Poda tipo Amandi


Javier Vivirido Salgado 

Xa pasada a XXXIII Feira do viño de Amandi que homenaxea ós seus adegueiros, quería facer unha breve referencia ó traballo deses viticultores, e máis en concreto ós podadores destas terras do sur de Lugo. Xa falamos algo das variedades históricas cando tratamos sobre o libro Observaciones sobre El Cultivo de la Vid en Galicia do ilustre científico monfortino Antonio Casares, de 1842, e tamén sobre unha recopilación de historia da viticultura destes terruños porparte do historiador Germán Vázquez.
Toca agora toca falar de algo distintivo e chamativo, exclusivo dos traballadores das viñas de Sober respecto do resto do mundo, e digo ben... do mundo.

Falamos da poda que se fixo sempre na ribeira soberina e que segundo o mestre da EVEGA Francisco Rego denominan tipo “Amandi”.

Poda en Vaso
Poda "tipo Amandi"

 
A poda tipo “Amandi” é unha formación tradicional de orixe grega (típica de zonas cálidas e secas), cun esqueleto de “Vaso” tradicional, pero coa modificación de que nun dos seus brazos se deixa un cotón e unha vara atada a unha estaca. Este tipo de poda só se coñece nesta subzona, de aí o nome de poda tipo Amandi. 

Búscabase un baixo custe de implantación, garantindo boa calidade. Coa introducción desta vara incrementábanse os kilos de uva por cepa, ou sexa os cartos para o viticultor (hai que pensar que en moitas casas da ribeira era a única fonte de ingresos). Desta forma, optimizábase a distribución dos acios, cun mellor aproveitamento da radiación solar e un incremento da aireación interior da cepa.
 

Este tipo de poda tradicional, coa introducción das novas técnicas vitícolas (formación en espaldeira, arameado dos liños…), está case a extinguirse na búsqueda dun mellor rendemento na producción e na calidade.
 
Tamén quería falar neste artigo doutra peculiaridade que se produce en Sober e que eu descoñecía. Hai algúns anos lembro que un veciño de Millán, un dese homes renacentistas e autodidactas (rosqueiro, carpinteiro, canteiro, alfareiro, e un longo etc) me preguntou onde poñía eu o cotón, se por riba ou por baixo da vara. 
 
Eu non entendín a pregunta xa que, na Universidade, os que en teoría saben desto, me explicaron que a vide é unha liana que sofre acrotonía (o vigor sempre vai ás puntas).

 
Efecto da acrotonía: o vigor vai ás puntas da vara.

Efecto do arqueado da vara: o vigor concéntrase na base.

Polo tanto, o cotón tense que deixar retrasado respecto da vara, así controlamos o alongamento da cepa e prolongamos a vida da planta. Ademais, para retraer a forza da cepa hai que arquear a vara para dificultar o paso da savia, incrementando o vigor dos ollos que están máis preto da base.

Este cotón preto da base servirá de reemplazo para o ano seguinte, ou sexa, impedirá que a cepa se nos “escape”. A este tipo de poda chamase tipo "guyot".

Cotón para remprazo na poda tipo "guyot".
 
En Sober, (e digo Sober porque as fotos son da ribeira de Rosende) faise ó revés do sistema guyot: aquí o cotón déixano por enriba da vara, e non por debaixo.
O viticultor de Millán contoume unha historia curiosa. Nun curso destes que organiza Medio Rural, trouxeron un técnico da zona de Portomarín que lles explicou o mesmo que ensinaran a min no tempo de estudiante: que para reducir o vigor e controlar a cepa, o cotón ten que estar antes que a vara. Os alumnos replicaron e refutaron esta teoría que vén nos libros escritos por eminentes catedráticos franceses. Estas diferencias tiñan fácil resolución… había clases prácticas.

Poda tipo "guyot"

Poda "tipo Amandi"

Fixeron as dúas formas de poda, en “Guyot” e en “Amandi”, e, pasados os meses, este técnico comprobou que as cepas máis equilibradas e con mellor distribución da producción dábanse coa poda tipo Amandi. Unha vez máis a sabedoría popular venceu á teoría.


Dende aquelas, este técnico nos seguintes cursos recoméndalles ós alumnos que podasen como fan estes “asilvestrados” de Sober.

Poda "tipo Amandi"
Poda "tipo Amandi"

Esperando que practiquedes para o ano que vén (os lacazáns aínda están a tempo), e recomendando que lle fagades caso a eses ribeiraos fachendosos que tanto presumen saber desto. Pero, se aínda dubidades, comparade e comprade a que máis vos guste.



Eu, sinceiramente, creo que o “truco” está en retorcer ben a vara e que agromen con vigor os ollos máis próximos á base. É que... non son ribeirao (son da parroquia de S. Martiño de Anllo).


Seica hai outros tolos por Tuiriz que tamén podan raro: podan tipo bimbieira deixando unha vara. Pero esto será outra historia. 
 

Deíxovos que, como di o meu pai, hai que ir coller as “pugas” para enxertar. Agora toca.

1 comentário:

Anónimo disse...

Gusto do artigo. Parabéns.

Suso de Ver.