No ano 2005, a Asociación Amigos do Patrimonio de Lemos editou un folletiño para ilustrar a súa visita ás parroquias monfortinas de Baamorto e Valverde.
Aproveitando que o domingo (6 de abril de 2014) imos a Fiolleda e faremos unha parada na igrexa de Baamorto, deixámosvos unhas notas sobre ela, sacadas da publicación citada.
A igrexa parroquial de Santa María de Baamorto (Monforte de Lemos) conserva algún resto románico - canzorros, contrafortes, saeteiras, porta sur con mochetas e arco interior - mais a fasquía actual débese á importante transformación que sufriu a finais do século XVI: cunha nova fachada principal (oeste) e un atrio cuberto columnado que abrangue a fachada principal e o lado sur.
No século XVIII engádese a sancristía, na cabeceira, e unha dependencia no lado sur.
A planta orixinal románica é de unha soa nave rectangular.
O lugar de Palleres, desta parroquia, podería ter dado lugar ao condado pallarense de época sueva. A parroquia foi da xurisdicción da orde de San Xoán de Xerusalén (encomenda do Incio).
PINTURA MURAL
Na parede sur da igrexa, protexidas polo pórtico engadido a finais do século XVI, conservouse un conxunto de pintura mural único.
O ciclo de pinturas de Baamorto versa en torno aos derradeiros momentos da vida de Cristo. Organízase en dúas bandas que se len cronoloxicamente comezando dende a parte superior esquerda e rematando na inferior dereita.
Nos paneis, algún moi perdido, recoñécense os seguintes temas:
- a Derradeira Cea
- prendemento no horto das oliveiras
- Pedro cortándolle a orella ao criado do Sumo Sacerdote
- Cristo na casa de Anás
- Cristo conducido ante Pilatos
- a Flaxelación
- a Coroación de espiñas
Xa que logo, atopámonos ante un ciclo da paixón segundo o evanxeo de San Xoán, que quizais se completase no interior cun ciclo do nacemento de Xesús (por exemplo, coma o de Proendos).
"A presenza de arquitecturas, detalles coma a decoración da cátedra de Anás, as perspectivas dos soldados, as vestimentas, así como a decoración de tipo vexetal e fitas que enmarcan as esceas, etc, datan este ciclo na segunda metade do s. XVI. Para (José Manuel) García Iglesias o autor deste importante conxunto sería o chamado mestre de Nogueira".
VINCULACIÓN Á ORDE DE SAN XOÁN DE XERUSALÉN
A casa rectoral de Baamorto conserva tres escudos coa Cruz de Malta, propia da orde de Xerusalén.
Nas comarcas de Lemos e Quiroga, a orde de Malta ou de San Xoán de Xerusalén tivo importante presenza.
BIBLIOGRAFÍA
- "Pinturas murais de Baamorto e igrexa de Valverde" (2005). Texto: César Carnero. Amigos do Patrimonio de Lemos.