-
Obxecto: lasca paleolítica de cuarcita.
-
Posíbel datación: Paleolítico Inferior, industrias achelenses do
Pleistoceno Medio (620.000 – 300.000 anos antes do presente).
-
Localización: achado fortuíto de superficie no alto do Castelo na
parroquia de Neiras (Sober-Lugo).
*
Descrición do obxecto
A lasca que temos entre mans foi un achado fortuíto realizado no ano 2006 nun paseo polo altiño do Castelo, na parroquia de Neiras, na zona das Gandariñas de Arriba.
Pica na imaxe para ampliar. |
Foi Iván Álvarez Merayo, arqueólogo e socio do Colado, quen atopou a lasca no Castelo de Neiras nun paseo que fixemos a asociación para ver un altiño curioso que nos chamaba a atención.
Unha lasca é un fragmento lítico desprendido ao tallar un núcleo. As lascas teñen características específicas que permiten identificar a intencionalidade do ser humano na súa elaboración: punto de percusión, cara dorsal, cara ventral, talón, bulbo, ángulo de percusión, estrías... O obxecto lítico atopado no Castelo é indubidabelmente unha lasca. Presenta unha rotura nun extremo que é posterior ao momento da talla.
Unha lasca é un fragmento lítico desprendido ao tallar un núcleo. As lascas teñen características específicas que permiten identificar a intencionalidade do ser humano na súa elaboración: punto de percusión, cara dorsal, cara ventral, talón, bulbo, ángulo de percusión, estrías... O obxecto lítico atopado no Castelo é indubidabelmente unha lasca. Presenta unha rotura nun extremo que é posterior ao momento da talla.
Lasca do Castelo: cara ventral. |
Este
obxecto lítico podería datarse pola súa tipoloxía entre as
industrias achelenses (Modo 2) do Paleolítico Inferior no Pleistoceno Medio da Península
Ibérica, elaboradas polas comunidades de Homo Heidelberguensis,
especie humana dende a cal
evoluciona a Neandertal en Europa.
A
lasca atopouse no altiño do Castelo, altiño entre as Gandariñas de Abaixo e as Gandariñas de
Arriba, lugar este último no que a equipa de Arturo de Lombera localiza 15 artefactos tallados en cuarcita, cuarzo e sílex, adscritos ao
Modo 2, aínda que con características peculiares que as poderían
adscribir ao Modo 3 (Paleolítico Medio - Musteriense).
Así, atopámonos ante un dos escasos restos líticos desta etapa pretérita nas terras de Sober; neste caso, nunha parroquia enmarcada na depresión de Lemos, máis próxima ao val que á ribeira do Sil.
*
Esta descrición foi feita a simple vista e de xeito amateur,
estando pendente a Asociación O Colado do Vento de que profesionais
da Arqueoloxía examinen a peza.
*
Contexto físico e temporal
- marco
temporal: Paleolítico Inferior Clásico (entre 620.000 e 128.000
anos antes do presente).
Altiño do Castelo dende a estrada Sober-Monforte. |
- localización
do achado: Altiño do Castelo, nas Gandariñas, parroquia
de Neiras (Sober-Lugo). [O lugar está catalogado no PXOM de Sober como castro, moi desmantelado polas labouras agrícolas.]
É
un lugar próximo a cursos de auga, ao carón do río Pousavedra, e
un altiño dende o que se controla o territorio.
Os
ríos son durante o Pleistoceno Medio vías de tránsito, lugares de
abastecemento de auga e de material lítico para facer útiles (nas
terrazas fluviais) e zonas de atracción de animais que poder cazar.
Descoñecemos
a importancia que puidera ter tanto a recolección de vexetais coma a
pesca nas comunidades humanas do Paleolítico Inferior europeo. As
industrias líticas que chegaron ata nós, coma a lasca do Castelo,
eran utilizadas para o despece de carne, a caza, o despelexo de
animais ou o traballo da madeira.
As
comunidades humanas que produciron as pezas líticas atopadas no
entorno do Castelo vivirían do carroñeo e da caza, ben oportunista
ou organizada, así como da recolección de produtos vexetais e,
quizais, da pesca.
Non
sabemos se o lugar onde apareceron as pezas foi o lugar onde vivía
exactamente a comunidade pleistocena que as elaborou, nin sabemos se,
de ser así, era este lugar un asentamento residencial ou un
campamento loxístico para unha actividade concreta, como a caza ou a
produción de útiles líticos.
*
O Paleolítico en Galicia
O
estudo da Paleolítico en Galicia, como a súa divulgación, foi
escasa e discontinua. Nas últimas décadas, a
investigación permitiu estabelecer a secuencia do poboamento
paleolítico no noroeste da Península Ibérica.
O
Val do Sil foi un dos eixos de comunicación do NW peninsular durante a
Prehistoria, unha vía de entrada das comunidades humanas
paleolíticas dende a Meseta.
Do
Paleolítico Inferior, etapa á que pertence a lasca do Castelo,
temos evidencias espalladas por todo o territorio galaico,
preferentemente nos principais cursos fluviais e os seus afluentes.
*
Síntese do estado do coñecemento do Paleolítico en Galicia en: FÁBREGAS et DE LOMBERA (2011): "A descoberta da presenza humana no noroeste". En: A prehistoria de Lugo á luz das descobertas recentes. Actas do curso.
*
As evidencias do paleolítico na comarca de Lemos
Ata
finais do século XX, en toda a depresión de Lemos só se tiña
constancia dun achado paleolítico, un bifaz de cuarcita atopado,
precisamente, tamén en Sober, na parroquia de Vilaescura, a mediados do
século XX.
O
val de Lemos converteuse dende 2006 nun lugar privilexiado para o
estudo sistemático do Paleolítico en Galicia, cunha trintena
xacementos ao aire libre, grazas á previa recopilación de achados
fortuítos de José Antonio Peña, que puxeron sobre alerta á
comunidade arqueolóxica.
Atopáronse
centos de útiles líticos do Pleistoceno Medio e Superior,
pertencentes aos modos tecnolóxicos coñecidos como Modo 2, 3 e 4,
poñendo de manifesto a existencia dun importante poboamento durante
todo Pleistoceno na comarca de Lemos.
A
maioría dos conxuntos paleolíticos atopados no Val de Lemos
encádranse no Modo 2 ou industrias achelenses, coma a lasca do
Castelo.
*
Unha síntese destes achados paleolíticos no Val de Lemos: FÁBREGAS, LOMBERTA ET ALII (2008): "NUEVOS YACIMIENTOS PALEOLÍTICOS EN LA DEPRESIÓN DE MONFORTE DE LEMOS (LUGO, GALICIA, ESPAÑA)", na Revista GyC, descargábel aquí.
*
A beleza do sinxelo, a importancia da lasca do Castelo
Coa
lasca do Castelo temos nas mans un obxecto único, gardado por
milleiros e milleiros de anos, que resistiu cambios climáticos e o
paso do modo de vida paleolítico, de comunidades
cazadoras-recolectoras, á neolitización, sendo removida do seu
lugar orixinal, seguramente, polas labores agrícolas propias do
lugar onde se atopou. É unha das poucas evidencias que nos quedan
das comunidades humanas que hai medio millón de anos poboaron as
terras da parroquia de Neiras.
Ata
chegar ás técnicas líticas que se usaron para producir a lasca do
Castelo, tiveron que pasar centos de milleiros de anos. A tecnoloxía
humana foise desenvolvendo do máis sinxelo e multifuncional – un
canto para abrir os ósos dos animais mortos polas feras para acceder
ao miolo - ao complexo e especializado. As industrias líticas foron
o instrumental dominante nas comunidades humanas (descoñecemos por
falta de restos a importancia que puidera ter o traballo en madeira)
dende hai 2 millóns de anos ata a neolitización, co desenvolvemento da cerámica e logo dos metais,
acadando as indistrias líticas gran precisión, especialización e sofisticación no
Paleolítico Superior, combinadas coa industria en óso.
Modelar
un canto para que funcione mellor á hora de partir ósos para poder
obter un aporte nutritivo e proteico que permitiu desenvolver o
cerebro humano (á vez que o feito de coordinar os movementos das
mans para manipular o canto estimulaba a intelixencia) é un cambio
cualitativo quizais non comparábel a ningún outro cambio
tecnolóxico da humanidade, pois de aí saíu todo o demais. Ou, mais
ben, o cambio cualitativo que se deu no ser humano con respecto a
outras especies animais que manipulan obxectos, foi porque a nosa
especie e as outras especies humanas predecesoras teñen capacidade de aprender e
transmitir coñecementos. É máis: estudos corroboran que “as
áreas do cerebro moderno que se empregan cando se fabrica un bifaz
coinciden en gran medida coas que se usan ao falar” [MACGREGOR, NEIL (2012): La Historia del Mundo en 100 objetos]. A fala e os
obxectos posibilitaron o desevolvemento de comunidades humanas
que se expandiron por todo o mundo, adaptándose a diferentes medios
ecolóxicos.
Gústanos
pensar que a computadora onde escribimos este artigo, o sistema de
rede a través do que se transmiten datos a todo o mundo, ou as redes
eléctricas que nos permiten “colgar” isto no noso blogue, non
terían existido, quizais, sen o elo que sae das primeiras pedras
manexadas en África polas nosas máis remotas antepasadas e pola
longa aventura da evolución humana e do desenvolvemento da
tecnoloxía, onde á lasca do Castelo a situamos nos primeiros
estadios desta enorme historia.
A
lasca do Castelo está nunha casa particular dun membro da Asociación
O Colado do Vento e doarémola con gran ledicia a un museo
arqueolóxico que, agardemos, máis cedo que tarde, se estabeleza na
comarca de Lemos.
*
Outros achados paleolíticos en Sober
Bifaz atopado en Lobios (foto: La Voz de Galicia). |
-
mediados do século XX: achado dun bifaz de cuarcita en Vilaescura.
[-
2006: lasca do Castelo en Neiras.]
-
2006-2007: prospeccións do equipo de Arturo de Lombera en Sober:
útiles paleolíticos en distintos xacementos, entre os que destaca
As Gandariñas de Arriba, na parroquia de Neiras, no mesmo
entorno que a lasca atopada.
-
achádego fortuíto dun bifaz achelense na parroquia de Lobios, no
camiño entre o lugar de Lobios e o de Viladime, no curso dunha
xornada de sendeirismo que a Asociación Micolóxica Os Lactouros
realizara no ano 2008 en colaboración co Colado do Vento.
* Texto elaborado por Paula Vázquez Verao, xaneiro de 2014.
Sem comentários:
Enviar um comentário