Festas do Carme de Sober, ano 2002. |
“Sober, terra de músicos” é un dito popular que reflicte a realidade destas terras da beira do Sil.
Igual que para o resto de Galicia faltan datos para o estudo da música antes do século XI, tendo que limitármonos a imaxinar que polas terras que hoxe se enmarcan administrativamente no Concello de Sober as xentes habitantes dos seus máis de vinte castros danzasen en círculo, mentras bebían, ao son da “frauta e corneta”, como refire Estabón, e que houbese mozas que cantasen “na súa lingua” acompañadas “dalgún instrumento de percusión” á vez que danzaban e batían cos pés no chan, como a galaica da que fala Silio Itálico, danzas que perviviron, seica, máis alá da Idade do Ferro e da época romana, pois foron prohibidas no concilio bracarense do ano 512. Quen sabe, tamén, se era certa a acusación verquida contra os priscilianistas de realizaren prácticas supersticiosas con abundante presenza de música e se estas se celebraron aquí, na nosa ribeira?
A banda a inicios do s. XXI, dirixe Luis F. Guitián. |
Podemos supoñer que a finais do século XI chegaría aos mosteiros de Sober – o masculino de Amandi, o feminino de Lobios – o canto litúrxico coñecido como gregoriano e que cara 1200 comezaría a facer acto de presenza a polifonía. Todo é suposición, que faltan datos, pero, como non imaxinar no Pazo dos López de Lemos unha representación trobadoresca durante os séculos XIII e XIV, época de auxe desta lírica?
Pinturas murais do s. XVI, Proendos. |
Podemos rememorar, tamén, as cantigas populares acompañadas de múltiples intrumentos, entre os que destacarían a zanfona e a gaita, esta con gran aceptación no século XVI, coa que se interpretaban danzas profanas e litúrxicas. Quizais o gaiteiro e o seu acompañante representados nun dos murais do presbiterio da igrexa de Proendos, datado cara 1550, sexan personaxes reais, tan loiros os dous e birollo un deles, en contraste co resto das figuras.
Se pechamos os ollos, mesmo podemos escoitar aos cegos acompañados da zanfona a cantar romances nas feiras da Verea, dende o século XVII en diante, e quizais as xentes de Sober daquelas oíran algún vilancico interpretado nalgunha igrexa. E, tamén por aquel tempo, non podemos saber qué influencia puido ter nas terras de Sober o esplendor musical do Monforte do VII conde de Lemos.
Rebasada a metade do século XIX apareceu en Canaval a primeira banda da que se teña constancia nas Terras de Lemos* e a inventiva popular deixounos coplas e cantos, coma os que discurría pola mesma época o chamado “Tío Sabina”, que ensinaba a doutrina cunha peculiar cantiga en latín macarrónico.
Banda de Sober en 1933. Dirixe: Antonio P. García, o "Rei". |
No primeiro terzo do século XX apareceron outras dúas bandas en Sober e soou a música nas festas e romarías dos distintos lugares, nos salóns do Café Galicia ou nos bailes e representacións teatrais do entroido de Proendos, que se financiaba coa venda de coplas nas feiras de Sober, que a propia veciñanza da parroquia musicaba. Imaxinemos así mesmo o papel que a música tería na romaría de Cadeiras, da que Ramón Castro López informa sobre a presenza de “Amazonas” e “Danzantes”. Ben seguro, tamén, que soarían polos camiños as coplas que “O Trícole”, personaxe singular, inventaba sobre a xente da zona ao irlles cantar os Reis.
Pasado o tempo da morte e da fame, unha formación de gaiteiros coñecida coma “A Tamborrada dos Carrazúas”, naturais da parroquia de Amandi, acudían a festas da contorna gañando o suficiente como para poder pagar o xornal dun home que lles atendese os eidos mentras eles vivían, folgadamente, da música. E apareceron tamén as orquestras para amenizar os bailes nos anos 50 e 60.
Punteiros da "Tamborrada dos Carrazúas". |
Tiñan as xentes de Sober boas aptitudes para a música, sabendo cantar espontaneamente a dúas voces, especialmente en Proendos, onde os mozotes da parroquia chegaban a facer tres ou catro voces ben harmonizadas, cun aquel de competición por ver quen resaltaba máis, o que sorprendeu a Xosé Luis Rivas, “Mini”, cando impartiu clases no colexo “Virxe do Carme” a finais dos 70. Así, enténdese a proliferación de agrupacións corais en Sober polos anos 60 e 70, con coros en Telleiros e Vilamaior, dirixidos polos irmáns Rodríguez Guitián, o Orfeón de Proendos, creado polo párroco Don Anxel, o Coro da Sección Femenina e logo a Coral e a Escolanía de Sober, premiada varias veces, ambas as dúas últimas creadas e dirixidas por Ramiro Ares Devesa, párroco de Sober dende finais dos 50 ata o 2009, que foi, sobor de todo, sensibilísimo músico e compositor. Hoxe, a tradición de canto coral pervive no grupo músico-vocal “O Trícole”, creado a finais dos 90, e no grupo de coro da Escola Municipal de Música.
Orquestra "La Soberana". |
A finais do século XX tamén xurdiu en Sober un grupo de rock, composto por rapaces da vila, e asentáronse por aquí músicos doutros lares, como Gary Kupa, e hoxe son moitas as persoas que non lle perdoan unha “arrincada” nas interminábeis sobremesas das festas “do patrón”.
Visto o fermento musical destas terras, non é extraño que nelas sobreviva unha das bandas máis antigas de Galicia, que é, sen dúbida, o estandarte máis senlleiro da cultura musical de Sober.
Primeira promoción da Escola de Música de Sober de 1975. |
* Para coñecer a historia da Banda de Música de Sober, pódese adquirir xa, por só 10 €, o libro Banda de Música de Sober, Un século e medio de historia, editado pola nosa banda cunha axuda da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e coa colaboración de distintas empresas e asociacións de Sober. Pódese adquirir na oficina da Casa da Cultura ou nas actuacións da banda (a vindeira, o 15 de agosto nas festas patronais de Monforte, na praza de España ás 23:00 horas).
BIBLIOGRAFÍA E REFERENCIAS
- Informacións de Luis Fernández Guitián e Alfonso Campos Pérez.
- ALÉN, Mª PILAR. Historia da música galega. Ed. A Nosa Terra. Vigo, 1997.
- CASTRO LÓPEZ, RAMÓN. Reseña histórico descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su comarca. Deputación Provincial de Lugo, 1929. [Edición facsimile, ano 2000].
- FERNÁNDEZ GUITIÁN, LUIS. "As bandas de música nas Terras de Lemos". En: Coral Renfe. 1960-2000. Monforte de Lemos, 2000.
- FERNÁNDEZ LLANO, ENRIQUE. “Rasgos geográficos, económicos y humanos de Sober” (p. 19 – 30). En: FERNÁNDEZ LLANO, ENRIQUE. Descripción del término municipal de Sober. Monforte de Lemos, 1977.
- RIVERA ARMERO, RICHARD; REYES FERRÓN, FERNANDO e FERNÁNDEZ GUITIÁN, LUIS. Itinerarios histórico-musicais. Monforte de Lemos. 2008.
- VVAA. “Banda de Música de Sober. Dos siglos de tradición musical viva” (p. 108 – 111). En: VVAA. Sober. Servizo de Publicacións da Deputación Provincial. Lugo, 1998.
- http://fgbmp.net – Web da Federación Galega de Bandas de Música Populares.
Sem comentários:
Enviar um comentário