RENACEMENTO

Pinturas murais ó fresco do século XVI no ábside da igrexa de Santa María de Proendos.

CASAS GRANDES

A nobreza de liñaxe, señorial ou fidalgo, con poder económico e rendas, edifica estas casas brasonadas no rural compartindo, ás veces, a súa opulencia coas do clero e distinguíndose claramente das do común do pobo, verdadeira mao de obra xeneradora de riqueza.
Foi feita a casa de Vilastrille no ano 1692 por Feijoo Sotomayor, pasando logo a ser a casa dos Méndez por cuestións matrimoniais. Figura como lugar de elaboración de moitos documentos, entre eles o Catastro do Marqués da Ensenada sobre as parroquias de Arroxo, Refoxo e Proendos. Por desgracia a documentación da casa foi queimada para acender o lume.
Foi escola ata mediados dos anos 70 do S. XX. Viven nela varios membros da familia Méndez.
Ó lado está a casa dos Catalinas, unha casa forte rodeada de unha ampla extensión de terreo. Ten documentación dende mediados do S. XVII entre a que figura unha árbore xenealóxica completa, e conserva a estructura e o mobiliario orixinais.
A chamada casa dos Oxeas en Proendos foi feita no ano 1715 pola familia Fernández Salgado Guitián, dona de outros solares como o de Tanquián en Pantón.
Conserva abundante documentación. Dende principios do S. XX pertence, por compra, á familia Sacristán.
En fronte, está a casa dos Vertunías, emparentados con moitas das casas grandes do Concello de Sober.

SOBER - MEDIO FÍSICO

O Sil dende Bolmente.

En canto ás formas de relevo, Sober, coma o resto da comarca, combina as formas horizontais achairadas a distintas alturas cos cortes verticais dos profundos vales encaixados do Cabe e, sobre todo, do Sil. A maior elevación é o Monte do Bidual, en Doade, con 813 metros sobre o nivel do mar; a zona máis baixa de Sober é A Barca, lugar de confluencia de Cabe e Sil, con 148 metros. En canto ao tipo de rochedo, dominan as rochas graníticas, na zona ribeirá, onde tamén hai rochas metamórficas, coma a chamada “Ollo de Sapo”, e depósitos de arxilas na zona do Cabe.
O Sil dende o Castro da Xabrega.
Hai presenza de distintos microclimas, dende a franxa de clima atlántico-mediterráneo en torno ao Sil, con temperaturas suaves en inverno e altas no verán, e o clima máis continentalizado do resto do Concello de Sober. As temperaturas son bastante contrastadas entre o verán (moi elevadas) e o inverno, salvo na zona ribeirá. Durante os meses de verán apenas chove, producíndose unha gran evapotranspiración.
O clima atlántico-mediterráneo orixina unha flora que combina as especies de bosque atlántico – carballo, rebolo, que aparecen, tamén, xunto a freixos, bídulos e piñeiros mansos - con especies mediterráneas – aciñeira, sobreira, érbedo -. Abunda o monte baixo – xesta, toxo – e plantas medicinais – lavanda, ourego, romeo… É importante a presenza de soutos de castiñeiros nas zonas altas e plantacións de piñeiros nos montes comunais de Bolmente e Anllo. En torno aos regatos aparecen o salgueiro, o freixo, o bídulo e outras especies. Abundan tamén as especies micolóxicas.
En canto á rede fluvial, as terras de Sober quedan enmarcadas no ángulo que forman Sil e Cabe en torno á súa desembocadura, e son drenadas por numerosos regatos, coma os de Sante-Fervedón, Pousavedra, das Lamas e Portizó, afluentes do Cabe, e os da Lampaza, San Mateo ou de Camilo, afluentes do Sil.
Acios de mencía en Amandi.
ECOXEOGRAFÍA DA "RIBEIRA SACRA"

A Ribeira Sacra está constituída por parte das concas do Sil e o Miño.

Nas formas do terreo que atopamos, observamos o contraste entre as chairas do centro – a depresión de Monforte, drenada polo Cabe – e os bloques dos canóns de Sil e Miño, onde predomina a verticalidade, con vales encaixados de fondas pendentes.

En canto ao tipo de rocha, dominan as rochas xisto-pizarrosas e cuarcíticas, habendo tamén rochas sedimentarias terciarias e cuaternarias e, na zona oriental, rochas calcáreas. A forma do relevo está en relación ao tipo de rochedo: as zonas máis escarpadas do canón aparecen na zona de rochas graníticas (por exemplo, na zona sul de Sober), mentras que as zonas xistosas son de menor pendente (por exemplo, a zona de Doade).
O relevo da Ribeira Sacra é froito da interacción da tectónica e da dinámica fluvial. Esta zona, igual que o resto de Galicia, foi intensamente fracturada e presenta diferentes orientacións na dirección das fracturas, que condicionaron o curso dunha rede fluvial galega que é moi antiga. O encaixamento do Sil e o Miño produciuse a finais do Terciario e inicios do Cuaternario, cando se ergueron os bloques do que hoxe son os canóns. Antes, o Paleo-Miño pasaba polo que hoxe é a zona sarriana e o Paleo-Sil pola que hoxe é a depresión de Lemos, pero os movementos tectónicos aludidos expulsaron ao Miño cara ao oeste e ao Sil cara o sul (non obstante, o curso do Sil pola ribeira ourensá, polo que hoxe é Parada do Sil, ía máis ao sul que na actualidade).
O retoque final a este produto xeolóxico que é a Ribeira Sacra realizárono as mans de homes e mulleres, que fixeron desta unha paisaxe eminentemente antrópica. Os socalcos, que permiten a fixación da terra necesaria para o cultivo da vide nunha zona de fortes pendentes, son a gran obra humana da Ribeira Sacra, “a obra máis impresionante que ten Galicia” [PÉREZ ALBERTI, AUGUSTO; "Caracterización ecogeográfica del Valle del Sil". En: Xunta de Galicia (2004): La Ribeira Sacra. Esencia de espiritualidad de Galicia.]

O MARCO DA PENA LONGA

Abondosas son as manifestacións tumulares no noso país: As casiñas dos mouros, antas, arcas, mámoas, medorras, fornos, etc, xalonan toda Galicia; e alí onde xa non queda vestixio material, a toponimia segue gardando o seu recordo. Comunmente adscritos á mesma época, nos séculos medios do V milenio antes de cristo, os círculos líticos e as chamadas pedras fitas son casos excepcionais.

CÍRCULOS LÍTICOS

Dos círculos líticos ou cromlech só hai referencias na Chaira da Mourela (As Pontes) e recentemente, nas terras arrasadas polos incendios, apareceu outro en Vilanova de Arousa.
En Sober poderíamos ter un na chamada Aira dos Mouros na intersección da parroquia de Proendos con Millán e Rosende.

PEDRAS FITAS

En canto as pedras fitas, está a coñecidísima Lapa de Gargantáns en Moraña e outros exemplos como a Pedra Chantada en Vilalba, a de Cristal en Ribeira, xunto con achádegos recentes de tipoloxía non moi semellante Á de Gargantáns.
En Sober, a toponimia reflexa nomes tan suxerentes como O Marco Vello entre O Arroxó e a Burdalla; Pedra Fita, un pouco ó norte da Lama Longa (Refoxo), e, non moi lonxe, O Marco da Pena Longa que ben podería ser un dos poucos menhires coñecidos de Galicia.



O MARCO DA PENA LONGA

Mide a pedra 1´76 m. de longo, presentando unha tendencia estilizada con coviñas alineadas, sucos e un círculo prepucial na parte superior que lle confire un aspecto fálico.
A pena servía de límite entre as parroquias de Refoxo, Neiras, Canaval e Mañente (Pantón), asegurando algúns veciños ser marco divisorio entre a casa dos Andrade coa de Tor ou da Bastida.
A pedra foi atopada nunha canle de regadío, e o arqueólogo que supervisaba as obras do desterre para un paso sobre a vía do tren no traxecto Monforte–Canaval, decidiu, para protexela, levala o Museo Provincial, onde se encontra depositada.
Somos da idea de estudar a posibilidade de ubicar A Pena do Marco Longo no seu lugar orixinal, pois é no seu contexto onde adquire o seu valor, e se esto non fora posible debido a transformación do seu contorno, nalgún outro lugar adecuado do noso municipio.

Lembremos: estamos a falar dunha das escasísimas pedras fitas coñecidas en Galicia.
Outro monumento excepcional asentado no Concello de Sober.

TÚMULOS MEGALÍTICOS EN SOBER

Andando por Galicia é doado ver na paisaxe eses pequenos montículos elevados sobre o terreo, de planta tendente a circular e, aínda menos extendida, ovalada. Se nos fixamos, e a maleza nos deixa, apreciarémoslle na parte central un oco en forma de funil, producto da violación para a extracción de pedra ou na procura de tesouros; feito iste que se estendeu despois de que en 1609 Vázquez Orxas pedira permiso ó rei para buscar nas súas propiedades o ouro que contivesen, como así llelo indicaban as tradicións seculares. É tal a cantidade destes monumentos megalíticos, cunha media de entre 18 a 30 m. de diámetro por 1 a 3 m. de altura, que Manuel Murguía na súa Historia de Galicia afirma: "Apenas hai un campo inculto en Galicia en donde los ojos acostumbrados no perciban al momento la grande o pequeña mámoa".


Falamos dunha das primeiras apropiacións da paisaxe, unha marca de territorialidade, un indicativo simbólico de comunidade, posta en lugares de máxima visibilidade, dende a alta montaña á beira do mar, aptos para o cultivo e/ou para o pastoreo; en xeral, próximos ó sitio de extracción das materias primas utilizadas (polo común rocha granítica) e posiblemente ubicados en puntos do terreo cunhas características xeomagnéticas consideradas polo pobo constructor, significativas. Falamos de construccións megalíticas iniciadas a finais do V milenio a.c., época de agricultura incipiente, construidas a base de pedras verticais (ortostatos), cubertos por outro horizontal ou tapa, formando o chamado dolmen ou anta, que ó ser cuberto por un túmulo de terra e pedras (ás veces pedras só) se lle chama, no seu conxunto (dolmen e túmulo) mámoa, medorra, etc, cunhas características morfolóxicas moi ben definidas, illadas ou formando conxuntos como o de Santa Mariña no Incio o os da Moura en Nogueira de Ramuín.

 Ubicámolos na fachada atlántica europea, proclive ó bosque caducifolio, nunha fase chamada de “óptimo climático”, de proliferación de chuvias, facilitando as praderías, gramíneas, e bon para a práctica da caza e da pesca.
Na Península Ibérica situámolos en Galicia, leste de Asturias, metade occidental de León e Zamora, e o norte de Portugal ata o Douro. Cun período de vixencia constructiva e de uso ata os inicios da chamada Idade de Ferro e o período castrexo, sendo reutilizadas, algunhas, xa en período histórico, polos romanos como postos de vixilancia. Neste período os usos e as tipoloxías foron variando, ou coexistindo, podendo ser de uso colectivo individual, de cámara simple a ter corredor, planta circular ou poliédrica, etc. Ademáis da propia estructura, hai que considerar outros elementos asociados ás mámoas: a carencia de ósos debido á acidez propia dos terreos graníticos, as pinturas dos orstostatos, os idoliños de bulto redondo, as marcas nas pedras (ondulados, zig-zag, reticulados), o enxoval funerario (doas de cor verde, microlitos, frechas de base triangular, aixolas, machados ...), de cerámica de diversos tipos como é a lisa, a impresa con matriz de cuncha, acanalada, incisa e a máis tardía cerámica campaniforme, utilizadas, todas, para conter materiais perecedoiros a modo de ofrendas.


Estes monumentos megalíticos, vinculados, moitas veces, ó trazado de camiños tradicionais, deberon servir para fomentar a cohesión social ó participar dunha tarefa colectiva que requería unha organización e esforzo común, convertido en símbolo da comunidade, en lugar de culto, na superviencia e permanencia dun orde social. Sen dúbida, a vontade de primar o monumental sobre o espazo sepulcral en sí. Unha das primeiras apropiacións do espazo humanizando a paisaxe.

Polo que atinxe ó Concello de Sober, temos como case único exemplo visible a Mámoa da Carqueixa na parroquia de Figueiroá, cos seus 25 por 28 m. de diámetro por 1,30 m. de altura, sen restos de cámara nen de coiraza e con clara violación central de 2,5 m. de diámetro; ubicada nun lugar chao, resalta claramente do entorno, aínda que xa está un pouco achaiada por mor das labouras agrícolas.

Outro máis dubidoso pero que corresponde á toponimia alí existente é A Anta, á entrada da capital municipal de Sober. Ten unha estructura de planta trapezoidal que se levanta aproveitando un afloramento granítico recortado para adaptalo, completado con cinco laxes de granito fincadas.


Polo resto, o único que coñecemos na actualidade é a toponimia, que delata a presencia destes monumentos megalíticos, posiblemente destruidos para aproveitar o seu material. Así, A Peniña do Ouro en Figueiroá, que foi derrubada ó construir a pista da Carqueixa a Matamá; A Mámoa do Arroxó, A Arca de Anllo, A Medorra de Bolmente, Brosmos, Doade, da Capota en Figueiroá, Pinol, Mer en Proendos; A Anta en Proendos e O Agro das Mámoas en Santiorxo. Pódense considerar, tamén, algúns lugares chamados Fornos, Forniños en Proendos e Figueiroá, respectivamente, a coñecida Pena de Belán co aproveitamento dunha formación rochosa natural para uso funerario e, aínda, a máis dubidosa acumulación de pedras de xeito tumular perto do Campo de Castaxúa en Proendos, onde tamén se teñen achado muiños barquiformes como os que adoitan aparecer cerca de moitas mámoas. [Actualización: descuberta unha mámoa en Doade; ver aquí].