[reseña] Herdeiros pola forza


“Entrado o século XXI, o patrimonio arqueolóxico galego segue en mans de burócratas e expertos que secuestran a información, titorizan o acceso ao patrimonio arqueolóxico e adoptan unha actitude paternalista infravalorando a acción dunha sociedade civil que ten todo o dereito a reclamar o seu papel na xestión dun patrimonio que é de todos”.

AYÁN, XURXO e GAGO, MANUEL. Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI
O Milladoiro, Ames: 2.0 Editora, 2012.
Colección: supertextos. No. 12.

Paula Vázquez Verao

Herdeiros pola forza, como os propios autores o definen, é un libelo que, como tal, golpea o corazón e solivianta o espíritu das persoas amantes do Patrimonio, da nosa “herdanza cultural” en sentido amplo.

Defenden Xurxo Ayán e Manuel Gago unha filosofía radicalmente democrática da xestión patrimonial e da construción do discurso histórico, dende a investigación – aberta á cidadanía – a unha divulgación para o común da xente, que bote man sen complexos das ferramentas que as TIC ofrecen para poñer o coñecemento ao servizo da maioría social.

Cun toque retranqueiro e hilarante – as posibilidades de esmendrellarse da risa son ben altas – fan unha semblanza dos modelos de xestión do patrimonio galego dende o século XIX e analizan a situación actual, herdada dunha victoria fascista e dependente dunha administración caciquil, cutre e desconectada da sociedade á que debería servir.

Herdeir@s tamén é unha homenaxe a tod@s aquel@s “toliñ@s” que andan á procura de tesouros nos penedos, entre toxos e silvas, a quen loita contra as desfeitas da administración teoricamente encargada de velar polo ben común da herdanza cultural recibida, ás asociacións e colectivos que “enchen os ocos” que deixa o poder.

E podemos lelo, ademais, coma un tratado de antropoloxía da Galicia do século XXI, toda unha análise sociolóxica de como se fan as cousas neste País no que desaparecen os castros. E isto exemplificado nunha recua de personaxes, arquetipos de persoas que, en torno ao Patrimonio, se nos teñen aparecido, ou que mesmo somos nós algunha delas, quen sabe.

Estas páxinas son, sen dúbida, unha contribución democrática fundamental ao facer País, ao construír dende a postura exercente de cidadanía crítica, ao poder sermos Nós nun dos recantos do mundo con maior cantidade de patrimonio perdido polas carreiras.

Cando rematas de ler, quédache unha idea moi clara: “estes dous tipos saben ben do que falan”. E saben o que queren. Teñen un coñecemento do noso País, unha visión global e unha idea clara do que debe ser a participación da cidadanía na xestión do Patrimonio e na re-construción do noso pasado.

Dos distintos artigos recoñécese moitas veces quen é o autor, mais outras non, parecendo froito dunha simbiose Ayán-Gago, arqueólogo-divulgador científico, interior-costa, que resulta arriquecedora e se reclama máis frecuente no eido da arqueoloxía en Galicia.

Herdeir@s, publicado en febreiro de 2012, xa está a circular entre as asociacións e personaxes coidadoras do patrimonio galego co prurito que se sinte por unha obra clandestina. E abofé que é revolucionaria, pois xenera complicidades, identifica problemas que un amplo abano de xente entende como comúns, contribuíndo a crear unha rede, unha arañeira que se artella por debaixo da epiderme de parálise institucional que rodea o Patrimonio en Galicia.

E, así, sentimos que Herdeir@s é un proxecto vivo, noso, un programa cívico que “une”, un alegato en favor de exercermos como pobo o deber de “merecer” o Patrimonio para legarllo ás vindeiras xeracións e, de paso, para sermos máis Nós e máis felices.

[receita] Rosca

Continuando coa actividade Pan&Queixo, irémosvos deixando por aquí distintas receitas e comentarios en torno á elaboración tradicional do pan e do queixo.
Hoxe toca a vixiga ou tripón.

 

Receita de Pilar Pérez, nacida en Barantes, que vive no Outeiro de Bolmente.

NOTA - Ter a receita da rosca tradicional non é garantía de que saia ben: cómpre praticar moito e coller o punto ao amasado, levedado e enfornado. Non deixedes de experimentar, mais tampouco de mercar as roscas ás afamadas rosqueiras e rosqueiros de Sober, especialmente de Millán, parroquia rosqueira por excelencia. Na XXXIII Feira do Viño de Sober, o 23 e 24 de abril.

INGREDIENTES
(para 3 kg de fariña)

- 3 kg de fariña
- 1 kg de azucre (sabor bastante dóce; reducir azucre ao gusto)
- 3 culleradas de sal (unha cullerada tamaño café por cada kg de fariña)
- 1,5 l de auga morna (1,5 l de auga por cada 3 kg de fariña aprox)
- un dadiño de levadura fresca
- 9 ovos (3 ovos por cada kg de fariña)
- azafrán en rama e colorante ao gusto (o azafrán en rama é o que dá o toque de sabor distintivo da rosca)

MODO DE FACER AS ROSCAS

1 - Disólvese o azucre, o sal, o azafrán e o colorante na auga.
2 - Cólase a auga.
3 - Faise un volcán coa fariña e desmigállase a levadura no centro.
4 - Bótanse os ovos no centro do volcán de fariña e amásase todo.
5 - Vaise agregando a auga á mixtura ata que se consigue a textura da masa desexada. Ten que quedar algo máis "pringosa" que a do pan.
6 - Déixase levedar, máis ou menos 3 horas, ao sol ou ao calor da cociña, nunha tina tapada con tea, tendo moito coidado de non a mover nin destapar. Pódese poñer unha pota con auga ao lume e colocar a tina por riba.
7 - Fanse bolos coa masa e déixanse a levedar un pouco.
8 - Mentras se quenta o forno dáselle forma ás roscas, para que aínda leveden un bocadiño máis antes de enfornalas (as roscas colócanse en papel cunha pouca fariña extendida para que non se peguen).
9 - Vernízanse as roscas con ovo batido mixturado cun pouco colorante ou azafrán.
10 - O forno ha de estar menos quente que para cocer o pan. Se se coce o pan, métese este antes e, unha vez que baixa o primeiro quentor do forno, métense as roscas.
11 - Cócense 20 minutos aproximadamente.
12 - Déixanse arrefriar un pouco e disfrútanse.   

Rastrillo de Monforte o domingo 17 no barrio de Carude.


Este domingo, o Rastrillo de Monforte estará na praza de Carude. 

Aproveitade a festa do San Lázaro e pasade por alí.

O blogue do Rastrillo: http://rastrillomonforte.wordpress.com


[receita] Un dóce típico: vixiga ou tripón.


Continuando coa actividade Pan&Queixo, irémosvos deixando por aquí distintas receitas e comentarios en torno á elaboración tradicional do pan e do queixo.
Hoxe toca a vixiga ou tripón.

A vixiga é un dóce típico que recibe ese nome porque tradicionalmente se usaba como continente para facelo cocido nunha pota esa parte do porco. Dende hai tempo faise no forno en latas ou en moldes de cociña.

INGREDIENTES

- Leite (un litro de leite por cada 6 ovos)
- Ovos (6 ovos por litro de leite)
- Pan de días (pan duro de días anteriores, pero tamén se pode usar pan do día; supoñemos que se facía aproveitando o pan que quedaba duro da fornada anterior)
- Azucre (unha cullerada sopeira colmada por cada ovo)
- Manteiga

PREPARACIÓN

Botamos o pan no leite para abrandalo. O pan podemos botalo xa esmigallado ou cortado en trociños ou ben esmigallalo dentro do leite. Depende do gusto de cada quen deixar que queden anaquiños de pan enteiros ou que o pan quede ben triturado.

Batimos ben os ovos e engadimos o azucre, volvendo batir ata que quede consistente a mixtura.

Unimos ambas mixturas (leite e pan con ovo e azucre) e remexemos. Opcional: engadir algún dadiño de manteiga e/ou uvas pasas.

Untamos con manteiga o molde onde vaiamos facer o dóce.

Botamos a mixtura no molde e metémolo no forno.

O dóce facíase no forno de leña, meténdoo cando o pan xa collera o primeiro quentor do forno, ao final da fornada. 
No forno eléctrico pódese poñer a 180º durante uns 40 minutos, aproximadamente. 
Compróbase que coceu introducindo un coitelo ou cando se dora por riba pero, para garantir a cocción cando o dóce é moi gordo, pódese cubrir a capa cun papel de cociña ou de aluminio para que non se torre.

O mellor é probar a facelo e aportarlle o toque persoal, segundo o gusto de cada quen.

Bo proveito!


Éxito da xornada do pan e do queixo: aprendizaxe e moita festa.

O domingo, 3 de marzo, unhas cuarenta persoas desfrutamos en Neiras dunha xornada para aprender a facer pan e queixo ao xeito tradicional.
 
As oficiantes, Carmen e Manola, amosáronnos a técnica do amasado, o proceso completo de cocer pan e empanada, cómo facer queixo só con leite e a técnica da rosca, e aínda aprendimos a facer leite mazado e manteiga, así coma outras lambetadas como torta de roxós, tripón e empanada de rosca. Tamén experimentamos coa bola de millo, que antes se facía na lareira ou na cociña, metida na boleira.
 Foi unha xornada moi participativa, con moitas ganas de aprender e moitas preguntas, que rematou cun xantar, no que tomamos os propios produtos feitos no día.
A maioría dos ingredientes (leite, fariña, ovos, cebola, coello, polo, chourizo...) foron produtos locais.
Proximamente disponibilizaremos no noso blog as receitas e explicacións dos pasos que se precisan para facer o queixo e o pan ao xeito tradicional.

Dende O Colado do Vento agradecemos a todas as persoas que viñestes a vosa participación: foi un pracer! Agradecementos especiais a Carmen, Manola
 e Ovidio.

Queixo e pan: Iª xornada dos saberes tradicionais.


Xornada para aprender a facer pan e queixo ao xeito tradicional.
Iª xornada en torno aos saberes tradicionais.

Faremos pan, empanada e dóces tradicionais, incluída a rosca. Aprenderemos a amasar e enfornar.

Mentras leveda o pan, aprenderemos a facer queixo artesán, así como manteiga, do leite mazado.

Mentras se cocen os manxares que temos no forno, iremos ver o muíño da Devesa.

Logo, xantaremos o que temos preparado. 

Os produtos que usaremos (leite, ovos, fariña...) son producidos en Sober.

Como participar?

* Anotarse antes do venres, 1 de marzo, no teléfono 636129233 ou no correo coladodovento@gmail.com

Cando?

* O domingo, 3 de marzo, pola mañá. Comezamos ás 10 horas. Xantamos sobre as 14:30 horas.

Onde?

No Ventorrillo, en Neiras. Casa nº 22.
[Para a xente que non saiba chegar, saímos ás 9:45 fronte ao Concello de Sober].


View Ventorrillo 22 in a larger map


Ruta pola ribeira Sil: de Lobios aos Chancís.


O Club Acivro facilítanos en Wikiloc unha ruta pola ribeira do Sil que van realizar en marzo, co itinerario deseñado por Alfonso e Óscar da nosa asociación.
A ruta ten 23 km.
Podedes acceder aquí ao perfil e á ruta en Wililoc.

Presentación do libro de Tradición Oral III na Biblioteca Pública Municipal de Sober.


Este mércores, 20 de febreiro de 2013, presentamos o libro Un pouquiño e Tradición Oral no Concello de Sober III na Biblioteca Pública Municipal do Concello de Sober, dentro do Club de Lectura "Pintor de Castinande".

Teremos música do Trícole que nos levará mostras das cantigas recollidas no libro.

Ás 19 horas na biblioteca.