Novo equipo directivo do Colado do Vento e plan de traballo para 2013.

Na Cova das Choias, en setembro de 2010.
Na asemblea xeral da nosa asociación cultural "O Colado do Vento", celebrada o sábado, 12 de xaneiro de 2013, en Cadeiras, escolleuse o novo equipo directivo, tras esgotarse o periodo de dous anos que estatutariamente lle correspondía á anterior Xunta Directiva.
O inmenso traballo destes dous últimos anos foi valorado moi positivamente, apostando por continuar co tipo de actividades que vimos realizando e incluír novas vertentes de traballo na asociación, entendendo aínda máis a Cultura coma "un todo". 

No plan de traballo que comezamos a debullar para 2013 nesta primeira xuntanza figuran actividades pendentes de anos anteriores, coma unha visita interpretativa á minería romana da zona de Quiroga ou unha excursión a Campolameiro para coñecer o conxunto de petróglifos. Tamén hai prevista a realización de rutas de sendeirismo, coma o tramo entre Vilachá de Salvadur e Vilardemouros (da ruta Augasmestas-Doade) e, por suposto, a continuidade das xornadas culturais á luz da lúa. E non esquecemos a colaboración e intercambio que temos pendente coas asociacións culturais ourensás Vía Auria e coa de Santa Mariña de Augas Santas, así como o mantemento da nosa estreita colaboración co Grupo O Trícole e as asociacións da zona.
No eido da divulgación, teremos varias presentacións da nosa última publicación, Un pouquiño de Tradición Oral no Concello de Sober III
Vº Encontro á Luz da Lúa, verán do 2011.
Entre as actividades que saen un pouco do eido no que viña traballando a asociación destaca o proxecto de horta comunitaria que sirva de obradoiro de "boas prácticas" agrícolas, no marco dun modelo agroecolóxico, compatible coa vida da Terra e das persoas e oportunidade para vivir ben na nosa comarca. En relación con isto, están tamén as xornadas de saberes tradicionais nas que queremos incluír tres obradoiros artesáns de elaboración de pan, de cervexa e conservas, para o cal podemos usar os froitos da nosa horta.
As xente da directiva coordinarán o traballo da asociación, na que toda a xente asociada está implicada, pois somos un colectivo no que cada quen aporta o que pode e sabe.

A Xunta Directiva do Colado do Vento para o período xaneiro 2013 - xaneiro 2014 está conformada polas seguintes persoas, de diversos eidos sociais e territoriais, pois a nosa asociación ten un eido comarcal de actuación, non cinguíndose só ás parroquias que conforman o Concello de Sober.

- Presidente - Alfonso Campos Pérez, Proendos (Sober) - alfonsoproendos@gmail.com
- Vicepresidentes - Rosana Prieto Florines, Castillón (Pantón) - Javier Vivirido Salgado, Anllo San Martiño (Sober).
- Secretario - José Mariño, Xuvencos (Saviñao)
- Vicesecretaria - Julia Fernández Garza (Monforte de Lemos)
- Tesoureiro - José María Lago, Anllo San Martiño (Sober)
- Viceteroureiro - Juan Luis Casas (Monforte de Lemos)
- Vocal, responsabilidade de "loxística" - Óscar Alonso Díaz, Santiorxo (Sober)
- Vocal, responsabilidade de "documentación" - Pedro Iglesias Saco, Rosende (Sober)
- Vocal, responsabilidade de "comunicación" - Paula Vázquez Verao, Neiras (Sober)

Visita aos castros, ano 2009.
Encontro á Luz da Lúa do ano 2009.
A asociación conta con case 60 persoas socias das terras de Sober, Pantón, O Saviñao, Chantada e mesmo de Vigo, da Rúa e da Coruña.

Contacto: coladodovento@gmail.com // 674473695 - 636129233

Bo Nadal e Asemblea Xeral e cea anual do Colado!


Coma todos os anos, toca asemblea xeral anual e paparotada de Nadal do Colado do Vento.

Esta tempada será o 12 de xaneiro de 2012.

Cea ás 21:30 horas no mesón de Cadeiras. Asemblea despois da cea. 

Temas: estado de contas do ano 2012 - renovación da xunta directiva - planificación de actividades do ano 2013.

Para acudir á cea, hai que anotarse no correo coladodovento@gmail.com antes do 10 de xaneiro pola tardiña.

BO NADAL ben grande para todas as persoas socias e amigas do Colado do Vento.

* A ilustración dos reis é de Noemí López, do libro Trece Noites, Trece Lúas, de Antonio Reigosa, que recomendamos. 

O cruceiro da Pena de Proendos, por Xosé Lois García.

Coas miñas andanzas polas terras de Sober un nunca chega a facerlles unha verdadeira descuberta, por tanta oferta natural, histórica, arqueolóxica e artística que atesoura este espazo. Aínda que sempre me auxilia un bo e grato amigo, Alfonso Campos, que me leva ás emerxencias mais autorizadas desta terra do sur da provincia de Lugo. 

Hai poucas semanas que indo pola estrada de Sober a Gundivós, mesmo na entrada do lugar da Pena, da parroquia de Proendos, o Alfonso descubriume un modelo de cruceiro nunca por meus ollos visto, que congratulou a meu espírito panteísta. Unha nova expresión que marca un antes e un despois a partir do formato deste cruceiro, no que se configuran varios símbolos, sintetizados en preámbulos tradicionais que se concretan dentro dun marco vangardista de enorme interese creativo.
 

 Un cruceiro que rompe cos formatos e coas ornamentacións, incluso transgrede, os típicos de cruz latina, con Cristo crucificado e a Piedade, tan repetitivos no tópico e nas compoñendas que exceden ao texto evanxélico. Cruceiros, iso si, necesarios na relixiosidade e no imaxinario labrego e nos lúcidos albores da arte inmorredoira da nosa Galiza rural.

Este cruceiro da Pena de Proendos, cuxo artífice é o escultor de Amarante, (Antas de Ulla), David Soengas que perfilou, co asesoramento desmiudado –coido eu- de Alfonso Campos, no que respecta á escolla simbólica. Unha estrutura que se ergueu en febreiro de 2011, nun pequeno e cadencioso penacho ou pedrouzo -como dicimos os de Chantada- nun ergueito fuste que, felizmente, non se parece aos tradicionais. Semella a un menhir: esa pedra fita neolítica –na que en Sober debeu haber moitas-, transmisora de rezos e pensamentos que os humildes e contritos devotos dedicaban a un ser superior. Ese ático fuste tamén nos serve para significar a pedra fálica antiga, onde se proclamaba devoción ao poder de procreación de tódalas criaturas.
Na cimeira do fuste a cruz. Pero qué Cruz? Dirán os que estrañan os brazos de cruz latina co Crucificado, etc. Velaquí o encanto do cruceiro da Pena nese formato de cruz que se condensa dentro dun cuadrilóbulo, que non hai que confundir co cuadrifolio. O cuadrilóbulo, tan promocionado na arte románica e gótica, sustenta, nesta encrucillada de camiños de Proendos, algo moi interesante que ven a sintonizar e recuperar vencellos expresivos coa arte sacra medieval, tan estendida polas terras de Sober. Tamén na arte da ourivería, utilizouse o cuadrilóbulo en varios utensilios litúrxicos e en cada un dos seus círculos introducíanse os catro elementos do tetramorfos, símbolo dos catro evanxeos, como se mostra no atril do altar da igrexa de Merlán (Chantada).

Neste cruceiro, enormemente sintético, esclarécense novidades do pasado simbólico, devocional e litúrxico, indo alén da perenne crucifixión de Xesús. Así que no centro desta cruz cuadrilobulada, atopamos o formato de crismón simplificado en cruz de garfo, que en parte veu a substituír o crismón ou lábaro de Constantino, na que se mantén o signo gráfico das iniciais gregas do nome de Cristo, o “X” e o “P”, coñecido como Signum Dei. O crismón que aquí se presenta é mais antigo que a propia cruz, mais este cruceiro está en sintonía coa cruz grega. Digamos que a escolla simbólica que fixo Alfonso e David, para este contexto cruciforme, lévanos ao Pedum Lituus, ou bastón augural que aparece nos xeróglifos exipcios, e que ven a significar lei, estatuto, costume. Este Pedum (cetro) faraónico foi elevado e sacralizado por xudeus e cristiáns como símbolo de poder que se expresa na iconografía e na liturxia.


Debaixo das aspas horizontais, están representadas as dúas letras do abecedario grego, Alfa e Omega, principio e fin do universo. Símbolo da totalidade do poder de Deus e que conforma o monograma de Cristo. Símbolos que tanto agradaban a Teilhard de Chardin, cuxos significados utilizou para mostrar a súa teoría da evolución.

 

Esta descrición escultórica, está perfectamente orientada cara occidente, quen a observe está posicionado cara oriente, lugar de luz e da Xerusalén prometida e celestial. Ás súas costas fica o lugar tenebroso e diabólico, por onde se pon o sol, occidente.
 

A outra inscrición, do lado inverso, observámola desde oriente e atopamos unha roseta de seis estelas, símbolo do equilibrio e da equidade solar. As rosetas xa figuraban na antigüidade nos frisos escultóricos caldeos, mesopotámicos, exipcios e hebreos, até chegar a decorar os templos romanos, e o cristianismo o adaptou como prototipo do poder da luz que emana do poder de Deus. Tamén é un prototipo da configuración de Cristo, como luz universal: “Eu son a luz do mundo”, dixo. Este símbolo solar tivo e ten enormes representacións en tódalas culturas. Non é raro observalo en esculturas castrexas, nos capiteis e tímpanos románicos e góticos, como acontece en diversas expresión do noso románico. Nas igrexas de Pombeiro e Santo Estevo de Ribas de Miño, aparecen estas rosetas de forma helicoidal, en movemento.
Confírmase que no espazo de Proendos e doutras xeografías soberinas, houbo achádegos arqueolóxicos importantes e ben coñecidos, que os que proxectaron os símbolos deste cruceiro da Pena quixeron deixar constancia dos mesmos, do valor da súa universalidade e da súa sacralización.

 

Estamos ante un monumento interesante; dun novo perfil de cruceiro que sintoniza coa tradición mais singular do cristianismo, que en seus símbolos unifícanse culturas e credos, por enriba de calquera ortodoxia. O cruceiro da Pena de Proendos ten un enorme valor creativo, sobre todo, no que respecta ao monumento escultórico e simbólico.
 

Este cruceiro, na súa posición, precisa de reflexar o seu protagonismo que agora lle rouba ese poste do tendido eléctrico e os contedores de lixo. Todos estes arteluxos son necesarios pero esta obra de arte precisa de ter seu espazo natural ben matizado e individualizado para que sexa ela quen dialogue con quen a observa e para que se enmarque nas gratas paisaxes destes eidos de Proendos. 

Xosé Lois García en Galicia Digital.

Travesía Doade-Augas Mestas.

Imaxe da ruta en outono (foto: Alejandro, Club Acivro).
No ano 2011, O Colado do Vento impulsou a realización dunha ruta de sendeirismo pola ribeira do Sil, entre Doade e Augas Mestas, coa colaboración da Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo.
Un ano despois, a ruta cumple as expectativas de camiñantes, polas súas fantásticas vistas e interese natural e etnográfico
Adegas de Vilachá na primavera (foto: O Colado do Vento).
Grazas ao Club Excursionista Acivro (http://acivro.blogspot.com.es/) dispoñemos da ruta marcada en Wikiloc e do perfi, así como de fermosas fotos. 
Agradecementos especiais do Colado do Vento ao Club Acivro e aos socios do Colado Alfonso Campos e Óscar Alonso, por comprobar o estado da ruta.

O Club Acivro no Muíño do López da Lampaza (foto: Alejandro, Club Acivro).
* Distancia: 28 km
* Dificultade: DURA
* Recoméndase facela en sentido Doade-Augas Mestas (W-E).
* Atópase correctamente sinalizada.

(foto: Alejandro, Club Acivro)
A ruta transita á beira do Sil, ofrecendo vistas espectaculares. 
Conta con numerosos elementos naturais, como soutos, e etnográficos, coma a Pena do Castelo, os núcleos de Froxende, Barxa, Parada, Vilar de Mouros, Os Palleiros, muíños, as adegas de Vilachá de Salvadur...  

(foto: Alejandro, Club Acivro)
(foto: Alejandro, Club Acivro)
* Consultar o mapa da ruta en Wikiloc aquí.
* Consultar o perfil da ruta aquí.
* Descrición da ruta por parte do Club Excursionista Acivro aquí.

(foto: O Colado do Vento)
Vista dende a Fonte de San Xermunde (foto: Alejandro, Club Acivro).

Antigamente falaban os burros e outras historias.

O venres día 30 colaboramos nas fantásticas Merendas con Contos da Biblioteca Pública do Concello de Sober coa xornada "Antigamente falaban os burros e outras historias", para saber sobre a nosa tradición oral. Participade!
 

Festa-Presentación de Tedempo.


Festa Presentación do novo libro Tedempo, de Xosé Lois García.
O xoves, día 8 de novembro, ás 8 da tarde no Casino de Chantada.

Ruta polos petróglifos de Proendos

  
Tal e como estaba previsto, a ruta polos puntos con petróglifos da parroquia de Proendos será o vindeiro domingo, día 28.


A ruta faise, con paradas, en aproximadamente unha hora e media (son 2,9 km de dificultade baixa), co cal sairemos ás 11:00 horas do aparcadoiro parroquial (moi cerca da igrexa).

Visitaremos o lugar de Proendos, un museo ao aire libre, onde podemos atopar multitude de elementos romanos reutilizados na súa arquitectura tradicional ben conservada. A ruta enlaza os oito puntos de petroglifos coñecidos nesta parroquia e aproveita para sinalar elementos romanos, a igrexa románica (faremos unha pequena explicación), casas grandes, hórreos, pombais e outros puntos de interese que se van atopando polo camiño.

Non está previsto xantar colectivo pero convidaremos a un pinchiño de rosca con queixo e a licor café.


As persoas participantes recibirán un tríptico co mapa e información da ruta en galego, castelán ou inglés.

NOTA - No Facebook do Colado do Vento podedes ver fotos da interesante xornada práctica sobre a contaminación dos ríos celebrada o sábado pasado.

- Información sobre Proendos
- Mapa da ruta, que neste caso comezaremos no aparcadoiro parroquial, non no lugar de Proendos.

Algúns indicios de contaminación nos ríos: xornada práctica

https://mail-attachment.googleusercontent.com/attachment/?ui=2&ik=a299e1cfec&view=att&th=13a44e3e43730ea1&attid=0.1&disp=inline&safe=1&zw&saduie=AG9B_P_PgNqnPOQB28aEv0EHvuj6&sadet=1349884121907&sads=fByNbZ4BXCVSOUlenHGPqMmJn24

Xornada organizada polo Colado do Vento e amigos biólogos para detectar indicios de contaminación nos nosos ríos.

O sábado, 20 de outubro.

- mañá -
Quedamos ás 10:30 en Canaval , para comezar antes das 11:00.
Alí estaremos entre 2-3 horas, con explicacións sobre tipos de algas, invertebrados en formol que indican contaminación ou todo o contrario, pureza da auga...

https://mail-attachment.googleusercontent.com/attachment/?ui=2&ik=a299e1cfec&view=att&th=13a44e2bde6e5c1d&attid=0.1&disp=inline&safe=1&zw&saduie=AG9B_P_PgNqnPOQB28aEv0EHvuj6&sadet=1349884227187&sads=UvVz8rPvtsW4R_kR6ziJnwlDMx8
- xantar -

Xantar campestre.

- tarde -
Visita á Parte (Monforte).
[Se é factible: posible visita á Ponte de Rugando, no Soldón, para ver un río sano.]

NOTAS

Non é preciso anotarse, porque cada quen leva a súa comida e en Canaval xa nos distribuímos nos coches dispoñibles, pero agradécese que o fagades no teléfono 659323833 (Javier) ou no correo coladodovento@gmail.com

A visita aos petróglifos de Proendos, cámbiase do día 21 de outubro (cando estaba prevista) para o domingo 28 de outubro.