VISITA Á ULLOA




SÁBADO, 17 - ABRIL - 2010

* saída en bus ás 9:15 de Sober (praza do Concello) e 9:30 de Monforte (Compañía)
* visitas a VILAR DE DONAS - PAMBRE - MUÍÑOS DO CORGO - IGREXA DE NOVELÚA - PETROGLIFOS DO FARELO
* xantar - cada un leva a súa comida; xantaremos na área da Peneda -
* a viaxe en bus custa 10 € - gratuita para soci@s de O Colado do Vento -
* é preciso anotarse antes do 12 de Abril -
* contacto -
paulaverao@hotmail.com //
 659323833 (Javier) 

organizan

www.aulloaenfotos.blogspot.com

o amandi en Germán Vázquez

Con motivo da celebración da XXX Feira do Viño de Amandi, a nosa Asociación quere facer unha pequena homenaxe ós colleiteros e adegueiros con esta somera recopilación de textos do libro Historia de Monforte y su tierra de Lemos (páx. 539, 812), escrito polo famoso historiador monfortino Germán Vázquez. Nel pode lerse que xa no ano 1579 os tintos de Amandi e da terra de Lemos eran xunto cos de Ourense e Ribadavia os mellor pagados e valorados de Galicia; que estaba prohibido por lei vender viño novo antes do 11 de novembro, ou a prohibición de mesturar este co vello. Destacar tamén que nunha súplica de 1795 están descritas as sorprendentes e repulsivas mesturas que engadían os adegueiros para conservar o viño. Curioso é tamén que estaba prohibido vendimar antes do 4 de outubro (San Francisco), para así crear eses viños exquisitos, fortes, e maduros, facilitando unha mellor conservación e mellor prezo.


“TASA DE BASTIMENTOS
… los precios de los articulos de primera necesidad, indúcenos a recoger aquí los vigentes en Santiago en el año 1579…
Vino: … Y el vino tinto de Orense y Rivadavia a 16 maravedises el azumbre: el vino blanco de las Mariñas a 12 y el tinto a 14. El tinto de Salnés y Rivadulla a 8 maravedises y el de la tierra de Lemos y Amandi a 14.”

Nuestra comarca seguía la centenaria producción de sus famosos mostos de Amandi, Esperón, Vilachá y Espasantes, de Balboa y Montepando. Eran muy estimados, como al presente, de modo especial los de Amandi, así como sus aguardientes.
Al comenzar las labores de la vendimia, prohibiase la venta de vino nuevo antes del 11 de noviembre (San Martín) y su mezcla con el viejo. La desobediencia suponía la pérdida del producto, el pago de una fuerte multa y unos días de cárcel.
A 9 de septiembre de 1795 se dictaba un real acuerdo relacionado con las vendimias, pues venía observándose que “los dueños de viñas vendimian antes de que esté maduro el fruto, prefiriendo sus mal entendidos intereses a la salud pública…”. Se disponía el reconocimiento previo, por peritos nombrados por la Justicia, del estado de madurez de la uva, para evitar la obtención de vinos agrios y picantes, desapacibles al paladar “y que no pueden durar ni aun medio año sin sostenerlos con composiciones nocivas, como son sangre de buey o carnero, raices de helechos, gatos o perros, azufres y otras artes de que usan ocultamente”.
En la misma disposición se encomia la conducta de los que dejando madurar el fruto “hacen unos vinos esquisitos, espirituosos y de buena boca, los conservan mucho tiempo y los venden a mayor precio…”. Se prohibia, bajo multa, que por ningún motivo se permitiera en Galicia la iniciación de faenas de la vendimia “hasta después de San Francisco (4 octubre)”.



Un autor anónimo, que escribia después de 1718, dice en relación con nuestra producción agropecuaria: “Abunda de vino, que es el mayor del valle, y su regular cosecha excede de ducientos cañados, y en parajes como en Amandi y otros es de tan noble calidad que se extrahe considerable porción para Inglaterra; y de este valle se surte Sarria, Lugo, Mondoñedo y otras montañas…”

agricultura e calendario lunar


Javier Vivirido Salgado


Na agricultura dos nosos antergos a observación do Sol e a Lúa eran prácticas habituais. Xunto á experiencia son a orixe da tradición popular do uso do Calendario Luar na prantación, recolleita e control dos cultivos transmitida por xeracións de labregos que, nesta presunta modernización agroindustrial imposta por Europa, se está a perder.


Está demostrado pola “Lei de Gravitación Universal” que a Lúa exerce atracción sobre a Terra, e ésta sobre aquela. Comprobouse tamén que cando hai Lúa Chea a atracción entre as dúas é maior, provocando máis inestabilidade e axitación dos líquidos, como se pode observar nos movementos das mareas dos océanos.
O home deducíu empiricamente ó longo de séculos que nas fases Chea e Crecente os líquidos son atraídos por ela, provocando a súa subida. Cinguíndonos ó tema agrícola, supoñemos que a savia das prantas (que nun 98% é auga) tenderá tamén a subir ás puntas ou xemas do ápice, incrementando o crecemento e vigor das mesmas.
Na Chea e na Crecente a Lúa reflicte a luz do Sol sobre a Terra, chegando esta incluso a penetrar no terreo máis fácilmente que a solar, estimulando e potenciando a xerminación das sementes e o desenvolvemento das raíces.
Hai descridos que renegan da sabiduría popular, pero estatisticamente está demostrado que nas noites de Plenilunio se producen máis partos e máis hemorraxias intestinais e internas, seguramente debido ó aumento da presión pola atracción exercida polo noso satélite.
Tratando de recuperar este antigo aprendizaxe volve a estar en auxe a Agricultura Biodinámica, na que se recuperan estes calendarios luares que serviron e servirán de orientación nas diversas labouras do campo.
Agnósticos hainos pero, por se acaso, todos podan en Crecente ou Chea… ¡Non vaia ser que teñan razón os labregos de antes!

PRÁCTICAS AGRÍCOLAS SEGUNDO
O CALENDARIO LUNAR


LÚA NOVA

É a fase máis negativa para o campo.

Só se recomenda quitar as malas herbas e retirar as follas secas ou partes mortas da pranta.

Se se sementa o millo na nova bota a cabucha perto do chan.

Se se sega a herba na Nova a herba funga.

Se se trasfega o viño sáelle a flor ó viño (Candida micoderma, Pichia sp).

Se cortas a leña na nova, as ramas da árbore agromarán hacia abaixo, e serán máis crebadizas.

No viñedo romperán as varas pola base (excoriose).


LÚA CRECENTE E CHEA

En cambio, estas dúas fases son as máis favorables para os traballos do campo. A dinámica dos líquidos é máxima no 4º dia da fase chea.

Son as adecuadas para podar, xa que a pranta cicatriza mellor, recupérase antes e agromará con máis vigor.

No viñedo, botará máis rama, a cepa terá máis forza, e dará maior producción.

Tamen é unha fase adecuada para enxertar, regar, rozar fentos e toxos, abonar e cortar a leña.


LÚA MINGUANTE

Nesta fase empeza a diminuír a dinámica dos fluidos, a savia empeza a descender, sendo o punto máis debil o 5º dia.

É a fase adecuada para facer podas que teñan como finalidade reducir o vigor, forza ou crecemento das vides. Débese podar en viñedos de terreos moi fértiles e fondos.

Débese transplantar e arrancar cebolas, zanahorias, porros…

Tamén é adecuada para quitarlle os grilos ás patacas.

Trasfegar o viño. Indispensable facelo en dia claro.

Non é mala lúa para plantar cebolas, leitugas, facer semilleiros.

Se se queren facer vigas de madeira para a construcción débese cortar a árbore nesta fase, xa que non se apolilla a madeira.

a sobreira do couso



Alfonso Campos Pérez


Hai moitos exemplares de sobreiras en Sober; algunhas delas de porte maxestuoso enseñoreándose nas ribeiras do Sil e do Cabe. Medran pola Barca de Santo Estevo, en Bolmente, ou, por irmos ao outro cabo, na Lampaza, por riba do Inchadoiro dos Mouros. Xunto coas enciñeiras e os érbedos, é unha árbore gostosa de cavorcos e pendentes. Neste país do viño, entre outros usos, arrincábase a súa pel para taparlle as cubas, cubetes, pipotes, garrafóns e botellas; tamén a algunha cabaza desas que se cocian co viño. Na cortiza facían a casiña as abellas, para enchela, previsoras elas, de mel, que logo pagan como tributo aos humanos, e, aínda, noutros tempos, ao oso, cando os potentes muros das albarizas non o resgardaban. A espilas viñeron os comerciantes de corcho, na súa maioría portugueses. A súa presenza magnífica traspasou idades gardando nos seus ocos centenarios secretos de tempos difíciles, cando os perdedores de todas as guerras andaban agochados: porque elas miran de lonxe e dende lonxe. É nese tépedo país de ríos fendendo o mundo, onde achan a súa patria natural. Por iso nos preocupamos cando a Sobreira do Couso en San Martiño de Arroxo, xusto onde a pendente cara a depresión de Lemos se fai máis pronunciada, corría perigo de desaparecer por mor dunha obra de extracción de terra que está vaciando o chan do que se nutre. No verao vímola sufrir, e con ela ao Diego de San Martiño, que a tén por amiga e veciña; as follas viráronlle de cor amarela e esmoreceron, como se as poderosas raiceiras que as alimentan quedaran danadas polas excavadoras. Máis iste inverno chuvioso volveulle dar o aspecto de moza rexoubeira que antes lle viamos.
Agardamos que iste fermoso exemplar, raro para o lugar onde se atopa, resista na súa, agora, illa de terra, axexando dende esa atalaia xemelga do Castro de Arroxo. A súa resistencia é a nosa.

Fotos dos petroglifos de Sober (Xulio Gil)

O amigo Xulio Gil agasallounos cunhas fotos dalgúns dos petroglifos de Sober, feitas cunha técnica que permite percibir todos os detalles da pedra. Agradecementos dende aquí.

O XESTAL (I)




O XESTAL (II)


TAPADA DO MONTE

Ruta: A PROENCIA DAS LENDAS.

O roteiro comeza en Proendos, a 2 km de Sober pola estrada que une a capitalidade municipal con Doade.Proendos é un museo ó aire libre. Aconsellamos, antes de iniciar a andaina, percorrer este fermoso pobo. Atoparémonos nas estruturas das casas con moitos elementos reutilizados do antigo asentamento romano diseminados nun amplo espazo. Atopáronse os paisanos con pedras labradas, algunhas con molduras ou debuxos (trisqueles, rosetas, aras, motivos curvilíneos e xeométricos), con basas, fustes, muíños de man circulares, ademais de tégula, fusaiolas, ladrillo, lousa, anacos cerámicos, escorras metalúrxicas, utensilios metálicos, canalizacións, etc.
Resulta lóxico que os abundantísimos vestixios castrexo-romanos sementaran na imaxinación popular as lendas sobre a fabulosa Proencia.Gozaremos, tamén, da arquitectura nobiliaria da casa dos Ojeas, do s. XVII, dos Vertunías, ou a próxima de Vilastrille, fundada no 1692 por Feijóo Soutomaior.Os primeiros petroglifos a visitar atópanse á nosa dereita na chamada finca do Xestal, nunha casa particular co nº 103.Seguimos a andaina entre os valos do igrexario onde, á nosa esquerda, no muro, hai unha inscultura de orixe castrexo-romana.
Na finca do Pombal está outro petroglifo, ó pé do pombal.Estamos agora diante da igrexa románica (s. XII) de Santa María, na que a rusticidade e sinxeleza do presbiterio, engalanado con pinturas murais do s. XVI, lembra á arte prerrománica.
Xiramos polo camiño da dereita ata o Campo das Olas, volvendo xirar á dereita para seguir ata Froxán. Á esquerda, nos lameiros, están os petroglifos de Os Lagos, con coviñas.
Xa no pobo de Froxán, a 0,9 km, atopamos outra inscultura rupestre asentada na parede dunha casa.
Camiño de Mer, na entrada do pobo, á esquerda, xunto a unha fonte, collemos o camiño tradicional xunto ó cruce do camiño a Gundivós, collendo logo á esquerda pola Calzada de Pedride; á esquerda, a Phi de Pedride.
Ó final do camiño, o punto de orixe: a mítica Proencia.

* Fotos: Alfonso Campos.
* Mapa: Javier Vivirido. Clique sobre a imaxe para agrandala ou solicite o mapa ou tríptico en javivivirido@terra.es
- También disponible en castellano. Solicite el mapa o tríptico en javivivirido@terra.es.
- Also available in english (thanks to Hyllary Parks). Request the map and the text on paulaverao@hotmail.com

Ruta: CAMIÑANDO POLA RIBEIRA DE AMANDI.

* Mapa: Javier Vivirido. Clique sobre el ou solicíteo no correo javivivirido@terra.es para ter unha resolución maior da imaxe.
* Descargue aquí o texto da ruta.

A ruta foi deseñada por Alfonso Campos e Javier Vivirido, da Asociación Cultural O Colado do Vento, ca colaboración da Asociación Veciñal de Doade, especialmente de Antonio R. Álvarez.

COMUNICADO DA XUNTA DIRECTIVA



As afirmacións da concelleira de Turismo de Sober sobre a Asociación O Colado do Vento son infames e ridículas, e descalifícanse por si mesmas (aquí).
A Asociación foi quen, con moito traballo e co esforzo de máis de dous anos, sen ningunha axuda institucional (a única axuda das administracións foi para a edición en papel das rutas) percorreu o territorio, deseñou o trazado das rutas de sendeirismo, desbrozou camiños, consultou ca xente da zona, sacou fotografías e elaborou mapas.
As rutas O COXO DE BULSO, PROENCIA DAS LENDAS, O PAÍS DOS IBIOS e O PRODIXIOSO SALTO DO CABALO DE SANTIAGO son totalmente orixinais.
Ademais, da ruta VIÑEDOS DA RIBEIRA SACRA, que, efectivamente, está homologada, tan ben pensada pola Asociación Irmandade da Ribeira Sacra e polas casas de turismo rural, foi aportar un mapa, textos, engadirlle á ruta o punto de petroglifos de Anllo e darlle como idea central o pintor de Castinande. A ruta CAMIÑANDO POLA RIBEIRA DE AMANDI foi feita ca colaboración da Asociación de Veciños de Doade e, en especial, de Antonio R. Álvarez. Esta ruta, á que engadimos a sinalización no mapa de castros e petroglifos, aproveita, claro, camiños de viticultores que son xa usados tamén en visitas turísticas, mais non entendemos que problema hai con esto. A ruta dos colados foi unha idea xurdida no 2006 de dúas persoas de O Colado do Vento e da Asociación de Veciños de Bolmente, que nunca reclamaron a ninguén, como é lóxico, a propiedade intelectual do deseño da ruta, feita co obxectivo de recuperar os camiños tradicionais do río e os nomes propios da ribeira, para o cal preguntamos á xente maior de Bolmente.
Tamén fixemos un tríptico sobre os PETROGLIFOS DE SOBER, entendendo que un patrimonio tan importante merecía un folleto explicativo actualizado e un mapa.
Efectivamente, a ruta dos muíños DO XABREGA foi creada por un Obradoiro de Emprego do Concello de Sober. O que fixo a Asociación foi facer un mapa e un texto explicando o patrimonio da zona, en galego, castelán e inglés.

A nosa Asociación prestouse a colaborar co Concello de Sober, ofrecéndolle entregarlle á institución local gran cantidade de trípticos, proposta de colaboración moi ben acollida polo alcalde José Gómez, a quen agradecemos o seu interese xa que, queremos lembrar, o Concello non dispón de folletos con mapas detallados para orientarse polo patrimonio de Sober e só oferta tres rutas de sendeirismo (Muíños do Xabrega – Ruta Sur do Camiño de Santiago – Viñedos da Ribeira Sacra) e unha polos miradoiros en coche. Ademais, todos sabemos que son moitas as persoas que se achegan a Sober preguntando polos Petroglifos e non se lles poden ensinar, ben porque non hai mapas correctos, ben porque a oficina de turismo esté pechada, ben porque nas rutas que oferta o Concello de Sober non aparece este patrimonio.
O que engaden as rutas do Colado do Vento son mapas ben confeccionados, cos cales unha persoa pode orientarse sen guía; engaden a traducción a castelán e inglés de varias rutas; engaden a sinalización e explicación dos fitos patrimoniais máis importantes, ignorados polas administracións; engaden rutas en torno a unha idea, a un leit motiv que trata de introducir ao camiñante no entorno, non só físico, senon tamén ideolóxico-cultural. Entendemos que estas ideas deben ser compartidas ca sociedade e así o fixemos desinteresadamente; entendemos que esto beneficia a todos os implicados no sector turístico, como nos instou a facer Mari Carmen Agrelo; entendemos, tamén, que tantos anos de estratexia turística e de xente cobrando das administracións co fin de desenvolver turísticamente este territorio, deberon ter tido un reflexo moito maior.

Así, a Asociación Cultural O Colado do Vento puxo o seu esforzo non remunerado para contribuir ao desenvolvemento turístico do noso pobo. Por iso, agardamos unha rectificación pública da Concelleira de Turismo de Sober, por respecto á xente da Asociación, que adica o seu tempo desinteresadamente a divulgar o patrimonio da zona, e por responsabilidade, xa que é fundamental a colaboración entre todos os axentes implicados no Turismo.

XUNTA DIRECTIVA – O COLADO DO VENTO