Javier Vivirido Salgado
Xa
pasada a XXXIII Feira do viño de Amandi que homenaxea ós seus
adegueiros, quería facer unha breve referencia ó traballo deses
viticultores, e máis en concreto ós podadores destas terras do sur
de Lugo. Xa falamos algo das variedades históricas cando tratamos
sobre o libro Observaciones sobre El Cultivo de la Vid en Galicia do ilustre científico monfortino Antonio Casares, de 1842, e
tamén sobre unha recopilación de historia da viticultura destes terruños porparte do historiador Germán Vázquez.
Toca agora toca falar de algo
distintivo e chamativo, exclusivo dos traballadores das viñas de
Sober respecto do resto do mundo, e digo ben... do mundo.
Falamos
da poda que se fixo sempre na ribeira soberina e que segundo o mestre
da EVEGA Francisco Rego denominan tipo “Amandi”.
Poda en Vaso |
Poda "tipo Amandi" |
A
poda tipo “Amandi” é unha formación tradicional de orixe grega
(típica de zonas cálidas e secas), cun esqueleto de “Vaso”
tradicional, pero coa modificación de que nun dos seus brazos se deixa un cotón e unha vara atada a unha estaca. Este tipo de poda
só se coñece nesta subzona, de aí o nome de poda tipo Amandi.
Búscabase un baixo custe de implantación, garantindo boa calidade.
Coa introducción desta vara incrementábanse os kilos de uva por
cepa, ou sexa os cartos para o viticultor (hai que pensar que en
moitas casas da ribeira era a única fonte de ingresos). Desta forma, optimizábase a distribución dos acios, cun mellor aproveitamento
da radiación solar e un incremento da aireación interior da cepa.
Este
tipo de poda tradicional, coa introducción das novas técnicas
vitícolas (formación en espaldeira, arameado dos liños…), está
case a extinguirse na búsqueda dun mellor rendemento na producción e
na calidade.
Tamén
quería falar neste artigo doutra peculiaridade que se produce en
Sober e que eu descoñecía. Hai algúns anos lembro que un veciño
de Millán, un dese homes renacentistas e autodidactas
(rosqueiro, carpinteiro, canteiro, alfareiro, e un longo etc) me
preguntou onde poñía eu o cotón, se por riba ou por baixo da vara.
Eu
non entendín a pregunta xa que, na Universidade, os que en teoría
saben desto, me explicaron que a vide é unha liana que sofre
acrotonía (o vigor sempre vai ás puntas).
Efecto da acrotonía: o vigor vai ás puntas da vara. |
Efecto do arqueado da vara: o vigor concéntrase na base. |
Polo tanto, o cotón tense que deixar retrasado respecto da vara, así controlamos o alongamento da cepa e prolongamos a vida da planta. Ademais, para retraer a forza da cepa hai que arquear a vara para dificultar o paso da savia, incrementando o vigor dos ollos que están máis preto da base.
Este
cotón preto da base servirá de reemplazo para o ano seguinte, ou
sexa, impedirá que a cepa se nos “escape”. A este tipo de poda
chamase tipo "guyot".
Cotón para remprazo na poda tipo "guyot". |
En
Sober, (e digo Sober porque as fotos son da ribeira de Rosende) faise ó revés do sistema guyot: aquí o cotón déixano por enriba da
vara, e non por debaixo.
O viticultor de Millán contoume unha historia curiosa. Nun curso
destes que organiza Medio Rural, trouxeron un técnico da zona de
Portomarín que lles explicou o mesmo que ensinaran a min no tempo de
estudiante: que para reducir o vigor e controlar a cepa, o cotón ten
que estar antes que a vara. Os alumnos replicaron e refutaron esta
teoría que vén nos libros escritos por eminentes catedráticos
franceses. Estas diferencias tiñan fácil resolución… había
clases prácticas.
Poda tipo "guyot" |
Fixeron
as dúas formas de poda, en “Guyot” e en “Amandi”, e, pasados
os meses, este técnico comprobou que as cepas máis equilibradas e
con mellor distribución da producción dábanse coa poda tipo Amandi.
Unha vez máis a sabedoría popular venceu á teoría.
Dende
aquelas, este técnico nos seguintes cursos recoméndalles ós alumnos que podasen como fan estes “asilvestrados” de Sober.
Poda "tipo Amandi" |
Poda "tipo Amandi" |
Esperando
que practiquedes para o ano que vén (os lacazáns aínda están a
tempo), e recomendando que lle fagades caso a eses ribeiraos
fachendosos que tanto presumen saber desto. Pero, se aínda dubidades,
comparade e comprade a que máis vos guste.
Eu,
sinceiramente, creo que o “truco” está en retorcer ben a vara e
que agromen con vigor os ollos máis próximos á base. É que...
non son ribeirao (son da parroquia de S. Martiño de Anllo).
Seica
hai outros tolos por Tuiriz que tamén podan raro: podan tipo
bimbieira deixando unha vara. Pero esto será outra historia.
Deíxovos
que, como di o meu pai, hai que ir coller as “pugas” para enxertar.
Agora toca.
1 comentário:
Gusto do artigo. Parabéns.
Suso de Ver.
Enviar um comentário