O BURACO DA MOURA

"Contan que foi verdade, que na parroquia de Bolmente, no lugar de Ferrón, vivía un rapaz que tiña un rabaño de cabras, e todos os días as ceibaba ó monte, que lle quedaba moi preto. Alí, todos os días visitaba a unha moura moi guapa.
Pasado un tempo, namoráronse, pero ela vivía no monte e non tiña nada, e el só tiña un rabaño de cabras e non podían casar.
A moura propúxolle que se lle facía caso a ela serían moi ricos. Ó día seguinte cando el ceibara as cabras, coma sempre, ela iría ó seu encontro en forma de cobra e, canto maior fose o ruido que fixera, maior sería a fortuna que levaba, pero coa condición de que se tiña medo e fuxía nunca máis a ía volver ver. Cando ela se presentou por diante del, abríuse un boquete no chan e do buraco saliu a cobra, que traía un ruido espantoso. O rapaz, ó ver a cobra, botou a correr e nunca máis volveu ver á moura e, aínda hoxe, alí, lle chaman O Buraco da Moura."

- Recollida de:
Do traballo escolar para o Instituto Daviña Rei de Monforte de Iñaki Rodríguez e Javier Vázquez recollido á nai do primeiro, Carmen de San Paio (San Martiño de Anllo), que vive na Pousa.

Sem comentários: