A caza do Patrimonio por Sober: crónica da xornada


O domingo, 21 de xuño de 2015, a xente da Asociación O Colado do Vento achegámonos a distintos puntos con elementos patrimoniais en Sober coa finalidade de coñecer e divulgar o noso Patrimonio, así como analizar o estado de conservación e comprender o entorno no que se sitúa.

Esta xornada de “cacería” do Patrimonio foi secundada por unha vintena de persoas que nos axudaron a recoller información e forografías de cada sitio, a fin de subir os resultados da pesquisa ao catálogo social do Patrimonio galego (www.patrimoniogalego.net), tarefa que iremos facendo ao longo do mes de xullo.

Na tarde do domingo, variando un pouco o programa previsto, achegámonos aos seguintes elementos:

Foto: Carlos Rueda.
1. Na parroquia de Millán visitamos:

- Pena de Santa Apolonia.

Non catalogada como elemento arqueolóxico, considerámola elemento etnográfico de grande interese. Trátase dun afloramento rochoso con pileta, a cuxa auga se lle atribuían propiedades sanadoras dos males de moas, pois nas penas contiguas a tradición di que se agochou Santa Apolonia da persecución pagá.
Vázquez Seijas sinalara que semella un animal deitado.

- Coviñas do Monte do Cura



 Petróglifos xa catalogados, con coviñas e sucos sobre unha pedra que foi mutilada.
Atópanse nun altiño, o Monte do Cura, cara o NO, fronte ao monte de Santo André.

De ambos elementos hai referencia de Vázquez Seijas no Boletín de la Comisión de Monumentos de Lugo.
No entorno, atopamos a Fonte das Bruxas – hoxe destruída polo campo de fútbol - , Fonterdá, fonte curativa dos males estomacais, ou a Pena de Belán.

2. Na parroquia de Proendos coñecemos:

- Necrópole medieval de Proendos.

Lugar contiguo á zona da casa rectoral onde apareceron sepulturas con laxas de lousa e campás tipo cencerro, xunto con elementos cerámicos. Unha destas laxas está no Museo Provincial de Lugo.
Xacemento xa catalogado.

- Inscultura romana no muro do igrexario, partida e deteriorada.

- Petróglifos do Xestal (I e II).

Foto: Carlos Rueda.
Penas con petróglifos na finca do Xestal, xa catalogadas.
Unha delas cun gran motivo con 8 círculos concéntricos e unha coviña central; a outra con sucos, coviñas e círculos concéntricos continua pola pena que hoxe cobre o muro de peche da finca e a terra do outro lado do muro.
Pese a tratarse dos motivos máis coñecidos e espectaculares de Sober, as penas non son visitables.

Foto: Carlos Rueda.
Ademais, observamos o pombal, situado no antigo xardín dos curas de Proendos; sobre a laxa na que se asenta, atópase un petróglifo.





Camiñando polo núcleo de Proendos fomos debullando os elementos de época romana que se sitúan nas casas do lugar: unha ara encastrada nun muro, un trisquel, columnas, canalizacións... Así como unha pedra con cruces de época indeterminada. Tamén camiñamos sobre o lameiro onde apareceu un hipocausto nunhas obras e que, probablemente, albergue os restos dunha casa de importancia de época romana.
Ademais, observamos a boa factura das casas grandes dos Bertonías e dos Ojeas.

3. Na parroquia de Pinol, visitamos:


Xa en Cadeiras, visitamos o Castro das Medorras, un dos máis grandes de Sober, onde vimos unhas penas con cazoletas xa catalogadas. Ademais, baixando pola ladeira, aínda na zona de terrazas, visitamos unha nova pena co mesmo tipo de cazoletas atopadas nas xa descubertas.
A este novo achádego de Óscar Alonso, de Veliños, engadimos outras dúas penas, que tamén visitamos: unha pedra que formaría parte dunha estrutura e que sostería unha porta e máis unha pena onde hai varias coviñas. De todas estas penas e doutros novos achédegos noutras parroquias informaremos para que se proceda á súa catalogación.

Foto de Álex Pazó.


Foto de Álex Pazó.
Logo de Cadeiras, baixamos ata Sampil para ver unha das penas de petróglifos deste núcleo: un dos petróglifos do Agro.


Despedímonos coa vontade de continuar visitando o noso Patrimonio máis esquecido, en moitos casos sen camiño de acceso ou non visitable, como os fermosos petróglifos do Xestal en Proendos.


Agradecemos a todas as persoas participantes a súa colaboración e aportacións para o traballo da nosa asociación.

Xornada "á caza do Patrimonio", en Sober


Visitaremos distintos elementos do Patrimonio arqueolóxico de Sober, coa finalidade de coñecelos, divulgar a súa existencia e importancia histórica, dar conta de novos achádegos non catalogados e subir todos os que visitemos ao Catálogo Social do Patrimonio Galego (http://patrimoniogalego.net). Reivindicamos a función social do Patrimonio, o seu valor como factor de cohesión de sociedades democráticas.

PLAN DA XORNADA

* Punto de encontro: na praza do Concello de Sober, diante do edificio do concello, ás 16:30 h do domingo, 21 de xuño de 2015.

* Mecánica da xornada: desprazándonos nos coches, achegarémonos aos distintos puntos para fotografiar, sinalizar co gps e describir as características de cada ben patrimonial, así como coñecer máis sobre o seu emprazamento.

* Sitios a visitar:

- A Anta, Arroxo.

Posibles restos dun dolmen; dubidoso, pero con toponimia relacionada.
Lugar de: A Anta, á entrada da capital municipal de Sober.
Ten unha estructura de planta trapezoidal que se levanta aproveitando un afloramento granítico recortado para adaptalo, completado con cinco laxes de granito fincadas.

 - Pena de Santa Apolonia, Millán.

Lugar de interese etnográfico. Afloramento rochoso con pileta, a cuxa auga se lle atribuían propiedades sanadoras dos males de gorxa.

- Xacemento romano de Proendos, Proendos. [GA-2705915]

Dentro do espazo que abrangue o xacemento romano de Proendos, moi alterado, visitaremos distintos elementos.

- Necrópole medieval, “Campo das Olas”, Proendos. [GA-2705916]

- Casa rectoral, Proendos.

- Inscultura romana en muro, Proendos.


- Petróglifos do Xesta (I) e (II), Proendos. [GA27059018 – Xestal II]

- Trisquel, nunha casa do núcleo de Proendos.



- Casa con elementos romanos reutilizados, Proendos.

- Petróglifo do Barcal en Sampil, Pinol. [GA-27059043]

- Lugar de Cimadevila, núcleo de poboamento tradicional, Pinol.

Núcleo de poboamento rural ben conservado.

- Castro das Medorras, ou de Cadeiras, Pinol. [GA-27099035]

Neste asentamento fortificado sobre o Sil, coñeceremos pedras con cazoletas, dúas xa catalogadas e outras recentemente descubertas.


- Pena da Virxe de Cadeiras, Pinol. [GA-2705REF004]


-------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Daremos conta, ademais, de outros novos achádegos da asociación, pero non poderemos visitalos todos pola dificultade do acceso.

Remataremos a xornada cuns pinchos para repor forzas en Cadeiras.

Para organizar mellor, tanto desprazamentos como a comida, recoméndase anotarse antes do 20 de xuño, no correo coladodovento@gmail.com ou teléfono 674473695.

Cada participante porá unha pequena cantidade, para contribuír cos gastos da xornada:

- 3 €, persoas socias do Colado do Vento
- 6 €, non asociadas

Balance da horta a inicios de xuño de 2015


* A vindeira quedada será o sábado, 13 de xuño, ás 18 horas.

Xa temos todos os bancais completos, logo de poñer, o pasado sábado, máis tomateiras, pementos e algunha leituga e porro máis.
Tivemos que clarear os rabaniños, que xa están medrados, e quitarlle os cartóns protectores ás cenouras, que comezan a medrar.
Tamén van medrando as cabazas e xa poidemos recolectar framboesas, fresas, espinacas, tirabeques, rabaniños, leitugas e acelgas.

O sábado pasado, quitáronse todos os fillos da tomateiras e atáronse as plantas de tomate ás cañas. Ademais, pulverizámoslles Neem e Potasa, igual que a todos os bancais.

Tamén se limparon os camiños entre bancais e se engadiu máis palla aos bancais.

Agora, cómpre regar todo moi ben todos os días e agardar a que medren os froitos.

O vindeiro sábado, 13 de xuño, é día de freito.
Imos cribar todo o compost e plantar un semilleiro con leitugas, porros, brécol e col de Bruxelas. 

Ademais, temos que repasar que funcione todo o sistema de rego por goteo.

Xornada entre Entrimo e Castro Laboreiro

Na serra de Queguas.
Dende Sober, saímos cara Entrimo (aproximadamente 1 hora e media en coche, pola N-120, a AG-52 e AG-31), chegando a Terrachán, capital municipal, dende onde nos diriximos en coches ata Queguas.

Aira de mallar en Queguas.
Queguas, lugar da parroquia de Venceáns, dende onde se pode realizar o roteiro PR-G 27, unha camiñata circular de 6,5 km aprox pola zona de Queguas, na serra de Laboreiro.



[ver a ruta en Wikiloc: aquí]

No percorrido, con cotas en torno aos 1000 m, puidemos ver as Cortes da Carballeira, hoxe abandonadas, usadas para gardar o gando en primaveira e verán, cando se levaba aos pastos máis altos.

Cortes da Carballeira, Venceáns.

Ao carón das zona das cortes, a capela da Ascensión, un edificio do s. XIX.


Mediada a ruta, en plena serra, atopamos a Casa da Moura, dolmen do que se conserva a cámara megalítica e parte do túmulo.

Casa da Moura
As visión das paisaxes dende a serra son impresionantes, cunha boa vista do Laboreiro, Montes do Quinxo e ata a serra do Xurés.





A ruta remata coa volta ao lugar de Queguas.

Xa de volta en Entrimo, logo de xantar en Parrillada O Toural, saímos en coches dirección Olelas, lugar da parroquia da Illa.

Dende a carretera a Olelas, logo de pasar o núcleo da Illa, pódense apreciar vistas moi boas do Limia.


Dende esta mesma estrada pode accederse a unha ruta que leva ata o Castelo da Pica, lugar das "penas cabaleiras", de menos de 3 km.

En Olelas.
En Olelas, singular asentamento de montaña, divisamos o río de Castro Leboreiro e a serra do Soajo, xa de Portugal.

Retornando de novo a Entrimo, visitamos a igrexa de Santa María a Real, impresionante obra barroca do século XVIII.


Dende Entrimo, partimos en coches ata Castro Laboreiro, dende onde subimos andando ata o Castelo, os restos dunha fortaleza do s. XIII.




Fotos e texto: O Colado do Vento

Viaxe a Entrimo e Castro Laboreiro: domingo 31 de maio

Hai que anotarse antes do sábado, 30 de maio, ás 12 h, en: 674473695 ou coladodovento@gmail.com

Prezo por persoa (inclúe visitas e transporte):
- socia – 8 €
- non socia – 15 €

Saída do transporte:
- Monforte: 8:45 h nas “casiñas” da Compañía
- Sober: 9:00 h diante do Concello

PROGRAMA E VISITAS

* Aprox. 11:00 h – Ruta de Queguas. 6,5 km
Partindo de Queguas, pasa pola Casa da Moura (mámoa).
En Queguas atópase un conxunto de hórreos.

(Quen non desexe facer a ruta quedará na localidade de Entrimo, onde pode visitar o museu e a igrexa de Santa María a Real.)

* Aprox. 15:00 h – Xantar en Entrimo.
Menú do día a escoller en varios restaurantes.
Como estamos anotada pouca xente, reservaremos ao chegar e cada persoa pagará a súa comida.

Despois de xantar, visitaremos:

- “pedras cabaleiras”, “Pica da Illa”, na parroquia da Illa.
- miradoiro de Olelas.
- Castelo do Castro Laboreiro e museu (aprox. 18 horas), en Melgaço.

* A visita a Bande (Aquis Querquennis e Igrexa de Santa Comba) realizarémola outro día, pois esta fin de semana son as festas do peixe de Bande e non hai disponibilidade de visitas guiadas.

Crónicas da horta en maio



O sábado, 10 de maio, plantamos repolo, berenxena, chiroubea, sandía, melón e tomates.

Ademais, plantamos cenouras de dous xeitos:
- tal como se fai na agricultura biodinámica, formando un surco en V e poñendo area por riba das sementes de cenroura, e tapando sen palla, cuns cartóns para evitar malas herbas, que hai que retirar en dez días.
- ao estilo tradicional de aquí.
Logo, tocará comprobar o resultado de cada un dos sistemas.

Tamén puxemos albahaca nun pequeno invernadoiro, pois se a plantáramos directamente nos bancais costaríalle moito saír, pois debe estar a bo recaudo ben quente.

Entre as tarefas pendentes, reparar a escaleira de acceso.

O mércores, día 13, por se día de folla, plantaremos máis acelgas.

O sábado, día 16, plantaremos xudías verdes de mata baixa, pementos, berenxenas e cabazas.

Por suposto, hai que estar pendente de ir regando. E o día 20, mércores, retirar os cartóns das cenouras.

Tamén haberá horta o sábado, día 23.

* Neus, de Vilela, é a nosa asociada encargada de coordinar a horta, de acordo con Mar Sabater. Coas súas informacións facemos crónica e plan.

A Casa Grande de Pedras, berce dos García-Camba

Un artigo de Xosé Lois García.

Nun chover miudiño, anuncio de primavera, cheguei ao lugar de Pedras en San Martiño de Vilelos (Saviñao), guiado por Manolo Rodríguez, dono da señorial casa grande de Pedras, solar da abastecida fidalguía dos García-Camba. Unha vella e tradicional estirpe de escribáns reais que amosaron poder económico concentrado en Pedras e mais na casa grande dos escribáns de San Sadurniño de Piñeiró.

Manolo, é un home sinxelo e xeneroso que rexenta a casa que seu avó lle mercou aos García-Camba, convidoume a visitar esta casa, onde naceu no século XVIII a miña segunda tataravó, por vía paterna, Rosa García-Camba y Osorio, para entendernos, avó de meu bisavó, filla do notario Xoán García-Camba e de Clara Osorio, esta de descendencia de cristiáns novos.

Rosa García-Camba y Osorio casou co rico home, dono do lugar de Podente, na parroquia chantadesa de Merlán, Manuel García Moure. Rosa era tía do capitán xeneral, Andrés Garcia-Camba y de las Heras, que estivo na batalla de Aguacucho no Perú (1824), sobre esta contenda escribiu un libro. Capitan xeneral de Filipinas, gobernador de Porto Rico e, mais tarde, ministro de guerra e mariña. Masón e poderoso militar de Espartero.

O vencello entra os García-Camba de Pedras cos García de Podente, potenciou esa parentela que nos vellos documentos de familia como nos de igrexario, Rosa figura como rica femia de dote e de venia.

Nesta visita, Manolo mostroume esa fermosa casa feita á medida de varias xeracións que a habitaron, desde os García-Camba até el mesmo. Unha casa arrogante en deseños e particularidades engadidas, nada ostentosa e si moi funcional. A casa antiga aínda respira os ritmos dos tempos idos en acordes dos actuais, como no acertado verso de Camões: “mudam-se os tempos mudam-se as vontades”. Na casa grande de Pedras a mudanza obedece ao designio dos tempos, mais non dunha maneira agresiva e demoledora. O compartimento e o decoro do antigo e do actual mostran esa convivencia conciliadora.

Manolo foime indicando o que construíu o seu avó, o seu pai e el mesmo. Mostroume cada recantiño da casa, sempre con un matiz enfático do que aínda representa para el a casa antiga e as cousas que pertenceron aos García-Camba. creoume certa emoción, por non dicir destinguida emoción, cando toquei as paredes e os obxectos que tamén tocara a miña devanceira, Rosa de Pedras. Collín aqueles pesados libros de leis que leron o pai, o avó e bisavó de Rosa, liñaxe de notarios de El Rei, e pensei na veneración que tiveron por aduladores de comenencia e tamén pola aldraxe merecida, aínda que fose en silencio, polo xentío labrego que repudiou ousadía de señorío.

Apalpando e visualizando as harmonías do pasado que aínda resplandecen en formatos de memorial. Nese meu percorrido pola casa grande de Pedras tiven a sensación de repetir aquel sentimento que Uxío Novoneyra expresa no cumial deste verso: “Ando a tocarlle as maos ós antepasados”. O herdo tira por nós, os galegos, aínda que a memoria sexa materia esquecediza e lonxincua cando revivimos o que aínda somos na sombra itinerante do sangue dos que nos precederon. O picaporte dos sentimentos peta no pasado e tódalas pantasmas aparecen para axilizar o memorando.

Manólo Rodríguez lévame ao vello portalón con robusta arcada, en suntuosa fachada da que xa faltan os brasóns dos García-Camba que algún familiar levou como lembranza. Manolo está preocupado polas buscas e rebuscas que fan os arqueólogos á procura do paleolítico que detectaron nos seus resíos de Pedras. Mais o meu anfitrión non oculta o valor prehistórico que ten esta terra xerminal, onde houbo vida e cultura perenne.

O Manolo sinálame grandes treitos de paredes antigas que foron da casa fidalga, até levarme á capela que el ergueu e reformou, con sobranceiro gusto. Un espazo pequeniño; certamente un oratorio exclusivo á medida dos donos da casa. Mesmo ao entrar no recinto, di que o retablo e as imaxes son do tempo dos García-Camba. Certamente é un retablo barroco do século XVIII, cun só nicho central que ocupa unha fermosa talla de Santa Lucía, con palma de mártir e ollos en prato, como reclamo ou metáfora de iluminar a quen roga fuxir das tebras deste mundo. Esta custodiada por San Xoán o Bautista e unha santa de hábitos bieitos. No frontal do altar un panel con intuitivas pinturas naturalistas de robustos e apetecidos froitos e de vermellas rosas cativan as miñas retinas.

Manolo empeñouse en que eu tiña que merendar, a insistencia labrega sempre é sincera, e un non debe rexeitar de tanta atención e hospitalidade, sería considerado como desprezo. Acatei as súas ordes, do que non me arrepinto. Naquel mesado da ampla cociña unha fonte de roxóns, chourizos á vella usanza artesán, con seu agradábel recendo e bo tempero; xamón curado e con ímpeto de ser loado, ao estilo lírico de D. Ramón Otero Pedrayo. Xerro de viño e conversa.

Unha tarde moi aproveitada, en tódolos sentidos, no clamor da familia Rodríguez, coa agradábel compaña de Manolo, a súa irmán, cuñado e sobriño. Mereceu a pena saír dos ermos do silencio e ir ao clamor das benquerenzas de persoas que aínda practican a fraternidade. 
 
Unha tarde para nunca mais esquecer.