SOBER ESPERA RECUPERAR O MENHIR DO MARCO DA PENA LONGA

O pouco coñecido monumento está gardado no museo provincial


* Artigo de Francisco Albo en La Voz de Galicia (11-marzo-2011).

O Museo Provincial de Lugo custodia desde hai uns oito anos un dos elementos máis singulares e menos coñecidos do patrimonio arqueolóxico de Sober. O monumento é denominado tradicionalmente Marco da Pedra Longa e foi catalogado polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo, que o localizou cando realizaba unhas prospeccións arqueolóxicas relacionadas coas obras de construción dun paso sobre a liña férrea de Monforte a Canaval. A peza estaba caída nunha canle de regadío e o arqueólogo decidiu depositala no museo lucense para evitar que sufrise danos máis graves ou que se extraviase. 
O Marco da Pedra Longa ten unha altura de 1,76 metros e presenta todas as características propias dos menhires ou pedrafitas da era megalítica. En opinión do arqueólogo, podería datarse probablemente na Idade do Bronce. Segundo as investigacións realizadas por Álvarez Merayo, o menhir foi encontrado a uns doce metros do seu emprazamento orixinal.
A asociación cultural soberina O Colado do Vento considera que o monumento debería regresar ao municipio e xa consultou esta posibilidade cos responsables do museo. Para que a restitución poida levarse a cabo é preciso obter a autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e elaborar un proxecto para reubicalo nun lugar que ofreza unhas condicións axeitadas de seguridade.
O colectivo ten previsto solicitar ao Concello de Sober que reclame a devolución do menhir e suxire instalalo nun patio interior do centro de acollida de visitantes que foi construido en tempos recentes na capital do municipio.

Un antigo sinal divisorio dos límites de catro parroquias

De acordo coa tradición local, a pedra serviu de marco divisorio entre as parroquias soberinas de Canaval, Refoxo e Neiras e a de Mañente, no municipio de Pantón, cuxos límites coinciden nesta zona. Os veciños din que tamén sinalou o límite entre as antigas posesións das casas señoriais dos Andrade e da Bastida, ou do pazo de Tor. En toda Galicia son numerosos os monumentos megalíticos que sinalaron límites de parroquias o propiedades.

Sen relación coas obras
O arqueólogo non conseguiu averiguar en que momento e en que circunstancias foi movido o menhir da súa posición orixinal, pero todo indica que as obras do ferrocarril non teñen ningunha relación con este feito.

* Máis información sobre a pedra aquí.

Sem comentários: