CASTREXO-ROMANO

Castro de Proendos
Todas as noticias que temos del son por referencia de varios autores, outorgándolle en xeral unha grande importancia dentro do territorio de Lemos, pero sen a penas descricións nin relacións de achádeos (normalmente, confúndense ou fusionan xacemento castrexo e poboamento romano).
Entre outros, aluden a el, ademáis do propio Vázquez Seijas, Murguía (1901), Amor Meilán (1936) e Arias Sanjurjo (por referencias de outros).
Asentamento romano
Todos os autores que acabamos de citar aluden ós restos atopados en Proendos e á importancia que a denominada por eles Proentia debeu de acadar en época romana. Así, menciónanase restos de mosaicos (Murguía), parte dunha muralla de peche e unha construcción circular (Arias Sanjurjo que a interpreta como xermánica, mentres que Amor Meilán a dá coma romana) e varios achádeos de ladrillos, fustes de columnas, etc. (Castro López, 1929).
Dirección: Juan Carlos López García
Memoria: “Prospección Intensiva
para a delimitación de Proendos”
Nas súas labouras, os paisanos de Proendos tiveron que convivir dende sempre, co que os sachos e, sobre todo, os arados levantaban das terras, chegando, ás veces, a ser un gran impedimento. Eses materiais foron acumulados nos chamados musarellos, muros de ata cinco metros de ancho por varios de alto feitos de cachote e algúns anacos de ladrillo e lousa, no que se mesturaban cachos de muíño de man, pías, fustes, etc. Elevándose polos anos cincuenta maxestuosos nas leiras do Nogueiral e Pedride, foron levados case na totalidade para o firme da estrada Sober- Doade, onde foron parar, tamén, as mámoas de Cadeiras.
Encontráronse os paisanos con pedras labradas, algunhas con molduras ou debuxos (trísceles, rosetas, motivos curvilíneos e xeométricos, epigráficos, etc.), basas, fustes, muíños de man circulares; apareceron tégulas, fusaiolas, ladrillos, lousa, anacos cerámicos, pezas dun posible mosaico, escorras metalúrxicas, utensilios metálicos; en varios puntos ademais das xa catalogadas, hai necrópoles voltas a tapar que podemos situar pola tradición oral e mesmo por fotografías, nalgún caso; os arados sacaron á luz moedas en distinto estado de conservación e as diferentes obras desenterraron os elementos dun hipocausto, muros ás veces reaproveitados (un deles forma parte dunha fosa séptica), canalizacións, pozos de auga cegados, etc.
Si se cava ata certa profundidade a cinsa é un elemento moi abundante.
Dalgunhas leiras téñense levado camións de pedra labrada que se arrincaron ca utilización dos arados mecánicos.
En moitos lugares os indicios están a flor da terra, sendo máis abundantes no Nogueiral, Pedride e nas inmediacións da igrexa.

Sem comentários: