Éxito da xornada do pan e do queixo: aprendizaxe e moita festa.

O domingo, 3 de marzo, unhas cuarenta persoas desfrutamos en Neiras dunha xornada para aprender a facer pan e queixo ao xeito tradicional.
 
As oficiantes, Carmen e Manola, amosáronnos a técnica do amasado, o proceso completo de cocer pan e empanada, cómo facer queixo só con leite e a técnica da rosca, e aínda aprendimos a facer leite mazado e manteiga, así coma outras lambetadas como torta de roxós, tripón e empanada de rosca. Tamén experimentamos coa bola de millo, que antes se facía na lareira ou na cociña, metida na boleira.
 Foi unha xornada moi participativa, con moitas ganas de aprender e moitas preguntas, que rematou cun xantar, no que tomamos os propios produtos feitos no día.
A maioría dos ingredientes (leite, fariña, ovos, cebola, coello, polo, chourizo...) foron produtos locais.
Proximamente disponibilizaremos no noso blog as receitas e explicacións dos pasos que se precisan para facer o queixo e o pan ao xeito tradicional.

Dende O Colado do Vento agradecemos a todas as persoas que viñestes a vosa participación: foi un pracer! Agradecementos especiais a Carmen, Manola
 e Ovidio.

Sem comentários: