* Crónica de Paula Vázquez Verao.
O venres, 27 de febreiro, no Centro do Viño da Ribeira Sacra, edificio do antigo Concello de Monforte, Xurxo Ayán, “neto de indíxenas” pronunciou a exposición titulada “Ribeira Sacra: unha paisaxe heroica, un patrimonio da(s) comunidade(s)”. A solemnidade do formato non foi obstáculo para abrir un debate irreverente, polémico e que buscou ir ás raiceiras da situación de decadencia socioeconómica das terras lemavas.
Cun auditorio desbordado pola
asistencia quedou claro o interese social da temática: a poboación
das comarcas da denominada Ribeira Sacra quere ser parte da decisión
sobre a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade, o que significa
que quere decidir que tipo de sociedade quere ser.
Dende O Colado do Vento,
precisamente, impulsouse este debate público por considerar que é
necesario dotarse de espazos de intercambio real de ideas por parte
da cidadanía, pois, de non existir dinámica social de debate e
participación sobre o modelo de sociedade que queremos, o modelo
será imposto, irremediablemente.
A asociación convidou a Ayán por
coincidir no desacordo co modelo de xestión do Patrimonio, afastado
da implicación das comunidades locais, na crítica do relato
hexemónico – institucional e turístico – sobre este territorio
e na vontade de exercer de cidadanía consciente.
O caso da candidatura da Ribeira Sacra
a Patrimonio da Humanidade é un exemplo de proxecto impulsado dende
as institucións (as Deputacións de Ourense e Lugo) que non contou
coa poboación máis que para rular un autobús recollendo sinaturas
polas vilas, descoñecendo a xente deste territorio tanto o documento
técnico da candidatura que está a elaborar a USC coma as
implicacións da declaración Patrimonio da Humanidade.
Analizou Ayán que existe neste
territorio de Lemos “unha estratexia de resistencia indíxena”,
que se expresa no mantemento de costumes e do hábitat disperso que
se resiste a amoldarse ás uniformidades dos estados contemporáneos.
Coa Ribeira Sacra pode suceder – ou sucede xa - o que Xurxo Ayán
comentou sobre Ancares: unha construción artificial coa que as
diversas comunidades de tan extenso e diverso territorio non se
identifican.
E é que as paisaxes, como construción
ideolóxica e política, non son obxectivas, constrúense cun
determinado relato. Así, a da Ribeira Sacra adórnase dun misticismo
decimonónico, “plagada de Panoramix e meigas”. Trátase dun
relato inzado de invencións e incorreccións que se introduce nas
páxinas e publicacións institucionais, sen ter en conta os avances
na investigación histórica. Por exemplo, non tiveron incidencia no
relato hexemónico da “Ribeira Sacra” os temas e conclusións do
congreso Home (sic: nótese a ausencia reiterada da muller no
relato histórico), auga e paisaxe na Ribeira Sacra (resumo
aquí),
organizado polas propias administracións que logo editan os folletos
informativos.
Un territorio con abondo historia como
para non termos que inventar, moito menos financiar esas invencións
e despropósitos históricos con cartos públicos. Exemplos como o
“castro celta dos Brigantes” sinalizado en Santo Estevo e que
resulta ser unhas ruínas dun forno é o paradigma do despilfarro e a
ignorancia. No entanto, non houbo financiación para continuar a
excavar os interesantes castros de San Vicente (Monforte), dos
Penedos do Castro (Luíntra) ou da Xabrega (Sober), permitiuse unha
“rehabilitación” (entre aspas) desastrosa do mosteiro de San
Vicente e do pazo condal (Monforte), cae a cachos San Paio da Abeleda
(Castro Caldelas) ou o edificio anexo a San Paio de Diomondi (O
Saviñao) leva esborrallado anos.
Sinaléctica do falso castro de Santo Estevo. Foto: Xurxo Ayán. |
San Paio da Abeleda sen tellado. |
O relato histórico é unha construción
política e, neste caso, o que domina actualmente na RS responde a un
modelo de desenvolvemento turístico que non ten en conta ás persoas
que habitan e traballan o espazo. Priorízase a romanidade case como
mito fundacional, coa teima do viño de Amandi en Roma, unha historia
que parte dunha confusión histórica, mentras non se introduce
globalmente no relato a explotación industrial romana do Courel e
Quiroga (por certo, como sinalou Xurxo Ayán, a mina de Os Medos, cun
sistema de produción aurífera único en Europa, foi destruída por
un campo de fútbol e... por unha fábrica de biquinis que nunca
funcionou). E, ao tempo que este patrimonio romano se destrúe
(numerosas villae e castros) fináncianse reconstruccións de
calzadas romanas con fondos europeos.
E non só: véndese a estética románica sen preocuparse pola conservación das igrexas e ocultando que a maioría dos templos son recreacións posteriores ou/e pastiches de moitas épocas; fálase de bruxas e de Xúpiter fendendo o canón do Sil mentras se deixan perder as lendas e relatos das comunidades que traballaron as ribeiras e que poden nomear cada recuncho das súas abas, cotarros e colados; preséntase a paisaxe como “virxe” e “sublime” sen resaltar que estamos ante unha paisaxe eminentemente “antropizada”, coma toda a galega, e ocultando o relato da “colonización franquista”, presente nos encoros – construídos con man de obra exclavizada, presos políticos – ou nas obras de regadío da comarca de Lemos, “inspiradas nun modelo da Italia mussoliniana”. Modelo este, por certo, que resultou un fracaso, como se comproba nos índices de emigración das comarcas da Ribeira Sacra ao longo do século XX. Así, esquécese este patrimonio industrial (o poboado da Chaira, todo o relacionado co ferrocarril...) - con excepcións coma a Fábrica de Luz de Parada de Sil -, apoiándose no cal “se pode explicar a historia galega do século XX”. De todo isto nos falou Xurxo Ayán.
E non só: véndese a estética románica sen preocuparse pola conservación das igrexas e ocultando que a maioría dos templos son recreacións posteriores ou/e pastiches de moitas épocas; fálase de bruxas e de Xúpiter fendendo o canón do Sil mentras se deixan perder as lendas e relatos das comunidades que traballaron as ribeiras e que poden nomear cada recuncho das súas abas, cotarros e colados; preséntase a paisaxe como “virxe” e “sublime” sen resaltar que estamos ante unha paisaxe eminentemente “antropizada”, coma toda a galega, e ocultando o relato da “colonización franquista”, presente nos encoros – construídos con man de obra exclavizada, presos políticos – ou nas obras de regadío da comarca de Lemos, “inspiradas nun modelo da Italia mussoliniana”. Modelo este, por certo, que resultou un fracaso, como se comproba nos índices de emigración das comarcas da Ribeira Sacra ao longo do século XX. Así, esquécese este patrimonio industrial (o poboado da Chaira, todo o relacionado co ferrocarril...) - con excepcións coma a Fábrica de Luz de Parada de Sil -, apoiándose no cal “se pode explicar a historia galega do século XX”. De todo isto nos falou Xurxo Ayán.
Atán, igrexa "pastiche" de distintas épocas. |
Inauguración dunha calzada a modo romano na Adega Regina Viarum. Foto: A Cantina. |
O catamarán pasando por Chanteiro. |
De cara á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, Ayán amosouse crítico polo feito de que as mesmas institucións e políticos que están promovendo a candidatura sexan as mesmas que destruíron patrimonio e permitiron o desbaldimento de cartos públicos. Ademais, cre que a UNESCO non vai aceptar a candidatura na medida en que persiste o descoido do patrimonio, a deliberada ocultación da lingua propia das comunidades da zona - o galego -, a falta de recoñecemento da parroquia, unidade social básica, o proxecto de autovía A-76, e o desinterese porque a poboación da zona se implique no deseño das estratexias territoriais e culturais.
Neste sentido, Xurxo Ayán identifica a
construción do concepto Ribeira Sacra (denominación xurdida coa
propia DO vitícola) “nun contexto político no que se deseñaron
estratexias destinadas a captar fondos europeos”, os fondos
estruturais da UE usados en proxectos fallidos e política errática
en moitos casos.
Imaxes promocionais da Ribeira Sacra. Consorcio de Turismo. |
En contraposición, Ayán propón un
“patrimonio das comunidades”, unha sociedade que participe nas
decisións, o apoio á investigación en I+D+i ou o control do
patrimonio baixo xestión pública e participación cívica.
En resumo: é necesario que o
patrimonio se poña ao servizo das nosas comunidades, das persoas
“indíxenas”, e que o relato sobre o que somos inclúa ás xentes
que habitaron e habitamos este territorio. Citando a Ayán, é
preciso que “as xentes do lugar non queden fóra do discurso nin da
toma de decisións” e que se comprenda que a sociedade da zona
hoxe, século XXI, é “multiétnica” e complexa.
Fronte a esta realidade rocambolesca,
penso que dende O Colado do Vento debemos continuar co debate
porque o que sucedeu en Monforte o pasado venres 27, que poucas veces
tiña acontecido, unha confrontación pública crítica sobre o tipo
de sociedade que queremos ser, é unha das claves de que as xentes
das terras lemavas poidamos continuar a vivir nestas con dignidade.
* Crónica de Paula Vázquez Verao. As
opinións verquidas neste artigo non teñen porque coincidir coas do
Colado do Vento. As fotos, se non se indica a fonte, son da autora.
Para saber máis pódese consultar o
artigo de Xurxo Ayán na publicación El pasado en su lugar,
que se pode consultar aquí.
Sinaléctica popular en Pantón. |
2 comentários:
Canta razón amosada desta "crónica subxectiva".
Cando Ayán cita a Os Medos, seguramente descoñece que, no mesmo concello, na parroquia de Abrence, na aba da Serra da Salgueiriña, atópase o castro "A Cerca" que foi esquilmado nos anos setenta para subministro de pedra para canteiras. Sen o mínimo recato.
que mágoa... Coma moitos xacementos da zona, esquilmados para pedra para as estradas ou así
Enviar um comentário