* Esta ruta realizouse por primeira vez o Domingo, 11 de Xuño de 2006, como actividade das Festas de San Antón da parroquia de Bolmente, organizada pola Asociación de Veciños O Pinal de Bolmente. Na súa páxina web (www.bolmente.com) atópase un mapa da ruta máis completo, publicado en La Voz de Galicia. Pode descargar aquí un tríptico co mapa, texto e máis fotos.
Achegarémonos ós camiños do río, case perdidos, por onde andaban os homes cos seus trafegos, subindo ata os colados por carreiros pinos a desenvolverse coma serpes polas abas; por camiños, onde ata onte, se habemos de pensar no tempo fuxidío, as nosas xentes humanizaron a ribeira para aproveitar os seus recursos: pasto para cabras e ovellas, outono, leña, mel, froitas, pamplina, prantas medicinais, peixes, caza, pedra granítica para a construcción e para as moas dos muiños, etc; sen esquecernos do viño saboroso, criado nestes socalcos abertos ó sol e ó precipicio. Achegarémonos a través dos colados, como fitos do camiño, ás regas, ós regos, ás fontes, ós pousos, ás penas, ás laxas, ás covas, á natureza aloumiñada polo Sil, domeñada polo encoro, agardando nas lamas fondas volver facerse río, para correr de novo nesa fractura do mundo penedío, lección xeolóxica de millóns de anos.Caldelas sempre á espreixa, irmá da paisaxe ribeirá dende onde parecen oírse, aínda, os aturuxos doutrora.

Achegarémonos á desmesura axeitando formas caprichosas, eidos imposibles, ós que o home soubo darlle medida sen estragalos; ó sacro das igrexas, santuarios, mosteiros, ollados dende estes altiños cuturuleiros.
Achegarémonos ás mámoas, ós castros, que xunto cas formacións xeolóxicas singulares son un pulo para a imaxinación, forxadora de vellas historias da Cova da Moura, a Pena de Don Pedro, O Ciriguilloto do Demo, A Casiña dos Ladróns, e outras non menos extraordinarias vividas polos homes, que fixeron destes camiños, hoxe solitarios, espazos de vida cotiá.
Achegarémonos ós pobos, verdadeira lección etnográfica ó alcance, que debera ser posible seguir habitando, preservando, mellorando, para conxurar ós perigos da desmemoria e o abandono.
E achegarémonos a estes camiños do río chamando ás cousas polos seus nomes; O Pouso do Castelo, O Colado do Vento, O Colado do Boqueiriño, A Cividade, A Rega das Pesqueiras, A Laxa Negra, O Cotarro do Castro, A Loupiñeira, O Forniño, A Nogueira da Laxa, O Carriziño… E pronunciarémolos case coma unha ladaíña, ou mellor, para facelos outra vez nosos, coma un berro liberador ecoando pola ribeira.
* Percorrido: 10 km. aprox.
* Dificultade: Media.
Texto e foto: Alfonso Campos.
Mapa: Paula Vázquez Verao.
Sem comentários:
Enviar um comentário