De como
veu parar o tórculo de Soto Freire ao Cima do Lugar e de como
marchou para Pesqueiras no Saviñao ou da relación post mortem
entre un dos máis importantes impresores e editores galegos e
Castelao, hoxe un icono na nosa terra, é do que tratan estas poucas
liñas.
* Por Alfonso Campos Pérez.
* Por Alfonso Campos Pérez.
Falamos
dun tórculo, logo, é dicir, neste caso, dunha pequena prensa que se
basea no principio do parafuso sen fin. En fino: unha máquina
garimétrica helicoidal. Atribuída a súa invención a Arquito de
Tarento (430-360 a.c), o artiluxio ficou asociado á xenialidade de
Arquímedes, quen o utilizaba para subir líquidos. O desenvolvemento
posterior lévanos ao tórculo romano e á invención da imprenta por
Gutemberg, adaptación daquel e das prensas das uvas empregadas nas
ribeiras do Rin.
Con este
uso é como o xunguimos ao afamado editor Manuel Soto Freire, nado en
Lugo un 26 de xaneiro de 1826, unido a senlleiras figuras do
pensamento e da literatura galegas como Rosalía de Castro ou Manuel
Murguía. Foi un dos grandes editores galegos, adicándose á tarefa da
impresión de periódicos, boletíns, almanaques e libros, entre eles
os dous primeiros tomos da Historia de Galicia de Murguía
(1865-1866) e a Gramática galega (1868) de Juan Antonio Saco y
Arce. El mesmo foi autor de artigos periodísticos e literarios e dun
ensaio bibliográfico titulado La Imprenta en Galicia, publicado en
1982 polo Círculo de las Artes de Lugo.
Segundo o
profesor Xosé Ramón Barreiro a intransixencia ideolóxica e
reaccionaria, moi relacionada co carlismo, levouno a que a súa
empresa entrara nunha grave crise a partir do ano de 1869, co cal Soto
Freire decidira cambiar de vida radicalmente comprándolle no 1872 a
Casa Grande de Goián a Melchor Bermúdez de Castro, no concello de
Pantón. Alí desenvolveu unha recoñecida e premiada explotación
gandeira e alí morreu un 27 de marzo de 1897. En Goián parece que
non abandonou de todo o oficio, conservando un modesto pero
suficiente equipo de impresión.
Cando me
chamou a Emilia Vila, a miña querida e sempre lembrada Mucha - que
o Deus no que cría fervorosamente a teña na gloria - para darme o
tórculo, non sabiamos a quen pertencera. Explicoume que o trouxera
para a súa casa da rúa de Ourense desde a Casa Grande de Goián, da
que o seu home fora un dos seus donos. Lembraba oír dicir que as
vellas criadas da casa dicían que viñera en varias ocasións
"un señor moi pequeniño que estivera casado con Rosalía de Castro" a
reclamar uns libros. A Mucha lembraba outros elementos da imprenta
que non sobreviviron.
Dous dos gravados realizados co tórculo, de Santi Covelo e Pepe Barxa. |
Despois
dunha breve estancia no Cima do Lugar deixeille o tórculo a uns
amigos que están a facer uso del no taller de restauración de
Pesqueiras. Polo que sei, xa serviu para restaurar o manuscrito
orixinal de Os vellos non deben namorarse de Castelao así
como outros traballos de impresión. Soto Freire, dalgún xeito nas
antípodas do pensamento político de Castelao -e aínda do propio
Murguía, co que colaborou en vida- sentiríase, sen dúbida, orgulloso
da utilización do Tórculo no oficio no que el tanto sobresaíu.
Posiblemente a Galiza que se resiste a morrer fora o nexo común.
1 comentário:
Grazas, contigo sempre aprendemos.
Enviar um comentário