ACTOS NA IGREXA ROMÁNICA DE PESQUEIRAS
Xosé Lois García
A Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada, realiza unha
convocatoria para a celebración de actos que se celebrarán o domingo día 12 ás
seis da tarde, na igrexa de Santa María de Pesqueiras (Chantada). Un acto
cultural e reivindicativo dun espazo medieval, onde a arquitectura románica e a
paisaxe de soutos, devesas e viñedos, nos rentes do río Miño, determinan sosego
e beleza, determinando conservación dun dos recantos mais encantadores da
Ribeira Sacra.
No cartel de actividades que se ofrecen para o vindeiro domingo día 12,
están dúas particularidades musicais como son O Trícole de Sober e os
protagonistas d’A Quenlla, Mini e Mero. Recital poético a cargo do poeta
portugués, António José Queirós, Manolo Regal Ledo e Olga Porral;
representarase unha obra teatral, titulada: “Auto do demo e da viñateira”, a
cargo de Clara Vázquez e Chico Carballido, misa concelebrada, intervención da
artista Ana Sastre e lectura dun manifesto.
Un manifesto sobre a situación anormal do enclave, sobre os accesos e
sinalizacións, e, sobre todo, da iluminación deste templo, que conta cuns
murais pictóricos renacentistas, recentemente restaurados que precisan de luz
para ser observados dignamente como merecen centos de visitantes que acoden a
este lugar cada ano, sen accesos e sen sinalizacións.
O pasado ano celebrouse un acto bastante voluntarista por parte dos amigos
da igrexa de Pesqueiras. Daquel acto xurdiu a Asociación de Amigos do Románico
da Comarca de Chantada que é a que organiza esta convocatoria e conforma estes
actos nos que colaboran a Deputación de Lugo, Vicepresidencia Primeira, e o
Concello de Chantada. A estes actos estarán presentes representantes da Diocese
de Lugo, da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo e do Concello de Chantada.
Sem comentários:
Enviar um comentário