A Casa Grande de Pedras, berce dos García-Camba

Un artigo de Xosé Lois García.

Nun chover miudiño, anuncio de primavera, cheguei ao lugar de Pedras en San Martiño de Vilelos (Saviñao), guiado por Manolo Rodríguez, dono da señorial casa grande de Pedras, solar da abastecida fidalguía dos García-Camba. Unha vella e tradicional estirpe de escribáns reais que amosaron poder económico concentrado en Pedras e mais na casa grande dos escribáns de San Sadurniño de Piñeiró.

Manolo, é un home sinxelo e xeneroso que rexenta a casa que seu avó lle mercou aos García-Camba, convidoume a visitar esta casa, onde naceu no século XVIII a miña segunda tataravó, por vía paterna, Rosa García-Camba y Osorio, para entendernos, avó de meu bisavó, filla do notario Xoán García-Camba e de Clara Osorio, esta de descendencia de cristiáns novos.

Rosa García-Camba y Osorio casou co rico home, dono do lugar de Podente, na parroquia chantadesa de Merlán, Manuel García Moure. Rosa era tía do capitán xeneral, Andrés Garcia-Camba y de las Heras, que estivo na batalla de Aguacucho no Perú (1824), sobre esta contenda escribiu un libro. Capitan xeneral de Filipinas, gobernador de Porto Rico e, mais tarde, ministro de guerra e mariña. Masón e poderoso militar de Espartero.

O vencello entra os García-Camba de Pedras cos García de Podente, potenciou esa parentela que nos vellos documentos de familia como nos de igrexario, Rosa figura como rica femia de dote e de venia.

Nesta visita, Manolo mostroume esa fermosa casa feita á medida de varias xeracións que a habitaron, desde os García-Camba até el mesmo. Unha casa arrogante en deseños e particularidades engadidas, nada ostentosa e si moi funcional. A casa antiga aínda respira os ritmos dos tempos idos en acordes dos actuais, como no acertado verso de Camões: “mudam-se os tempos mudam-se as vontades”. Na casa grande de Pedras a mudanza obedece ao designio dos tempos, mais non dunha maneira agresiva e demoledora. O compartimento e o decoro do antigo e do actual mostran esa convivencia conciliadora.

Manolo foime indicando o que construíu o seu avó, o seu pai e el mesmo. Mostroume cada recantiño da casa, sempre con un matiz enfático do que aínda representa para el a casa antiga e as cousas que pertenceron aos García-Camba. creoume certa emoción, por non dicir destinguida emoción, cando toquei as paredes e os obxectos que tamén tocara a miña devanceira, Rosa de Pedras. Collín aqueles pesados libros de leis que leron o pai, o avó e bisavó de Rosa, liñaxe de notarios de El Rei, e pensei na veneración que tiveron por aduladores de comenencia e tamén pola aldraxe merecida, aínda que fose en silencio, polo xentío labrego que repudiou ousadía de señorío.

Apalpando e visualizando as harmonías do pasado que aínda resplandecen en formatos de memorial. Nese meu percorrido pola casa grande de Pedras tiven a sensación de repetir aquel sentimento que Uxío Novoneyra expresa no cumial deste verso: “Ando a tocarlle as maos ós antepasados”. O herdo tira por nós, os galegos, aínda que a memoria sexa materia esquecediza e lonxincua cando revivimos o que aínda somos na sombra itinerante do sangue dos que nos precederon. O picaporte dos sentimentos peta no pasado e tódalas pantasmas aparecen para axilizar o memorando.

Manólo Rodríguez lévame ao vello portalón con robusta arcada, en suntuosa fachada da que xa faltan os brasóns dos García-Camba que algún familiar levou como lembranza. Manolo está preocupado polas buscas e rebuscas que fan os arqueólogos á procura do paleolítico que detectaron nos seus resíos de Pedras. Mais o meu anfitrión non oculta o valor prehistórico que ten esta terra xerminal, onde houbo vida e cultura perenne.

O Manolo sinálame grandes treitos de paredes antigas que foron da casa fidalga, até levarme á capela que el ergueu e reformou, con sobranceiro gusto. Un espazo pequeniño; certamente un oratorio exclusivo á medida dos donos da casa. Mesmo ao entrar no recinto, di que o retablo e as imaxes son do tempo dos García-Camba. Certamente é un retablo barroco do século XVIII, cun só nicho central que ocupa unha fermosa talla de Santa Lucía, con palma de mártir e ollos en prato, como reclamo ou metáfora de iluminar a quen roga fuxir das tebras deste mundo. Esta custodiada por San Xoán o Bautista e unha santa de hábitos bieitos. No frontal do altar un panel con intuitivas pinturas naturalistas de robustos e apetecidos froitos e de vermellas rosas cativan as miñas retinas.

Manolo empeñouse en que eu tiña que merendar, a insistencia labrega sempre é sincera, e un non debe rexeitar de tanta atención e hospitalidade, sería considerado como desprezo. Acatei as súas ordes, do que non me arrepinto. Naquel mesado da ampla cociña unha fonte de roxóns, chourizos á vella usanza artesán, con seu agradábel recendo e bo tempero; xamón curado e con ímpeto de ser loado, ao estilo lírico de D. Ramón Otero Pedrayo. Xerro de viño e conversa.

Unha tarde moi aproveitada, en tódolos sentidos, no clamor da familia Rodríguez, coa agradábel compaña de Manolo, a súa irmán, cuñado e sobriño. Mereceu a pena saír dos ermos do silencio e ir ao clamor das benquerenzas de persoas que aínda practican a fraternidade. 
 
Unha tarde para nunca mais esquecer.

Sem comentários: