OS CINCO PALITROQUES

"Viñeron de Monforte atacar a casa de Vilastrille, e os irmaos da casa, con palitroques, defendérona e venceron.
O rei concedeulle o escudo. O escudo é un mérito, significa cartos; a min contoumo o Clavelito de Sober.
Esa era casa de soga e cuchillo, cando o palacio era palacio. E era onde xuzgaban, por eso ten a soga e o cuchillo.
E despois os cinco palitroques díronllos por unha revolución que houbo. Os cinco fillos da casa bacotearon con palitroques a todos cantos viñan, e entonces regaloulles o rei ise escudo dos cinco palitroques cos que ganaron na loita ós outros que viñan con espadas".
- Recollida de:
Alfonso do Ferreiro de Francos --- Proendos --- 22-II-2000.

O REI DO PALACIO DE SOBER

Así no lo contou o Alfonso do Ferreiro de Francos:
"Vivía no palacio de Sober un rei ó que non lle sabemos nome.
Tivo que acudir á guerra contra os mouros, volvendo, pasado algún tempo, victorioso das súas batallas. Cando chegou a Monforte deuse conta de que non o esperaba naide para darlle noticia ningunha. Pensou no malo e dirixiuse ó palacio encontrándose con que a víspera enterráranlle a filla.
Pasou un ano averiguando polos máis amigos o que pasara: entre o médico e o capellán sacáronlle á filla en estado e logo envenenárona para que non poidera delatalos. Ó terlle o cabodano invitounos a todos a un banquete, e cando estiveron todos xuntos, coas tropas que tiña preparadas, rodeounos e colleu presos ós cómplices. Ós de menos castigo decapitounos e ós demais meteulles un ferro candente polo cerebro. Ó médico montouno nun burro de ferro cun peso nas pernas ata que, polo seu propio peso, se foi abrindo en dous. Ó capellán, como lle apuña a maior culpa, fíxolle unha caseta onde o amarrou e onde lle caía unha gota de auga que lle foi pudrindo o cerebro.
Decepcionado e aburrido polos acontecementos o rei vendeulle o palacio á Condesa de Lemos, que quería vivir sola e tranquila eiquí no palacio. Pero entre as amistades que lle cobraban os forales (tiña 73 forales para cobrar), empezaron a decir que había unha culebra moi grande no palomar para ver si así lle vendía os forales (o meu pai era cabezaleiro dun dos descendentes dos que lle compraron).
Á condesa ó final amedrentárona, marchou para Monforte e dende alí puxo caseiros que venderon as terras quedándose tan sólo cos arredores do palacio.
Esí mo contou o meu pai moitas veces”.

- Recollida de:
Alfonso do Ferreiro de Francos --- Proendos --- 12-I-2000.

AS PENAS DE SINOS E DO SOL

"Hai unhas penas entre Vilaescura e Rosende chamadas A Pena de Sinos e A Pena do Sol, que eran a morada dos mouros, uns personaxes grandes e fortes que iban mercar xatos grandes á feira e que os pagaban cunhas monedas moi raras; levaban os xatos cara a ribeira e desaparecían por un túnel que tiñan elí e que iba dar do Cabe ó Sil. Di a miña nai que lle contaba a súa avoa que os mouros eran moi calados: só falaban o preciso pra axustar o trato da compra dos bois, e marchaban".

- Recollida de:
Tomás de Corvelle --- Proendos --- 27-III-1999.

A PENA DA SERPE

Cóntase, xa hai moitísimos anos, cando os mouros chegaron a esta zona de Galicia, que unha fermosa moura namorouse dun rapaz da vila. Os xoves namorados víanse ás agachadas na fraga, sempre no mesmo lugar, onde había unha enorme pedra nun camiño perdido. Un día, a familia da moura decatouse do que estaba a acontecer e decidiron asasinar o mozo, pois por entón non se concebía unha historia de amor tal entre dous sangues e culturas tan desemellantes.
Cando a fermosa muller descubríu a morte do seu namorado, entoleou. Fixo un feitizo e converteuse en negra serpe. Desde entón ronda a gran pedra que escondía as citas segredas da parella na fraga, suponse que agardando a que apareza o seu namorado.
Por iso, hoxe en día, cando un pasea polas fragas de Vilaescura e pode ver unha serpe negra, ten bon coidado de non magoala; está rondando a pedra da moura.

(Texto remitido por María Oruña Reinoso, Padróns, Ponteareas, Pontevedra).
FONTE: Esta lenda contouma o meu marido, que se criou en Vilaescura e dende cativo pasou alí moitos veráns. Eu mesma visitei a Pedra da Moura ainda que atopala, agás que nos acompañe alguén do lugar, é moi complicado.
Antonio Reigosa: Galiciaencantada.com.

A PENA DO GATO

A Pena Atureira, A pena do Gato, por elí andiveron os mouros - di o Cachufeiro - elí, na pena, había un tesouro agochado.
Fai moitos anos o meu irmao e outros mozos puxéronse a cavar xunto da pedra e mesmo a partiron para encontrar o tesouro que os maiores lle contaban que había. Co tesouro non diron, os mouros debérono agochar moi ben, pero dende aquela elí quedou unha explanada xunto ó penedo. Para elí levaron un libro e unha pita. O libro líallo eu... lía pouco pero... O libro tiña unha piel de ovella que parecía engrasada. Esto sería... Eu teño 82 anos e tiña 12 anos. Bota contas.”
- Recollida de:
José “Cachufeiro” da Somoza --- Santiorxo --- 23-V-2000.

O POBRE DE ALBAR

Foi hai tempo, cando había pobres de pedir. Andaban dun lado para outro, cruzaban pola Barca de Gudín o río Sil e pedían aloxamento para pasar a noite. Había unha barcaza grande que servía para pasar carros tirados por cabalerías ou bois, e outra máis pequena para as persoas. Subía o camiño real polas Forcadas, pasaba ó lado de Albar, os Chelos (onde está o mirador), para seguir á Tenencia xunto da igrexa de Amandi. De Albar pódese desviar un polas Avaínzas ó Monte Algareiro e seguir ó Alto de Amandi; e por riba, polo camiño da Lámpara podíase chegar a San Mateo, onde, ó parecer, houbo un mosteiro.
Por eses lares, a luz de Amandi invita a vivir: o sol, os penedos, o ar dos montes desde onde se ve o mundo, os socalcos agatiñando ata as cimas, os camiños abertos á sorpresa. Pero o inverno e as tebras na ribeira poden ser unha lousa e as sombras alónganse, os ruidos exténdense, o camiño bisbolletea medos e perigos incertos. Así debeu ser naquela tardiña na que un pobre foi pedir pousada nas Forcadas; como na casa xa tiñan un home hospedado mandárono cara Albar. En Albar tampouco deu atopado alonxamento e seguiu cara a Tenencia. Ó Chegar a altura dos Chelos, un lugar especialmente sombrizo, atacárono os lobos e comérono, deixándolle tan só o brazo e a perna dereita. Dende aquelas, cheos de remorsos, os veciños estableceron a obriga de darlle pousada a todos os viaxeros e proporcionarlles pan e auga para o camiño.
Anos despois, no tempo de escribir estas liñas, Albar desapareceu como unha maldición, ou, mellor, como desaparecían as cidades cando se resistían os imperios, arrasadas ata os alicerces, os campos sementados de sal, ermos e abandoados. Albar foi derruida e convertida en socalcos, incluida a fonte na que apagaron a sede tantos pelegríns. Son a técnicas da desmemoria, da indignidade, da destrucción das referencias vitais como suprema violencia. Albar aínda figura no mapa e no nomenclátor, mais desapareceu da paisaxe como si debera pagar unha culpa, un vello pecado do que parecen oirse os berros. ¡Pobre de Albar!.
*Aurelia do Carrazúa---Lobios--- 9-VIII-2003.
*José Manuel do Barqueiro dos Lameiros---Amandi--- 3-XI-2004.

ELEMENTO MATERIAL
Barca de Gudín, Camiño Real, pobo de Albar hoxe desaparecido.

Ó REDOR DA LENDA
Polo sendeiro que subía das Forcadas a Albar, cara a metade do camiño, nun lugar chamado A Regata, foi onde comeran os lobos o mendigo. Xa o contaban os avós e era cousa de velo.
Cando vivía a Amadora había no pobo tres casas e vivían dúas familias. Estaba alí a Fonte de Albar, moi perto dun Patao da Mina, o manantial do lugar; estaban, tamén, as hortas da Chousa, O Eido da Lama e A Leira. A casa da Amadora era a chamada casa de Albar que tivera, en tempos, terras ata o río, todo nunha peza. Era unha das máis ricas de Amandi xunto coa da Lama e a da Barca.
Abandonado Albar pronto se foi enchendo de broza mesta. Durante algún tempo algún veciño limpaba algo e podíase furar e aproveitar algúns froitos; ó fin, un día, xa foi practicamente imposible achegarse e o lugar vendeuse para ser socalcos das viñas do amandi. É o que queda.


- Recollida de:
Amadora Puga de Portabrosmos --- Pinol --- 14-XII-2006.