PETRÓGLIFOS DE SOBER (CADRO XERAL)

Petróglifos son todos aqueles debuxos ou gravados en pedra; manifestacións que se atopan por todo o mundo en épocas diversas.
No territorio galaico contamos cun conxunto de insculturas ao aire libre moi numeroso e peculiar, unha das manifestacións culturais máis xenuinas da nosa terra. Datados o groso destes gravados rupestres no III e II milenio a. C., presentan unha serie de características comúns: o soporte xeralmente granítico, a técnica do gravado, case sempre piqueteado, e unha temática dividida en dous bloques, xeométrica e naturalista, singularizando esta última os petroglifos galegos con repecto aos do resto da fachada atlántica europea.

Os motivos xeométricos (círculos, espirais, coviñas, sucos, labirintos…), os máis numerosos, aparecen xeralmente en afloramentos rochosos a rente do chan, o que se interpreta coma unha “linguaxe” de complexo significado simbólico restrinxida a determinados individuos da sociedade.
Entre os gravados de temática naturalista distínguense os zoomorfos (cervos, serpes, cabalos), que son os máis numerosos deste grupo e van, a maior parte deles, asociados aos xeométricos, e os antropomorfos, case sempre varóns realizando actividades de alto prestixio social (caza, equitación, exhibición de armas que se corresponden con modelos dos inicios da metalurxia galaica, no III milenio a. C.), situados en rochas moi destacadas na paisaxe, visíbeis dende lonxe, o que fai pensar nunha manifestación destinada a reafirmar o poder das nacentes elites nun momento de aumento de excedentes agrícolas.

A catalogación feita polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo no 2006 elevou ata 18 os puntos de petróglifos inventariados en Sober, aínda que hai constancia de 4 insculturas máis, actualmente perdidas, e acháronse outras penas con unha ou varias coviñas illadas.

A Pena do Cabalo presenta o único motivo naturalista coñecido nos petróglifos de Sober: un cabalo deseñado dun só trazo. O grao de abstracción da figura fai problemático encadrala como pertencente á mesma época e significado que o conxunto de zoomorfos do Grupo Galaico de Arte Rupestre. É reseñábel o Petróglifo da Tapada do Monte, a carón do rego do Baldeiros, realizado sobre unha laxa esquistosa con moitos sucos naturais, soporte moi pouco habitual dos gravados rupestres galegos.
Hai petróglifos de época histórica: a phi da Calzada de Pedride, en Proendos, ou as cruces coas que se “cristianizou” o Petroglifo da Tapada do Monte son un exemplo destes.

As insculturas rupestres foron vistas pola xente do pobo como manifestacións enigmáticas dun mundo mítico, estando asociados xeralmente a lendas, o cal é un intento de explicar unha realidade da que se perderon as claves interpretativas. Mais, que perderamos as claves non lles resta valor a estas manifestacións dos nosos antergos; o misterio e a imaxinación veñen a encher os baleiros da certeza. Probade a achegarvos aos petróglifos unha noite de luar con esa luz leitosa e imprecisa e con todos eses sons da sinfonía da noite. ¡Xa diredes! Posibelmente atopedes un punto de conexión coa intención orixinal dos seus talladores.

1. Tapada do Monte


4. Prados

6. Barcal

7. Agro I

10. Froxán

13. Pombal

17. Pedride

* Véxaos todos na sección PETROGLIFOS.

Pídanos por correo electrónico unha copia do mapa de maior resolución (paulaverao@hotmail.com).

Sem comentários: