Sendeirismo entre Vilardemouros e Doade: cancélase a data do 25 de abril por choiva, pendente de data


Imos facer un tramo de 11 km da fermosa ruta Doade - Augas Mestas, PR G - 157, deseñada polo Colado do Vento.
O tramo que faremos é de Vilardemouros ata Doade. 
As persoas que o desexen poden facer a ruta enteira, pero non garantimos que esté toda limpa. A asociación revisou e desbrozou o tramo Vilardemouros-Doade, pero foran os Concellos polos que discurre quen se comprometeran a manter a ruta en condicións.

- saída: 16:15 horas

- punto de encontro: Doade (praza)
[quedamos en Doade para distribuírnos nos coches para ir a Vilardemouros e saír andando dende Vilardemouros non máis tarde das 16:45 horas]
- ruta de sendeirismo de 11 km aprox
- tramo de escaso desnivel salvo un pequeno tramo do final; dificultade media
- correctamente sinalizada
- elementos de interese: paisaxe, muíño do López, núcleos dos Palleiros e O Colado, Fonte de San Xermunde, Pena do Castelo, núcleo de Doade.

Non é preciso anotarse para a ruta, pero sí para os pinchos do remate; ao remate haberá un pincho en Doade, para o que as persoas non socias aboarán 5 € se desexan quedar.

Para a volta, as persoas do Colado levaremos ás persoas conductoras ata Vilardemouros, onde quedaron os coches.



Crónica audiovisual do roteiro poético por Barantes



Foi unha mañá de abril marabillosamente primaveral esta que pasamos por Barantes.
O obxecto foi facer un roteiro en torno aos lugares de inspiración da poesía de Ramón Sandoval, ao que acompañaron outras amizades poetas e coa xente de Barantes que se quixo achegar.

No Bouzo.
Comezamos na igrexa de Barantes, cunha peza de gaita para "os ancestros" e lectura poética, a de Sandoval do libro Territorios Estraños.
Camiñamos ata o Bouzo, dende onde se divisa a zona de viñas de Lobeiras e San Tomé, onde había unha capela.



No Bouzo, ademais de rememorar Sandoval a infancia en Barantes, con varias composicións, recitaron Mar Sabater, Rosa García Machado, Francisco Aldereguía e Carlos Rafael, e interpretouse Fincas en propiedá, con letra de Sandoval que fala de lugares da zona onte paramos, musicada polos Parentes.

 

A seguinte parada poética foi no Castriño, impresionante castro da parroquia de Barantes, sobre o Sil.


 
Para rematar, o recital de despedida foi na Arriba, lugar de Ramón Sandoval, fronte á súa casa natal.

Outro xeito de achegarnos a unha parroquia, aos camiños da ribeira e ás nosas paisaxes de encantamento.

5ª xornada de horta: 11 de abril


Esta fin de semana temos unha actividade de sendeirismo poético o domingo pola mañá, pero non podemos descoidar a horta.

O domingo pasado limpamos e preparamos o bancal das cenouras e plantamos dúas melocotoeiras, ademais de regar.

Imos facer dúas quedadas, aínda que a principal é o sábado.

- sábado, día 11: ás 18 horas. 
Limpeza das herbas dos pés das framboeseiras.

- domingo, día 12: a partir das 20 horas.
Achegarémonos dúas persoas a plantar as cenouras.
O domingo xa está cuberto, non é preciso asistir.

A seguinte xornada debería ser o 26 de abril para plantar leitugas roble e trocadero e 50 puerros.
Hai que mercar as leitugas e os puerros, pero iso con vistas ao día 26.

Ademais, informámosvos que xa están listas as camisetas da horta, das cales ás persoas que traballastes e traballades na horta as tedes de agasallo; para o resto de persoas socias estarán á venta.

Roteiro poético


O domingo, 12 de abril de 2015, realizamos unha andaina pola parroquia de Barantes.

Ademais da súa fermosa paisaxe debruzada sobre o Sil, teremos unha xornada poética nas terras de Ramón Sandoval, da Arriba.


Así, convidámosvos a participar coas vosas composicións poéticas nas catro paradiñas que faremos ao longo da ruta.

A ruta imos comezala no cruce de Barantes de Riba. Quedamos alí ás 10 da mañá, pois temos sitio para deixar os coches aparcados.

A primeira parada poética será na igrexa de Barantes.


Logo, seguiremos andando ata O Bouzo, cunha fermosa vista sobre a ribeira. Aquí faremos a segunda parada.


Despois, camiñaremos ata a croa do Castro de Vilanova, onde faremos a terceira parada poética.

Dende o castro, iremos ata o lugar da Arriba, lugar de natal do Ramón Sandoval, onde teremos a parada poética que dará peche á xornada, dende onde retornaremos ao punto de orixe.


A ruta completa levará unhas tres horas. É moi sinxela de camiñar.

Non é preciso anotarse, salvo que desexedes xantar despois en Sober, día de feira, para o cal tedes que enviar un correo a coladodovento@gmail.com antes do venres día 10.

Punto de quedada: aquí.


Paseíño comentado á Pena do Castelo


Dende Doade podemos achegarnos á Pena do Castelo, a penas a 1,5 km do cruce coa pista de acceso a este curuto rochoso.

No cruce de Doade, na estrada Monforte - Castro Caldelas, hai que coller dirección á Adega Algueira e pouco antes está a pista de acceso á Pena do Castelo.


Accédese en coche ata a metade da ruta, pero o ideal é ir camiñando todo o treito, cun sendeiro limpo e cómodo.

No inicio da ruta, á esquerda segundo camiñamos cara o Castelo, atopamos o que queda do Souto de Valgüaire, castiñeiros centenarios que sobreviven nunha plantación de piñeiros.



Pronto iremos vendo que nos atopamos diante da zona da Teixeira.

E divisaremos á dereita a zona de viñedos aterrazados con maquinaria da adega Regina Viarum.

Atopámonos na parroquia de Doade, a meirande e a máis oriental das que agrupa o Concello de Sober.

O Castelo é un curuto rochoso a 624 m sobre o nivel do mar, cunha fortísima pendente sobre o río Sil.



A Pena do Castelo é un dos castros catalogados en Sober. Conta con foxo defensivo e nel atopáronse restos de época romana.

Nas inmediacións atopábase unha capela a San Amaro, sen que se determinase o lugar desta. En 2004, rematou a construción, ex novo, no propio castro, da capela actual a San Mauro, respectando as formas construtivas e materiais da zona.



No lugar situábanse lendas de mouros, que "van beber á Fonte de San Xermunde", perto do Castelo. "Fonte de San Xermunde, fonte de ouro", din as lendas, como tamén recolle Arias Sanjurjo en 1914.
O propio Castelo está inzado de lendas: alí había un "pucheiro de ouro" e "vivían os mouros".


Foi outro mouro distinto o que guindou un pobre burro da Pena do Castelo berrándolle ao señor Manuel, que andaba na Tapada do San Amaro: "Escape, tío Manuel, que aí vai o Mouro!"

Pola Pena do Castelo pasa a ruta PR-G 157, que une Doade con Augas Mestas, que tamén pasa pola Fonte de San Xermunde.


Mapa coa localización da Pena do Castelo: aquí.
Información sobre a PR G 157: aquí.

Horta: 5 de abril

Como esta fin de semana é a Feira do Viño,non haberá horta, así que quedaremos para o domingo 5 de abril.
 

Coma sempre, ás 16:30.

Abriremos máis bancais e plantaremos as zenouras, pois é día de raíz.
De todas formas, as de Sober podemos pasar a revisar a horta o domingo 28 pola tarde, porque habería que botarlle algo de material vexetal ao novo compost.

Unha visita ao Ecomuseo de Arxeriz


O 22 de marzo de 2015 visitamos o Ecomuseo de Arxeriz, un espazo de interpretación da cultura ribeirá.

Conducidos por Daniela, a guía do Ecomuseo, coñecimos que a "casa dos escudos", unida en U coa "casa do patín", xunto coa capela, teñen orixe no século XVII.


Este conxunto pasou ao coñecido "Xan de Forcados" - Juan López Suárez -, que puxo en marcha en 1933 a pimeira granxa leiteira de Galicia - Granja Argeriz -, que logo pasou a ser Larsa en 1947.
Quen comezou a restauración do pazo de Arxeriz foi o seu descendente Xosé Soto Rodríguez, de quen recibe o nome a Fundación Soto de Fión, rexente do Ecomuseo.

Na cociña, con lareira, vimos curiosidades como a "cantareira" ou "cantareiro", moble para dispoñer as cántaras.

"cantareira"
No sala grande coñecemos pezas saídas do castro de Arxeriz, que se comezou a excavar no ano 2013. Datado entre o s. IV e o I a. C., non se atoparon materiais de adscripción romana e non hai evidencias de abandono traumático do sitio de ocupación. Ademais de muíños e morteiros atopáronse dúas fíbulas e fusaiolas.


Na visita ao castro puidemos comprobar os espazos descubertos polas campañas de excavación e o seu emprazamento debruzado sobre o Miño fronte ao Cabo do Mundo, co castro da parroquia de Nogueira de Miño, en Chantada, xusto en fronte.




A finca de Arxeriz ten 35 ha e está repoboada con bosque mixto e bosque autóctono. Dende a solaina do pazo contemplamos a plantación de videiras autóctonas e o pombal.


Na sala adicada á interpretación da paisaxe e territorio ribeirao observamos os traxes do entroido ribeirao e unha coroza labrega, elaborada por un paisano da zona.


Antes de pasar á sala relacionada cos traballos do viño, topamos unha "pipa carrela", chamada así por ter a mesma lonxitude que o carro, que se usaba para transportar o viño ou, como sinalou o Quintín, para carretar auga dende a fonte a un alxibe da casa.


Observamos na sala da viticultura instrumental semellante ao usado en Sober tradicionalmente, salvo os pelexos de cabra, propios da ribeira do Miño, que aí servían para transportar o viño xa feito na caseta da ribeira cara a adega. O pelexo sacábase dunha peza do animal e a parte do pelo, que ía por dentro, impermeabilizábase con pez.



Na sala da cultura fluvial puidemos observar as artes de pesca e distintos tipos de barcas, testemuños dun mundo ribeirao asulagado polos encoros, neste caso, o de Belesar, o encoro meirande de Europa cando foi construído (1957 - 1963). En lembranza deste mundo mergullado, un mapa cos lugares perdidos ou a imaxe de Manuel Serodio, o derradeiro barqueiro desta zona do Miño, que cruzaba dende a Barciela cara a outra beira.


Dende o Colado do Vento agradecemos a Daniela o seu bo facer e a José Antonio Quiroga o convite ao museo.

3ª xornada horta 2015: sábado 21 de marzo


A terceira xornada da horta consistirá en seguir limpando bancais.

Toca engadir masa vexetal ao compost que preparamos hai 15 días.

Facer o caldo de ortiga.

Como é día de folla, vanse plantar leitugas.

Quedamos o sábado 21 a partir das 16:30 h na horta de Arxemil.