A RAÍÑA DOS ANXOS

* Lenda sobre a capela da Raíña dos Anxos e sobre o castro da Mota, en Lobios, recollida por Alfonso Campos do José do Tellada o 5 de xullo do ano 2000.

Había unha moura que no alto da Mota tiña un cálice ao Sol. Por alí pasaba unha rapaza do lugar que, pensando que non a vían, colleu o cálice e botou a correr, mais a moura viuna e perseguiuna. A rapaza, ao verse seguida, ao pasar por riba dunhas laxas do camiño, mexouse co medo, quedando unhas marcas na pedra no lugar de Vilaronte, por debaixo da Mota, coma unhas raias por onde correron os mexos. Correndo, xa case sen alento, chegou á capela da Virxe, coa moura xa a punto de collela, e tirou o cálice polo burato da porta, exclamando: “Reina dos Anxos me valia”. “A boa madriña te encomendaches”, contestoulle a moura, marchando por onde viñera. 
O cálice, machucado polo lado que batera contra o chan, quedou na capela, gardándose durante moitos anos na casa do Tellada, da que saía polo día de Corpus e pola festa. Logo, o cura vendeuno e puxo unha réplica que non logrou enganar aos veciños, pois  faltáballe a machacadura de cando o tirou a rapaza perseguida pola moura.

O dono da casa do Tellada non deixou que gravaran a historia: “A min contáronmo os vellos, e eu cóntollo a vostede, e vostede contarallo a outros. ¿Que máis?”.

Sem comentários: