“Entrado
o século XXI, o patrimonio arqueolóxico galego segue en mans de
burócratas e expertos que secuestran a información, titorizan o
acceso ao patrimonio arqueolóxico e adoptan unha actitude
paternalista infravalorando a acción dunha sociedade civil que ten
todo o dereito a reclamar o seu papel na xestión dun patrimonio que
é de todos”.
AYÁN,
XURXO e GAGO, MANUEL. Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural,
poder e sociedade na Galicia do século XXI
O
Milladoiro, Ames: 2.0 Editora, 2012.
Colección:
supertextos. No. 12.
Paula Vázquez Verao
Herdeiros
pola forza, como os propios autores o definen, é un libelo que,
como tal, golpea o corazón e solivianta o espíritu das persoas
amantes do Patrimonio, da nosa “herdanza cultural” en sentido
amplo.
Defenden
Xurxo Ayán e Manuel Gago unha filosofía radicalmente democrática
da xestión patrimonial e da construción do discurso histórico,
dende a investigación – aberta á cidadanía – a unha
divulgación para o común da xente, que bote man sen complexos das
ferramentas que as TIC ofrecen para poñer o coñecemento ao servizo
da maioría social.
Cun
toque retranqueiro e hilarante – as posibilidades de esmendrellarse
da risa son ben altas – fan unha semblanza dos modelos de xestión
do patrimonio galego dende o século XIX e analizan a situación
actual, herdada dunha victoria fascista e dependente dunha
administración caciquil, cutre e desconectada da sociedade á que
debería servir.
Herdeir@s
tamén é unha homenaxe a tod@s aquel@s “toliñ@s” que andan á
procura de tesouros nos penedos, entre toxos e silvas, a quen loita
contra as desfeitas da administración teoricamente encargada de
velar polo ben común da herdanza cultural recibida, ás asociacións
e colectivos que “enchen os ocos” que deixa o poder.
E
podemos lelo, ademais, coma un tratado de antropoloxía da Galicia do
século XXI, toda unha análise sociolóxica de como se fan as cousas
neste País no que desaparecen os castros. E isto exemplificado nunha
recua de personaxes, arquetipos de persoas que, en torno ao
Patrimonio, se nos teñen aparecido, ou que mesmo somos nós algunha
delas, quen sabe.
Estas
páxinas son, sen dúbida, unha contribución democrática
fundamental ao facer País, ao construír dende a postura exercente
de cidadanía crítica, ao poder sermos Nós nun dos recantos do
mundo con maior cantidade de patrimonio perdido polas carreiras.
Cando
rematas de ler, quédache unha idea moi clara: “estes dous tipos
saben ben do que falan”. E saben o que queren. Teñen un
coñecemento do noso País, unha visión global e unha idea clara do
que debe ser a participación da cidadanía na xestión do Patrimonio
e na re-construción do noso pasado.
Dos
distintos artigos recoñécese moitas veces quen é o autor, mais
outras non, parecendo froito dunha simbiose Ayán-Gago,
arqueólogo-divulgador científico, interior-costa, que resulta
arriquecedora e se reclama máis frecuente no eido da arqueoloxía en
Galicia.
Herdeir@s,
publicado en febreiro de 2012, xa está a circular entre as
asociacións e personaxes coidadoras do patrimonio galego co prurito que se sinte por unha obra clandestina. E abofé que é revolucionaria, pois
xenera complicidades, identifica problemas que un amplo abano de
xente entende como comúns, contribuíndo a crear unha rede, unha
arañeira que se artella por debaixo da epiderme de parálise
institucional que rodea o Patrimonio en Galicia.
E, así, sentimos que Herdeir@s é un proxecto vivo, noso, un programa cívico que “une”, un alegato en favor de exercermos como pobo o deber de “merecer” o Patrimonio para legarllo ás vindeiras xeracións e, de paso, para sermos máis Nós e máis felices.
1 comentário:
Moitas grazas por nos adiantares, co verbo tan exacto, contidos tan atractivos.
Suso de Ver.
Enviar um comentário