O domingo, 21 de xuño de 2015, a xente
da Asociación O Colado do Vento achegámonos a distintos puntos con
elementos patrimoniais en Sober coa finalidade de coñecer e divulgar
o noso Patrimonio, así como analizar o estado de conservación e
comprender o entorno no que se sitúa.
Esta xornada de “cacería” do
Patrimonio foi secundada por unha vintena de persoas que nos axudaron
a recoller información e forografías de cada sitio, a fin de subir
os resultados da pesquisa ao catálogo social do Patrimonio galego
(www.patrimoniogalego.net),
tarefa que iremos facendo ao longo do mes de xullo.
Na tarde do domingo, variando un pouco
o programa previsto, achegámonos aos seguintes elementos:
1. Na parroquia de Millán visitamos:
Non catalogada como elemento
arqueolóxico, considerámola elemento etnográfico de grande
interese. Trátase dun afloramento rochoso con pileta, a cuxa auga se
lle atribuían propiedades sanadoras dos males de moas, pois nas
penas contiguas a tradición di que se agochou Santa Apolonia da
persecución pagá.
Vázquez Seijas sinalara que semella un
animal deitado.
- Coviñas do Monte do Cura
Petróglifos xa catalogados, con coviñas e sucos sobre unha pedra que foi mutilada.
Petróglifos xa catalogados, con coviñas e sucos sobre unha pedra que foi mutilada.
Atópanse nun altiño, o Monte do Cura,
cara o NO, fronte ao monte de Santo André.
De ambos elementos hai referencia de
Vázquez Seijas no Boletín de la Comisión de Monumentos de Lugo.
No entorno, atopamos a Fonte das Bruxas
– hoxe destruída polo campo de fútbol - , Fonterdá, fonte
curativa dos males estomacais, ou a Pena de Belán.
2. Na parroquia de Proendos coñecemos:
- Necrópole medieval de Proendos.
Lugar contiguo á zona da casa rectoral onde apareceron sepulturas con laxas de lousa e campás tipo cencerro, xunto con elementos cerámicos. Unha destas laxas está no Museo Provincial de Lugo.
Xacemento xa catalogado.
- Inscultura romana no muro do
igrexario, partida e deteriorada.
- Petróglifos do Xestal (I e II).
Unha delas cun gran motivo con 8
círculos concéntricos e unha coviña central; a outra con sucos,
coviñas e círculos concéntricos continua pola pena que hoxe cobre
o muro de peche da finca e a terra do outro lado do muro.
Pese a tratarse dos motivos máis
coñecidos e espectaculares de Sober, as penas non son visitables.
Ademais, observamos o pombal, situado
no antigo xardín dos curas de Proendos; sobre a laxa na que se
asenta, atópase un petróglifo.
Foto: Carlos Rueda. |
Camiñando polo núcleo de Proendos
fomos debullando os elementos de época romana que se sitúan nas
casas do lugar: unha ara encastrada nun muro, un trisquel, columnas,
canalizacións... Así como unha pedra con cruces de época
indeterminada. Tamén camiñamos sobre o lameiro onde apareceu un
hipocausto nunhas obras e que, probablemente, albergue os restos
dunha casa de importancia de época romana.
Ademais, observamos a boa factura das
casas grandes dos Bertonías e dos Ojeas.
3. Na parroquia de Pinol, visitamos:
Xa en Cadeiras, visitamos o Castro das
Medorras, un dos máis grandes de Sober, onde vimos unhas penas con
cazoletas xa catalogadas. Ademais, baixando pola ladeira, aínda na
zona de terrazas, visitamos unha nova pena co mesmo tipo de cazoletas
atopadas nas xa descubertas.
A este novo achádego de Óscar Alonso,
de Veliños, engadimos outras dúas penas, que tamén visitamos: unha
pedra que formaría parte dunha estrutura e que sostería unha porta
e máis unha pena onde hai varias coviñas. De todas estas penas e
doutros novos achédegos noutras parroquias informaremos para que se
proceda á súa catalogación.
Logo de Cadeiras, baixamos ata Sampil
para ver unha das penas de petróglifos deste núcleo: un dos
petróglifos do Agro.
Despedímonos coa vontade de continuar
visitando o noso Patrimonio máis esquecido, en moitos casos sen
camiño de acceso ou non visitable, como os fermosos petróglifos do
Xestal en Proendos.
Agradecemos a todas as persoas
participantes a súa colaboración e aportacións para o traballo da
nosa asociación.
Sem comentários:
Enviar um comentário