aba sacra, o paraíso

Ángeles Rodríguez




Non, non esaxero. Se por paraíso (termo que aparece en moitas das relixións ) entendemos lugar con moita  auga, paisaxe bucólica e abundancia de vexetación, afirmo rotundamente que a nosa ribeira, a de Sober, é un paraíso.
Pero esta sinceira introdución non é en realidade para loar a beleza da nosa paisaxe ou a importancia que as vides teñen no noso concello, nin tan sequer  para falar do noso viño,  ampliamente recoñecido, senón para falar dunha fermosa escultura que en tan singular paraxe pode atopar o viaxeiro baixando pola estrada que vai de Doade a Castro Caldelas, moi perto do Souto Chao.
Realizada en bronce polo artista ourensán Antón Pereiras, atópase na ladeira do monte, de aí o seu nome: Aba Sacra, nome de orixe medieval, é dicir, ladeira sagrada, e foi doada pola Asociación Cultural Camiño Real.
Está formada por dúas figuras:  a da esquerda é unha moza que porta na cabeza un cesto cheo de uvas, tal e como se facía antes, cando aínda non se sabía das novas tecnoloxías como os modernos montacargas que agora se poden ver nalgunhas viñas. Acompáñaa  á súa dereita un neno cunha aguillada, a vara que servía para tanguer as vacas que tiraban do carro, cando aínda tampouco se sabía dos tractores, porque non había.
Ao pé das figuras, un acróstico: “ Sácrima”, de D. José Mª Núñez Pérez (actual Delegado Provincial da Axencia Tributaria de Lugo).
A peculiaridade desta escultura atópase na súa inspiración: unha vella fotografía  que foi tomada aproximadamente hai uns oitenta anos.

O home da esquerda era ao que lle chamaban “ O Campelo”, dunha das casas de Marcelle. Inmediatamente á súa dereita atópanse tres irmáns: Ángela (co cesto das uvas na cabeza), Antonio (coa aguillada) e Carmen, todos da casa Corredoira de Doade, e á dereita de todo, Sergio, o seu pai.
Podemos ver tamén na foto a xugada  tirando do carro, pois viñan de facer a vendima.
Daquela, saían de noite cara a ribeira, co gallo de evitar a calor, co carro cargado de cestos ou  se se podía (pois só había dúas ou tres en cada aldea) cunha “arca” encaixada na parte interior do carro e suxeita polos estadullos, que se amoldaba perfectamente dada a súa forma ovalada e que tiña unhas tapadeiras que abrían ou pechaban, segundo se mire, ao medio. Había que enchelas de auga uns días antes para que abombasen e así evitar que se perdera o mosto das uvas.
Pois ben, o día 09 de xullo de 2005, celebrouse un acto para inaugurar esta escultura.
Entre outros persoeiros asistiron: D. Antonio Rodríguez Álvarez, que naquel intre era o Subdirector Xeral da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e ao que moitos de vós coñeceredes por Antonio ou Toño, da “ Cantina” de Doade, e tamén a que era a alcaldesa de Sober naquel tempo: Dª. Raquel Arias, actual Delegada Territorial da provincia de Lugo.

Foi un día de festa, con gaitas e pandeiretas. Os dous irmáns, Ángela e Antonio, puxéronse xuntos para unha nova foto; ela, moi guapiña, eso si, sen o cesto de uvas na cabeza, pero co seu bastón, que os anos non perdoan, e el cunha aguillada,  rememorando os tempos da súa nenez.
Veciños e amigos reuníronse para xantar no Souto Chao. Non faltaron o polbo, a empanada e o viño, á sombra dos castiñeiros.
E todo isto por unha escultura, Aba Sacra, que recolle boa parte da nosa historia, da historia da nosa ribeira, e que ten como protagonistas a tantas e tantas mulleres anónimas que fixeron do seu traballo a súa razón de vida.
A escultura quere ensalzar o traballo dos viticultores e é unha fermosa homenaxe a todos eles, homes e mulleres que co seu esforzo e suor, humedeceron estas ladeiras sagradas bañadas polo Sil.
Pero esta escultura ten algo moito máis especial para min e sinto a necesidade de escribilo. O meniño da aguillada  era o meu tío Antonio, que nos deixou hai xa tres anos, e a moza do cesto das uvas, a guapiña do bastón, era a miña querida avoa que tamén nos deixou hai tan só tres meses. Ela foi a que me ensinou a ler o reloxo, a que me facía os carros de nabos, a que me cantaba “ai que raio tía Manuela” e me dicía adiviñas e refráns, a que limpou o clarinete do avó todos os días cando el marchou á guerra, a que amasaba e quentaba o forno para cocer o pan, a que lle poñía os parches ás potas, a que me quitaba a burra da corte para que eu imaxinara que montaba un cabalo e me levaba con ela ao monte, a que segaba o outono coa gadaña, a que adobaba a zorza para facer os chourizos e me pelaba os bullós cando era o tempo das castañas, a que me pedía que lle recordara cousas das matemáticas cando a memoria empezou a fallar, a que…
Tantas e tantas cousas que non caberían neste papel!
Gústame  pensar que aí está, de seguro está, paseando pola aba sacra, vendo pasar o Sil, vendo ás xentes traballar, na orixe, no paraíso…

1 comentário:

Aba Sacra disse...

Moi boa reseña do acto celebrado há anos no que os protagonistas, os grandes protagonistas, foron Angela e Antonio Rodriguez Alvarez, hirmáns da Casa da Corredoira, en Doade.
A esta altura ficam mortos,pero a súa impronta queda no noso corazón.

Muito bem resumido por Angeles Rodriguez.