28-D Presentación dun taller de narración para 2012

O 28 de decembro, a socia do Colado do Vento, Teresa Grau, contacontos profesional, ofrece unha presentación público do obradoiro de narración que impartirá no ano 2012 en Sober.
Será ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Sober.

O proxecto do "Atlas do viño".

Estes días, as xentes do Colado do Vento, sobre todo Javier e Paco, andamos atarefadas en facer enquisas sobre a forma tradicional na que se cultivaba o viño en toda a zona que hoxe é a DO Ribeira Sacra. 
Para xuño, teremos o traballo rematado e poderemos divulgar todos os coñecementos que estamos recopilando. Participamos nun proxecto do Ministerio de Cultura para recoller datos de todas as DO españolas, colaborando coa arquitecta Isabel Aguirre de Úrcola, mais queremos amplialo na nosa zona elaborando nós o noso propio "caderno do viño".
Podedes participar no proxecto poñéndovos en contacto connosco, se sabedes de viñateiros a quen entrevistar ou de aparellos usados na viticultura tradicional.
De momento, deixámosvos unhas anécdota, cun pouco de humor, das moitas interesantes que estamos a recoller. 

“Antes mirábase a luna para podar”. A peor lúa era a nova. “Só son dous tempos de luna: a luna só é menguar e despois volver crecer”. “Para podar mirábase máis a chea”.
Un home ribeirao díxolle ao Pepe en Chanteiro cando andaban podando: “Vós, podades na lúa nova: nin viño, nin madeira”.
O Pepe díxolle: “Nós, como non somos ribeiraos, non sabemos”. Preguntoulle ao Constante de Chanteiro que en qué lúa podaba, e este díxolle: “Eu sempre podei polo sol, non pola lúa”. Resulta que tiña unha viña onda o río e probou a vendimar un cacho en cada lúa, e dixo “eu non lle conocín nada”. Ese día que estaban podando, era lúa nova, e as parras de alicante resultou que estaban tan cheas que non daban metido o coitelo. “Aquelo foi un bo milagre”.
“O que lle mira ás lunas que quede en ayunas”.


Contounos o José Varela do Saviñao.  
"Eu podaba na chea, e tamén na creciente, ata que entraba a vella. Pero se podas na nova non se nota; a nova nótase na madeira. No carballo se podas na nova, medra cara abaixo. Na vella medra menos pero para arriba. Pero antes, os que tiñan moita viña, podaban en todas as lunas. Desde que empezaban ata que acababan, e non se notaba unhas das outras. A luna mala é a do mes de agosto, tanto a nova como a vella. As silvas, se cortabas un silveiro na luna vella de agosto, ese silveiro para retoñar, manda mecha! E, se retoña, retoña sen forza. E os toxos igual, se os cortas na luna de agosto non medran. Non sei por que..."

Ruta pola zona do río Loio [30-10-2011]

Grazas á socia do Colado do Vento, Rosana Prieto Florines, o domingo, 30 de outubro, poderemos desfrutar dunha ruta guiada pola zona do río Loio.

* Saída de Sober: 9:15 horas - En coches particulares (organizarémonos para levar os menos posibles).

Programa da visita (os horarios son aproximados).

*  10:10 horas - Visita á igrexa románica de Santa María de Castro de Rei (en coches).

* 10:40 horas - Igrexa románica de San Miguel (en coches).

* 11:15 horas - Inicio da ruta a pé "Rego Ruxidoira" (Paradela), de aproximadamente tres horas, visitando:

- Muíño de Pías.
- Muíño da Retorta.
- Igrexa románica de Suar.
- Portocaneiro.
- Ribeira do Loio: vistas das aldeas de Suar, Castro, Celmán e do río Loio.
- Mosteiro de Santa María de Loio e castro.
- San Xoán de Loio.
* 14:30 horas - Xantar en San Xoán de Loio [15 €].

* Tarde - Visita a San Facundo (en coches).

IFORMACIÓN
- Para participar na visita, hai que anotarse antes do 28 de outubro en coladodovento@gmail.com ou no 982460703. 
- A visita é gratuita, só haberá que pagar o xantar.
- Organizarémonos para levar só os coches necesarios.

Polafía no Pazo de Tor [22 - outubro - 2011]


Sábado, 22 de outubro de 2011, ás 6 da tarde.

Música, contos, cantos e memoria das tradicións do propio pazo e dos arredores.

Coa participación de Mini e Mero, O Trícole, Isidro Novo, Alfonso Campos, Ángeles Rivada González, Marisa Álvarez e moitas veciñas e veciños da contorna co seu saber contar e cantar.

Entrada de balde.

Organiza: Asociación de Escritores en Ligua Galega.

Colaboran: Museo Provincial Pazo de Tor - Asociación Cultural O Colado do Vento - Grupo O Trícole.

Patrocina: Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo.

Presentación da obra poética completa de Xosé Lois García [18-10-2011]

O martes 18 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de España, 2) de Monforte, preséntanse Por ninguén aloumiñada e No sangue dos bardos, os dous tomos que conforman a obra poética completa de Xosé Lois García, publicados en Toxosoutos. No acto, acompañando ao autor, participa Camilo Gómez Torres, prologuista da obra.

FOLLETO: O ROMÁNICO DE SOBER (actualizado - 14-11-11)

Imos achegarnos á arte europea por excelencia: o Románico, estilo que no país galego ten a súa auxe no século XII, momento de peso político do Reino de Galicia no contexto europeo, prolongádose no século seguinte.
En Sober, o Románico maniféstase en forma de pequenas igrexas rurais; xoias que se manteñen, mal que ben, no seu uso orixinal e principal: lugar de culto cristián e de reunión da comunidade parroquial.
Intentemos, cando visitemos as igrexas, vislumbrar os motivos polos que foron feitas, poñérmonos no lugar das comunidades que invertiron os crecentes excedentes da actividade agraria na edificación de templos e cidades de Deus: estaban soamente destinados a manter o control da sociedade por parte das elites ou motivábaos un profundo sentimento relixioso? Acaso habería que combinar ambas explicacións? Eran os humanos da época conscientes de estar erguendo sólidas edificacións que os ían sobrevivir séculos?
Preguntas que ha de desvelar o exercicio da ciencia histórica e cuia resposta nos axuda a comprendérmonos mellor a nós mesmos. Temos algunhas claves, pero é moito o camiño por andar na procura da verdade histórica nun país coma Galicia. De momento, penetremos na peculiar atmósfera das igrexas románicas e gocemos da beleza que crearon os nosos antergos.

* Aquí pode descargar un folleto de 16 páxinas, con fotografías, sobre o Románico de Sober.


crónica - Viaxe a Parada de Sil (2-10-2011)

Vista dende o miradoiro de Cabezoás.
Un domingo post-vendimas, co corpo aínda delorido, marchamos algunha xentiña de Sober - e arredores - de visita á outra beira do país ribeirao: as terras de Parada de Sil.


Canón do Mao.
Sabida é a unidade paisaxística e histórico-cultural que conforman ambas marxes do canón do Sil, por iso nos sentimos coma na casa, pero iso non quita que haxa algunha que outra diferencia. A fundamental radica na distinta orientación das ladeiras: cara o sul, no caso da limesa (=de Lemos), cara o norte a da beira caldelá (=de Caldelas). Esto orixina unha vexetación mediterránea e un cultivo intensivo da terra dende antigo, do noso lado, coa omnipresente paisaxe de viñedo asocalcado, e unha vexetación fraguiza no caso ourensano, que alterna cos viñedos nas ladeiras orientadas meridionalmente. Deste xeito, desplazarse por Parada foi un permanente deambular por paraxes á sombra, entre soutos, e por lugares onde o sol picaba de máis. Pero esta simplificación oculta a gran diversidade de medios e paisaxes da vertende caldelá, coma o impresionante canón do Mao, un micromundo singular dentro da unidade ribeirá.

No aspecto etnográfico, achámonos no que poderiamos chamar o "triángulo dos oficios tradicionais" pois, se de Parada saían os barquilleiros e de Nogueira de Ramuín os afiadores, de Sober exportabamos augardenteiros - ou alambiqueiros - por Galicia adiante.

Historicamente sempre estivemos vencellados os dous lados do Sil, pois os grandes mosteiros do lado ourensán ben que aforaron terras do lado soberino, cando o río corría e o surcaban as barcas, que se mantiveron ata que o encoro veu a asulagar as mellores terras a prezos irrisorios para surtir de luz a outros lugares. 

Comezamos a excursión - organizada pola asociación O Colado do Vento - cun paseo dende a fábrica de luz do río Mao ao lugar de Barxacova, por pasarelas de madeira que permiten camiñar polas empinadísimas vertentes do Mao.


Pasarelas no canón do Mao.


Fomos logo ao miradoiro de Cabezoás, cunha panorámica privilexiada do enorme bloque granítico das terras de Bolmente, onde nos dimos conta da rotundidade que realmente ten o canón.
Miradoiro de Cabezoás.


O canón do Sil dende Cabezoás.


Despois dun xantar en Parada visitamos o mosteiro de Santa Cristina, coa igrexa de finais do s. XII e inicios do XIII e o claustro do s. XVI, lugar acaído onde deter o tempo e esquecer os quefaceres cotiáns, ao que pertenceron a vila de Pinol e a igrexa de Bolmente, do noso lado, o que testemuña a unidade histórica dos nosos territorios. Dende alí vimos a ribeira de Bolmente e lembramos cando a mocedá dalí cruzaba o río en Barca para vir ás festas de Cadeiras e a de aquí facía outro tanto para ir xantar ao San Bieito a Parada.





 Achegámonos logo ao miradoiro dos Torgás, visita obrigada para a xente de Sober, onde mirar de fronte o monte de Cadeiras, con toda a ribeira de Santiorxo ao oeste e o mundo de Chanteiro ao leste. Estamos no punto onde comeza o mundo granítico do canón, cara occidente, e onde as formas se suavizan e se abren, cara oriente, por mor da presenza de rochas pizarrosas máis brandas.

Os Torgás.

Xa na tardiña, achegámonos ao pobo de San Lourenzo, por carreteras imposibles, para ir ver a recén descuberta necrópole de San Vítor.






Unha agradable xornada no lugar dos topónimos que enchen a boca: Cristosende, Barxacova, Sacardebois, Purdeus Rabacallos, Lumeares... Nomes que son antídoto contra a desmemoria.


Organizou a visita Javier Vivirido, o noso presidente, coa axuda de Alberto Fraga. As fotos son de José María Lago. Graciñas!