O Coxo de Bulso trouxera das américas dúas cousas: moitos cartos e a alma enchoupada de remorsos. Crimes que todo o mundo cría intuir no ser atormentado que voltara despois de moitos anos a pobre casa de Pipín de Arriba: envellecido, pouco sociable e arrastrando con dificultade aquela perna tulleita. Mais, rico, e, sobre todo, con aquela determinación case fanática reloucándolle nos ollos como, case un pícaro, tiña cando decidira marcharse a outros mundos a probar fortuna. "Eivos de acantazar cos cartos", dixéralle ós pais. Pero había tempo que os pais non estaban, e naquela casa solitaria por onde se colaban os pesadelos decidira facer algo para aminguar as culpas, que te perseguen ainda que haxa océanos polo medio.
Persoeiros que nos saen ó camiño dándolle unidade, e facéndonos partícipes do mesmo tempo sen tempo. Persoeiros como José Rodríguez Blanco de Santo Tirso de Maceda
e Esperanza Cid do Noguedo, que se viron por primeira vez para casarse a cada beira do río Sil; ou Manuela Pérez Vázquez e Eladio Trigo, morto en Buenos Aires no 2007, unidos para sempre ó cruceiro do Campo de Bulso, feito coa dura pedra de Cadeiras; Alfonso XI e Nóboas y Lamas das terras de Brosmos en Viladime de Arriba; Constanza Vázquez Somoza, a derradeira abadesa do mosteiro de Lobios, e Frei Rodrigo de Valencia, ás ordes de Isabel e Fernando; e a Paula de Veliños, a pequena espilida sabedora dos mensaxes daqueles que escribían nas pedras (O Preguiceiro, A Chá, O Monte de Veliños) e a Saleta de San Pil descubridora dos petroglifos do Agro, do Barcal e de Cadeiras. Todos e tantísimos máis como as tres irmáns que quedaron preñadas ó mesmo tempo –semellante ó mítico bíblico de Eva e á árbore da sabiduría- por beber na fonte prohibida de Vilameá. Todos pregoando a mistura das idades por istes camiños que volven ó lugar de partida ou se esparexen en cada punto en infindas posibilidades. Sempre está o cerne noso en cada paso. Eso é o que importa.
--- Descargue o tríptico co texto e un mapa desta ruta de 12,3 km., de dificultade baixa, que atravesa as parroquias de Pinol, Lobios, Santiorxo, Santa Cruz de Brosmos e Bulso. (Aquí). ---
* Esta ruta foi elaborada para a excursión realizada o 2 de marzo de 2008 pola Asociación Micolóxica "Os Lactouros", de Monforte de Lemos.
Sem comentários:
Enviar um comentário