OS PETROGLIFOS

Encádranse estes petroglifos no chamado Grupo Galaico de Arte Rupestre, datados entre o IIIº e os primeiros séculos do IIº milenio A. C., abundantes nas zonas costeiras e, sobre todo, arredor das rías de Vigo e Pontevedra; sendo moito máis escasos no interior, á espera de novos achádeos.
Teñen os de Proendos motivos cun alto grao de abstracción dentro destas insculturas ó ar libre: coviñas, círculos concéntricos, sucos: Un destes sucos parece debuxarnos unha figura na chamada Pena do Cabalo.
Motivos, polo demais, non só semellantes ós do ámbito atlántico europeo, onde haberemos de encadralos, senón practicamente universais.
Sería abondoso falar do seu significado non suficientemente desentrañado: desde ritos de fertilidade, altares de sacrificio, representacións celestes e fenómenos cósmicos, marcas de territorio sinalando lugares de caza, e un lonxísimo etc. que pasa por extraterrestres, códigos matemáticos, calendarios lunares, ata as teorías de Anati que lles dá unha antigüidade de 8000 anos, sendo para el a primeira manifestación ideográfica dunha escritura.
Nas cercanías do pobo de Proendos están os do Xestal, O Pombal, A Pena do Cabalo, As Portelas, Os Lagos, As Tapias, As Tercias e na chamada finca de dona Rosario Guitián que sería medieval a dicir dalgúns; ós que haberemos de engadir o de Froxán, Os Cótaros na parroquia de Figueiroá (a pedra debe servir de línde), e tamén, non demasiado lonxe, as coviñas do Monte do Cura en Millán.
Deles, As Portelas e os Lagos están catalogados pero ilocalizados polo abandono dos cultivos; As
Tapias e As Tercias, sen catalogar e ilocalizados, pero dos que hai fiables testemuñas orais da súa existencia.
No caso do das Tapias a pedra foi tapada ó redor dos anos 50 do S. XX polo medo que tiña o dono á expropiación do terreo. No caso do das Tercias, o informante da fe de
ter visto nun penedo (localizado) dun eido seu as ferraduras do Cabalo de Santiago (círculos concéntricos).
Hainos noutros puntos do Concello de Sober como Cadeiras, relacionados coas lendas do nacemento da Virxe, e a carón do regato de Baldeiros en Anllo Santo Estevo.
Teríamos moito que falar do seu estado de abandono, e a absoluta falta de respecto co que algúns deles son tratados: vertedoiros de lixo nas inmediacións, tractores e cultivadoras arrastrándose polas pedras …

Sem comentários: