[receita] Un dóce típico: vixiga ou tripón.


Continuando coa actividade Pan&Queixo, irémosvos deixando por aquí distintas receitas e comentarios en torno á elaboración tradicional do pan e do queixo.
Hoxe toca a vixiga ou tripón.

A vixiga é un dóce típico que recibe ese nome porque tradicionalmente se usaba como continente para facelo cocido nunha pota esa parte do porco. Dende hai tempo faise no forno en latas ou en moldes de cociña.

INGREDIENTES

- Leite (un litro de leite por cada 6 ovos)
- Ovos (6 ovos por litro de leite)
- Pan de días (pan duro de días anteriores, pero tamén se pode usar pan do día; supoñemos que se facía aproveitando o pan que quedaba duro da fornada anterior)
- Azucre (unha cullerada sopeira colmada por cada ovo)
- Manteiga

PREPARACIÓN

Botamos o pan no leite para abrandalo. O pan podemos botalo xa esmigallado ou cortado en trociños ou ben esmigallalo dentro do leite. Depende do gusto de cada quen deixar que queden anaquiños de pan enteiros ou que o pan quede ben triturado.

Batimos ben os ovos e engadimos o azucre, volvendo batir ata que quede consistente a mixtura.

Unimos ambas mixturas (leite e pan con ovo e azucre) e remexemos. Opcional: engadir algún dadiño de manteiga e/ou uvas pasas.

Untamos con manteiga o molde onde vaiamos facer o dóce.

Botamos a mixtura no molde e metémolo no forno.

O dóce facíase no forno de leña, meténdoo cando o pan xa collera o primeiro quentor do forno, ao final da fornada. 
No forno eléctrico pódese poñer a 180º durante uns 40 minutos, aproximadamente. 
Compróbase que coceu introducindo un coitelo ou cando se dora por riba pero, para garantir a cocción cando o dóce é moi gordo, pódese cubrir a capa cun papel de cociña ou de aluminio para que non se torre.

O mellor é probar a facelo e aportarlle o toque persoal, segundo o gusto de cada quen.

Bo proveito!


Sem comentários: