Ruta da feira de Parada: reencontro entre "caldelaos e lemeses"

* Track en wikiloc da ruta aquí.


Cedo nunha mañá de néboa mesta, O Colado do Vento dispuxémonos a saír de ruta dende Barantes, parroquia no Concello de Sober, ata Parada de Sil, da banda ourensá, recuperando os vellos camiños do río polos que os "antigos d'antes" cruzaban para ir dende as terras de Sober ata a feira de Parada.

Ata a feira de Parada ían rosqueiros da Somoza a vender o seu produto, cargadiñas as roscas na burra ou ao lombo, ou ían xentes labregas de Sober a mercar as xatas, que logo usaban ou vendían xa medradas nas feiras de Lemos.

O río había que pasalo en barca, pola barca da Somoza ou, logo de asulagadas as terras polo encoro de Santo Estevo - encheuse durante a vendima do ano 1954-, na mesma zona, coa barca do Barril.

O detonante da ruta foi a lembranza das vellas peripecias da vaca Cachorra, un animal nunca amansado, á que o Xosé Verao trouxo dende Parada: que a ver como faría para pasar o río e subir logo polos camiños ribeiraos! E o deseño e acondicionamento da ruta hai que llo agradecer ao Suso Verao, que pasou longas xornadas pensando e limpando o traxecto, botando man tamén da sabedoría do Quintín de Barreiros - que lembrou vellos camiños do río -, de Tomás, biólogo e mestre do IES Río Cabe, ou das fotografías de Nacho.


É polo tanto, esta, a recuperación dunha paisaxe vivida, de medida humana, e non unha postal estática.






O ritmo da ruta marcouno a visualización das diversas especies de flora de ámbito maioritariamente mediterráneo, comezando por grandes acivros en Barantes ata a multitude de sobreiras e aciñeiras do lado lemés e castiñeiros do lado caldelao, ou a omnipresencia dos érvedos, dos que desfrutamos os morotes.


Primeiro, con inicio no Sagrado, ao carán da igrexa de Barantes, fomos achegándonos á ribeira de Barantes, pasando antes pola Riba, para descender dende A Barrionca ata Os Groís e logo ata a zona dos Pousos, onde tiña barca o Barril.
 
Cruzamos o río da man de Álex e Keka, de Turismo en la Ribeira Sacra;


... e comezamos a ascender entre soutos e sequeiros, para alcanzar o regato de Portela, o lugar de Portela e logo Parada.


Sequeiro.
Regato de Portela.


Xa pola tarde, despois de xantar, visitamos Castro, fermoso lugar de impresionantes vistas cara a ribeira de Bolmente, e a Casa Museo do Chocolate, onde contemplamos as máquinas de Chocolates Caldelas, que abastecía de tabletas á zona de Caldelas e a Sober e Monforte.
 


 
En Castro, Iván Álvarez Merayo e Óscar Alonso, ao mesmo tempo, atoparon coviñas na pena que sustenta un dos apoios do miradoiro; e Sandoval outra pena na croa do castro.


Logo da magnífica xornada que pasamos, non poden faltar os agradecementos.

En primeiro lugar, a todas as persoas que nos acompañastes, polo ambiente e por contribuír ao financiamento desta actividade. Vós sodes quen facedes "Colado do Vento". De moitas das 50 persoas que participastes, era a vosa primeira vez: agardámosvos de novo!


Ao Concello de Sober, por colaborar aportando os gastos de autobús. E a Luis, o seu alcalde, por acompañarnos.

Ao Concello de Parada de Sil, por axudarnos a organizar, por colaborar e por abrir para nós o Museo do Chocolate, da antiga fábrica de chocolate de Teimende. E a Yolanda, a súa alcaldesa, por acompañarnos na ruta e en outros días e darnos múltiples facilidades.

A todas as empresas e proxectos cos que contratamos ou dos que precisamos servizos.

E, moi especialmente, a Xesús Verao, por preparar a ruta e recuperar os vellos camiños e relacións entre "caldelaos e lemeses".

Sem comentários: