si se instaurou como erro actual na xustificación etimolóxica, lonxe de calquera explicación científica, tanto histórica como lingüística. Na reseña dos textos 87 e 1035 suprímese a referencia ao “lugar” e pásase directamente a falar da Ribeira Sagrada, cando o texto que acompaña continúa a falar do “locum qui dicitur Rovoyra sacrata”.

Pero tamén na primeira das presentacións do libro, por desidia cremos, cáese en falar de memoria, pois non se fala da rovoyra sacrata senón da rivoyra sacrata, tal como o leu Yepes, que seguro andaba buscando unha palabra que se parecese a “ribeira” e que levase o modificador de “sagrada”. Cadráballe para a súa historia da Orde Bieita. Parece lóxico concluírmos que non se estaba a falar dos dominios do mosteiro nin dun nome que se usase para referirse a eles, que se trata dun lugar (non de ningún territorio) que está en Montederramo, Terras de Caldelas (“locum qui dicitur Rouoyra Sacrata, qui est in Monte de Ramo, territorio Caldelas”). Nesa época, nin en posteriores, non podemos falar de Ribeira Sagrada, e menos de Ribeira Sacra, nin falándomos de territorio nin como tal nome. 

A Ribeira Sacra data de 1991. Non inventemos cousas. Non imos ser máis nin menos. Imos ser o que somos - que é moito - e o que queiramos ser: un territorio que arredor do viño e da DO Ribeira Sacra se está a configurar como unha realidade universal e nosa.

Xesús Verao Pérez. A Pereira – Barantes, na Ribeira.

O Sil dende a ribeira de Barantes.

 

2019: pequenas e modestas olladas sobre algúns aniversarios de acontecementos relevantes para Monforte de Lemos

 Foto de Colado do Vento.

Un artigo de Xosé Martínez Rodríguez. 
Fotos: Paula V. Verao.


No ano 2019 poden celebrarse moitos aniversarios de acontecementos destacados para Monforte.  
No ano 2019 pódense celebrar moitos aniversarios relacionados con acontecementos importantes na cidade de Monforte de Lemos. Os que se sinalan a continuación, pode haber evidentemente máis, abranguen dende a idade media á época contemporánea pasando pola época moderna.

 Foto de Colado do Vento.

1199 Primeira aparición do nome Monte Forte (hai 820 anos). 
Sinálase na entrada da Gran Enciclopedia Gallega que en 1199 (hai este ano 820 anos) aparece por primeira vez o nome de Monte Forte para designar a nosa poboación. En concreto as palabras da orixe sinalada autoría de Germán Vázquez relacionadas con este feito son as seguintes: “El propio Alfonso IX y su esposa reafirman, por un diploma del año 1199 la jurisdicción del cenobio (refírese ao mosteiro de S. Vicente do Pino) de Monte Forti, qui olim dicebatur Pinus sobre todas las iglesias de la villa y la prohibición de construir allí tempos a cualquiera otra orden. Más aún se exime al monasterio del tributo de jantar que obligatoriamente pagaba al monarca. En la documentación que nos ocupa aparece, por primera vez, el nombre de Monte forte para designar a nuestra población”. 

1539 construción da igrexa de S. Vicente do Pino (hai (480 anos). 
Pita Andrade na súa obra Monforte de Lemos (1952) sinala referíndose á igrexa de S. Vicente do Pino que: “En 1539 se construye la iglesia (...) Una inscripción que se encuentra en el contrafuerte exterior del crucero (lado de la Epístola) permite fechar el templo. Dice así: ESTE.TEPLO. [sic] SE COMEÇO./ANO. M. D. XXXIX. SIEN/DO. PO(N)TIFICE. PAVLO. III./ REY. DE. CASTILLA. CARLOS”. 


1619 Consagración da Igrexa do Colexio Nosa Señora a Antiga, tamén chamado do Cardeal, da Compañía ou dos Escolapios (hai catrocentos anos). 
A este respecto indica José María Lago Borstein na obra Crónicas históricas de la villa de Monforte: “A partir de las primeras décadas del siglo XVII, la explanada que discurre entre la fachada del Colegio de la Compañía y las Casas Nuevas (...) se convertiría en el punto de encuentro donde se darían cita los grandes acontecimientos de la villa de Monforte. (...) Consagración de la Iglesia del Colegio de la Compañía La fecha elegida para la organización del acto fue la del 4 de agosto de 1619 y estuvo organizada por los VII Condes de Lemos (...) Los festejos duraron cuatro intensos y calurosos días, entre el 4 y el 7 de aquel mes, concentrándose las actividades al amanecer o a la última hora, tras la caída del sol. Además de los oficios religiosos (...) se programaron varias representaciones teatrales y otros entretenimientos”.

1809 Invasións dos franceses a Monforte (hai douscentos dez anos).
 A este respecto indica Germán Vázquez na entrada Monforte da Gran Enciclopedia Gallega: “La guerra de la Independencia tuvo especial repercusión en Monforte, que fue sitiada tres veces por las tropas francesas (el 18 de enero, el 20 de abril y del 4 al 11 de junio del año 1809). Durante el primer cerco a Monforte la mayoría de las tropas francesas acaparon en tierras de O Saviñao, obligando a la justicia de Diomondi a que les hiciera acopio de provisiones. Pero los paisanos de la zona las atacaron y las forzaron a huír cruzando el río Miño por Belesar. Las dos incursiones restantes de los franceses fueron catastróficas para la ciudad pues las tropas de Soult penetraron en Monforte y cometieron toda clase de atropellos”. 

 Foto de Colado do Vento.
 
1899 hai 120 anos. Publicacións En 1899 publica Manuel Amor Meilán un libro relacionado con Monforte El secreto de una tumba. 

1919 Nace o polifacético Antón Patiño: libreiro, micólogo, escritor... (hai cen anos). 
Está relacionado polo seu casamento con Monforte de Lemos. Faleceu en 2005. Os seus descendentes continúan a destacar no eido artístico. Deixou dúas obras moi destacadas publicadas en 2005. Unha é o libro de relatos Memoria de ferro e outra o de composicións poéticas A viaxe no tempo [Monforte dos ensoños] Sería interesante aproveitando estes aniversarios vinculados a Manuel María, Antón Patiño, Hermida Balado, Germán Vázquez... estes aniversarios vinculados á palabra que pregóns, colaboracións... lembrasen estas figuras claves na cultura local. 

1929 Publicación do libro Reseña histórico descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su comarca do crego de Vilar de Ortelle Ramón Castro López (hai 90 anos). 
Hai 90 anos publicouse este importante libro na bibliografía local onde hai importantes apuntoamentos sobre arqueoloxía, festexos, costumes... das Terras de Lemos. Imprimiuse ademáis en Monforte na imprenta de Felipe Rodríguez. 

 Foto de Colado do Vento.

1959 Ano importante para Manuel María (o seu casamento). 
Hai sesenta anos. 1959 é un ano moi importante para Manuel María. Casa en Lugo con Saleta Goi e o matrimonio instálase en Monforte, lugar onde Manuel María comeza o seu labor de procurador. 

1969 Publícanse dúas obras moi importantes na bibliografía de Monforte de Lemos da autoría de Hermida Balado e de Germán Vázquez (hai cincuenta anos). 
Páginas monfortinas de Germán Vázquez e Lemos (Pequeña historia de un lugar con mucha historia de Manuel Hermida Balado publícanse en 1969. En relación a isto coincidindo con celebracións como o Día do Libro sería interesante facer lecturas públicas de textos relacionados coa historia local mesmo combinadas con charlas para aumentar a estima da poboación local monfortina pola historia e o patrimonio da cidade, do concello e da contorna. 

 Foto de Colado do Vento.

1979 Primeiras eleccións locais na democracia. Manuel María publica As rúas do vento ceibe. (hai corenta anos). Margarita Rodríguez Otero publica Verbas esquecidas. 
En 1979 celébranse as primeiras eleccións locais en democracia. Este ano Manuel María publica un libro poético destacado dedicado á poboación máis nova. Se en 1968 saía á luz Os soños na gaiola, este ano é a quenda do libro As rúas do vento ceibe. Por outra parte a investigadora e historiadora local Margarita Rodríguez Otero, tamén escritora, publica o libro de poemas Verbas esquencidas. 

1989 Abre a Oficina de Información Turística nas Casitas da Compañía (hai trinta anos). 
Publicación de Manuela Sáez. 
 A Oficina de Información Turística abre nas Casitas da Compañía. Agora segue habendo unha Oficina Municipal de Turismo situada na rúa do Comercio, 6 onde estivo a Casa do Concello. Manuela Sáez, historiadora local, por outra parte realiza a súa tese doutoral sobre a pratería nas dioceses de Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui (Universidade Complutense, Madrid, 1989). 

 Foto de Colado do Vento.

1994 Libros (hai 25 anos).  
En 1994, hai 25 anos, publicouse o interesante libro de Manuel Baamonde Hermida Medio siglo de Periodismo Monfortino. 

1999. Inaugúrase o Edificio Multiusos e o CEIP Monforte. Libros. Nace a Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra (hai vinte anos). 
Hai vinte anos inaugurouse o Edificio Multiusos e o CEIP Monforte. Tamén ese ano se publica un fermoso e interesante libro na blibliografía local: Viaxe ás terras encantadas de Lemos de Lois Diéguez. Vennos á mente unha idea que sería interesante. De igual modo que se recompilan pregóns das Festas Patronais, sería interesante que se fixese o mesmo cos pregóns da Feira do Libro, entre eles o dado por Lois Diéguez na pasada edición da Feira do Libro de Monforte de Lemos de 2018. En 1999 tamén nace a Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra.

 Foto de Colado do Vento.

2009 Inaugúrase o Centro do Viño da Ribeira Sacra. 
En 2009 inaugúrase o Centro do Viño da Ribeira Sacra na rúa do Comercio onde estivera ata 2001 a Casa do Concello. 

Crónica (subxectiva) do encontro con Xurxo Ayán sobre a Ribeira Sacra: un problema non só de relato



* Crónica de Paula Vázquez Verao.

O venres, 27 de febreiro, no Centro do Viño da Ribeira Sacra, edificio do antigo Concello de Monforte, Xurxo Ayán, “neto de indíxenas” pronunciou a exposición titulada “Ribeira Sacra: unha paisaxe heroica, un patrimonio da(s) comunidade(s)”. A solemnidade do formato non foi obstáculo para abrir un debate irreverente, polémico e que buscou ir ás raiceiras da situación de decadencia socioeconómica das terras lemavas.

Cun auditorio desbordado pola asistencia quedou claro o interese social da temática: a poboación das comarcas da denominada Ribeira Sacra quere ser parte da decisión sobre a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade, o que significa que quere decidir que tipo de sociedade quere ser.

Dende O Colado do Vento, precisamente, impulsouse este debate público por considerar que é necesario dotarse de espazos de intercambio real de ideas por parte da cidadanía, pois, de non existir dinámica social de debate e participación sobre o modelo de sociedade que queremos, o modelo será imposto, irremediablemente.

A asociación convidou a Ayán por coincidir no desacordo co modelo de xestión do Patrimonio, afastado da implicación das comunidades locais, na crítica do relato hexemónico – institucional e turístico – sobre este territorio e na vontade de exercer de cidadanía consciente.

O caso da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade é un exemplo de proxecto impulsado dende as institucións (as Deputacións de Ourense e Lugo) que non contou coa poboación máis que para rular un autobús recollendo sinaturas polas vilas, descoñecendo a xente deste territorio tanto o documento técnico da candidatura que está a elaborar a USC coma as implicacións da declaración Patrimonio da Humanidade.

Analizou Ayán que existe neste territorio de Lemos “unha estratexia de resistencia indíxena”, que se expresa no mantemento de costumes e do hábitat disperso que se resiste a amoldarse ás uniformidades dos estados contemporáneos. Coa Ribeira Sacra pode suceder – ou sucede xa - o que Xurxo Ayán comentou sobre Ancares: unha construción artificial coa que as diversas comunidades de tan extenso e diverso territorio non se identifican.

E é que as paisaxes, como construción ideolóxica e política, non son obxectivas, constrúense cun determinado relato. Así, a da Ribeira Sacra adórnase dun misticismo decimonónico, “plagada de Panoramix e meigas”. Trátase dun relato inzado de invencións e incorreccións que se introduce nas páxinas e publicacións institucionais, sen ter en conta os avances na investigación histórica. Por exemplo, non tiveron incidencia no relato hexemónico da “Ribeira Sacra” os temas e conclusións do congreso Home (sic: nótese a ausencia reiterada da muller no relato histórico), auga e paisaxe na Ribeira Sacra (resumo aquí), organizado polas propias administracións que logo editan os folletos informativos.

Un territorio con abondo historia como para non termos que inventar, moito menos financiar esas invencións e despropósitos históricos con cartos públicos. Exemplos como o “castro celta dos Brigantes” sinalizado en Santo Estevo e que resulta ser unhas ruínas dun forno é o paradigma do despilfarro e a ignorancia. No entanto, non houbo financiación para continuar a excavar os interesantes castros de San Vicente (Monforte), dos Penedos do Castro (Luíntra) ou da Xabrega (Sober), permitiuse unha “rehabilitación” (entre aspas) desastrosa do mosteiro de San Vicente e do pazo condal (Monforte), cae a cachos San Paio da Abeleda (Castro Caldelas) ou o edificio anexo a San Paio de Diomondi (O Saviñao) leva esborrallado anos.

Sinaléctica do falso castro de Santo Estevo. Foto: Xurxo Ayán.
San Paio da Abeleda sen tellado.
O relato histórico é unha construción política e, neste caso, o que domina actualmente na RS responde a un modelo de desenvolvemento turístico que non ten en conta ás persoas que habitan e traballan o espazo. Priorízase a romanidade case como mito fundacional, coa teima do viño de Amandi en Roma, unha historia que parte dunha confusión histórica, mentras non se introduce globalmente no relato a explotación industrial romana do Courel e Quiroga (por certo, como sinalou Xurxo Ayán, a mina de Os Medos, cun sistema de produción aurífera único en Europa, foi destruída por un campo de fútbol e... por unha fábrica de biquinis que nunca funcionou). E, ao tempo que este patrimonio romano se destrúe (numerosas villae e castros) fináncianse reconstruccións de calzadas romanas con fondos europeos. 

E non só: véndese a estética románica sen preocuparse pola conservación das igrexas e ocultando que a maioría dos templos son recreacións posteriores ou/e pastiches de moitas épocas; fálase de bruxas e de Xúpiter fendendo o canón do Sil mentras se deixan perder as lendas e relatos das comunidades que traballaron as ribeiras e que poden nomear cada recuncho das súas abas, cotarros e colados; preséntase a paisaxe como “virxe” e “sublime” sen resaltar que estamos ante unha paisaxe eminentemente “antropizada”, coma toda a galega, e ocultando o relato da “colonización franquista”, presente nos encoros – construídos con man de obra exclavizada, presos políticos – ou nas obras de regadío da comarca de Lemos, “inspiradas nun modelo da Italia mussoliniana”. Modelo este, por certo, que resultou un fracaso, como se comproba nos índices de emigración das comarcas da Ribeira Sacra ao longo do século XX. Así, esquécese este patrimonio industrial (o poboado da Chaira, todo o relacionado co ferrocarril...) - con excepcións coma a Fábrica de Luz de Parada de Sil -, apoiándose no cal “se pode explicar a historia galega do século XX”. De todo isto nos falou Xurxo Ayán.

Atán, igrexa "pastiche" de distintas épocas.
Inauguración dunha calzada a modo romano na Adega Regina Viarum. Foto: A Cantina.
Deste relato tópico e promocionado polas institucións quedan ocultas as mulleres, a xente humilde, a loita de poder, as inxustizas... Por exemplo, a presentación idílica dos socalcos (ou muras, ou pataos...) esquece que estamos ante unha gran obra de explotación feudal do territorio. Así, cre Ayán que seguimos “nun modelo turístico nacido nos anos 60, do Spain is different, folcklorizante”, continuado na “reconversión rural” do fraguismo e no modelo de turismo rural financiado con fondos FEDER, o modelo dos iates e de “Galicia como embarcación de recreo”, que se reflexa, a xuízo de Ayán, no feito de que a oferta turística da zona se centrara nos catamaráns. Catamaráns onde se lles explicou aos visitantes que podían ver a silueta dun indio americano nunha pedra sen explicarlles o que son os inchadoiros ou sinalarlles os puntos romanos de control dos pasos do río, só por poñer dous exemplos.

O catamarán pasando por Chanteiro.

De cara á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, Ayán amosouse crítico polo feito de que as mesmas institucións e políticos que están promovendo a candidatura sexan as mesmas que destruíron patrimonio e permitiron o desbaldimento de cartos públicos. Ademais, cre que a UNESCO non vai aceptar a candidatura na medida en que persiste o descoido do patrimonio, a deliberada ocultación da lingua propia das comunidades da zona - o galego -, a falta de recoñecemento da parroquia, unidade social básica, o proxecto de autovía A-76, e o desinterese porque a poboación da zona se implique no deseño das estratexias territoriais e culturais.

Neste sentido, Xurxo Ayán identifica a construción do concepto Ribeira Sacra (denominación xurdida coa propia DO vitícola) “nun contexto político no que se deseñaron estratexias destinadas a captar fondos europeos”, os fondos estruturais da UE usados en proxectos fallidos e política errática en moitos casos.


Imaxes promocionais da Ribeira Sacra. Consorcio de Turismo.

En contraposición, Ayán propón un “patrimonio das comunidades”, unha sociedade que participe nas decisións, o apoio á investigación en I+D+i ou o control do patrimonio baixo xestión pública e participación cívica.

En resumo: é necesario que o patrimonio se poña ao servizo das nosas comunidades, das persoas “indíxenas”, e que o relato sobre o que somos inclúa ás xentes que habitaron e habitamos este territorio. Citando a Ayán, é preciso que “as xentes do lugar non queden fóra do discurso nin da toma de decisións” e que se comprenda que a sociedade da zona hoxe, século XXI, é “multiétnica” e complexa.

Fronte a esta realidade rocambolesca, penso que dende O Colado do Vento debemos continuar co debate porque o que sucedeu en Monforte o pasado venres 27, que poucas veces tiña acontecido, unha confrontación pública crítica sobre o tipo de sociedade que queremos ser, é unha das claves de que as xentes das terras lemavas poidamos continuar a vivir nestas con dignidade.

* Crónica de Paula Vázquez Verao. As opinións verquidas neste artigo non teñen porque coincidir coas do Colado do Vento. As fotos, se non se indica a fonte, son da autora.

Para saber máis pódese consultar o artigo de Xurxo Ayán na publicación El pasado en su lugar, que se pode consultar aquí.

Sinaléctica popular en Pantón.

Tivo que ser así - Características do ouro e a súa explotación: o ouro non é culpábel, somos os humanos.


Juan Luis Casas
Non sei cal foi a causa, se é que houbo unha soa, nin os razoamentos a que deu lugar, pero o certo é que hoxe en día, cando se escoita a palabra química soe ser con ton de desprezo ou reparo, para rebaixar unha valoración sobre algo que a priori causara unha positiva impresión. Esta mala prensa da palabra resulta sorprendente pois as reaccións químicas son o sustento da nosa existencia e do que nos rodea, máis aínda, e coido que non esaxero, explican o noso comportamento e o dos nosos devanceiros, a nosa historia, as nosas relacións e cultura dun xeito que tamén nos volve a sorprender cando reflexionamos sobre a cuestión.
Un bo exemplo podemos atopalo na historia da metalurxia do ouro, un elemento químico relativamente escaso, o 75 en orde de abundancia na cortiza terrestre dentro duns 90 que podemos atopar na natureza. Ímonos fixar na súa estrutura electrónica, un término tan químico como que é, o seu estudo, a forma como se distribúen e interaccionan os electróns, o obxecto dunha das ciencias fundamentais, por moito que se queira tallar en multitude de disciplinas, ó que se dedican os químicos.
Cada clase de átomo, cada elemento químico, ten a súa estrutura electrónica peculiar que lle confire o seu característico comportamento químico e tamén moitas propiedades físicas. De todas elas, ímonos fixar nunhas poucas determinadas polos 79 electróns dos átomos de ouro (Au).
A primeira, por máis evidente, é a súa reactividade, mellor dito a súa baixa reactividade, a súa nobreza, a pouca agresividade, que contrasta coa que historicamente exhibiron os homes por posuílo.
Por culpa desa nobreza, como non reacciona con case que nada, por iso recorreuse a il para usalo en próteses nun medio tan agresivo como o noso corpo comezando por unha parte tan “delicada” como a boca, na natureza aparece moi excepcionalmente formando compostos químicos co teluro. Principalmente, que non frecuentemente, se atopa de xeito máis ou menos puro, ofrecéndose directamente sen necesidade de deseñar elaborados procesos metalúrxicos para o seu beneficio.
Inicialmente en vetas, poderíamos dicir que finamente entreverao, incluídas en rochas con minerais de cuarzo ou piritas, como en A Toca, O Torubio, O Covallón, etc. Estamos a falar de xacementos primarios.
A meteorización e a erosión da rocha orixinal, que a fraccionan en partículas máis pequenas supón que ese ouro pode ser “liberado” cara as zonas de sedimentación e aquí entra a xogar un segundo factor determinado pola estrutura electrónica, a densidade. Estamos falando dun dos elementos máis densos, podemos visualizar ben a súa magnitude se pensamos que unha botella de dous litros, como as das bebidas chamadas refrescantes, chea de ouro, estaría roldando os 40Kg, un peso que moitos, dende logo eu si, xa terían problemas para levantar.
Esta elevadísima densidade favorece a sedimentación do ouro con preferencia ós outros compoñentes das rochas orixinais, reconcentrase nas zonas de depósito, e ademais nestes procesos purifícase, xa que os outros metais que o soen impurificar, cobre, prata, ou platino, este último máis denso e escaso, tamén son máis reactivos, polo que se poden ir transformando e separando neste proceso de liberación.
Esas zonas onde o longo de séculos, miles, millóns de anos o ouro foi depositando preferentemente constitúen os denominados xacementos secundarios como os de A Cubela, Margaride, Quiroga ou o meandro entre Espandariz e Nocedo.
Como nas nosas latitudes a auga, habitualmente líquida, é o principal axente de trasporte e segregación de materiais, resulta fácil ver que o ouro se siga transportando e sedimentando no leito dos río das bacías que conteñen material aurífero o que se aproveitou nos xacementos de batea.
A terceira e cuarta características definidas pola capa de electróns deste elemento son o seu escintilante brillo metálico e a súa orixinal cor amarela.
Se pensamos nunha sustancia brillante, amarela, que aparece e permanece tal e como a acabamos de describir na natureza e en lugares accesibles, non nos pode estrañar que pronto chamara a atención do home e xa fora utilizado hai 8.000 anos en Mesopotamia.
Nas nosas terras asociamos moito a histórica metalurxia deste metal con Roma. Naturalmente o ouro foi importante para os romanos e unha das principais razóns de que chegaran a establecer asentamentos nas ribeiras do río máis importante de Galiza, entrando polos límites do Bierzo ata o Atlántico, sería a constatación de que só con “rascar” a terra poderíase extraer o prezado metal. O Imperio romano foi asumindo prácticas e coñecementos doutras culturas, melloradas nalgúns casos, e contrastando innovacións noutros.
Mais en síntese eles imitaron todo o que puideron os procesos naturais, pero forzándoos e acelerándoos dentro dos límites que a propia natureza, a química, lles impuña en cada explotación.
Repito que a auga é o principal axente erosivo, transporte e segregación nas nosas latitudes. Pois, si se necesitaba auga en grandes cantidades para iniciar e acelerar a “erosión”, disgregación, dos xacementos, primarios e secundarios, habería que por a traballar a enxeñería romana e todas aquelas mans que foran necesarias, a recompensa superaría con creces a inversión, para levar a auga á mesma explotación mineira.
Se coñecían que o outro transportado dos xacementos primarios se acumulou naquelas zonas onde a forza da auga diminuía, moi evidente na cara cóncava dos meandros e cambios de dirección dos cursos de auga, como na Cubela ou Castro de Abaixo, e tamén nas augas encoradas, entón disporíanse secuencialmente, canles coa inclinación suficiente para que a forza da auga mobilizara o material disgregado, as veces tras forzar mecanicamente a redución do tamaño de partícula, alternando con estanques ou calquera outro dispositivo para reducir a velocidade da auga, reducir a súa capacidade de arrastre, e depositar e concentrar o rei dos metais.
Logo tamén se aproveitaría outra propiedade determinada pola estrutura electrónica para completar a separación e facilitar a xestión do propio metal, os seu punto de fusión relativamente baixo, 1064ºC, máis baixo que a maioría dos silicatos dos que o queremos separar, e non difícil de acadar.
O seu número de electróns tamén é axeitado para que se disolva ben en azougue (mercurio), método que é moi probable que a metalurxia romana chegara a pór en práctica, xa que obtiñan este outro curioso metal a partir da súa mena (mineral do que se pode extraer o ouro); penoso e perigoso método de concentración do ouro que logo recuperarían por destilación do metal líquido. Este proceso chegou ata a actualidade con moi poucas variacións aínda que perdendo terreo fronte a outro método do que estamos a escoitando falar moito nos últimos meses, o que se pretende aplicar en Corcoesto, o tratamento do material aurífero en atmosfera oxidante con cianuro sódico, en cantidade algo maior que unhas pingas no café. Un método certamente máis doado, o do cianuro, de controlar que o do azougue pero ¿haberá capacidade para que ese control sexa eficaz?, ¿haberá suficiente vontade para facelo eficaz?. Iso sen contar co risco de mobilizar o arsénico que se atopa nas arsenopiritas. 
En definitiva, todos estes comentarios para volver ó principio. Temos asimilado que as febres do ouro, non só as dos últimos séculos marcaron relacións laborais, por identificalas dalgún xeito, sociais, de poder, económicas, ata a organización do territorio e os seus que se propagaron ó longo da historia ata os nosos días, e todo isto se explica pola estrutura electrónica do átomo de ouro...., e de que os homes somos como somos. O ouro só é culpable de ter 79 electróns e de comportarse como lle corresponde.

[reseña] Herdeiros pola forza


“Entrado o século XXI, o patrimonio arqueolóxico galego segue en mans de burócratas e expertos que secuestran a información, titorizan o acceso ao patrimonio arqueolóxico e adoptan unha actitude paternalista infravalorando a acción dunha sociedade civil que ten todo o dereito a reclamar o seu papel na xestión dun patrimonio que é de todos”.

AYÁN, XURXO e GAGO, MANUEL. Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI
O Milladoiro, Ames: 2.0 Editora, 2012.
Colección: supertextos. No. 12.

Paula Vázquez Verao

Herdeiros pola forza, como os propios autores o definen, é un libelo que, como tal, golpea o corazón e solivianta o espíritu das persoas amantes do Patrimonio, da nosa “herdanza cultural” en sentido amplo.

Defenden Xurxo Ayán e Manuel Gago unha filosofía radicalmente democrática da xestión patrimonial e da construción do discurso histórico, dende a investigación – aberta á cidadanía – a unha divulgación para o común da xente, que bote man sen complexos das ferramentas que as TIC ofrecen para poñer o coñecemento ao servizo da maioría social.

Cun toque retranqueiro e hilarante – as posibilidades de esmendrellarse da risa son ben altas – fan unha semblanza dos modelos de xestión do patrimonio galego dende o século XIX e analizan a situación actual, herdada dunha victoria fascista e dependente dunha administración caciquil, cutre e desconectada da sociedade á que debería servir.

Herdeir@s tamén é unha homenaxe a tod@s aquel@s “toliñ@s” que andan á procura de tesouros nos penedos, entre toxos e silvas, a quen loita contra as desfeitas da administración teoricamente encargada de velar polo ben común da herdanza cultural recibida, ás asociacións e colectivos que “enchen os ocos” que deixa o poder.

E podemos lelo, ademais, coma un tratado de antropoloxía da Galicia do século XXI, toda unha análise sociolóxica de como se fan as cousas neste País no que desaparecen os castros. E isto exemplificado nunha recua de personaxes, arquetipos de persoas que, en torno ao Patrimonio, se nos teñen aparecido, ou que mesmo somos nós algunha delas, quen sabe.

Estas páxinas son, sen dúbida, unha contribución democrática fundamental ao facer País, ao construír dende a postura exercente de cidadanía crítica, ao poder sermos Nós nun dos recantos do mundo con maior cantidade de patrimonio perdido polas carreiras.

Cando rematas de ler, quédache unha idea moi clara: “estes dous tipos saben ben do que falan”. E saben o que queren. Teñen un coñecemento do noso País, unha visión global e unha idea clara do que debe ser a participación da cidadanía na xestión do Patrimonio e na re-construción do noso pasado.

Dos distintos artigos recoñécese moitas veces quen é o autor, mais outras non, parecendo froito dunha simbiose Ayán-Gago, arqueólogo-divulgador científico, interior-costa, que resulta arriquecedora e se reclama máis frecuente no eido da arqueoloxía en Galicia.

Herdeir@s, publicado en febreiro de 2012, xa está a circular entre as asociacións e personaxes coidadoras do patrimonio galego co prurito que se sinte por unha obra clandestina. E abofé que é revolucionaria, pois xenera complicidades, identifica problemas que un amplo abano de xente entende como comúns, contribuíndo a crear unha rede, unha arañeira que se artella por debaixo da epiderme de parálise institucional que rodea o Patrimonio en Galicia.

E, así, sentimos que Herdeir@s é un proxecto vivo, noso, un programa cívico que “une”, un alegato en favor de exercermos como pobo o deber de “merecer” o Patrimonio para legarllo ás vindeiras xeracións e, de paso, para sermos máis Nós e máis felices.

Ibn Marwán

Ibn Marwan, Daniel Méndez

Nova sección: HISTORIA(S) daquí e acolá

Como a sección "país ribeirao" do Colado do Vento se nos quedaba algo restrinxida territorialmente, decidimos crear unha nova sección "Historias daquí e acolá" para colaboracións que traten sobre aspectos non só desta comarca nosa.
Ambas as dúas seccións están abertas a colaboracións.
Animádevos!

HISTORIA DO VIÑO - O VIÑO EN GALICIA



* Para celebrar a XXXI edición da Feira do Viño de Amandi, de Sober, deixámosvos un texto sobre a Historia do viño e sobre o viño en Galicia elaborado sobre as notas dos cursos Home, auga e paisaxe na Ribeira Sacra (novembro de 2010) e A Cultura do Viño na Idade Media (xullo de 2010). Tamén podedes consultar as notas sobre o Amandi na obra de Germán Vázquez, historiador monfortino, recopiladas aquí por Javier Vivirido.

Paula Vázquez Verao

- ORIXE DA VIDE E DO VIÑO

Os rexistros máis antigos sobre vide son da era Terciaria, de hai c. 35.000 millóns de anos antes do presente. Estas vides aparecían nas ribeiras das zonas lacustres. Só hai rexistros desta planta nas terras do hemisferio norte (no austral non hai videiras ata que as introduce o ser humano).
Co arrefriamento climático do final da era Terciaria extínguense moitas especies, mentras outras reducen a súa área de distribución, como no caso da vide, que se replegou ao sul do continente euroasiático.
No Neolítico inicial, cando c. 10.000 anos antes do presente (VIII milenio a. C.) se inicia o proceso de domesticación de especies botánicas e zoolóxicas salvaxes, non se constata a domesticación da videira.



Entre 6.500 – 6.000 a. C. dátanse os primeiros rexistros de vide domesticada nos territorios transcaucásicos e as primeiras evidencias de uso desta planta para a elaboración de viño. Aquí aparecen sementes que indican un proceso inicial de domesticación (aparecen pés de vide hermafroditas - as videiras salvaxes tiñan pés femia e pés macho) e acháronse en cerámicas de c. 6.000 a. C. restos de tecidos biolóxicos, coma o ácido tartárico, que só se producen durante o proceso de elaboración do viño. Restos de ácido tartárico tamén se documentan en múltiples xacementos neolíticos máis recentes do Próximo Oriente, coma en Susa, entre 6.000 e 3.000 a. C., polo que se supón unha expansión deste cultivo dende o Cáucaso. Progresivamente, o cultivo da vide tamén se expande cara o Mediterráneo oriental, con rexistros de cultivo da vide en Chipre c. 4.500 – 3.900 a. C. e co achádego de sementes de vitis claramente prensadas en Macedonia de c. 4.600 – 4.000 a. C. 
Entretanto, en Galicia non se documenta a existencia de vide no Neolítico.

- EXPANSIÓN DA VIDE POLO MEDITERRÁNEO ORIENTAL

Entre 3.000 e 1.500 a. C., os pobos mesopotámicos e exipcios cultivan e expanden a vide por todo o Mediterráneo oriental. 
O viño ten unha gran importancia comercial e cultural para estas civilizacións, nas que é distintivo das clases acomodadas. 
En Mesopotamia, Hammurabi (c. 1750 a. C.) establece as reglas do comercio do viño. 
En Exipto, o viño vai desprazando a outras bebidas (coma a cervexa) ata ser a bebida real por excelencia. Hai que ter en conta que o viño exipcio non só é froito da fermentación da uva, senón que o zume de uva se mixturaba co de granada e outras froitas, con pedras e resinas, entre outros compoñentes. O viño exipcio mellor considerado era o de perla negra. 
Na cultura xudea a vide ten unha grande importancia simbólica, sendo a primeira planta que cultiva Noé tras o diluvio. 
Entretanto, na Galicia do Calcolítico e do Bronce non hai evidencias da existencia de videiras.


- CHEGADA DO VIÑO AO MEDITERRÁNEO OCCIDENTAL


Entre 1.500 e 900 a. C. prodúcese unha segunda expansión do cultivo da vide a través dos gregos, exipcios e fenicios, chegando ata Cartago, Sicilia e o sul da península Ibérica. Namentres, arredor do 800 a. C. prodúcese un arrefriamento climático que dificulta o cultivo de vide en zonas coma Galicia.
Para Grecia, o consumo de viño é un elemento fundamental da cultura, costume que Roma importa do pobo grego. Lémbrese que nestas culturas o viño se consumía rebaixado con auga. En Pompeia acháronse variedades cultivadas de vide e puídose constatar que a videira silvestre era xa escasa (s. I d. C.), predominando a vide hermafrodita.
En Galicia, na Idade do Ferro (c. 800 a. C. ata a romanización) hai menos especies agrícolas que no Neolítico e non se constata a presenza de vide. 

- ÉPOCA GALAICO-ROMANA - SEN EVIDENCIAS CLARAS DE VIÑO CULTIVADO EN GALICIA

Na época galaico-romana (s. I a. C. – V d. C.) non hai evidencias seguras de cultivo de vide en Galicia (hai lagares en castros romanizados, pero non está constatado que fosen para a elaboración de viño). Sí hai evidencias de consumo deste produto
ánforas que contiñan viño nas rías da Coruña e Vigo, fragmentos de recipientes contedores de viño en Elviña e no entorno da Torre de Hércules, restos dispersos no val do Miño e inscripcións e representacións escultóricas de vides - 
, pero ningunha das ánforas atopadas con restos de viño foi fabricada na Gallaecia. 
A bebida popular dos pobos galaicos era, segundo a coñecida cita de Estrabón, o zythos. 
Os montañeses (galaicos, astures e cántabros) “beben zythos e o viño, que escasea, cando o obteñen consúmese enseguida nos grandes festíns familiares”.


Con todas as cautelas que se deben ter cunha fonte coma Estrabón, que agrupa a todos os pobos do norte ibérico na denominación xenérica de montañeses e que nunca estivo na península, pódese interpretar o testemuño do xeógrafo grego entendendo que os galaicos non coñecían o cultivo de vides e só obtiñan o viño a través do comercio con Roma


Nos seus estudos arqueolóxicos Naveiro López atestigua que a maioría de ánforas de viño en Galicia se localizan cronoloxicamente entre 50 a. C. e 50 d. C., época dun intenso intercambio entre Roma, que importa viño, e Galicia, que exporta peixe. Dende mediados do s. I d. C. desaparecen estas ánforas de viño romanas no país, o que se podería interpretar como o inicio da produción propia de viño en Galicia, enlazando co xa exposto sobre os restos de lagares documentados en castros romanizados, mais, lembremos: non hai restos de vide en Galicia na época romana, e sí de outras moitas plantas. 




Volvendo ao zythos, que segundo Estrabón era o que consumían os montañeses, esta bebida podería ser a cicerasidra, dos documentos medievais, pois, aínda que tamén foi identificada coa cervexa, en Galicia non se constata produción popular de cervexa, mais si de sidra.


- SEN BASE HISTÓRICA PARA DICIR QUE O AMANDI FOSE "VIÑO DE CÉSARES"



Un selo coas letras AAD dunha ánfora romana elaborada na costa valenciana ou catalá atopada no monte Testaccio de Roma (lugar onde se desbotaban as ánforas que contiñan o aceite e viño importados á cidade) foi interpretado acriticamente como “de Amandi” e atribuído ao Amandi da Ribeira Sacra, e esta é a orixe da famosa confusión sobre os “viños de césares”, lenda sen base histórica.
Ademais, os autores greco-romanos que escriben sobre a agricultura e/ou sobre Galicia non mencionan o cultivo de vide no noso país. Non o fai Catón, en De agri cultura, que fala dos tipos de viño consumidos en Roma, da enxeñería vitícola ou dos sistemas de transporte de viño, nin Plinio, nin Columela, nin Estrabón, que di que o viño é levado aos galaicos polos romanos.
* Ver o artigo "As enganosas ánforas de Amandi", aquí.


- O VIÑO NA IDADE MEDIA



No periodo medieval, o viño non era un capricho ou unha moda refinada da nobreza – que tamén – , senón unha necesidade ante a habitual contaminación das augas de bebida por falta dun sistema de canalización e evacuación de augas suxas adecuado, polo menos no que respecta á Europa cristiá en xeral. O viño foi, tamén, esencial na medicina oficial medieval polo seu papel antiséptico e continuou sendo elemento terapéutico principal dos remedios populares, sobre todo o tinto. Basta citar a Maimónides, que recomenda, como médico persoal de Saladino, os viños de moscatel de Al-Andalus, así como viño de garnacha.
Considerado un alimento máis, a bebida máis sa e a de maior prestixio, o viño converteuse en produto comercial europeo por excelencia da Plena e Baixa Idade Media.

- PRIMEIROS INDICIOS DA PRODUCIÓN DE VIÑO EN GALICIA EN ÉPOCA ALTOMEDIEVAL




Para o período altomedieval (s. V – X) é moi escasa a documentación en todos os aspectos, mais no que respecta ao viño podemos deducir a súa produción en Galicia dunha serie de indicios.



Un deles atópase en Gregorio de Tours, historiador cristián do s. VI, que relata, nos Milagres de San Martiño, a lenda do milagre das uvas de Galicia, ubicada nun emparrado situado ante a basílica de San Martiño, que se indentifica coa primitiva basílica onde hoxe está emprazada a catedral de Ourense. Segundo a lenda, un bufón do rei quixo burlarse da prohibición de coller as uvas sagradas desta pérgola, alongando unha man para tomar un racimo. Mentras tal facía, o brazo íaselle convertendo en parra. O rei, airado, quixo castigar ao vasalo, mais detívoo o bispo, alegando que non impuxese o seu castigo cando Deus xa o fixera. Finalmente, o bufón obtivo o perdón divino.




Por outra parte, a palabra “lobio”, que significa emparrado, conservada en topónimos galegos, coma o Lobios de Sober, é de orixe sueva, polo tanto incorporada ao noso acervo lingüístico na ápoca do reino suevo de Galicia (do 410 ao 585, continuando o reino baixo dominio visigodo ata 711).

Outro dato que apoia a hipótese da expansión do viñedo en Galicia en época sueva (s. V - VI) é que as variedades de vide galegas están relacionadas xeneticamente coa zona do Rin e co este de Europa.


No século VII está documentado o tráfico marítimo entre Galicia e Bourdeaux, zona vitícola, pero sen evidencias de comercio de viño.


De mediados do s. VIII, os documentos relativos ás fundacións de Odoario refiren que segundo se fundan vilas e igrexas se prantan viñedos e pomares. Estes documentos son problemáticos polas frecuentes interpolacións que sufriron, mais estes datos sobre o cultivos de vides e mazairas poden considerarse válidos, pois non habería interese ningún en falsificar tales informacións. Nesta época pódese supoñer o inicio do cultivo vitícola na Ribeira Sacra, impulsado polos bispos de Lugo, que “colonizan” esta zona.


A partir de aquí, unha historia do viño en Galicia dende a Idade Media xa non se pode facer apoiándose na paleobotánica, pois no noso país non houbo tradición de aplicar as técnicas paleobotánicas máis aló da época romana.



- PRODUCIÓN SEGURA DE VIÑO EN GALICIA DENDE O S. IX E GRAN EXPANSIÓN DO VIÑEDO DENDE O S. XI


No s. IX – X a documentación constata que o viñedo está implantado en todas as zonas vitícolas de GaliciaUn exemplo é o documento da fundación de Santo Estevo de Atán, en Pantón, do ano 816, que di que cando se funda o mosteiro se plantan tamén viñas e maceiras.
Os documentos do s. X permítennos saber que hai un equilibro entre o pomar e o viñedo nas transaccións, sobresaíndo o primeiro ata mediados de século e comezando a aumentar o viñedo a finais de século ata a súa gran preponderancia no século XI. Tamén as compravendas que se pagan en especie amosan a preponderancia do viño (80% dos casos) como medio de pago, desaparecendo a sidra da documentación dende o s. XI, aínda que non as mazairas.
Así, o viño convírtese nun produto valorado comercialmente, estando na base do desenvolvemento de núcleos urbanos no s. XII.

Sempre se vinculou aos mosteiros, sobre todo aos do Císter, este impulso do cultivo do viñedo, aínda que hai que matizar isto, valorando a iniciativa do propio campesiñado na produción vitícola. Certo é que os mosteiros cobraron rendas en viño, fomentando a súa produción, tanto para usalo na Eucaristía e consumilo nos refectorios como para comerciar con el.


- O VIÑO: PRODUTO COMERCIAL GALEGO POR EXCELENCIA ENTRE OS S. XIII AO XV


Dos s. XIII ao XV intensifícase a plantación de viñedo no en todas as zonas vitícolas galegas, chegando a ser no Ribeiro case un monocultivo, onde no s. XV a vide ocupa un 80% da superficie cultivada.
A partir de 1380, pasada a peste negra, a expansión comercial galega coincide co fomento do cultivo do viñedo. Na documentación de foros e arrendamentos (datos da zona do Ribeiro) mencíonase a sutitución de soutos por viñas, aínda que é máis corrente que o viñedo gañe terras de monte e leiras de cereais, pois viñedo e o souto sempre se complementaron, con ambos produtos ben valorados, así coma polo uso das pólas de castiñeiro para a viña e da súa madeira para facer barricas.
É difícil documentar as prácticas agrícolas, pois o único recollido nas fontes documentais é o produto desas actividades; en función do valor que se lle dá a cada produto e das fincas que se venden, compran ou arrendan deducimos o “mapa” agrícola.
Tradicionalmente foi atribuído ao asentamento do Císter en Galicia, a partir de mediados do s. XII, a introdución de melloras técnicas no cultivo do viño e de novas variedades, aínda que non existe documentación para poder afirmar tais extremos; o único que podemos facer é deducir a influencia que no mundo vitícola galego puido ter Borgoña, zona produtora de viños de calidade con viticultura ben documentada dende o s. IV, coa influencia franca en Galicia dende finais do s. XI (chegada de Afonso Reimúndez e Afonso Enríquez, de monxes de Cluny e instalación de artesáns e comerciantes francos nas vilas do Camiño de Santiago). Non sen desbotar a importancia dos mosteiros – non só dos do Císter – no impulso ao cultivo do viño, o profesor Francisco Javier Pérez, na súa maxistral exposición O viño e os mosteiros do Ribeiro medieval [curso: A Cultura do Viño na Idade Media], puxo acento no saber popular en canto ao cultivo vitivinícola, documentado, como dixemos, en Galicia moito antes da expansión do Císter, legado que os mosteiros recolleron. Ademais, o profesor sinalou que no impulso comercial galego de finais do s. XIV, onde o viño ocupa un papel central, foi moito máis importante a iniciativa da burguesía cidadá cá a dos mosteiros, malia que a conservación da documentación é moi desigual e sobreabunda a dos centros monásticos sobre a dos arquivos da nobreza galega, dispersos por Castela, onde invertiron e construíron os seus pazos os nobres galegos dende o s. XIII.
Hai poucos datos sobre as especies de uva cultivadas e sobre o viño producido en Galicia. Só podemos saber que se cultivaba branco e tinto e que, no caso do Ribeiro, o branco é o máis mencionado nos documentos do s. XIV e XV.
O aprecio polos bos caldos e o xurdimento de toda unha cultura enolóxica a finais da época medieval está en relación co ascenso da burguesía e a necesidade creada de distinción das bebidas de prestixio das populares.

Nos momentos finais da Idade Media, o viño de misa, antes tinto, en clara analoxía co sangue de Cristo, cambiouse polo branco quizais por qué, como di Francisco Xabier Castro Pérez, o pobo xa aceptaba a abstracción de que o que se consagraba era sangue de Cristo e non era tan importante a color do líquido; quizais tamén porque dende o s. XIII a comuñón deixo de ser administrada aos laicos baixo as dúas especies.
Tamén a fin da Idade Media é a época de decadencia do emparrado, dos “lobios”, sustituído xeralmente polo estacado, achegando máis os acios á terra.


- O VIÑO EN GALICIA ENTRE OS S. XVI E XIX



Xa na época chamada moderna (s. XVI – XVIII), o comercio interno de viño foi importante en Galicia, sendo o mercado dos viños do Ribeiro a zona compostelá, coma na Idade Media, e para os da Ribeira Sacra Lugo, concentrándose a maior parte das ventas na época do San Froilán. 
A gradación do viño nos s. XVIII – XIX non era superior a 8%, do que se pode inferir que tamén anteriormente o viño sería igualmente frouxo; ademais, en moitos casos a uva soía misturarse con outras froitas para os caldos de consumo diario. Con todo, a bebida popular no Antigo Réxime non era o viño, produto caro, moito máis nos lugares sen produción local, senón a sidra.
O viño era valorado tamén como bebida espirituosa que axudaba a afrontar as duras tarefas campesiñas, aínda que cómpre sinalar que no caso das mulleres só era tolerado que bebesen na casa, e non habitualmente.


- CONLUSIÓNS PARA A NOSA RIBEIRA


No estado actual de coñecementos, non hai evidencias sobre a produción vitícola en Galicia en época romana. Polo tanto, o suposto consumo de viño de Amandi polos "césares" romanos só é unha lenda, xurdida dunha mala interpretación histórica.
Na chamada Ribeira Sacra podemos deducir - como para o resto de Galicia - que a vide se introduciu no s. V ou VI, estando o seu cultivo xa implantado, con seguridade, no s. IX (no 816 dátase o primeiro documento que menciona vides na zona de Lemos, no mosteiro de Atán, Pantón), e que se produxo unha gran expansión do viño, como produto comercial, dende o s. XI.
E, unha reflexión. ¿Acaso é menos digna a nosa Historia porque o Amandi non fose "viño de césares"? No viño de Amandi, no viño de toda a ribeira de Sober e das outras zonas da D. O. Ribeira Sacra, condénsase unha historia de saber agrícola e a suor de quenes con amor e esforzo sacan da terra, ano a ano, o seu zume. 
A cuestión de por qué nos interesan máis as películas de romanos cá a complexa e interesante realidade que pouco a pouco imos desentrañando - ou descubrindo, escoitando ou lendo a investigadores que xa teñen moito traballo feito sobre o tema do viño en Galicia - é outro asunto, relacionado coa mecánica de ver todo con ollos de consumidor, e será que ao consumidor lle interesa máis a Roma imperial imaxinada que unha comarca campesiña da Romania pero, como deixou dito Kant, “cómpre distinguir aquilo que ten dignidade do que só pode ter valor”. Ollo! Que non houbese viño na época romana na chamada Ribeira Sacra non quere dicir que non fose importante nesta zona o proceso de Romanización, con múltiples vilas romanas, castros romanizados e asentamentos tan importantes coma Castillón, Proendos ou San Vicente.


O viño foi sempre símbolo de civilización en distintos sentidos: para Roma beber viño era o civilizado, fronte ás outras bebidas fermentadas dos “bárbaros”, era o sangue de Cristo, usado para a Comuñón, beber viño de calidade era símbolo de distinción da burguesía ascendente tardomedieval, foi considerado sangue da terra dende antes do Cristianismo, e así os nacionalismos da “primavera dos pobos”, na Europa decimonónica, consideraron o viño un dos elementos máis representativos dun país…

Hoxe, na Ribeira Sacra, o viño é goce de vivir, gusto pola calidade e valor comercial, sangue da nosa ribeira empenzoñada de velenos das empresas que nos colonizan que apaga as penas desta terra na periferia do primeiro mundo.



- FONTE 

* Texto elaborado sobre as notas das conferencias de Pablo Ramil Rego, Anselmo López Carreira, Francisco Javier Pérez e F. Xabier Castro Pérez nos cursos citados arriba.