[crónica] Unha visita ao patrimonio megalítico do Saviñao


Dolmen da Leira Rapada.
O domingo 27 de xullo de 2014 tivemos cita co patrimonio megalítico do Saviñao.

Nas parroquias deste municipio consérvanse evidencias de numerosos elementos megalíticos, por iso o escollimos como localización para achegarnos a este fenómeno construtivo, que se desenvolveu en Galicia dende os inicios da agricultura ata a primeiro milenio antes da nosa era.

Mámoa de Mosiños.
Guiados polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo e coa hospitalidade da Asociación Veciñal do Saviñao, acudimos a tres puntos con elementos arqueolóxicos megalíticos.

Visitamos en primeiro lugar a mámoa de Mosiños, de gran envergadura e con evidencias de ter sido saqueada. 
Aquí Iván Álvarez falounos do fenómeno megalítico - que non cultura, pois é un xeito de construír monumentos funerarios que pervive no tempo ao longo de distintas culturas -, facendo fincapé en que o monumento funerario colectivo é un elemento integrado no entorno, delimitándose o espazo sagrado cun círculo, dentro do cal se chantan idoliños, coma o atopado hai moitos anos no Saviñao por un dos membros da Asociación Veciñal, que gustosamente nos ensinou.

A mámoa de Mosiños é un exemplo de túmulo cuberto de terra, que recoñecemos polo notable abultamento do terreo e polo círculo central que evidencia que foi obxecto de excavacións antigas non profesionais.

Acudimos en segundo lugar ao dólmen de Abuíme, exemplo de estructura pétrea megalítica descuberta, composta na actualidade por cinco ortostatos chantados no terreo, correspondéntes á parte da cámara funeraria. Na zona colindante hai mámoas.
Dolmen de Abuíme.
Finalmente, utilizando un sendeiro circular á sombra das carballeiras - en parte acondicionado por membros da asociación - acudimos ao dólmen de Leira Rapada, estrutura tumular que na súa tapa conserva petróglifos con motivos de círculos concéntricos de gran tamaño. O entorno do camiño, presidido por un castro, é prolífico en toponimia que se pode relacionar con fenómenos megalíticos: O Chantado, Pena Escrita, etc.

Agradecemos moito a Iván Álvarez Merayo as explicacións e á Asociación Veciñal do Saviñao a hospitalidade.



Sem comentários: