Crónica (subxectiva) do encontro con Xurxo Ayán sobre a Ribeira Sacra: un problema non só de relato



* Crónica de Paula Vázquez Verao.

O venres, 27 de febreiro, no Centro do Viño da Ribeira Sacra, edificio do antigo Concello de Monforte, Xurxo Ayán, “neto de indíxenas” pronunciou a exposición titulada “Ribeira Sacra: unha paisaxe heroica, un patrimonio da(s) comunidade(s)”. A solemnidade do formato non foi obstáculo para abrir un debate irreverente, polémico e que buscou ir ás raiceiras da situación de decadencia socioeconómica das terras lemavas.

Cun auditorio desbordado pola asistencia quedou claro o interese social da temática: a poboación das comarcas da denominada Ribeira Sacra quere ser parte da decisión sobre a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade, o que significa que quere decidir que tipo de sociedade quere ser.

Dende O Colado do Vento, precisamente, impulsouse este debate público por considerar que é necesario dotarse de espazos de intercambio real de ideas por parte da cidadanía, pois, de non existir dinámica social de debate e participación sobre o modelo de sociedade que queremos, o modelo será imposto, irremediablemente.

A asociación convidou a Ayán por coincidir no desacordo co modelo de xestión do Patrimonio, afastado da implicación das comunidades locais, na crítica do relato hexemónico – institucional e turístico – sobre este territorio e na vontade de exercer de cidadanía consciente.

O caso da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade é un exemplo de proxecto impulsado dende as institucións (as Deputacións de Ourense e Lugo) que non contou coa poboación máis que para rular un autobús recollendo sinaturas polas vilas, descoñecendo a xente deste territorio tanto o documento técnico da candidatura que está a elaborar a USC coma as implicacións da declaración Patrimonio da Humanidade.

Analizou Ayán que existe neste territorio de Lemos “unha estratexia de resistencia indíxena”, que se expresa no mantemento de costumes e do hábitat disperso que se resiste a amoldarse ás uniformidades dos estados contemporáneos. Coa Ribeira Sacra pode suceder – ou sucede xa - o que Xurxo Ayán comentou sobre Ancares: unha construción artificial coa que as diversas comunidades de tan extenso e diverso territorio non se identifican.

E é que as paisaxes, como construción ideolóxica e política, non son obxectivas, constrúense cun determinado relato. Así, a da Ribeira Sacra adórnase dun misticismo decimonónico, “plagada de Panoramix e meigas”. Trátase dun relato inzado de invencións e incorreccións que se introduce nas páxinas e publicacións institucionais, sen ter en conta os avances na investigación histórica. Por exemplo, non tiveron incidencia no relato hexemónico da “Ribeira Sacra” os temas e conclusións do congreso Home (sic: nótese a ausencia reiterada da muller no relato histórico), auga e paisaxe na Ribeira Sacra (resumo aquí), organizado polas propias administracións que logo editan os folletos informativos.

Un territorio con abondo historia como para non termos que inventar, moito menos financiar esas invencións e despropósitos históricos con cartos públicos. Exemplos como o “castro celta dos Brigantes” sinalizado en Santo Estevo e que resulta ser unhas ruínas dun forno é o paradigma do despilfarro e a ignorancia. No entanto, non houbo financiación para continuar a excavar os interesantes castros de San Vicente (Monforte), dos Penedos do Castro (Luíntra) ou da Xabrega (Sober), permitiuse unha “rehabilitación” (entre aspas) desastrosa do mosteiro de San Vicente e do pazo condal (Monforte), cae a cachos San Paio da Abeleda (Castro Caldelas) ou o edificio anexo a San Paio de Diomondi (O Saviñao) leva esborrallado anos.

Sinaléctica do falso castro de Santo Estevo. Foto: Xurxo Ayán.
San Paio da Abeleda sen tellado.
O relato histórico é unha construción política e, neste caso, o que domina actualmente na RS responde a un modelo de desenvolvemento turístico que non ten en conta ás persoas que habitan e traballan o espazo. Priorízase a romanidade case como mito fundacional, coa teima do viño de Amandi en Roma, unha historia que parte dunha confusión histórica, mentras non se introduce globalmente no relato a explotación industrial romana do Courel e Quiroga (por certo, como sinalou Xurxo Ayán, a mina de Os Medos, cun sistema de produción aurífera único en Europa, foi destruída por un campo de fútbol e... por unha fábrica de biquinis que nunca funcionou). E, ao tempo que este patrimonio romano se destrúe (numerosas villae e castros) fináncianse reconstruccións de calzadas romanas con fondos europeos. 

E non só: véndese a estética románica sen preocuparse pola conservación das igrexas e ocultando que a maioría dos templos son recreacións posteriores ou/e pastiches de moitas épocas; fálase de bruxas e de Xúpiter fendendo o canón do Sil mentras se deixan perder as lendas e relatos das comunidades que traballaron as ribeiras e que poden nomear cada recuncho das súas abas, cotarros e colados; preséntase a paisaxe como “virxe” e “sublime” sen resaltar que estamos ante unha paisaxe eminentemente “antropizada”, coma toda a galega, e ocultando o relato da “colonización franquista”, presente nos encoros – construídos con man de obra exclavizada, presos políticos – ou nas obras de regadío da comarca de Lemos, “inspiradas nun modelo da Italia mussoliniana”. Modelo este, por certo, que resultou un fracaso, como se comproba nos índices de emigración das comarcas da Ribeira Sacra ao longo do século XX. Así, esquécese este patrimonio industrial (o poboado da Chaira, todo o relacionado co ferrocarril...) - con excepcións coma a Fábrica de Luz de Parada de Sil -, apoiándose no cal “se pode explicar a historia galega do século XX”. De todo isto nos falou Xurxo Ayán.

Atán, igrexa "pastiche" de distintas épocas.
Inauguración dunha calzada a modo romano na Adega Regina Viarum. Foto: A Cantina.
Deste relato tópico e promocionado polas institucións quedan ocultas as mulleres, a xente humilde, a loita de poder, as inxustizas... Por exemplo, a presentación idílica dos socalcos (ou muras, ou pataos...) esquece que estamos ante unha gran obra de explotación feudal do territorio. Así, cre Ayán que seguimos “nun modelo turístico nacido nos anos 60, do Spain is different, folcklorizante”, continuado na “reconversión rural” do fraguismo e no modelo de turismo rural financiado con fondos FEDER, o modelo dos iates e de “Galicia como embarcación de recreo”, que se reflexa, a xuízo de Ayán, no feito de que a oferta turística da zona se centrara nos catamaráns. Catamaráns onde se lles explicou aos visitantes que podían ver a silueta dun indio americano nunha pedra sen explicarlles o que son os inchadoiros ou sinalarlles os puntos romanos de control dos pasos do río, só por poñer dous exemplos.

O catamarán pasando por Chanteiro.

De cara á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, Ayán amosouse crítico polo feito de que as mesmas institucións e políticos que están promovendo a candidatura sexan as mesmas que destruíron patrimonio e permitiron o desbaldimento de cartos públicos. Ademais, cre que a UNESCO non vai aceptar a candidatura na medida en que persiste o descoido do patrimonio, a deliberada ocultación da lingua propia das comunidades da zona - o galego -, a falta de recoñecemento da parroquia, unidade social básica, o proxecto de autovía A-76, e o desinterese porque a poboación da zona se implique no deseño das estratexias territoriais e culturais.

Neste sentido, Xurxo Ayán identifica a construción do concepto Ribeira Sacra (denominación xurdida coa propia DO vitícola) “nun contexto político no que se deseñaron estratexias destinadas a captar fondos europeos”, os fondos estruturais da UE usados en proxectos fallidos e política errática en moitos casos.


Imaxes promocionais da Ribeira Sacra. Consorcio de Turismo.

En contraposición, Ayán propón un “patrimonio das comunidades”, unha sociedade que participe nas decisións, o apoio á investigación en I+D+i ou o control do patrimonio baixo xestión pública e participación cívica.

En resumo: é necesario que o patrimonio se poña ao servizo das nosas comunidades, das persoas “indíxenas”, e que o relato sobre o que somos inclúa ás xentes que habitaron e habitamos este territorio. Citando a Ayán, é preciso que “as xentes do lugar non queden fóra do discurso nin da toma de decisións” e que se comprenda que a sociedade da zona hoxe, século XXI, é “multiétnica” e complexa.

Fronte a esta realidade rocambolesca, penso que dende O Colado do Vento debemos continuar co debate porque o que sucedeu en Monforte o pasado venres 27, que poucas veces tiña acontecido, unha confrontación pública crítica sobre o tipo de sociedade que queremos ser, é unha das claves de que as xentes das terras lemavas poidamos continuar a vivir nestas con dignidade.

* Crónica de Paula Vázquez Verao. As opinións verquidas neste artigo non teñen porque coincidir coas do Colado do Vento. As fotos, se non se indica a fonte, son da autora.

Para saber máis pódese consultar o artigo de Xurxo Ayán na publicación El pasado en su lugar, que se pode consultar aquí.

Sinaléctica popular en Pantón.

Comeza a tempada de horta 2015: domingo, 8 de marzo


A primeira xornada de traballo de 2015 será o domingo, 8 de marzo, pola tarde: ás 16:30 h na horta dos Navás.
 
Se queredes participar, aparecede.
 
Máis info en coladodovento@gmail.com
 
Imos celebrar o día internacional da muller traballadora creando horta, un traballo este, o de alimentar o mundo, que é fundamentalmente feminino.

Conferencia de Xurxo Ayán: "A Ribeira Sacra: unha paisaxe heroica, un patrimonio da(s) Comunidade(s)


A Asociación Cultural O Colado do Vento organiza en Monforte unha conferencia do arqueólogo Xurxo Ayán Vila titulada “A Ribeira Sacra: unha paisaxe heroica, un patrimonio da(s) Comunidades(s).”

A petición da charla por parte da Asociación sae dunha xuntanza na que se tratou sobre o proceso da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, valorando que existe falta de información e que sería interesante abrir debates sobre o patrimonio e a historia da comarca de Lemos, pensando para isto en Xurxo Ayán, por achar moi interesantes as opinións que este arqueólogo lemavo aportara sobre a cuestión da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

Xurxo M. Ayán é investigador postdoutoral contratado no Grupo de Investigación en Patrimonio Construído da Universidade do País Basco, onde desenvolve os proxectos “Arqueoloxía da guerra civil e socialización do Patrimonio en Euskadi” e “Arqueoloxía postcolonial en España”. Ten dirixido intervencións arqueolóxicas en escenarios da guerra civil (Belchite, Guadalaxara, batalla do Ebro, Fronte Norte) e da represión, coma o campo de concentración franquista de Castuera (Badaxoz). En Galicia desenvolveu traballos de investigación arqueolóxica sobre a guerrilla antifranquista e maila explotación nazi-franquista do wolfram.

A charla será o venres 27 de febreiro de 2015 no Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte.

Plan de actividades: 1º semestre 2015


DATA
ACTIVIDADE
OBSERVACIÓNS
Venres, 27 de febreiro. CONFERENCIA DE XURXO AYÁN: A Ribeira Sacra: unha paisaxe heroica, un patrimonio da(s) Comunidade(s). Centro do Viño da Ribeira Sacra.
Monforte.
20 horas.
Entrada libre.
Domingo, 22 de marzo. Visita ao Ecomuseo de Arxeriz (O Saviñao). Pendente de reserva.
Actividade a realizar pola mañá.
Cada persoa que asista deberá aboar 1 €.
É preciso anotarse antes do 10 de marzo en:
coladodovento@gmail.com
Domingo, 12 de abril. PARROQUIA DE BARANTES (Sober).
Ruta de sendeirismo poético-natural.
Anunciarase con tempo o itinerario e as características da xornada.
Non é preciso anotarse para a ruta; para xantar si, antes do 10 de abril en:
coladodovento@gmail.com
Nova data: sábado, 9 de maio. RUTA DE SENDEIRISMO.
Tramo da travesía Doade-Augas Mestas.
http://coladodovento.blogspot.com.es/2012/12/imaxe-da-ruta-en-outono-foto-alejandro.html
Será unha ruta de tarde.
Anunciarase con tempo o itinerario e as características da xornada.
Quedarase en coches particulares.
Haberá un pinchiño ao final.
Será gratis para persoas socias. As persoas non socias aboarán 5 €.
Pendente de data. VISITA AO ROMÁNICO DE CARBALLEDO Será unha ruta de tarde.
Anunciarase con tempo o itinerario e as características da xornada.
Quedarase nun punto a unha hora, sen necesidade de anotación previa.
En coches particulares.
Domingo, 31 de maio. XORNADA EN ENTRIMO (Ourense) Anunciarase con tempo o itinerario e as características da xornada.
Disporase de autobús.
Cada persoa ocuparase da súa comida.
É preciso anotarse antes do 25 de maio en:
coladodovento@gmail.com
Domingo, 21 de xuño. QUEDADA PARA FOTOGRAFÍA DO PATRIMONIO (Sober) Quedaremos para visitar elementos patrimoniais de Sober para fotografialos e verquer fotos e observacións en http://patrimoniogalego.net/
Non é preciso anotarse; anunciarase hora de quedada.
Domingo, 19 de xullo. RUTA POLO MORRAZO Iremos en bus.
Andaina e tempo para praia.
Xantaremos na praia, levando cada quen a súa comida.
Domingo, 1 de agosto. IX XORNADA Á LUZ LA LÚA Será no entorno de Cadeiras.

Para calquera dúbida: coladodovento@gmail.com



Nova directiva e plan de traballo para 2015-2016


O 31 de xaneiro de 2015 tivemos a Asemblea Xeral anual do Colado do Vento, na que se diu conta do traballo destes dous anos 2014 e 2015, valorándoo moi positivamente e analizando as cuestións que se poden mellorar.

Entre estas, acordamos:

- Facer unha mellor planificación das actividades, como mínimo de xeito trimestral, de forma que cada persoa socia teña un calendario das actividades. Intentarase facer un planning semestral de actividades.

- Mellorar a presenza na rede cunha páxina web ben deseñada, de fácil acceso e onde verquer a gran cantidade de contidos dos que dispón a asociación.

Tamén se presentou un balance das contas da asociación, que neste momento conta con 62 persoas asociadas.
O exercicio foi rematado con superávit.

Procedeuse a renovar a Xunta Directiva, conforme ao mandado dos Estatutos, pero mantendo, coma sempre, o espíritu colaborativo polo cal existe unha equipa de persoas que colabora en distintas cuestións, exercendo a directiva simplemente a función de coordinación.

Para 2015-2016, a Xunta Directiva do Colado do Vento estará conformada por:

- Presidenta - Paula Vázquez Verao
- Vicepresidente - José María Lago Bornstein
- Secretaria - Julia Fernández Garza
- Tesoureira - Teresa Grau
- Vocais - Rosana Prieto, Ramón Sandoval, Javier Vivirido

A composición da Xunta Directiva e o plan de traballo para 2015-2016 foi votado por unanimidade.
Avanzamos as liñas mestras de traballo para estes dous anos, incluíndo algunhas propostas concretas, que se poden consultar aquí. 

A Asociación debe facerse consciente de que habitamos unha comarca envellecida e cunha gran crise demográfica. Sen xente non hai cultura nin posibilidades de vivir o patrimonio, polo cal centraremos tamén os nosos esforzos en traballar sobre alternativas de vida e traballo no rural, concienciación sobre os problemas sociais da zona e relación co resto de asociacións da comarca.


Plan de traballo 2015-2016


Asociación Cultural, que está radicada nun tempo e nun lugar, a Terra de Lemos, cuns problemas sociais aos que non é allea.

Somos sociedade que queremos un patrimonio para vivilo. Porque nós sabemos da función social, cultural, económica e de dignidade colectiva que pode desempeñar o noso Patrimonio.

Cómpre entender a riqueza patrimonial coma un valor social, coma un legado do que responsabilizarse e que pode xerar identificación da comunidade que perciba estes bens como valores comúns e para o común.

LIÑAS DE ACTUACIÓN 2015-2016

- GRANDES XORNADAS
Citas puntuais ao longo do ano, completas, con variedade de aspectos. Programadas con antelación.
- A pegada de Roma: xornada para interpretativa sobre a minaría romana en Quiroga e no Courel.
- Itinerario interpretativo polas minas de Freixo.
- Pensar en deseñar algún tipo de roteiro polo Monforte de “Lois Pereiro”.
- IX Encontro á luz da lúa.
- Visita á zona de Lobios-Entrimo.
- Ruta das antigas cererías no Paraño.

- RUTAS DE SENDEIRISMO
- Roteiro pola Teixeira.
- Ruta pola península do Morrazo.
- Preparación dunha ruta por Sober para Vía Auria.
- Coñecer elementos naturais interesantes ou en perigo.

- AS PARROQUIAS
- Un día en Gundivós, con visita ao castro.
- Unha visita a Pinol.
- Xornada poética en Barantes.

- LIMPEZA E REIVINDICACIÓN DE PATRIMONIO ESTRAGADO “turismo rural con fouce”
- Cividade.
- Reivindicación da restauración das pinturas de Pinol (coa visita a Pinol).

- PATRIMONIO INMATERIAL
- Recollida de microtoponimia: Barantes...
- Recollida de memoria oral diversa.

- SAÍDAS PERIÓDICAS A COÑECER O PATRIMONIO DA ZONA
Quedadas para visitas a lugares próximos, en coches particulares, co fin de coñecer elementos do noso Patrimonio máis achegado. Quedadas informais.
- Museo do Ferrocarril e patrimonio ferroviario de Monforte.
- Visita a ríos e regatos da comarca.
- Mosteiro de Oseira e zona.
- Monforte básico: Torre da Homenaxe, casco histórico, Clarisas, Nosa Señora da Antiga...
- O Courel.
- Catedral de Ourense.
- Románico de Carballedo e Taboada.
- Mazo de Penacoba.
- San Paio da Abeleda.
- Ruta ferroviaria entre Canaval-San Pedro e camiñata a Pombeiro-Santo Estevo.
- Torbeo.
- Montederramo.
- Ecomuseo Arxeriz.

- HORTA
Mantemento do traballo na horta de boas prácticas e da súa labor de concienciación.

- OPORTUNIDADES DE VIDA DIGNA NO RURAL E SOLIDARIEDADE
Colaborar e aportar no deseño de oportunidades de traballo e vida na zona.
- Concienciar sobre o alugueiro de casas e boas prácticas de rehabilitación.
- Saberes e oficios tradicionais que poden ser oportunidade de emprego: xornada do xabón...
- Colaborar con recollidas de alimentos e necesidades básicas.

- RELACIÓN CON OUTROS COLECTIVOS E ASOCIACIÓNS
- Xuntanza coas asociacións de defensa do Patrimonio da comarca e estabelecemento dunha colaboración.
- Coordinación das asociacións galegas do Patrimonio.
- Realizar xornadas con outros colectivos.

- CONFERENCIAS
- Sobre a emigración galega en América.
- Continuar o ciclo “Falamos de”: charla sobre a industria farmacéutica...
- Proxección “A volta dos 9”.
- Presentacións noutros lugares do traballo sobre o viño.
- Sobre a crise demográfica do interior galego.
- Traballo sobre os cruceiros.

- COMUNICACIÓN E DIVULGACIÓN
- Impulsar o espazo web sobre o Románico de Lemos.
- Páxina web que concentre todos os contidos do Colado do Vento.
- Aprendermos a catalogar elementos cunha cámara-teléfono que os sitúe nas coordenadas gps.
- Contribuír no catálogo colaborativo Patrimonio.net


Documental sobre a olería de Gundivós (1997)

Documental gravado no concello de Sober (Lugo) en 1997 para I.D.C., a Iniciativa Comunitaria ADAPT, Proxecto Senda, no que se repasa a historia e produción deste centro oleiro tradicional.

Concerto de Clave de Fado en Proendos


Organiza: Asociación Veciñal Proencia - Festas do San Amaro.