TÚMULOS MEGALÍTICOS EN SOBER

Andando por Galicia é doado ver na paisaxe eses pequenos montículos elevados sobre o terreo, de planta tendente a circular e, aínda menos extendida, ovalada. Se nos fixamos, e a maleza nos deixa, apreciarémoslle na parte central un oco en forma de funil, producto da violación para a extracción de pedra ou na procura de tesouros; feito iste que se estendeu despois de que en 1609 Vázquez Orxas pedira permiso ó rei para buscar nas súas propiedades o ouro que contivesen, como así llelo indicaban as tradicións seculares. É tal a cantidade destes monumentos megalíticos, cunha media de entre 18 a 30 m. de diámetro por 1 a 3 m. de altura, que Manuel Murguía na súa Historia de Galicia afirma: "Apenas hai un campo inculto en Galicia en donde los ojos acostumbrados no perciban al momento la grande o pequeña mámoa".


Falamos dunha das primeiras apropiacións da paisaxe, unha marca de territorialidade, un indicativo simbólico de comunidade, posta en lugares de máxima visibilidade, dende a alta montaña á beira do mar, aptos para o cultivo e/ou para o pastoreo; en xeral, próximos ó sitio de extracción das materias primas utilizadas (polo común rocha granítica) e posiblemente ubicados en puntos do terreo cunhas características xeomagnéticas consideradas polo pobo constructor, significativas. Falamos de construccións megalíticas iniciadas a finais do V milenio a.c., época de agricultura incipiente, construidas a base de pedras verticais (ortostatos), cubertos por outro horizontal ou tapa, formando o chamado dolmen ou anta, que ó ser cuberto por un túmulo de terra e pedras (ás veces pedras só) se lle chama, no seu conxunto (dolmen e túmulo) mámoa, medorra, etc, cunhas características morfolóxicas moi ben definidas, illadas ou formando conxuntos como o de Santa Mariña no Incio o os da Moura en Nogueira de Ramuín.

 Ubicámolos na fachada atlántica europea, proclive ó bosque caducifolio, nunha fase chamada de “óptimo climático”, de proliferación de chuvias, facilitando as praderías, gramíneas, e bon para a práctica da caza e da pesca.
Na Península Ibérica situámolos en Galicia, leste de Asturias, metade occidental de León e Zamora, e o norte de Portugal ata o Douro. Cun período de vixencia constructiva e de uso ata os inicios da chamada Idade de Ferro e o período castrexo, sendo reutilizadas, algunhas, xa en período histórico, polos romanos como postos de vixilancia. Neste período os usos e as tipoloxías foron variando, ou coexistindo, podendo ser de uso colectivo individual, de cámara simple a ter corredor, planta circular ou poliédrica, etc. Ademáis da propia estructura, hai que considerar outros elementos asociados ás mámoas: a carencia de ósos debido á acidez propia dos terreos graníticos, as pinturas dos orstostatos, os idoliños de bulto redondo, as marcas nas pedras (ondulados, zig-zag, reticulados), o enxoval funerario (doas de cor verde, microlitos, frechas de base triangular, aixolas, machados ...), de cerámica de diversos tipos como é a lisa, a impresa con matriz de cuncha, acanalada, incisa e a máis tardía cerámica campaniforme, utilizadas, todas, para conter materiais perecedoiros a modo de ofrendas.


Estes monumentos megalíticos, vinculados, moitas veces, ó trazado de camiños tradicionais, deberon servir para fomentar a cohesión social ó participar dunha tarefa colectiva que requería unha organización e esforzo común, convertido en símbolo da comunidade, en lugar de culto, na superviencia e permanencia dun orde social. Sen dúbida, a vontade de primar o monumental sobre o espazo sepulcral en sí. Unha das primeiras apropiacións do espazo humanizando a paisaxe.

Polo que atinxe ó Concello de Sober, temos como case único exemplo visible a Mámoa da Carqueixa na parroquia de Figueiroá, cos seus 25 por 28 m. de diámetro por 1,30 m. de altura, sen restos de cámara nen de coiraza e con clara violación central de 2,5 m. de diámetro; ubicada nun lugar chao, resalta claramente do entorno, aínda que xa está un pouco achaiada por mor das labouras agrícolas.

Outro máis dubidoso pero que corresponde á toponimia alí existente é A Anta, á entrada da capital municipal de Sober. Ten unha estructura de planta trapezoidal que se levanta aproveitando un afloramento granítico recortado para adaptalo, completado con cinco laxes de granito fincadas.


Polo resto, o único que coñecemos na actualidade é a toponimia, que delata a presencia destes monumentos megalíticos, posiblemente destruidos para aproveitar o seu material. Así, A Peniña do Ouro en Figueiroá, que foi derrubada ó construir a pista da Carqueixa a Matamá; A Mámoa do Arroxó, A Arca de Anllo, A Medorra de Bolmente, Brosmos, Doade, da Capota en Figueiroá, Pinol, Mer en Proendos; A Anta en Proendos e O Agro das Mámoas en Santiorxo. Pódense considerar, tamén, algúns lugares chamados Fornos, Forniños en Proendos e Figueiroá, respectivamente, a coñecida Pena de Belán co aproveitamento dunha formación rochosa natural para uso funerario e, aínda, a máis dubidosa acumulación de pedras de xeito tumular perto do Campo de Castaxúa en Proendos, onde tamén se teñen achado muiños barquiformes como os que adoitan aparecer cerca de moitas mámoas. [Actualización: descuberta unha mámoa en Doade; ver aquí].

Sem comentários: