CAMIÑATA POR NEIRAS E ARREDORES
20 - XUÑO - 2010
* Saída - Escola de Neiras - 10 horas.
* 8,5 km aproximadamente, de dificultade baixa.
* Xantar no local da antiga Escola de Neiras (é preciso anotarse antes do 17 de xuño en paulaverao@hotmail.com ou 659323833).
* Máis información sobre a parroquia de Neiras aquí.
www.parroquiasdesober.blogspot.com
Mámoa do Alto dos Cousos (Doade)
Unha mámoa descoñecidaA asociación cultural soberina O Colado do Vento advertiu á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre a existencia dunha mámoa que ata agora non fora catalogada e que era descoñecida incluso polos veciños da zona. O túmulo megalítico encóntrase a algo máis dun centenar de metros da pista de aterraxe de avionetas dos servizos de extinción de incendios de Mourentán, na parroquia de Doade.Alfonso Campos, membro da mencionada asociación e concelleiro do BNG, sinala que a mámoa pasara desapercibida ata agora a pesar das súas considerables dimensións -cerca de trinta e cinco metros de diámetro e uns dous metros de altura na súa parte central- debido á maleza que cubría a zona. Os terreos foron desbravados en tempos recentes, ao parecer para deixar máis despexado o entorno do aeródromo. Se ben a súa existencia era descoñecida nas últimas décadas, non sempre foi así, xa que o lugar mostra sinais de ter sido violado por buscadores de tesouros, ao igual que sucedeu praticamente en todos os xacementos megalíticos galegos.
Casos únicos A mámoa esquecida presenta a singularidade de ser un dous únicos xacementos do período megalítico coñecidos actualmente no municipio de Sober. «A única mámoa que temos catalogada por agora é a da Carqueixa, na parroquia de Figueiroá», precisa Campos a este respecto. Nos veciños municipios de Pantón e O Saviñao, polo contrario, hai unha importante representación deste tipo de monumentos prehistóricos. O túmulo dificilmente será obxecto de escavacións arqueolóxicas nun futuro próximo, xa que no sur lucense hai decenas de monumentos megalíticos e castrexos que tamén están pendentes de investigar. Pero despois de que sexa catalogada por Patrimonio, a mámoa quedará polo menos legalmente protexida contra posibles destrozos ou agresións. «Entrar no inventario de Patrimonio xa garante unha protección, pero imos intentar que se introduza tamén no PXOM para que a súa conservación estea mellor asegurada», apunta Campos.
* 30 de maio de 2010. La Voz de Galicia. Edición Lemos.
a casiña do capitán
Alfonso Campos Pérez
Foi o dono JoaquínVázquez Fernández, nado o 19 de Xullo de 1867 en Vilaescura, fillo de Ramona e de Melchor. O 11 de decembro de 1886 ingresa na caixa de reclutas de Lugo, sendo destinado á guarnición do Rexemento de Cazadores de Galicia 29 de Caballería. No 1896 solicita pasar ó distrito de Cuba, embarcando na Coruña o 21 de Xaneiro de 1897, no vapor Alfonso XII e desembarcando na illa o 4 de febreiro, co emprego de teniente da Escala de Reserva retribuída, tendo que entrar en combate deseguido contra os insurgentes en Guanocano, Cienfuegos, Trinidad, Sierra Alta, etc, na tan nomeada e recordada guerra de independencia cubana.
Tras a guerra, embarcou Joaquín no ano de 1999 no porto de Cienfuegos a bordo do vapor Cataluña, pasando á reserva no Reximento da Caballería de Palencia nº 38 e vivindo en Vilaescura dende aquela despois de ser nomeado o 20 de setembro dese ano “Caballero de 1ª Clase de la Orden del Mérito Militar, en atención al comportamiento observado por D. Joaquín Vázquez Fernández segundo teniente de Caballería en el encuentro ocurrido en Loma de la Mina Trinidad el ocho de octubre de mil ochocientos noventa y siete”, cun retiro dende 1904 de 146 pts e 25 ctms. En 1921 foi ascendido a Capitán honorífico.
Pouco sabemos do persoeiro que non figure nos datos oficiais, entre outras cousas porque é unha desas vidas que a xente silencia e que a propia familia deixa nun recanto, cun aquel de vergoña. Debeu de ter unha vida con certo acomodo, con amplas relacións sociais, para ser do estamento militar debeu de acoller a República con satisfacción e participar na efervescencia política xa cunha respetable idade. Neses intres, a súa filla xa levaba moitos anos de mestra e é el o que a anima a participar nas disputas electorais, no PSOE, véndoa dotada de boas dotes oratorias e firmes conviccións democráticas. Pero chegou a guerra e con ela a pronta e fera represión en Galicia. A brillante docente é arranca da prisión e fusilada. Así o pon Joaquín coa súa letra no reverso dun retrato seu. “Maruja Vázquez Suarez, Maestra de Miño - Fusilada por los fascistas de Puentedeume el 21 de Agosto de 1936. ¡Cobardes!”
El pensou que a súa posición de militar retirado con boas relacións, sería suficiente para salvarlle a vida á filla, pero os falanxistas, que se cebaron especialmente nos mestres porque non hai cousa máis perniciosa para a irracionalidade que a educación, díronlle o derradeiro “paseo” naquel verán do 36, sen agardar ningún xuizo.
Frisando os 70 anos, Joaquín non o deu superado, durante o resto da vida votouse a culpa da morte da filla co peso dos remorsos sobre os ombreiros.
Por iso din que fixo aquel refuxio en Penabión a carón da lendaria pena dos mouros que acabou de pilar da vía do tren e que debeu de contemplar íntegra nos seus anos mozos, antes de que os enxeñeiros vascos fixeran as vías. E alí, na agora recordada como Casiña do Capitán, cerca do castro de Vilaescura, ó mellor despois de facer unha das súas segredas visitas a algún dos agochados da guerra, nos intres máis duros da súa existencia, ía buscar un pouco de sosego coma un eremita no seu tobo.
os debuxos en cal de Sober
Casa da Fonte, Paradela, Santiorxo.
Casa da Fonte, Paradela, Santiorxo.
Os encachotados, esgrafiados, encintados, foron técnicas moi utilizadas dende o século XIX ata mediados do século XX. Aínda nos albores do século XXI algún sentimental arranxou os da súa casa, sen ter, case, mao de obra cualificada que conservara os saberes da técnica. Máis o que soe ocurrir, como pasou recentemente nunha casa de Sansillao, é que se pique para encintar as paredes con cemento, que é a moda dos nosos tempos. Así que, entre as novas reformas, e como xa non é o demo o que anda nos tellados senón o abandono o que os anica definitivamente, o oficio foise perdendo e con el os debuxos das nosas paredes.
Momelle, Gundivós.
O esgrafiado é unha técnica basada na utilización de morteiros realizados con cal grasa apagada, que nalgúns sitios, como no medievo en Segovia ou no século XVIII en Cataluña, levou a superposición de capas de revoques de distintos cores, para conseguir, sobre un debuxo previo, unha decoración policromada e moi resistente. A súa orixe parece ser oriental, coñecéndose moitos exemplos no arte islámico, clara raíz do esgrafiado segoviano. O catalán que tuvo no Barroco unha ampla repercusión, parece ter unha orixe italiana a través dos amplos contactos mercantiles mediterráneos. Refléxase este, sobre todo, na Barcelona burguesa con temática mitolóxica ou con motivos relacionados co oficio do rico propietario que os encarga. A Devesa, Neiras.
As decoracións con cal galegas son máis modestas, utilizando o branco sobre o fondo da parede ou sobre a base do morteiro, pero igualmente estéticos e resistentes. Así, podemos contemplar dende os máis simples encintados da pedra dos muros á repetición de diferentes motivos: figuras curvilíneas, faixas con trazado xeométrico, nubeiros, aves, peixes, serpes, animais fantásticos, recipientes, plantas, rosetas, cruces, e mesmo, nalgunha zonas, escenas diversas onde aparecen pitas e gaiteiros. Estamos a falar de figuras feitas para disimular, en xeral, os paramentos de menos calidade, formados, en moitas ocasións, por cachote miudo e para resaltar as pedras de maior tamaño e máis regulares con, según Fernández Oxea, figuras caprichosas resultantes das irregularidades das pedras.
Francos, Proendos.
Esta arte – permítaseme chamala así – referenciada no Seminario de Estudos Galegos por Fermín Bouza Brey, emparentada cos xeitos islámicos de decoración, cos grutescos renacentistas, os esgrafiados cataláns e, aínda máis, coa arquitectura popular cacereña e salmantina, debería ser contemplada con respecto. Nela, como en moitos saberes humáns, compéndianse moitas épocas: as curvas tan significativas nas nosas insculturas rupestres, as rosetas castrexas e romanas, a mourisca teima repetitiva, os motivos vexetais románicos, as molduras e faixas barrocas, a recreación imaxinativa do fantástico, e o cotián convertido en símbolo, coma os galos de Cacedo en Bolmente.
Cacedo, Bolmente.
BIBLIOGRAFÍA
Os encachotados, esgrafiados, encintados, foron técnicas moi utilizadas dende o século XIX ata mediados do século XX. Aínda nos albores do século XXI algún sentimental arranxou os da súa casa, sen ter, case, mao de obra cualificada que conservara os saberes da técnica. Máis o que soe ocurrir, como pasou recentemente nunha casa de Sansillao, é que se pique para encintar as paredes con cemento, que é a moda dos nosos tempos. Así que, entre as novas reformas, e como xa non é o demo o que anda nos tellados senón o abandono o que os anica definitivamente, o oficio foise perdendo e con el os debuxos das nosas paredes.
A Devesa, Neiras.
O esgrafiado é unha técnica basada na utilización de morteiros realizados con cal grasa apagada, que nalgúns sitios, como no medievo en Segovia ou no século XVIII en Cataluña, levou a superposición de capas de revoques de distintos cores, para conseguir, sobre un debuxo previo, unha decoración policromada e moi resistente. O seu orixe parece ser oriental, coñecéndose moitos exemplos no arte islámico, clara raíz do esgrafiado segoviano. O catalán que tuvo no Barroco unha ampla repercusión, parece ter unha orixe italiana a través dos amplos contactos mercantiles mediterráneos. Refléxase este, sobre todo, na Barcelona burguesa con temática mitolóxica ou con motivos relacionados co oficio do rico propietario que os encarga.
Momelle, Gundivós.
As decoracións con cal galegas son máis modestas, utilizando o branco sobre o fondo da parede ou sobre a base do morteiro, pero igualmente estéticos e resistentes. Así, podemos contemplar dende os máis simples encintados da pedra dos muros á repetición de diferentes motivos: figuras curvilíneas, faixas con trazado xeométrico, nubeiros, aves, peixes, serpes, animais fantásticos, recipientes, plantas, rosetas, cruces, e mesmo, nalgunha zonas, escenas diversas onde aparecen pitas e gaiteiros. Estamos a falar de figuras feitas para disimular, en xeral, os paramentos de menos calidade, formados, en moitas ocasións, por cachote miudo e para resaltar as pedras de maior tamaño e máis regulares con, según Fernández Oxea, figuras caprichosas resultantes das irregularidades das pedras.
Francos, Proendos.
Esta arte – permítaseme chamala así – referenciada no Seminario de Estudos Galegos por Fermín Bouza Brey, emparentada cos xeitos islámicos de decoración, cos grutescos renacentistas, os esgrafiados cataláns e, aínda máis, coa arquitectura popular cacereña e salmantina, debería ser contemplada con respecto. Nela, como en moitos saberes humáns, compéndianse moitas épocas: as curvas tan significativas nas nosas insculturas rupestres, as rosetas castrexas e romanas, a mourisca teima repetitiva, os motivos vexetais románicos, as molduras e faixas barrocas, a recreación imaxinativa do fantástico, e o cotián convertido en símbolo, coma os galos de Cacedo en Bolmente.
Cacedo, Bolmente.
* VVAA; Guía Práctica de la Cal y el Estuco. Edit. De los oficios. León, 1998.
* Ignacio Garate Rojas; Artes de la Cal. Instituto español de arquitectura. MRRP.Universidad de Alcalá. Edit. Munilla-Lería- 2ª ed.2002.
* Xosé Vázquez Rodríguez; Histórias de Papeiros e Rabudos. Etnografía da Ribeira Sacra. Graficas Galegas, 2003.
requiem polo piñeiro manso de Nabán
María Rodríguez Trigo de Nabán
Din que o meu bisabó o practicante Domingo Trigo o plantou hai douscentos anos. Na metade dunha leira, alcanzando dimensións a considerar. Só, illado doutras árbores, resistiu ás treboadas. Foi testemuña muda do transcorrer do tempo, do ir e vir das xeracións. Oiu petar na súa zafra ó Casimiro, o ferreiro e labrego do pobo. Sentiu o ris ras da garlopa e a trencha ó bater coa madeira mentres Castor, carpinteiro e labrego, facía un angazo. Escoitou o trico trico das puntadas que daba a costureira María na súa máquina de coser. Ollou como as cabalerías que ían polas carreiras cara o camiño Real pasaban a ser estradas con asfalto. Mesmo se feriu ó tropezar a rella do arado do Fausto coas súas raíces espalladas pola leira, sendo logo o causante a rella do tractor do Gerardo. Moitas veces visualizou o cla cla da coitela ó rabanar os nabos, o sig sag do fouzo ó segar o pan, e o pic pac da gadaña ó sachar ás patacas. Formou parte do transcorrer dos ciclos naturais onde homes e territorio se funden nunha simbiose maxistral.
Miraba aló polos oitenta como unha nena o observaba coa impotencia de non ser capaz de subir ata a cima. Esa nena enfermeira, curiosamente como o seu bisabó, o 17 de decembro do 2009 chegou de traballar atopouno derrotado no chan, toda unha grandiosidade crebada, e quedou paralizada. Os seus 32 anos pasaron nuns segundos e en todos eles aquela imaxe era insólita. Din que caeu coma un vello, pouco a pouco, sen facer ruído a penas, deixando un discreto oco cheo de auga.
Nos oitenta as nevadas leváranlle un par de pólas importantes, e un raio nos noventa feriuno notablemente, comezando así o seu declinar ó sur. As choivas abundantes do 2009 reblandeceron tanto o terreo que as raíces non aturaron o desequilibrio, e esvaeceuse.
Agora esa nena vella séntase no cima desfeito no chan, e sente unha extraña forza natural que a envolve. É unha catedral natural vencida polos anos. Unha desas catedrais que nos rodean e que non precisan ser adecentadas para lucir esplendorosas. Catedrais axudadas por xeracións de homes, mulleres e nenos que actuan guiados pola observación e o sentido común de quen observa.
Algúns din que se podería intentar poñer de novo en pe. Pero eu estou farta de ver na miña profesión eses intentos de levantar corpos que chegaron a unha final biolóxica. O pino caeu pero a súa forza perdurará no recordo dos que medramos canda el. Évos moito máis que unha simple árbore.
aba sacra, o paraíso
Ángeles Rodríguez
Non, non esaxero. Se por paraíso (termo que aparece en moitas das relixións ) entendemos lugar con moita auga, paisaxe bucólica e abundancia de vexetación, afirmo rotundamente que a nosa ribeira, a de Sober, é un paraíso.
Pero esta sinceira introdución non é en realidade para loar a beleza da nosa paisaxe ou a importancia que as vides teñen no noso concello, nin tan sequer para falar do noso viño, ampliamente recoñecido, senón para falar dunha fermosa escultura que en tan singular paraxe pode atopar o viaxeiro baixando pola estrada que vai de Doade a Castro Caldelas, moi perto do Souto Chao.
Realizada en bronce polo artista ourensán Antón Pereiras, atópase na ladeira do monte, de aí o seu nome: Aba Sacra, nome de orixe medieval, é dicir, ladeira sagrada, e foi doada pola Asociación Cultural Camiño Real.
Está formada por dúas figuras: a da esquerda é unha moza que porta na cabeza un cesto cheo de uvas, tal e como se facía antes, cando aínda non se sabía das novas tecnoloxías como os modernos montacargas que agora se poden ver nalgunhas viñas. Acompáñaa á súa dereita un neno cunha aguillada, a vara que servía para tanguer as vacas que tiraban do carro, cando aínda tampouco se sabía dos tractores, porque non había.
Ao pé das figuras, un acróstico: “ Sácrima”, de D. José Mª Núñez Pérez (actual Delegado Provincial da Axencia Tributaria de Lugo).
A peculiaridade desta escultura atópase na súa inspiración: unha vella fotografía que foi tomada aproximadamente hai uns oitenta anos.
O home da esquerda era ao que lle chamaban “ O Campelo”, dunha das casas de Marcelle. Inmediatamente á súa dereita atópanse tres irmáns: Ángela (co cesto das uvas na cabeza), Antonio (coa aguillada) e Carmen, todos da casa Corredoira de Doade, e á dereita de todo, Sergio, o seu pai.
Podemos ver tamén na foto a xugada tirando do carro, pois viñan de facer a vendima.
Daquela, saían de noite cara a ribeira, co gallo de evitar a calor, co carro cargado de cestos ou se se podía (pois só había dúas ou tres en cada aldea) cunha “arca” encaixada na parte interior do carro e suxeita polos estadullos, que se amoldaba perfectamente dada a súa forma ovalada e que tiña unhas tapadeiras que abrían ou pechaban, segundo se mire, ao medio. Había que enchelas de auga uns días antes para que abombasen e así evitar que se perdera o mosto das uvas.
Pois ben, o día 09 de xullo de 2005, celebrouse un acto para inaugurar esta escultura.
Entre outros persoeiros asistiron: D. Antonio Rodríguez Álvarez, que naquel intre era o Subdirector Xeral da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e ao que moitos de vós coñeceredes por Antonio ou Toño, da “ Cantina” de Doade, e tamén a que era a alcaldesa de Sober naquel tempo: Dª. Raquel Arias, actual Delegada Territorial da provincia de Lugo.
Foi un día de festa, con gaitas e pandeiretas. Os dous irmáns, Ángela e Antonio, puxéronse xuntos para unha nova foto; ela, moi guapiña, eso si, sen o cesto de uvas na cabeza, pero co seu bastón, que os anos non perdoan, e el cunha aguillada, rememorando os tempos da súa nenez.
Veciños e amigos reuníronse para xantar no Souto Chao. Non faltaron o polbo, a empanada e o viño, á sombra dos castiñeiros.
E todo isto por unha escultura, Aba Sacra, que recolle boa parte da nosa historia, da historia da nosa ribeira, e que ten como protagonistas a tantas e tantas mulleres anónimas que fixeron do seu traballo a súa razón de vida.
A escultura quere ensalzar o traballo dos viticultores e é unha fermosa homenaxe a todos eles, homes e mulleres que co seu esforzo e suor, humedeceron estas ladeiras sagradas bañadas polo Sil.
Pero esta escultura ten algo moito máis especial para min e sinto a necesidade de escribilo. O meniño da aguillada era o meu tío Antonio, que nos deixou hai xa tres anos, e a moza do cesto das uvas, a guapiña do bastón, era a miña querida avoa que tamén nos deixou hai tan só tres meses. Ela foi a que me ensinou a ler o reloxo, a que me facía os carros de nabos, a que me cantaba “ai que raio tía Manuela” e me dicía adiviñas e refráns, a que limpou o clarinete do avó todos os días cando el marchou á guerra, a que amasaba e quentaba o forno para cocer o pan, a que lle poñía os parches ás potas, a que me quitaba a burra da corte para que eu imaxinara que montaba un cabalo e me levaba con ela ao monte, a que segaba o outono coa gadaña, a que adobaba a zorza para facer os chourizos e me pelaba os bullós cando era o tempo das castañas, a que me pedía que lle recordara cousas das matemáticas cando a memoria empezou a fallar, a que…
Tantas e tantas cousas que non caberían neste papel!
Gústame pensar que aí está, de seguro está, paseando pola aba sacra, vendo pasar o Sil, vendo ás xentes traballar, na orixe, no paraíso…
Subscrever:
Mensagens (Atom)







.png)
.png)
.png)