Para a xente de aquén Sil, a Abeleda é
lugar de paso e parada no camiño no Castro (de Caldelas), unha
estación onde comer e beber ben para continuar a ruta. E dicir
Abeleda é dicir viño, que madura de xeito excelente neste val do
río Edo, zona onde enseñoraba o mosteiro de San Paio da Abeleda ata
que a cobiza da Casa de Alba fixo decaer o seu poder.
As nosas guías foron Carmen, do
Sorriso de Daniel, e outras amigas do Sorriso e da parroquia de
Abeleda, que nos descubriron á vintena de camiñantes os segredos
deste val da Abeleda un 23 de novembro de 2014.
Comezamos o percorrido no campo de San
Paio, onde antano se celebrou a festa de Santa Lucía por parte dunha
comunidade parroquial viva, a de San Paio de Abeleda, hoxe parroquia
anexionada a Santa Tegra de Abeleda. Aquí, fronte ao vello cárcere
onde penaban os encarcelados pola xustiza do mosteiro, tomamos camiño
cara as adegas pertencentes a San Paio, ata onde chegaban, de entre
os viños do val do Edo, os de Idrás, que seica eran os mellores,
porque, como di a copla:
“Os viños de Idrás
fan andar aos homes
de diante pa'atrás.”
fan andar aos homes
de diante pa'atrás.”
Xa na igrexa de San Paio, admiramos o
inxente traballo de limpeza que fixeron as boas xentes do Sorriso de
Daniel e da parroquia de San Paio da Abeleda, recuperando un espazo
da nosa historia.
A igrexa, románica, conserva capiteis
e canzorros ben interesantes e a súa boa factura fixo que permaneza
en pé, malia que precise con urxencia unha teitume – polo menos! -
para que os elementos non sigan a estragar San Paio. Tanto custa a
dignidade para que non se invirtan uns poucos miles de euros nun dos
edificios máis deteriorados destas comarcas ribeirás?
Tamén poidemos ver a capela dos
señores do Couto, renacentista, na parte norte, e a parte sur da
igrexa, dende a sancristía, onde se utiliza pedra de “ollo de
sapo”, unha rareza.
O que non puidemos ver foi a portada
gótica co pantrocrátor con San Pedro e San Paulo, pois esta parte
está en mans privadas e permanece pechada, malia ser un dos fitos
máis interesantes do noso patrimonio ribeirao.
Logo das adegas e da visita á igrexa,
collemos camiño a carón do río Edo, que figura nos mapas como río
da Abeleda porque, din, seica un mestre non lle sabía o nome propio
deste afluente do Sil. Chegando ao río, coñecemos os muíños foran
do mosteiro, que un deles o aforaran a un veciño de Soutelo e que a
Ponte Cabalar, sobre o Edo, unía as parroquias de Santa María da
Abeleda (hoxe da Teixeira) e San Paio da Abeleda (de Castro
Caldelas). Tamén contan que esta distribución parroquial entre dous
concellos das tres parroquias da Abeleda (Santa María, San Paio e
Santa Tegra) se xogou nunha timba de cartas.
No lugar de Soutelo paramos na capeliña
de Santo Antón, onde se garda a antiga pía bautismal de San Paio da
Abeleda, onde se bautizaron as xentes de San Paio ata inicios dos
anos 70 (a parroquia foi clausurada en 1972).
Subimos de Soutelo cara O Couto,
pasando polo seu curioso Pazo. Foron estes señores quen construíron
para se enterrar a capela renacentista da igrexa de San Paio.
Do Couto pasamos por Santiurxo e dalí
a Santa Tegra de Abeleda, parroquia á que foi anexionada a
desaparecida de San Paio.
A pequena igrexa parroquial de
Santa Tegra garda unha pía medieval e magníficos retábulos
barrocos, que se cren relacionados coa inxente herdanza que deixou na
zona o que fora na súa mocedade abade de San Paio e logo arcebispo
de Sevilla , Rodrigo de Castro Osorio, da Casa de Lemos.
As xentes de Santa Tegra recuperaron a
festa da Luz, que fora prohibída en 1936, que se celebra en torno ao
5 de agosto (se cadra a domingo, se non o domingo seguinte) e na que
se baila con arquiños de cores e co Coco e a Coca, dous xigantes.
Por esta labor recibiron un premio que lles entregarán en decembro
deste ano. Parabéns!
Para rematar a andaina, camiñamos ata
as fervenzas do Cachón, a ponte medieval de Lumeares – pola que
pasou o padre Sarmiento durante a súa viaxe a Galicia, na que
pernectou dúas noites en San Paio - e voltamos a San Paio polo
camiño do Romeu, quizais antigo paso de romeiros cara este mosteiro
da Abeleda, que precisa de todas e todos nós para recuperalo do
abandono.
Visitade ao Sorriso de Daniel aquí.
Sem comentários:
Enviar um comentário