Rastrillo de Monforte o domingo 17 no barrio de Carude.


Este domingo, o Rastrillo de Monforte estará na praza de Carude. 

Aproveitade a festa do San Lázaro e pasade por alí.

O blogue do Rastrillo: http://rastrillomonforte.wordpress.com


[receita] Un dóce típico: vixiga ou tripón.


Continuando coa actividade Pan&Queixo, irémosvos deixando por aquí distintas receitas e comentarios en torno á elaboración tradicional do pan e do queixo.
Hoxe toca a vixiga ou tripón.

A vixiga é un dóce típico que recibe ese nome porque tradicionalmente se usaba como continente para facelo cocido nunha pota esa parte do porco. Dende hai tempo faise no forno en latas ou en moldes de cociña.

INGREDIENTES

- Leite (un litro de leite por cada 6 ovos)
- Ovos (6 ovos por litro de leite)
- Pan de días (pan duro de días anteriores, pero tamén se pode usar pan do día; supoñemos que se facía aproveitando o pan que quedaba duro da fornada anterior)
- Azucre (unha cullerada sopeira colmada por cada ovo)
- Manteiga

PREPARACIÓN

Botamos o pan no leite para abrandalo. O pan podemos botalo xa esmigallado ou cortado en trociños ou ben esmigallalo dentro do leite. Depende do gusto de cada quen deixar que queden anaquiños de pan enteiros ou que o pan quede ben triturado.

Batimos ben os ovos e engadimos o azucre, volvendo batir ata que quede consistente a mixtura.

Unimos ambas mixturas (leite e pan con ovo e azucre) e remexemos. Opcional: engadir algún dadiño de manteiga e/ou uvas pasas.

Untamos con manteiga o molde onde vaiamos facer o dóce.

Botamos a mixtura no molde e metémolo no forno.

O dóce facíase no forno de leña, meténdoo cando o pan xa collera o primeiro quentor do forno, ao final da fornada. 
No forno eléctrico pódese poñer a 180º durante uns 40 minutos, aproximadamente. 
Compróbase que coceu introducindo un coitelo ou cando se dora por riba pero, para garantir a cocción cando o dóce é moi gordo, pódese cubrir a capa cun papel de cociña ou de aluminio para que non se torre.

O mellor é probar a facelo e aportarlle o toque persoal, segundo o gusto de cada quen.

Bo proveito!


Éxito da xornada do pan e do queixo: aprendizaxe e moita festa.

O domingo, 3 de marzo, unhas cuarenta persoas desfrutamos en Neiras dunha xornada para aprender a facer pan e queixo ao xeito tradicional.
 
As oficiantes, Carmen e Manola, amosáronnos a técnica do amasado, o proceso completo de cocer pan e empanada, cómo facer queixo só con leite e a técnica da rosca, e aínda aprendimos a facer leite mazado e manteiga, así coma outras lambetadas como torta de roxós, tripón e empanada de rosca. Tamén experimentamos coa bola de millo, que antes se facía na lareira ou na cociña, metida na boleira.
 Foi unha xornada moi participativa, con moitas ganas de aprender e moitas preguntas, que rematou cun xantar, no que tomamos os propios produtos feitos no día.
A maioría dos ingredientes (leite, fariña, ovos, cebola, coello, polo, chourizo...) foron produtos locais.
Proximamente disponibilizaremos no noso blog as receitas e explicacións dos pasos que se precisan para facer o queixo e o pan ao xeito tradicional.

Dende O Colado do Vento agradecemos a todas as persoas que viñestes a vosa participación: foi un pracer! Agradecementos especiais a Carmen, Manola
 e Ovidio.

Queixo e pan: Iª xornada dos saberes tradicionais.


Xornada para aprender a facer pan e queixo ao xeito tradicional.
Iª xornada en torno aos saberes tradicionais.

Faremos pan, empanada e dóces tradicionais, incluída a rosca. Aprenderemos a amasar e enfornar.

Mentras leveda o pan, aprenderemos a facer queixo artesán, así como manteiga, do leite mazado.

Mentras se cocen os manxares que temos no forno, iremos ver o muíño da Devesa.

Logo, xantaremos o que temos preparado. 

Os produtos que usaremos (leite, ovos, fariña...) son producidos en Sober.

Como participar?

* Anotarse antes do venres, 1 de marzo, no teléfono 636129233 ou no correo coladodovento@gmail.com

Cando?

* O domingo, 3 de marzo, pola mañá. Comezamos ás 10 horas. Xantamos sobre as 14:30 horas.

Onde?

No Ventorrillo, en Neiras. Casa nº 22.
[Para a xente que non saiba chegar, saímos ás 9:45 fronte ao Concello de Sober].


View Ventorrillo 22 in a larger map


Ruta pola ribeira Sil: de Lobios aos Chancís.


O Club Acivro facilítanos en Wikiloc unha ruta pola ribeira do Sil que van realizar en marzo, co itinerario deseñado por Alfonso e Óscar da nosa asociación.
A ruta ten 23 km.
Podedes acceder aquí ao perfil e á ruta en Wililoc.

Presentación do libro de Tradición Oral III na Biblioteca Pública Municipal de Sober.


Este mércores, 20 de febreiro de 2013, presentamos o libro Un pouquiño e Tradición Oral no Concello de Sober III na Biblioteca Pública Municipal do Concello de Sober, dentro do Club de Lectura "Pintor de Castinande".

Teremos música do Trícole que nos levará mostras das cantigas recollidas no libro.

Ás 19 horas na biblioteca.


Novo equipo directivo do Colado do Vento e plan de traballo para 2013.

Na Cova das Choias, en setembro de 2010.
Na asemblea xeral da nosa asociación cultural "O Colado do Vento", celebrada o sábado, 12 de xaneiro de 2013, en Cadeiras, escolleuse o novo equipo directivo, tras esgotarse o periodo de dous anos que estatutariamente lle correspondía á anterior Xunta Directiva.
O inmenso traballo destes dous últimos anos foi valorado moi positivamente, apostando por continuar co tipo de actividades que vimos realizando e incluír novas vertentes de traballo na asociación, entendendo aínda máis a Cultura coma "un todo". 

No plan de traballo que comezamos a debullar para 2013 nesta primeira xuntanza figuran actividades pendentes de anos anteriores, coma unha visita interpretativa á minería romana da zona de Quiroga ou unha excursión a Campolameiro para coñecer o conxunto de petróglifos. Tamén hai prevista a realización de rutas de sendeirismo, coma o tramo entre Vilachá de Salvadur e Vilardemouros (da ruta Augasmestas-Doade) e, por suposto, a continuidade das xornadas culturais á luz da lúa. E non esquecemos a colaboración e intercambio que temos pendente coas asociacións culturais ourensás Vía Auria e coa de Santa Mariña de Augas Santas, así como o mantemento da nosa estreita colaboración co Grupo O Trícole e as asociacións da zona.
No eido da divulgación, teremos varias presentacións da nosa última publicación, Un pouquiño de Tradición Oral no Concello de Sober III. 
Vº Encontro á Luz da Lúa, verán do 2011.
Entre as actividades que saen un pouco do eido no que viña traballando a asociación destaca o proxecto de horta comunitaria que sirva de obradoiro de "boas prácticas" agrícolas, no marco dun modelo agroecolóxico, compatible coa vida da Terra e das persoas e oportunidade para vivir ben na nosa comarca. En relación con isto, están tamén as xornadas de saberes tradicionais nas que queremos incluír tres obradoiros artesáns de elaboración de pan, de cervexa e conservas, para o cal podemos usar os froitos da nosa horta.
As xente da directiva coordinarán o traballo da asociación, na que toda a xente asociada está implicada, pois somos un colectivo no que cada quen aporta o que pode e sabe.

A Xunta Directiva do Colado do Vento para o período xaneiro 2013 - xaneiro 2014 está conformada polas seguintes persoas, de diversos eidos sociais e territoriais, pois a nosa asociación ten un eido comarcal de actuación, non cinguíndose só ás parroquias que conforman o Concello de Sober.

- Presidente - Alfonso Campos Pérez, Proendos (Sober) - alfonsoproendos@gmail.com
- Vicepresidentes - Rosana Prieto Florines, Castillón (Pantón) - Javier Vivirido Salgado, Anllo San Martiño (Sober).
- Secretario - José Mariño, Xuvencos (Saviñao)
- Vicesecretaria - Julia Fernández Garza (Monforte de Lemos)
- Tesoureiro - José María Lago, Anllo San Martiño (Sober)
- Viceteroureiro - Juan Luis Casas (Monforte de Lemos)
- Vocal, responsabilidade de "loxística" - Óscar Alonso Díaz, Santiorxo (Sober)
- Vocal, responsabilidade de "documentación" - Pedro Iglesias Saco, Rosende (Sober)
- Vocal, responsabilidade de "comunicación" - Paula Vázquez Verao, Neiras (Sober)

Visita aos castros, ano 2009.
Encontro á Luz da Lúa do ano 2009.
A asociación conta con case 60 persoas socias das terras de Sober, Pantón, O Saviñao, Chantada e mesmo de Vigo, da Rúa e da Coruña.

Contacto: coladodovento@gmail.com // 674473695 - 636129233

Bo Nadal e Asemblea Xeral e cea anual do Colado!


Coma todos os anos, toca asemblea xeral anual e paparotada de Nadal do Colado do Vento.

Esta tempada será o 12 de xaneiro de 2012.

Cea ás 21:30 horas no mesón de Cadeiras. Asemblea despois da cea. 

Temas: estado de contas do ano 2012 - renovación da xunta directiva - planificación de actividades do ano 2013.

Para acudir á cea, hai que anotarse no correo coladodovento@gmail.com antes do 10 de xaneiro pola tardiña.

BO NADAL ben grande para todas as persoas socias e amigas do Colado do Vento.

* A ilustración dos reis é de Noemí López, do libro Trece Noites, Trece Lúas, de Antonio Reigosa, que recomendamos.