Tivo que ser así - Características do ouro e a súa explotación: o ouro non é culpábel, somos os humanos.


Juan Luis Casas
Non sei cal foi a causa, se é que houbo unha soa, nin os razoamentos a que deu lugar, pero o certo é que hoxe en día, cando se escoita a palabra química soe ser con ton de desprezo ou reparo, para rebaixar unha valoración sobre algo que a priori causara unha positiva impresión. Esta mala prensa da palabra resulta sorprendente pois as reaccións químicas son o sustento da nosa existencia e do que nos rodea, máis aínda, e coido que non esaxero, explican o noso comportamento e o dos nosos devanceiros, a nosa historia, as nosas relacións e cultura dun xeito que tamén nos volve a sorprender cando reflexionamos sobre a cuestión.
Un bo exemplo podemos atopalo na historia da metalurxia do ouro, un elemento químico relativamente escaso, o 75 en orde de abundancia na cortiza terrestre dentro duns 90 que podemos atopar na natureza. Ímonos fixar na súa estrutura electrónica, un término tan químico como que é, o seu estudo, a forma como se distribúen e interaccionan os electróns, o obxecto dunha das ciencias fundamentais, por moito que se queira tallar en multitude de disciplinas, ó que se dedican os químicos.
Cada clase de átomo, cada elemento químico, ten a súa estrutura electrónica peculiar que lle confire o seu característico comportamento químico e tamén moitas propiedades físicas. De todas elas, ímonos fixar nunhas poucas determinadas polos 79 electróns dos átomos de ouro (Au).
A primeira, por máis evidente, é a súa reactividade, mellor dito a súa baixa reactividade, a súa nobreza, a pouca agresividade, que contrasta coa que historicamente exhibiron os homes por posuílo.
Por culpa desa nobreza, como non reacciona con case que nada, por iso recorreuse a il para usalo en próteses nun medio tan agresivo como o noso corpo comezando por unha parte tan “delicada” como a boca, na natureza aparece moi excepcionalmente formando compostos químicos co teluro. Principalmente, que non frecuentemente, se atopa de xeito máis ou menos puro, ofrecéndose directamente sen necesidade de deseñar elaborados procesos metalúrxicos para o seu beneficio.
Inicialmente en vetas, poderíamos dicir que finamente entreverao, incluídas en rochas con minerais de cuarzo ou piritas, como en A Toca, O Torubio, O Covallón, etc. Estamos a falar de xacementos primarios.
A meteorización e a erosión da rocha orixinal, que a fraccionan en partículas máis pequenas supón que ese ouro pode ser “liberado” cara as zonas de sedimentación e aquí entra a xogar un segundo factor determinado pola estrutura electrónica, a densidade. Estamos falando dun dos elementos máis densos, podemos visualizar ben a súa magnitude se pensamos que unha botella de dous litros, como as das bebidas chamadas refrescantes, chea de ouro, estaría roldando os 40Kg, un peso que moitos, dende logo eu si, xa terían problemas para levantar.
Esta elevadísima densidade favorece a sedimentación do ouro con preferencia ós outros compoñentes das rochas orixinais, reconcentrase nas zonas de depósito, e ademais nestes procesos purifícase, xa que os outros metais que o soen impurificar, cobre, prata, ou platino, este último máis denso e escaso, tamén son máis reactivos, polo que se poden ir transformando e separando neste proceso de liberación.
Esas zonas onde o longo de séculos, miles, millóns de anos o ouro foi depositando preferentemente constitúen os denominados xacementos secundarios como os de A Cubela, Margaride, Quiroga ou o meandro entre Espandariz e Nocedo.
Como nas nosas latitudes a auga, habitualmente líquida, é o principal axente de trasporte e segregación de materiais, resulta fácil ver que o ouro se siga transportando e sedimentando no leito dos río das bacías que conteñen material aurífero o que se aproveitou nos xacementos de batea.
A terceira e cuarta características definidas pola capa de electróns deste elemento son o seu escintilante brillo metálico e a súa orixinal cor amarela.
Se pensamos nunha sustancia brillante, amarela, que aparece e permanece tal e como a acabamos de describir na natureza e en lugares accesibles, non nos pode estrañar que pronto chamara a atención do home e xa fora utilizado hai 8.000 anos en Mesopotamia.
Nas nosas terras asociamos moito a histórica metalurxia deste metal con Roma. Naturalmente o ouro foi importante para os romanos e unha das principais razóns de que chegaran a establecer asentamentos nas ribeiras do río máis importante de Galiza, entrando polos límites do Bierzo ata o Atlántico, sería a constatación de que só con “rascar” a terra poderíase extraer o prezado metal. O Imperio romano foi asumindo prácticas e coñecementos doutras culturas, melloradas nalgúns casos, e contrastando innovacións noutros.
Mais en síntese eles imitaron todo o que puideron os procesos naturais, pero forzándoos e acelerándoos dentro dos límites que a propia natureza, a química, lles impuña en cada explotación.
Repito que a auga é o principal axente erosivo, transporte e segregación nas nosas latitudes. Pois, si se necesitaba auga en grandes cantidades para iniciar e acelerar a “erosión”, disgregación, dos xacementos, primarios e secundarios, habería que por a traballar a enxeñería romana e todas aquelas mans que foran necesarias, a recompensa superaría con creces a inversión, para levar a auga á mesma explotación mineira.
Se coñecían que o outro transportado dos xacementos primarios se acumulou naquelas zonas onde a forza da auga diminuía, moi evidente na cara cóncava dos meandros e cambios de dirección dos cursos de auga, como na Cubela ou Castro de Abaixo, e tamén nas augas encoradas, entón disporíanse secuencialmente, canles coa inclinación suficiente para que a forza da auga mobilizara o material disgregado, as veces tras forzar mecanicamente a redución do tamaño de partícula, alternando con estanques ou calquera outro dispositivo para reducir a velocidade da auga, reducir a súa capacidade de arrastre, e depositar e concentrar o rei dos metais.
Logo tamén se aproveitaría outra propiedade determinada pola estrutura electrónica para completar a separación e facilitar a xestión do propio metal, os seu punto de fusión relativamente baixo, 1064ºC, máis baixo que a maioría dos silicatos dos que o queremos separar, e non difícil de acadar.
O seu número de electróns tamén é axeitado para que se disolva ben en azougue (mercurio), método que é moi probable que a metalurxia romana chegara a pór en práctica, xa que obtiñan este outro curioso metal a partir da súa mena (mineral do que se pode extraer o ouro); penoso e perigoso método de concentración do ouro que logo recuperarían por destilación do metal líquido. Este proceso chegou ata a actualidade con moi poucas variacións aínda que perdendo terreo fronte a outro método do que estamos a escoitando falar moito nos últimos meses, o que se pretende aplicar en Corcoesto, o tratamento do material aurífero en atmosfera oxidante con cianuro sódico, en cantidade algo maior que unhas pingas no café. Un método certamente máis doado, o do cianuro, de controlar que o do azougue pero ¿haberá capacidade para que ese control sexa eficaz?, ¿haberá suficiente vontade para facelo eficaz?. Iso sen contar co risco de mobilizar o arsénico que se atopa nas arsenopiritas. 
En definitiva, todos estes comentarios para volver ó principio. Temos asimilado que as febres do ouro, non só as dos últimos séculos marcaron relacións laborais, por identificalas dalgún xeito, sociais, de poder, económicas, ata a organización do territorio e os seus que se propagaron ó longo da historia ata os nosos días, e todo isto se explica pola estrutura electrónica do átomo de ouro...., e de que os homes somos como somos. O ouro só é culpable de ter 79 electróns e de comportarse como lle corresponde.

1 comentário:

alfonso disse...

Moi interesante.A fascinación do ouro por ser como é... e ser como somos